A Etapa Contemporánea (S. XIX)
A obra literaria de Manuel Curros Enríquez
Aires da miña terra e a crítica

Dos poetas galegos do século XIX Curros foi probablemente o máis popular de todos, por riba incluso de Rosalía de Castro e Lamas Carvajal, que gozaron tamén en vida da consideración que o pobo lles outorgaba, aínda sen coñecer a súa obra, como representantes do mundo da creación artística e literaria.

Un dos feitos determinantes que fixeron de Curros un dos poetas galegos máis coñecidos do seu tempo foi o seu triunfo no certame poético de Ourense, un acontecemento cultural do que se ocupou amplamente a prensa da época. Por outra parte, a ese éxito contribuíu a propia temática imposta ós concursantes, que era de tipo popular e que no caso de Curros, ademais, tivo que ver cunha lenda moi coñecida, a da imaxe da Virxe do Cristal, venerada na comarca de Celanova e en toda a provincia de Ourense.

É probable que Curros elaborase este poema a partir dun poema anónimo anterior e que posteriormente se acabasen fundindo ambas as versións. O caso é que, polo menos na provincia de Ourense, a lenda poética de Curros circulaba entre os campesiños, moitos dos cales a recitaban de memoria, mesturada ás veces con versos de orixe popular.

Un factor que sen dúbida contribuíu a incrementar a sona do poeta foi o escándalo do proceso, cando o bispo de Ourense fixo pública a condena de Aires da miña terra. Este feito, que obtivo unha enorme resonancia na prensa da época, converteu a Curros nun heroe para uns e nun renegado para outros, o cal serviu a unha maior difusión da súa obra.

Poemas como "Mirando ó chau", que foi un dos incluídos polo bispo de Ourense no grupo dos que non se axustaban ás normas do dogma, pasaron a ser obxecto de entusiasmo e de culto por parte de moitos lectores, incluso entre as xentes do campo. Os versos que din "se este é o mundo que eu fixen, que o demo me leve" acabaron sendo como unha especie de frase ou dito e, co paso do tempo, moitas veces, as persoas que o empregaban non tiñan noticias sobre a súa procedencia.

Naturalmente, tanto a temática popular dos poemas galardoados no certame de Ourense como a sona conseguida coa denuncia e o proceso posterior explican en parte a acollida que tivo a obra de Curros entre o público, pero non son a única explicación.

Hai anos, nun traballo dedicado a estudiar o estilo do poeta ourensán desde unha perspectiva retórica moderna, tratamos de demostrar que se trataba dun estilo escasamente marcado, é dicir, sen demasiados adornos, como se estes non fosen máis que medios, xeralmente moi simples, postos ó servicio dunha mensaxe ideolóxica.

Así, por exemplo, descubriamos que a adxectivación, un recurso poético tan importante, era manexado por Curros dentro do que chamabamos "normalidade", un termo co cal queriamos significar que os adxectivos empregados polo poeta non parecían diferentes dos que se utilizaban na linguaxe coloquial.

A noite era a "negra noite" ou a "triste noite escura" ou a "escura noite", é dicir, adxectivos que pertencen ás cualidades intrínsecas do substantivo e que polo tanto non chaman a atención do lector, ó revés do que sucede coa famosa "noite verde" de Rimbaud, para citar só un exemplo moi revelador de todo o contrario.

E se do campo da noite pasamos ó dos adxectivos que se refiren á brancura, atopámonos co mesmo. Curros fala das "brancas pombiñas", do "branco luar", da "branca luz" e das "brancas guedellas".

O recurso é tan abundante e reiterado que non será necesario insistir nel. O que pretendemos dicir é que na poética de Curros ese trazo de estilo o converte nun autor sinxelo, aberto a ser comprendido por todos. A isto hai que engadir, ademais, outro feito de natureza semellante ós que acabamos de citar e que consiste en utilizar comparacións en que o segundo termo procede do ámbito da vida rural. Os nenos do poema "Tangaraños", por exemplo, antes de estaren enfermos naceran sans "cal repolos en horto pechado"; a imaxe da Virxe do Cristal é unha pedra "com'on ovo de galiña" e Martiño, o protagonista da lenda, está seco de celos "como unhas pallas".

Se aceptamos que as obras literarias se poden mover entre a orixinalidade e a trivialidade, para utilizar unha terminoloxía ben querida por Roland Barthes, está claro que Curros non é un poeta orixinal, polo menos no sentido barthiano, aínda que non se podería dicir del que a súa obra medre nos campos da trivialidade. Curros é simplemente un poeta popular.

Non deixa de resultar curioso que un poeta destas características espertase o interese de Juan Ramón Jiménez, un escritor de gustos literarios tan exquisitos. O certo é que o poeta andaluz coñecía a obra de Curros e que incluso fixo a traducción ó castelán dalgúns dos seus poemas. Por outra parte, como é ben sabido, Juan Ramón cítao en Platero y yo:

Cantaba un pájaro en el solitario umbral, y yo me acordé de Curros, padre más que poeta, que cuando se quedó sin su niño, le preguntaba por él a la mariposa gallega: Volvoreta de aliñas douradas.

Analizando este breve fragmento do libro de Juan Ramón Jiménez tense dito que a expresión "padre más que poeta" incluiría un xuízo de valor, naturalmente de tipo negativo, sobre Curros, considerado polo autor de Platero y yo máis pai que auténtico poeta. En realidade, non parece así. En primeiro lugar contrastaría o interese de Juan Ramón por unha obra poética que fixo o esforzo de traducir e que, tal como se advirte na pasaxe citada, coñecía moi ben. Por outra parte, a expresión mencionada, polo contexto en que aparece, máis ben debe indicar que, nese preciso instante, o que se pretende suxerir é que prevalece o recordo do pai sobre o recordo do poeta.

Polo que respecta á crítica galega do seu tempo, o libro de Curros foi acollido en xeral con entusiasmo, aínda que os artigos de prensa que lle dedicaron escritores e periodistas non pasaron de ser, na maior parte dos casos, recensións retóricas sen máis.

O día 18 de xullo do ano 1880, pouco despois da aparición de Aires da miña terra ,Alfredo Vicenti, periodista compostelán, correIixionario de Curros na idea federal e daquela recén instalado en Madrid, publicaba en La Ilustración Gallega y Asturiana unha recensión do libro en que dicía:

Aires da miña terra es la mejor colección gallega, la más genuina, la más hondamente provincial que de algunos años acá se ha publicado en Galicia. Saludamos, pues, con tanto cariño como respeto al Sr. Curros, reconociéndole digno y capaz de realizar el hermoso sueño, magistralmente revelado en la última página de su libro. Y porque no se nos oculta el sinnúmero de dolores y amarguras que en todo tiempo le han abrumado, porque sabemos cuanto se halla herido en su noble corazón, víctima de las injusticias y crueldades de la adversa fortuna, lejos de echarle en cara la acritud, el descreimiento y la cólera que en algunas partes de su obra ha vertido, solamente le diremos, repitiendo una frase del insigne autor de la Vida de Jesús: ¡Oh, leal y dolorido incrédulo, eres bien digno de un glorioso desengaño!

En febreiro do ano 1881, uns meses máis tarde desa nota escrita por Alfredo Vicenti, apareceu outra máis publicada por Manuel Barros no periódico "La Nación Española" de Bos Aires. O autor desta reseña, galego de nacemento, incorre no mesmo ton eloxioso dos seus colegas, neste caso arrastrado por un entusiasmo que o leva a cualificar a Curros de xenio. Na análise que lle dedica a case todos os poemas do libro non aforra adxectivos ditirámbicos, que o levan a dicir, por exemplo, que o poema titulado "A igrexa fría" é unha xoia do xénero descritivo e que non recorda ningunha outra que se poida comparar ó que el cualifica como "breve y magistral pintura del abandono monástico de la Edad Media que todavía se mantiene enhiesto sobre la ancha colina".

Máis alá de calquera xuízo literario, o que se percibe na recensión de Manuel Barros é a sintonía ideolóxica entre o crítico e o poeta, de quen di o seguinte:

Como quiera que sea, ora arrastre la cadena del forzado, ora aspire el aura de la libertad, él, que tanto la ama, Galicia puede estar orgullosa de su poeta, del único que que ha sabido arrancar notas enérgicas a la melancólica arpa céltica. Sí; Curros Enríquez es el poeta cuyos versos, a la manera del pean griego, excitarán el ardor del pueblo galaico, que los entonará, lleno de entusiasmo, al lanzarse a los combates del porvenir. No se desaliente el perseguido poeta; su lira no está destinada, como él parece temer, a quedar

N'a noite d'o olvido xemindo sin groria.

Los tiempos se acercan; el mundo viejo se desmorona, surgen nuevos ideales, y los pueblos necesitan quien les guíe hacia el mundo nuevo que comienza a destacarse vigorosamente sobre las hórridas tinieblas del pasado. Cárceles, excomuniones... todo será impotente para arrancar las alas al genio y detener la marcha arrolladora del progreso.

Menos entusiasmo espertou Aires da miña terra en Leopoldo Pedreira, coñecido polemista inimigo dos rexionalistas, que no seu libro El Regionalismo en Galicia ,publicado en Madrid en 1894, escribiu:

Es un conjunto inexplicable de fe y de impiedad, de ternura y misantropía, de inspiración y error, de revelación y monstruosidad, de belleza y ridiculez.

Aínda así, a pesar da escasa simpatía que sentía polos rexionalistas e das diferencias ideolóxicas que o separaban de Curros, o xuízo final de Pedreira sobre o poeta resulta bastante positivo, pois recoñece que o escritor de Celanova

es el poeta gallego más popular y conocido dentro y fuera de la región. Grandes son sus caídas, sus errores y sus descuidos; pero en medio de ellos, a pesar de ellos y sobre ellos, brilla la luz del talento del artista, ungido por la opinión con el legítimo título de poeta, porque Curros es de los elegidos de las musas que piensan alto, sienten hondo y hablan claro.

Do mesmo ano que o libro de Leopoldo Pedreira é a Literatura española del siglo XIX do P. Blanco García, que lle dedica un capítulo á literatura galega, no cal se ocupa tamén do libro de Manuel Curros Enríquez. Unha vez máis non falta, como nos casos anteriores, unha valoración ideolóxica do contido de Aires da miña terra ,nesta ocasión acentuada quizais pola condición eclesiástica do crítico:

Descarríos de otra índole han impedido al autor de Aires da miña terra gozar aquella reputación indiscutible que su genio bastaba a conquistarle, y le han proporcionado, en cambio, la temperatura que nace de las polémicas apasionadas y de los fallos contradictorios en que, sobreponiéndose el espíritu de bandería a la apreciación inteligente y serena, se prescinde del arte para atender a intereses divorciados de él, cuando no le son abiertamente hostiles. Bien sé que la poesía puede convertirse en arma de defensa y mezclarse en el fragor de los combates (..)

Por lo que hace a las composiciones satíricas de Curros Enríquez nadie, ni aun los que defendieron las tres de la primera edición denunciadas como impías, nadie, digo, podría redimir de esa nota las impurezas del soneto "Diante dunha imaxe de Íñigo de Loyola" y de "No convento", añadidas con posterioridad. Triste, muy triste es que figuren semejantes horrores en un libro que tanto ganaría si desapareciesen de él, pues no sólo le perjudican, haciéndolo repulsivo para todo creyente al herir las fibras delicadas del sentimiento religioso, sino porque anublan como crespón de sombra los místicos fulgores de la creación más bella que ha ideado la musa del vate gallego.

En xeral, esta foi a tónica dominante das reseñas que se publicaron co motivo da publicación de Aires da miña terra ,un libro que foi recibido co entusiasmo dos adictos e coas reservas e as censuras dos que non o eran tanto, incluída Emilia Pardo Bazán, a quen Curros, por certo, como vinganza, lle chamaría "literata fea" nos versos introductorios de O divino sainete.

Foi necesario que pasasen moitos anos para que a crítica empezase a achegarse á poesía de Manuel Curros Enríquez con criterios máis obxectivos e con maior rigor na análise da súa obra literaria. A primeira ocasión presentouse con motivo do centenario do nacemento do poeta, no ano 1951, cando o Centro Galego de Bos Aires convocou un concurso de traballos dedicados a estudiar a vida e a obra do escritor de Celanova. Desa data proceden Vida y obra de Manuel Curros Enríquez de Alberto Vilanova Rodríguez, publicado polo propio Centro en 1953; Manuel Curros Enríquez. Súa vida e súa obra. Ensaio bio-bibliográfico ,de Luis Carré Alvarellos, dado a coñecer pola mesma entidade en Bos Aires en 1953; Manuel Curros Enríquez. Biografía ,de Augusto González-Besada e Félix Melendo Abad, aparecido en Madrid no mesmo ano 1953; e finalmente Curros Enríquez. Biografía ,de Celso Emilio Ferreiro, que se imprentou na Coruña en 1954.

O concurso convocado polo Centro Galego de Bos Aires converteu a Curros no escritor galego máis amplamente biografiado, por riba de Rosalía de Castro e de Eduardo Pondal.

Desde entón os estudios dedicados ó poeta fóronse multiplicando e entraron plenamente no ámbito do rigor académico.

No ano 1951, Xesús Alonso Montero publicou no número 3 da Colección Grial un traballo sobre a lingua de Curros, que sería máis tarde o tema da súa tese de doutoramento, aínda inédita.

Tamén José Luis Varela consagraría unha parte da súa tese, dada a coñecer por Gredos en Madrid no ano 1958 co título de Poesía y restauración cultural de Galicia ,a estudiar, desde unha perspectiva polémica coas teses defendidas polo galeguismo, a significación de Curros no panorama literario e cultural do século XIX.

Francisco Rodríguez Sánchez.

O primeiro estudio global sobre a vida e a obra de Curros, escrito desde unha perspectiva histórico-crítica rigorosa foi o capítulo que Ricardo Carballo Calero lle dedicou na súa Historia da literatura galega contemporánea ,publicada en Vigo pola editorial Galaxia no ano 1963.

Finalmente, Francisco Rodríguez , no seu libro titulado A evolución ideolóxica de Manuel Curros Enríquez ,dado á imprenta tamén por Galaxia no ano 1973, ofreceu unha interpretación fundamentalmente ideolóxica da obra do poeta, que Rodríguez estudiou á luz do republicanismo federal do escritor, pero tendo en conta tamén a súa vinculación co rexionalismo de Brañas.

IMAXES