A Etapa Contemporánea (S. XIX)
A obra literaria de Manuel Curros Enríquez
Aires da miña terra

A primeira edición de Aires da miña terra apareceu publicada en Ourense, na imprenta de Antonio Otero, no ano 1880. Naquela edición, o libro constaba de dezasete poemas, que eran os seguintes: "Introducción", "Cántiga", "A primaveira", "O maio", "Ben chegado", "Na morte de miña nai", "Ós mozos", "A igrexa fría", "Saúdo", "Nouturnio", "Mirando ó chau", "As cartas", "Pelegriños, a Roma", "Sola", "Tempro deserto", "Alborada" e "Encomenda".

A partir de entón, o libro de Curros, que de seguida obtivo un éxito clamoroso, incluiría novos poemas nas seguintes edicións, de maneira que non queda concluído ata 1886, cando aparece a terceira e última das que se publicaron en vida do poeta.

Na segunda, que apareceu en Madrid en 1881, editada por La Ilustración Gallega y Asturiana inclúense seis poemas máis: "Cartas perdidas", "Ten a serena o canto", "Crebar as liras", "Diante dunha imaxe de Íñigo de Loyola", "A emigración" e "Na chegada a Ourense da primeira locomotora".

Finalmente, na terceira, dada a coñecer por Martínez Salazar na súa Biblioteca Gallega, na Coruña, en 1886, Curros engádelle aínda outros nove poemas: "O vento", "Tangaraños", "As dúas pragas", "No convento", "Sobre unha foxa", "O Ciprianillo", "A Luciano Puga", "O último fidalgo" e "A palabra".

Se facemos exclusión de tres poemas publicados ata entón en distintos periódicos, é dicir, "A fouce do abó", "A nena na fonte" e a "Muiñeira monorrítmica", que Curros non incluíu en ningunha das tres edicións de Aires da miña terra , este libro recolle toda a producción poética do escritor ourensán ata o momento da súa publicación.

Sabemos que Curros Enríquez preparaba outro libro de versos, o titulado Brétemas ,que nunca se publicou. Aparecía anunciado na primeira edición de Aires da miña terra ,incluso co prezo que ía ter: cinco pesetas fronte ás dúas que valía este último, o cal nos fai pensar que debería ser un volume de maior tamaño que aquel. Sen embargo, Brétemas nunca viu a luz como libro impreso, ignoramos por qué motivo, aínda que Aurelio Ribalta asegura que foi debido a que Curros queimou o manuscrito nun momento de desfalecemento.

De todos os xeitos, ademais de O Divino Sainete ,a segunda obra de Curros escrita en galego e publicada na Coruña en 1888, como xa dixemos, a producción poética do escritor ourensán proseguiu, se ben non acabaría conformando ningún libro novo. Son doce poemas máis, escritos case todos para algún tipo de celebración, ós que hai que engadir oito poemas galantes, compostos para distintas mulleres en festas ou reunións sociais, especialmente cando o poeta vivía na Habana.

Capítulo importante na historia de Aires da miña terra éo relacionado coa denuncia e posterior proceso de Curros como consecuencia do seu enfrontamento coa autoridade eclesiástica.

Como se sabe, pouco despois da aparición do libro, concretamente o 22 de xuño do ano 1880, o bispo de Ourense, Cesáreo Rodrigo, remitía un oficio ó gobernador civil da provincia, Víctor Novoa Limeses, para que este impedira a circulación de Aires da miña terra como consecuencia dos ataques ó dogma e a ridiculización que no libro se facía da relixión católica. O señor bispo citaba expresamente, como obxecto do litixio, dous poemas, "A igrexa fría" e "Mirando ó chau".

Non era a primera fricción entre Curros e a Igrexa local. O poeta, procedente de Madrid, acababa de instalarse na cidade, como xa vimos, onde conseguira un emprego na Delegación da Facenda. Daquela era xa coñecido pola súa ideoloxía republicana, ademais de que non contraera matrimonio relixioso ata pouco antes de trasladarse a vivir a Ourense, amparándose na liberdade de cultos establecida pola Constitución de 1869, que declaraba o matrimonio civil obrigatorio para todos os españois, mentres que deixaba á vontade de cadaquén a súa formalización relixiosa conforme ás crenzas dos contraentes. Curros casara con Modesta Vázquez Rodríguez, natural de Puebla de Sanabria, probablemente en 1871.

Un ano antes da publicación de Aires da miña terra , Curros tivera xa problemas co clero ourensán. En maio de 1879, nunha velada que se celebrou no Teatro Principal en homenaxe ó Padre Feixoo, a compañía de Luis Blanc representou unha loa en verso titulada El Padre Feijoo ,que Curros Enríquez escribira en menos de vintecatro horas por encargo para a ocasión, e houbo xa algunhas protestas, neste caso motivadas polos amores entre un frade, Frei Diego, e unha moza chamada Marta.

A aparición de Aires da miña terra viña precedida, polo tanto, da sona do seu autor, home de reputación pouco grata para o conservadorismo local.

O caso é que unha semana despois do oficio remitido polo bispo ó gobernador denunciando o contido de Aires da miña terra ,o prelado, xa no ámbito da súas competencias como pastor da diócese, fixo pública unha nota en que dicía, entre outras cousas, o seguinte:

Nós, el doctor don Cesáreo Rodrigo, por la gracia de Dios y de la Santa Sede Apostólica, obispo de Orense, Caballero Gran Cruz de la Real Orden Americana de Isabel la Católica, senador del Reino, etc. A todos nuestros diocesanos hacemos saber: que habiéndonos denunciado un libro escrito por M. Curros Enríquez, con el título de Aires da miña terra, que acaba de publicarse en esta ciudad, dispusimos fuese examinado por tres teólogos de notoria ciencia, y resultando que, según dictamen, contiene dicho libro proposiciones heréticas, blasfemias escandalosas y algunas que merecen otra censura: Nos, en virtud de nuestra autoridad ordinaria y de la especial que tenemos delegada de la Santa Sede, reprobamos y condenamos el expresado libro y estrictamente prohibimos su lectura y retención a todos nuestros diocesanos, y les mandamos que si tuvieren ejemplares de ellos los entreguen en nuestra Secretaría de Cámara, o a sus respectivos párrocos o confesores, para que estos los pongan a nuestra disposición.

Pola súa parte, o gobernador civil, despois da iniciativa tomada polo bispo, pasou conta da situación á fiscalía, que emitiu un dictame favorable a Curros e contrario ó seu procesamento. A pesar desta circunstancia, o xuíz, Manuel Mella Montenegro, decretou o procesamento do poeta por un presunto delito relativo á liberdade de cultos. Sen ter en conta os sólidos argumentos da defensa, asumida polo avogado local Paz Nóvoa, amigo de Curros, Mella condenou ó poeta a unha pena de dous anos de cárcere e unha multa de duascentas cincuenta pesetas, é dicir, bastante máis do dobre do que Curros gañaba nun mes como empregado de Facenda.

A situación en Ourense, se cremos os seus biógrafos, especialmente a Celso Emilio Ferreiro, volveuse moi difícil para o poeta, aínda que non lle faltou, sen embargo, o apoio dos amigos e das forzas progresistas da cidade.

Por outra parte, sete meses despois da condena dictada por Mella Montenegro en Ourense, a Audiencia Territorial da Coruña revocou a sentencia anterior e absolveu a Curros Enríquez con todos os pronunciamentos favorables. Polo tratamento que lle deu a prensa galega da época, pódese deducir que o escritor ourensán non estaba desamparado.

No mesmo mes de marzo de 1881, presentouse unha ocasión para que Curros sentise, unha vez máis, a solidariedade dos amigos.

Co motivo da chegada a Ourense da primeira locomotora, feito que Curros celebraría con entusiasmo nun dos poemas incluídos na segunda edición de Aires da miña terra ,organizouse unha festa na cidade, que rematou cun banquete na estación do ferrocarril. Nos dicursos que se pronunciaron ó final, tanto o bispo Cesáreo Rodrigo como o coengo Soldevila, non resistiron a tentación de referirse á Igrexa como motor da civilización e o progreso.

A contestación chegoulles por parte de varios invitados, entre eles o abogado Paz Nóvoa, defensor de Curros. Outro dos oradores, o doutor Henrique Otero, pai de quen logo sería o escritor Ramón Otero Pedrayo, foi máis explícito. El, que tivera xa unha intervención decisiva na Deputación Provincial cando un deputado pretendeu opoñerse a que se lle concedera unha subvención a Curros para publicar precisamente o libro obxecto da controversia, non deixou pasar a ocasión para recordar o que viña de suceder co poeta amigo. Aproveitou o discurso para brindar polo progreso, pola liberdade e "por los tribunales de justicia, que acaban de absolver a un acusado a quien se perseguía como autor de un tomo de versos titulado Aires da miña terra ".

O que sucedeu a continuación cóntao o cronista de La Ilustración Gallega y Asturiana coas seguintes palabras:

A partir de este brindis ya puede decirse que los convidados comenzaron a abandonar el local. Desalojáronlo en primer término el Excelentísmo e Ilustrísimo señor Obispo de la diócesis, la autoridad judicial y otros muchos, consiguiendo hacerse oír a duras penas la voz del señor Buján, que trataba de congregarnos y reunirnos en nombre de una tolerancia y una libertad que, pese a quien pese, han de acabar por asentar definitivamente su imperio sobre la tierra.

A actuación da autoridade eclesiástica en todo o asunto relacionado con Aires da miña terra levou a Curros a adoptar unha actitude anticlerical dun radicalismo que ata entón non se lle coñecía, pois o poeta galego seguía sendo un home de pensamento cristián, aínda que non católico.

Recentemente, no ano 1993, un artigo de Patrocinio Ríos Sánchez publicado no número 118 da revista Grial descubría unha faceta ata entón ignorada da vida de Curros Enríquez: a súa relación co protestantismo. No citado traballo, o autor desenterraba unha nota necrolóxica aparecida na Revista Cristiana , órgano protestante fundado e dirixido polo misioneiro alemán Federico Fliedner en 1880, que con motivo da morte de Curros, despois de valorar os comentarios que se escribiron nos periódicos, dicía:

Nosotros hemos sentido una honda satisfacción al leer estos espontáneos e imparciales juicios de los periódicos. Porque de seguro lo que ignoran estos colegas y muchos quizás de los paisanos y amigos del ilustre Curros Enríquez, son las ideas evangélicas que profesaba éste, adquiridas en sus mocedades y que moldearon su alma en el ambiente de una moral elevada y grande; necesariamente Curros Enríquez había de reprochar las tiranías dogmáticas que abaten el amor entre los humanos, por eso le vimos formar como adalid entre los hombres progresivos y liberales, por eso él mismo sufrió persecuciones y miserias en el suelo patrio, del cual tuvo que emigrar.

Curros Enríquez fue algunos meses obrero evangélico en la Sociedad Bíblica, y aunque separado después por el curso de su vida y sus tareas periodísticas y literarias de la propaganda activa, conservó siempre en el corazón sus amores y sus ansias crecientes por la reforma religiosa del pueblo español.

Este artigo necrolóxico incluía ademais a publicación dun poema de Curros, que o autor dicía que figuraba como autógrafo á fronte dun exemplar do libro titulado Lucila o la lectura de la Biblia de Adolfo Monod, a lectura do cal tiña impresionado ó poeta. O citado poema é unha dedicatoria en verso ó padre Juan Manuel Cañellas, un crego convertido ó protestantismo, a quen lle ofrece aquel libro coas seguintes palabras:

Libro que, aquí entre los dos,
es el que más he apreciado
cuando en la duda lanzado
pregunté: "¿Dónde está Dios?"
Si, pues, de egoísta no peca
el que este libro os dedica,
que lo admitais os suplica
para vuestra
Biblioteca.

Aínda que non existen precisións cronolóxicas respecto desta relación de Curros Enríquez co protestantismo, o certo é que textos onde se evidencia o pensamento cristián do poeta son abundantes na súa obra, o mesmo antes que despois do famoso proceso. Por exemplo, nunha das crónicas de guerra de El Imparcial publicada en 1876, escribía:

A las doce hemos oído misa de campaña. Los batallones de la brigada afecta al Cuartel General, formados en columna, asistían al santo sacrificio con ese recogimiento solemne y esa profunda atención que tanto distingue a nuestros soldados siempre que asisten a un acto religioso.

El altar, improvisado sobre una pequeña mesa colocada a su vez sobre un montón de piedra, ostentaba un crucifijo en el centro y un ramillete de flores silvestres a cada lado; flores sin aroma, que no otras produce la estación en esta tierra, que hasta parece querer negar al Señor aquello que en la Naturaleza hay de más puro y más agradable a sus ojos.

Nese mesmo ano de 1876, nun artigo publicado en El Heraldo Gallego o día 10 de maio falaba do Apocalipsis como dun libro no cal "se ve aparecer magnífico, esplendente, radiante de hermosura y gloria el imperio del alma, el reinado de Dios y el triunfo del perdón".

A esto hai que engadir o poema dedicado á Virxe do Cristal, no que atopamos expresións que en nada son contradictorias cos textos citados, por máis que nese libro aparezan, sobre todo a partir da segunda edición, algúns poemas dun anticlericalismo radical e agresivo, como sucede co titulado "Diante dunha imaxe de Íñigo de Loyola".

O anticlericalismo de Curros é característico do pensamento liberal e republicano da época, para quen o catolicismo era sinónimo da intolerancia do vello réxime, que se viu perpetuado ademais no reinado de Isabel II pola influencia que os sectores máis conservadores exercían sobre a soberana, tantas veces sometida á vontade de Sor Patrocinio, a célebre Pepita Ozores, convertida en monxa milagreira nunha corte na que tamén desempeñaba un papel importante o famoso Padre Claret, confesor da raíña.

Agora ben, este anticlericalismo non é máis que unha parte do pensamento humanista dos revolucionarios de 1868, entre os que hai que situar a Curros, a obra do cal non se entende fóra daquel contexto histórico.

En Aires da miña terra ,como imos ver a continuación, aparecen moi claramente expresados as preocupacións e os problemas políticos e sociais da época.

É o que ocorre, por exemplo, co movemento abolicionista da pena de morte, que foi debatido nas Cortes de 1868 cos argumentos clásicos de evitar un castigo inhumano e irreversible, do cal non se podía excluír a equivocación, ademais da necesidade de darlle unha oportunidade ó delincuente para arrepentirse e rexenerarse. Desa aspiración faise eco Curros Enríquez no poema titulado "Mirando ó chau", en que Deus contempla unha execución e no que se di que a víctima pode ser un imbécil, un tolo ou un inocente, polo cal, "millor que matalo", tal vez sería preferible pechalo na cadea e permitirlle a rexeneración polo sofremento e o traballo.

Outro tanto se pode afirmar do asunto das quintas, que afectaba ás clases populares e que se converteu nunha das bandeiras reivindicativas tanto dos tradicionalistas como dos liberais. O sistema consistía en que era posible librarse do servicio militar pagando unha determinada cantidade de diñeiro, o cal servía para que se librasen os máis ricos, mentres que os pobres, tamén por diñeiro, ás veces substituían a aqueles.

Da impopularidade do sistema en Galicia temos un documento elocuente na novela titulada La Tribuna ,de Emilia Pardo Bazán.

Un rechazo similar estendeuse por toda España adiante, do cal quedaron numerosas manifestacións na literatura popular da época. No libro Anarquismo y sindicalismo en España de Josep Termes, publicado en Barcelona no ano 1962, aparecen varios textos, o mesmo en castelán que en catalán:

Fuera quintas y consumos;
los notarios a hilar;
procuradores al bosque,
abogados a serrar.

Minyons, abaix las quintas;
minyons, fora soldats;
minyons, per'abolirlas
haurem de treballar.

Nese mesmo libro, Termes aporta uns versos de Curros sacados do poema en castelán titulado "¡Tributo de sangre!", nos que a alusión non parece demasiado clara. Está moito máis explícita no poema "O maio" de Aires da miña terra ,no que di:

Cantádame un maio
sin bruxas nin demos;
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.

Non son as únicas alusións ás quintas que aparecen no libro. No poema "Unha boda en Einibó" escribe Curros:

¡Que ben lle di a escarapela
que cusida cun liñol
leva a un lado do chapeio
desque das quintas librou!
¡Traballos que pra esculirse
pasara naquel entón!
¡Meciñeiros que o roubaron!
¡Diñeiro que lle custou!

E no xa citado poema "Mirando ó chau", Deus contempla desde o ceo

médecos das quintas
que dan por encrenques
(mediante catro onzas,
cando non son sete)
mociños que ó cabo
tocan o pendengue
a seus pais perdendo
co aforro que perden.

Polo que respecta á miseria do campo galego, esta aparece frecuentemente aludida nos poemas de Aires da miña terra ,especialmente nos seus problemas máis acuciantes, como eran os foros e os trabucos ou impostos. A situación aparece perfectamente descrita no seguinte texto de Manuel Formoso Lamas publicado na revista Galicia en maio de 1888:

Los labradores de bienes propios, que son los más en nuestra región, y cuya y única exclusiva ocupación es el cultivo de la tierra, tienen que luchar con la sociedad y con la naturaleza a la vez: la quinta les arrebata a sus hijos, la usura el producto de sus afanes, perdiéndose en el vacío su cotidiano trabajo. Cuando apenas acaba de recoger las primicias del cielo, el fisco extiende sobre él su despiadada mano, y el foral le deja sin el necesario alimento, teniendo, no pocos, que comprar o tomar al fiado la cantidad de grano que han de emplear en la siembra para la siguiente cosecha.

Xa vimos como no poema titulado "O maio" se pedía un maio sen foros. No "Nouturnio", o vello protagonista vese obrigado a vender as súas terras para pagar os impostos:

Vendín prós trabucos bacelos e hortas
e vou polo mundo de entón a pedir.

En "Mirando ó chau" faise unha descrición xeneralizada da miseria dos labregos de Galicia, que se alimentan de patacas con leite, fozan como as toupeiras nunha terra que non é deles e todo ese traballo, ó cabo de doce meses, acaba sendo

metá pró dominio
metá prós lebreles
do fisco e da curia.

Naturalmente, esta miseria buscou alivio en parte na emigración. Foi entón cando miles de galegos marcharon en busca de mellor fortuna a América, especialmente a Cuba e Arxentina. Curros ocupouse deste asunto en varios poemas, nun dos cales, titulado precisamente "A emigración", dá explicacións das causas que levaban ós galegos a emigraren: sen rego o milleiral, sen herba o gando, sen traballo e sen cartos porque "é pouco canto gana prás arcas do señor e prás do rei".

Na "Cántiga", un dos poemas do libro en que resulta máis visible o herdo romántico, Curros introduce tamén o tema da emigración, desta vez como motivo de separación entre os amantes:

Lonxe dela, de pe sobre a popa
dun aleve negreiro vapor,
emigrado, camiño de América,
vai o pobre, infelís amador.

Non son as únicas alusións que aparecen en Aires da miña terra. No poema titulado "As dúas pragas", en que culpa dos males da aldea á administración e á igrexa, di Curros que dentro da testa de cada home aniña "un pensamento de próusima fuxida". O mesmo ocorre en "O gueiteiro", no cal se afirma que o vento do roncón funga polo canuto queixas da "gallega emigración".

Dentro desta poética realista, en que Curros se fai eco da situación social da Galicia do seu tempo, non podían faltar apuntes á movida historia política da época, tendo en conta a ideoloxía do poeta.

O seu republicanismo aparece indirectamente mencionado na introducción a Aires da miña terra ,onde se cita a Afonso X como o "úneco rei sabio que no solio de España tivo asento". Dunha maneira máis explícita, sen embargo, no poema "Sobre unha foxa", escrito con motivo da morte do rei Afonso XII en 1885, fala da Restauración de 1874, cando o xeneral Martínez Campos trae de novo a monarquía co pronunciamento de Sagunto e di:

¡Ou morrer, ou caír! Sempre un cadavre
          tiña que ser o fruto
do xermen que deixou Martínez Campos
          no ovario de Sagunto.

Trátase dun poema arrebatado, máis próximo ó que podía ser un panfleto político republicano que a un texto literario. Nel fala dos "lampantíns da Monarquía", a quen acusa de buscaren a resurrección do sistema, pero ós que advirte duramente:

Pensaino ben. As leis municipales
          i os tratados de Hixiene
mandan dar terra decontado ós mortos.
          ¡I o voso morto fede!

Noutros poemas, as referencias a personaxes contemporáneos é frecuente.

Por eles desfilan políticos monárquicos como Segismundo Moret ou Sagasta, o último dos cales, segundo conta Curros, se un está disposto a facerlle unha cortesía á nova Rexencia de dona María Cristina, nai do recén falecido Afonso XII, pode conseguir o que queira, "dende unha embaixada a unha alcaldía".

O xeneral Pavía, autor do golpe de forza que puxo fin á Primeira República, tampouco se libra do sarcasmo de Curros, que o cita no mencionado poema dedicado á morte do rei.

Non son, sen embargo, os políticos os únicos que reciben a censura de Curros, senón tamén escritores oficialistas, como López Bago ou Antonio Fernández Grilo, un coñecido poeta e recitador que foi moi protexido por Isabel II e Afonso XII. Cando a morte do monarca, di Curros:

Eu, anque nunca fun seu cortesano,
        o que é sentilo, síntoo,
i a chorar non me poño porque deso
        xa ten encargo o Grilo.

A parte do republicanismo de Curros, hai na ideoloxía do poeta galego un compoñente claramente rexionalista, que en boa parte procede do seu federalismo e que se foi acentuando conforme o fracaso deste último se fixo cada vez máis evidente. A iso contribuíron a falta de base social do proxecto de Pi i Margall, como el mesmo recoñeceu, a estabilidade política conseguida polos partidos maioritarios despois do pacto de El Pardo, que consagrou o chamado turno pacífico no goberno entre conservadores e liberais, e a irrupción na vida política española dos partidos obreiros, que herdaron todo o misticismo revolucionario da Primeira República.

Xa dixemos que a relación directa de Curros Enríquez co rexionalismo galego arrinca da súa amizade con Lamas Carvajal e da súa participación nas actividades dos círculos rexionalistas de Madrid, especialmente a través do grupo de Vesteiro Torres. Esta relación acrecentouse despois do triunfo do poeta no certame de 1877, que como xa apuntamos antes, determinou a Curros como poeta galego. Naturalmente, o interese de Curros Enríquez polo rexionalismo é anterior a este feito e debe ter relación, como xa temos sinalado, coa súa ideoloxía republicana e federal. Aínda antes da celebración do citado certame, xa no ano 1876, Curros tíñase ocupado no poema "Muiñeira monorrítmica" dun problema que irritaba profundamente a opinión pública galega: as sucesivas prórrogas que o goberno lle concedía á empresa encargada da construcción do ferrocarril de Galicia.

Por outra parte, no poema "A Virxe do Cristal", premiado precisamente no citado certame, Curros traza un cadro desolador da Galicia rural, en que aparecen o absentismo dos señores e a pobreza dos campesiños, ademais do problema das rendas e os foros.

En Aires da miña terra son frecuentes as mencións a escritores galegos, o mesmo do pasado, como é o caso de Afonso X, que contemporáneos. A primeira das mencións é para Alberto Camino (1820-1861), de quen cita o poema "Nai chorosa" en "O gueiteiro", que por certo leva á fronte, como lema, uns versos de Rosalía de Castro:

Sempre pola vila entraba
con aquél de señorío.

En "O Ciprianillo" cóntanos Curros as desgracias de Xan de Deza, un labrego traballador, que despois de chegar a ter "unha terra regantía, carro e gando", casa e hortas, acabou ensumido na pobreza. A culpa foi, ademais do fisco e do goberno, da loucura que lle meteu na cabeza ó tal Xan de Deza a lectura do "Ciprianillo", o libro que daba receitas para atopar tesouros. Para remediar eses males, Curros bríndalle un consello:

Olla, Xan: Pra esas tristuras
que te afogan, pra eses doores,
             hai recetas.
Dos magos deixa as leuturas,
lee ós gallegos escritores
             e poetas.

Non máis soñes, bon labrego,
non máis soñes montes de ouro
             nin moreas.
Teu millor libro é o gallego,
teu gran tesouro, o tesouro
             das ideas.

Cando consultes Murguía,
Paz, Pondal, Añón e Lamas,
             e no bico
as canciós de Rosalía
teñas sempre, que tanto amas,
             ¡serás rico!

Para entón, Curros Enríquez estaba xa máis próximo ó rexionalismo que a calquera outro credo político, incluído o republicano federal.

Naturalmente, a poesía de Aires da miña terra non se esgota nesta vea de tipo político, con ser esta a tónica dominante no libro. Hai algúns poemas que fan recordar a filiación romántica inicial de Curros, á cal aludimos xa cando falamos do poema en castelán titulado El Maestre de Santiago , e que se expresa plenamente nas composicións máis directamente relacionadas coa súa intimidade familar, como son as que dedica á morte da súa nai, "Na morte da miña nai", a elexía titulada "¡Ai!", inspirada pola morte do seu fillo Leopoldo ou o poema "Ben chegado", escrito con motivo do nacemento do seu primeiro fillo.

IMAXES