A Etapa Contemporánea (S. XIX)
A poesía e o teatro interseculares
Antonio Noriega Varela

Síntese bio-bibliográfica

Antonio Noriega Varela (1869-1947) naceu nunha pequena cidade moi tradicional, Mondoñedo, e criouse ao lado da Catedral e do Seminario, baixo a protección dun tío sacerdote moi devoto. Ingresou no Seminario e completou nel os estudios eclesiásticos, aínda que non puido recibir as ordes relixiosas, como era o seu desexo, por ser fillo de nai solteira. Todas estas circunstancias marcaron a súa traxectoria ideolóxica dentro do catolicismo de signo tradicionalista.

Retrato de Noriega Varela, realizado en 1910.

Xa se deu a coñecer como poeta nos seus anos de seminarista, sendo moi popular entre profesores e compañeiros polas semblanzas que facía deles e polas sátiras, ocorrencias e falcatruadas que se lle atribuían e que lle deron sona en toda a comarca. Mais esa vea satírica habíalle crear problemas no Seminario e, máis tarde, fóra del. Nos anos de estudiante introduciuse na lectura dos poetas que tiña á súa disposición e adquiriu unha formación clásica que se vai reflectir na súa obra e no gosto polo latín.

O seu corpo forte e baril, xunto cun carácter optimista e xovial, que denotaban unha vitalidade berante, levárono a percorrer desde novo as aldeas das montañas dos arredores de Mondoñedo na procura de esmorgas, festas e fiadas en que troulear coas mozas carpazonas. Esa vitalidade seducida polos praceres da vida imporase sobre os principios moralistas e tradicionalistas que teoricamente sempre defenderá, depurando mesmo a súa poesía de calquera atisbo de erotismo ou sensualismo. Por estes anos mozos a súa sona de poeta íase estendendo por toda a bisbarra e o seu nome aparecía na prensa local, primeiro con algún poema de circunstancias en castelán, e despois xa definitivamente en galego con poemas de carácter costumista e descritivo, próximos aos doutro poeta mindoniense máis vello, Leiras Pulpeiro. Entre estes dous poetas e amigos produciuse unha repartición de campos poéticos: Leiras cantou a Mariña e Noriega a Montaña.

Antes de finalizar o século XIX saíron do prelo dúas composicións extensas, De ruada e Leite fresco ,nas que achamos algunhas das mellores pasaxes da nosa poesía costumista decimonónica. Co paso dos anos o poeta irá desprendéndose deste tipo de composicións e optando por unha vía máis intimista e depurada; inclusive excluirá Leite fresco da recompilación da súa obra por considerala demasiado frívola e atrevida.

Farase co título de mestre e exercerá esta profesión durante 40 anos, alternando nos seus diferentes destinos o mar coa montaña. Non obstante, a súa musa poética será sempre fiel a esta última. O labor docente e a peregrinaxe pola xeografía galega van ter incidencia no seu tra balo co m o escritor. Dos nenos recollerá palabras e expresións coas que enriquecer a súa lingua poética e coas que irá acumulando todo un conxunto 

Estando no seu primeiro destino en Foz publicou as dúas edicións de Montañesas ,libro de poemas en galego, a segunda moi aumentada. Nesta obra, en que incluíu os dous poemas extensos publicados anteriormente, Noriega confírmase como poeta da montaña na liña do costumismo decimonónico; predominan os poemas descritivos que nos contan os traballos diarios, os costumes e as festas dos labregos, poemas que o colocan á altura dos grandes mestres do XIX neste tipo de poesía. Na segunda edición do libro —de 1910, sendo a primeira de 1904— xa aparecen varios poemas que apuntan nunha dirección máis intimista e menos descritiva, que se encamiña cara ao lirismo da natureza característico do seu seguinte libro.

A etapa de Foz (1901-1911), onde o poeta gozou dunha situación privilexiada como mestre na cobizada escola de Fondós, forneceulle a compañía e a amizade de destacadas personalidades da cultura —Antón Vilar Ponte sobre todo—, que lle axudaron a completar a súa formación intelectual e a desenvolver a súa vea satírico-humorística, xa de sempre aguda, que acabará por lle causar graves problemas con algunha personaxe política. Casado e con fillos, será obxecto dun expediente que o trasladará dun extremo ao outro de Galiza, a Calvos de Randín, na mesma fronteira con Portugal. Este acontecemento vai influír na súa vida e no seu carácter, facéndose máis reservón e desconfiado, e adoptando unha posición de aparente humildade, con modais de ignorante labrego, que no fondo escondían un grande orgullo e non pouca intelixencia.

O desprazamento a terras ourensás será decisivo na súa traxectoria poética. Despois de case tres anos de desterro nas inhóspitas e severísimas terras de Calvos de Randín (1911-1913), consegue praza na escola de Trasalba, ao lado do pazo de D. Ramón Otero Pedrayo e próximo á cidade de Ourense, onde entra en contacto cos galeguistas da xeración Nós e tamén se relaciona con Basilio Álvarez, líder agrarista. Resultado destas novas amizades foron algúns poemas de carácter anticaciquil, rebelde e patriótico, feitos seguramente por compromiso, mais que non casan coa súa ideoloxía conservadora e tradicionalista; proba disto foi que os expurgou definitivamente da súa obra e nunca máis volvería a tocar esa corda poética, que evidentemente non era a súa.

A etapa ourensá (1911-1926) tróuxolle tamén o contacto e a amizade cos escritores portugueses, feito que vai ter unha influencia decisiva na súa poesía. Desprenderase das ataduras que o unían ao costumismo descritivo do XIX, proceso xa iniciado nalgúns poemas da segunda edición de Montañesas ,e, seguindo a estela dos poetas portugueses, vai emprender unha depuración estilística que o levirá ao puro lirismo da natureza, que se manifesta nos poemas da primeira edición de Do Ermo ,de 1920, mais que achará plena confirmación e unánime recoñecemento nos sonetos, o máis logrado da súa produción poética, compostos na década dos vinte e incluídos na terceira edición de Do Ermo ,despois de fracasar o proxecto de publicalos nun novo libro.

Castelao debuxou para Noriega a capa do libro  D´o Ermo.

Deixará Trasalba en 1926 para se reencontrar coas montañas da xuventude na Graña de Vilarente (Abadín, Lugo), casado por segunda vez despois do falecemento da súa primeira muller a pouco de chegar a Trasalba e cunha morea de fillos que manter. Alí terá a compañía do poeta Aquilino Iglesia Alvariño, aínda seminarista, e o maxisterio do pobo, do que tirará Como falan os brañegos , recompilación de ditos, expresións, refráns e cantares populares daquela zona da montaña. Mais o rigor dos invernos obrigou o poeta da montaña a pedir refuxio na mariña e, así, foi pasar a derradeira etapa da súa vida a Chavín e Viveiro (1931-1947), na costa lucense, onde viviu a convulsiva década dos anos trinta e coñeceu a xubilación de mestre, recen comezada a dura época da posguerra.

Só acontecementos de carácter político o afastarán da liña poética elixida en Do Ermo ; durante a II República e a guerra civil, vendo en perigo os seus ideais católicos de signo tradicionalista, botará man de novo da súa musa satírica e burlona e fará unha serie de composicións de carácter político en contra da República, dos seus máis cualificados representantes e das ideas progresistas; e a favor, máis tarde, dos militares sublevados e da Falanxe. Un obxectivo fundamental destas sátiras será tamén o movemento galeguista e nacionalista , co que nunca se sentiu identificado.

A obra poética

En contra da imaxe tópica de Noriega como poeta monocorde, cantor do ermo e dos seres humildes que o habitan, existen outras facetas da súa personalidade que o converten nun escritor con certa variedade na súa produción literaria ao longo das sucesivas etapas polas que foi discorrendo a súa traxectoria humana e artística. O propio "poeta da montaña" contribuíu a difundir esa imaxe ao ir depurando a súa obra daquelas composicións que máis se afastaban da liña intimista e franciscana por el escollida como representativa da totalidade da súa produción. Mais son moitas as composicións que ficaron fóra da edición definitiva da súa obra, a maioría nunca recollidas en libro polo autor, que nos mostran outros aspectos da súa poesía xeralmente ignorados ou esquecidos.

Antonio Noriega Varela.

Dúas son as principais facetas de escritor que paralelamente cultivou ao longo da súa vida: a de creación poética, a máis importante e transcendente, e a de recolección de literatura e ditos populares, verdadeira obsesión ao longo da súa existencia. Da primeira fican dúas obras, Montañesas e Do Ermo , e unha serie de composicións expurgadas ou non recompiladas polo autor, algunhas en español, que amplían considerabelmente o volume da súa produción poética. Da segunda faceta naceron dúas obras impresas en libro, A Virxen y-a paisanaxe (100 cantigas populares) e Como falan os brañegos , así como diferentes coleccións de cantares, adiviñanzas, refráns e ditos populares espalladas por varias publicacións ou mesmo inéditas. Aínda se pode sinalar unha terceira faceta, a de prosista, esta de moita menor importancia, da que só posuímos un breve relato e un discurso.

Como poeta, verdadeira vocación do autor, dotado para ela de cualidades innatas, non pode ficar reducido a dous aspectos, costumismo e lirismo da natureza ,como xeralmente recolle a crítica. Aínda que estas dúas liñas poéticas son moi importantes por seren as máis representativas de Montañesas e Do Ermo respectivamente, existen outras no conxunto da súa produción que nos mostran un poeta de variada inspiración artística, non lonxe de figuras centrais do noso Rexurdimento , como Rosalía e Curros , ou dun poeta da súa mesma xeración, como Ramón Cabanillas . O feito de que Noriega apareza constantemente como poeta de moi limitada variación temática é debido ao deseoñecemento xeral dunha parte importante da súa obra, aquela non publicada en libro polo propio autor, á depuración que o mesmo realizou nas sucesivas edicións dos seus libros, deixando fóra as composicións eróticas e anticaciquís, e á imaxe sobredimensionada e tópica, que el mesmo foi creando e a crítica consagrou, de poeta da montaña, cantor do ermo ou poeta franciscano. Tendo en conta non só os dous libros de versos publicados, senón tamén os poemas expurgados e os non recollidos en libro polo autor, tamén se poden sinalar estoutras direccións na poesía de Noriega Varela:

  • lirismo persoal : algúns acontecementos especialmente dolorosos na súa accidentada vida, como a morte de seres queridos ou o desterro que padeceu, deron orixe a sentidos poemas cheos de dor humana, como pon de manifesto o soneto "Fillo do corazón...", composto á morte do seu primoxénito. Tamén a morte da nai lle inspirou sentidos versos que deron lugar a tres composicións sobre este mesmo tema: "Ría o pecado...", "Santiña" e "¿Que dirán?" O desterro a Calvos de Randín, asunto sobre o que o poeta gostaba pouco de falar, motivou a composición "Pra excusar ben traballos... Íntima".
  • poesía de inspiración social : son varias as composicións que manifestan inquietudes de carácter social, podendo distinguir entre elas dous grupos claramente diferenciados:
     
    1. composicións que mostran a dor e o sufrimento dos humildes, nunha actitude de simpatía e solidariedade con eles, en liña con algúns poemas de Rosalía ou do mesmo Curros, mais sen chegaren á denuncia comprometida —o poema "Inverno" ou "Nus farrapos...", por exemplo—. 
    2. poesía social-combativa, de carácter anticaciquil e agrarista , na liña de Ramón Cabanillas, que corresponde maioritariamente ao período de permanencia do poeta en terras ourensás despois do seu desterro de Foz. É esta unha vea momentánea do autor, talvez debida ao contacto e amizade con personalidades do movemento agrarista e galeguista, da que máis tarde vai renegar, expurgando estas composicións da súa obra. Pertencen a este grupo, ademais de "No enterro de Curros", composta con motivo da morte deste poeta, "Do tempo dos caciques" e "Prós mozos"; tamén se poden achar nestes poemas algúns versos en que a exaltación da loita agrarista se mestura coa reivindicación patriótica.
       
  • composicións humorísticas : a vea satírica de Noriega fíxose famosa nas diferentes localidades por onde andou exercendo a súa profesión de mestre, dando orixe a numerosas anécdotas. Ao longo da súa traxectoria literaria foinos deixando varios poemas que mostran unha grande facilidade e enxeño para este tipo de composición epigramática; dentro deste grupo están tamén as que foron publicadas en Vallibria , de Mondoñedo, na última etapa da súa vida, unha vez cumprida xa a idade de xubilación.
  • sátira político-humorística da época da República : comprende os "Xuícios do Ano" publicados no período de 1931 a 1936, os cinco primeiros en O Gaiteiro de Lugo e o de 1936 en Vallibria , onde o poeta se posiciona claramente en contra da República e das forzas políticas progresistas, defendendo a súa ideoloxía tradicionalista e criticando os novos costumes; os líderes políticos da esquerda, principalmente Azaña, van ser obxecto das súas sátiras, así como o movemento galeguista.
  • poesía política a favor das forzas sublevadas contra a República: comprende o poema "A Sanjurjo no Estoril", escrito en galego e enviado en 1934 en apoio e gabanza deste militar golpista, e varias composicións en español escritas durante a guerra.
  • poesía de circunstancias : son varias as composicións, nomeadamente de entre as non recompiladas polo autor, aínda que non só, que merecen tal cualificación, pois son debidas a compromisos do poeta contraídos en homenaxes públicas ("Prós da Paula"), como pregoeiro nas festas populares ("A Vilanova"), no recibimento dun novo bispo ("De adventu gratulatio"), etc.

Das dúas obras poéticas de Noriega Varela, Montañesas representa o realismo costumista decimónico, con poemas onde louva as tradicións populares, como "Fale meu bisavó", e composicións longas de carácter narrativo-descritivo, como "Leite fresco" ou "De ruada". Do Ermo ,a súa obra principal, representa unha liña poética máis depurada, lírica e persoal. Entre os seus núcleos temáticos o predominante é a natureza humilde, contemplada con ternura polo autor, nunha actitude propia do franciscanismo poético ("As froliñas dos toxos", "Toda humilde belleza..."); a louvanza da montaña como verdadeiro locos amoenus onde a alma do poeta busca refuxio, na liña do Beatus ille horaciano, constitúe outro tema destacado, con frecuencia mesturado co anterior ("A miña terra"); os poemas descritivos da vida aldeá que incorporou a Do Ermo ,algúns procedentes de Montañesas ,teñen unha característica común case todos, a relixiosidade dos brañegos, presente tamén noutros poemas intimistas, e que constitúe un dos temas importantes da obra, onde tamén están presentes algúns dos grandes temas da literatura universal, como o contemptus mundi ou desprezo da gloria mundana, asociado ao amor polas cousas humildes, e en parte consecuencia del, relacionado tamén co menosprezo da vida urbana e a gabauza da vida retirada, que desemboca nunha clara misantropía, manifestada nalgunhas composicións ("Na montaña bravía, Pai do ceio!..."); outro tema clásico e tópico é o paso do tempo, tempus fugit ,que se manifesta nalgúns sonetos asociado á saudade dos tempos idos ou a nostalxia pola xuventude perdida ("Lembranzas", "Fastuoso carballo..."); tema clásico en Do Ermo é tamén a mutación ou metamorf ose, tirado das Metamorfosis de Ovidio ("Ora é unha abedoeira..."); a saudade é outro tema presente nesta obra, impregnando toda a poesía do ermo ("A Saudade"); o tema da morte, constante preocupación do ser humano e tan presente na poesía universal, non podía faltar na obra, aparecendo en poemas autobiográficos ("Fillo do corazón...") e noutras composicións ("Ben pola alma").

Noriega Varela retratado na vellez.

En resumo, a obra de Noriega Varela, máis ben reducida en títulos publicados e en volume xeral, baséase fundamentalmente na inspiración poética que sempre acompañou o poeta ao longo de toda a súa vida, deixándonos versos que van figurar entre os máis logrados da nosa literatura; neles latexa a alma dun poto que o autor soubo magnificamente expresar con acento propio e inconfundíbel no panorama das nosas letras; así como tamén soubo transmitirnos outras moitas voces que constitúen, na súa conformación anónima e colectiva, o noso acervo cultural.

 

 

 

IMAXES