A Etapa Contemporánea (S. XIX)
Literatura feminina e feminista da segunda metade do século XIX
As mulleres e a Literatura no Século XIX. Antecedentes Histórico-Filosóficos

"Porque aínda non lles é permitido ás mulleres escreberen o que senten e o que saben"

Fotografía de Rosalía de Castro, realizada cando a súa estadía madrileña.

(Rosalía de Castro, 1859)

Rosalía de Castro [1837-1885] sintetiza nesta frase (que cerra o prólogo á súa novela La Hija del Mar ) unha das maiores revolucións que viveu o século XIX: o cambio do rol submetido das mulleres, a súa emerxencia e presenza en espazos monopolizados polos homes e as dificuldades para se afirmaren e saíren á luz pública. Estamos no ecuador da centuria e, a esta altura, a Galiza xa comezara a producir, en paralelo a un vivo debate sobre os direitos das mulleres e sobre a súa emancipación, unha obra xornalística e literaria, de autoría feminina, que, polo seu número e calidade, fan da galega sociedade pioneira na atención pública e na produción escrita que teñen como eixo a cuestión das mulleres. A primeira novidade é a presenza, en alto número, de mulleres no espazo da escena pública a elas permitida: a tribuna da prensa e a colaboración literaria, en verso ou en prosa, cando seguían premendo todos os obstáculos xerais na educación e na instrución feminina, ademais das circunstancias específicas da nación galega, onde as mulleres sempre foron forza produtora preponderante, man de obra de traballo visíbel e invisíbel e vítimas primeiras de males estruturais como a emigración e a destrución do tecido produtivo tradicional. Se a isto engadimos a demora, competentemente planificada, na chegada á Galiza de melloras institucionais, como a escola estatal, valoraremos no que merece a temperá aparición de mulleres con presenza pública e con vontade de dilatar as estreitas e limitadísimas marxes de actuación que o modelo social, quer da herdanza patriarcal, quer burgués, lles impuña.

A Galiza, logo, foi precoz na criación e difusión dun discurso feminino , cuxa existencia revela de seu a ansia de autonomía e é, por isto mesmo, rupturista a respeito da norma social e política. Aliás, galego era o benedictino Padre Feixoo, inaugurador da Ilustración española, firme debelador de toda a compacta ideoloxía misóxina actuante no seu tempo; na Galiza naceran tamén Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán, grande penalista e ensaísta a primeira, escritora das principais do realismo español a segunda, que tamén combateron especificamente a subordinación das mulleres e pugnaron por lles abriren cos seus escritos camiños de emancipación. En fin, muller é a inauguradora da literatura galega contemporánea, Rosalía de Castro, criadora, en por si, da literatura renacente e cifra artística da propria Galiza: a expresión literaria máis acabada, de por parte, dunha sintonía non casual, entre o xénero marcado discriminatoriamente, as mulleres, e a nación marxinalizada e oprimida.

Rosalía é, con efeito, caso á parte en todos os aspectos que dela se consideren; tamén, como se verá, na definición e formulación do seu feminismo, de corte radical e moito máis ousado do profesado polas súas colegas españolas contemporáneas. Do resto de escritoras que teremos en conta, salientemos, grosso modo, dous tipos diferentes de estratexia: unha estratexia de adaptación frente a unha estratexia de ruptura ,que marcará a escolla de temas, estilo e adscrición ideolóxica (mulleres que se revelan / mulleres que se revelan e se rebelan). Téñase en conta que, en calquera caso, estamos a falar da metade do xénero humano deliberadamente ocultada, silenciada ou infravalorada, cando non abertamente combatida, e que, por isto, a reconstrución da súa historia pública, no social e no literario, conta con todas as dificuldades do emerxente non recoñecido. Sintomática esta dificuldade historiográfica da vivida polas súas protagonistas en carne propia, que as fai chegar aos nosos días tantas veces como auténticas descoñecidas da escena literaria.

* * *

Comecemos por descreber sumariamente o pano de fundo ideolóxico que máis directamente influíu nas escritoras galegas. O Padre Feixoo (1676-1764) resulta ser un admirábel pioneiro na literatura apoloxética das mulleres, máis de cen anos antes de que a súa emancipación fose asunto de debate público. A súa Defensa de las mujeres (Discurso XVI do seu Teatro Crítico Universal , 1726) ultrapasa claramente os límites racionalistas e esclarecedores doutros ilustrados franceses e españois, que, nesta materia, seguían rendendo culto á lóxica masculinista e androcéntrica, para adentrarse, cunha clareza e valentía inusitadas, no cerne de todos os preconceitos interesadamente mantidos sobre as mulleres e abrilos de raíz coa forza da lóxica.

A partir destas premisas, o Padre Feixoo fará a disección dos máis profundos e tópicos preconceitos misóxinos, tanto no moral, como no físico, no intelectual ou no teolóxico, para concluír, avant la lettre ,en bo aviso aos positivistas baratos, que a redución das mulleres ao ámbito do doméstico non é máis que a proba da súa discriminación e que a súa mesma proscrición a causa da atrofia inducida para calquera outra actividade diversa dos "oficios caseros". A súa lección foi sempre recoñecida polas escritoras galegas do XIX que viron nel a figura dun precursor e un testemuño inestimábel, por vir do grupo que se lanza a ser xuíz e parte simultaneamente. Repárese, ademais, en que o Padre Feixoo morre vintecinco anos antes do primeiro estourido da Revolución Francesa, que abre, na historia das ideas, o século XIX e que vai supor o primeiro cuestionamento histórico, de grande magnitude, do papel social e público das mulleres.

Monumento ao Padre Feixóo en Ourense.

Con efeito, en Outubro de 1789, son mulleres as primeiras insurxentes que se agrupan e marchan sobre Versalles. Chamadas "axitadoras" polas autoridades, van protagonizar a rebelión, para, unha vez consolidada e estruturada, ser dirixida por homes que, a non demorar moito (1795), chegarán a prohibir, so pena de arresto, que se reúnan en grupos de máis de cinco. É paradigmática esta convulsión histórica, nesta materia, como noutras, do que poderíamos denominar "terremoto controlado": no curso da insurreición, modifícanse as relacións inter-xéneros, de modo e maneira que, mentres nas sublevacións máis ou menos espontáneas, as mulleres cumpren un papel motor, asemade o acontecimento é dirixido polas asociacións revolucionarias, é organizado politicamente, elas son expulsadas á periferia. Cidadás sen cidadanía, actuarán en solitario para se faceren ouvir ou ben agruparanse en clubes e asociacións, sucedáneo da súa vedada participación directa nas institucións lexislativas e gobernativas. Da súa actividade literaria dá conta o elevadísimo número de pezas de teatro (cerca de novecentas) que escreberon durante o período revolucionario, após o Decreto de 1791 que proclamaba a liberdade dos espectáculos, así como de "Adresses" de contido claramente político e, por veces, feminista.

A Revolución, efectivamente, na súa fase inicial, concedía a todo individuo o direito imprescritíbel á liberdade, á propriedade, á seguridade e á resistencia á opresión e, nesta dirección, a Constitución de 1791 iguala a mulleres e homes no acceso á maioría de idade civil, admite as mulleres como testemuñas en actos civís e outra serie de direitos como os de libre matrimonio e de divorcio. Isto significaba abrir a caixa dos tronos das reivindicacións políticas das mulleres (quen pode escoller home, e separarse eventualmente del, vai querer escoller goberno e ter voz e voto...) e, moi logo, revolucionarios e contra-revolucionarios coincidirán en que cómpre devolvelas ao ámbito doméstico, unánimes á hora de se espantaren ante a ameaza de promoción das mulleres e de que esta puidese conferirlles o poder que eles detentaban. É así como o Código Napoleónico de 1804 vai cortar de raíz todos os direitos custosamente reclamados no inicio da Revolución, retomando a orde "natural" das cousas ("é a muller a que dá os fillos ao home; ela pertence entón ao home como a árbore frutal pertence ao xardineiro"). Mais xa anos antes, a Revolución afogara a súa matriz: os Deputados da Convención votaran masivamente, en 1793, contra os direitos de reunión e de asociación das mulleres e contra o exercicio de direitos políticos das mesmas. Válidas para subverteren a orde, endexamais para gobernaren ou para elexeren, instáurase así a morte política das mulleres, en canto o código civil preparaba a súa morte civil; verificase así como a Revolución, que lles tiña dado a palabra, vainas facer calar, por moito que deifique en feminino a Razón e a mesma República.

Olympe de Gouges pensa que a tiranía exercida contra as mulleres é, en verdade, a matriz de todas as formas de desigualdade (recórdese como Engels, na metade do século seguinte, afirma que "o primeiro antagonismo de clases que apareceu na historia coincide co desenvolvimento do antagonismo entre o home e a muller na monogamia; e a primeira opresión de clases, coa do sexo feminino polo masculino"), e, por iso, chama abertamente á mobilización: "¡Muller, desperta! As badaladas da razón déixanse ouvir en todo o universo; recoñece os teus direitos!" e á denuncia: "Home, ¿es capaz de ser xusto? ¿Quen che deu o poder soberano para oprimir o meu sexo?" De tales preguntas e de tales reivindicacións sairá a "Declaración dos Direitos da Muller" que Olympe de Gouges publica en 1791, seguindo fielmente o modelo de "Declaración dos direitos do home e do cidadán", de 1789, explicitando así de forma palmaria tanto a necesidade de declinar en feminino o catálogo de direitos "universais" como a superchería do "universalismo" destes direitos, concebidos e pensados só para a metade da humanidade, a masculina. Unicamente a vixilancia política das mulleres, como asevera a historiadora Elisabeth G. Sledziewski, pode impedir que os homes confisquen a Revolución; a elas correspondeu desvendar o seu potencial liberador e elas foron as súas primeiras víctimas. Así, o artigo máis repetido da Declaración de Olympe de Gouges, o artigo X: "A muller ten direito a subir ao cadafalso; ela debe ter igualmente o de subir á tribuna" resultaría fatalmente premonitorio para ela propria, guillotinada en 1793, por ter "tentado sabotear a República cos seus escritos", cinco días antes de que tamén o fose a célebre Madame Roland. Ambas simbolizan o alto prezo da pregunta que Olympe de Gouges se facía no seu "Adresse aux femmes": ¿Non será tempo de que unha Revolución comece tamén para nós mulleres?"

Olympe de Gouges

Na mesma orientación, mais pondo o acento na imoralidade da exclusión das mulleres decretada polos constituíntes franceses, a inglesa Mary Wollstonecraft publica en 1792 a súa Reivindicación dos dereitos da muller .

Cita obrigada, no percorrido polo discurso feminista, e porque coidamos achar tamén pegadas da súa influencia no debate sobre a cuestión na Galiza, é a de John Stuart Mill, pensador inglés que publica en 1869 A escravitude das mulleres , obra precedida no ámbito británico pola de William Thompson, autor de Protesta da metade da raza humana contra as pretensións da outra (1825), e, naturalmente, pola obra da xa mencionada Mary Wollstonecraft, na centuria anterior, quen, por certo, foi a primeira en calificar o matrimonio de "prostitución legal". J. S. Mill recorda como, abolidas formas de escravitude masculina, a do sexo feminino mantense, mascarada en diferentes modalidades de dependencia, o que fai que os pregoados cambios igualitarios do "mundo moderno" non sexan tales para a muller. Atribúelle á educación imposta ás mulleres papel central no seu submetimento e encarece tamén, tal e como formulara o socialista utópico francés Charles Fourier no primeiro tercio de século, como, invariabelmente, cada paso adiante no progreso da civilización humana foi acompañado dalgún progreso na posición social das mulleres; por tanto, como a valoración social das mulleres "é a proba máis segura e a medida máis exacta do grao da cultura dun pobo ou dunha época". Os seus escritos son dardos certeiros cravados no corazón mesmo da misoxinia e da ideoloxía sexista máis consolidada, que desvenda sen paliativos.

Vinculación directa co mantimento da proscrición doméstica das mulleres vai ter o desenvolvimento de "programas" educativos diferenciados para as nenas e as adolescentes, un emprego do termo "educación" —como examinou Pilar Ballarín— dirixido ao "corazón" e enfrentado ao de "instrución", dirixido ao cerebro. Escusado é dicer a escolla que se prevía para as mulleres, que non debían ser sabias senón boas e submisas, privadas, por tanto, de todo coñecimento intelectual, que deformaría a súa "feminidade". Por iso, aínda cando a Lei Moyano (1857), en España, estabelecía a obriga de criar tanto escolas de nenos como de nenas, e para isto, a criación de "Escuelas Normales de Maestras", persistirá durante moito tempo a idea de que a educación destas era un asunto privado, o que producirá un desfase aínda meirande entre continxentes de mulleres e de homes escolarizados (1870: 81% de mulleres analfabetas no Estado español por 68% de varóns), aumentará a dependencia feminina por novas vías e limitará aínda máis as posibilidades profesionais das mulleres. No entanto, ao longo do século, multiplicaranse as edicións de La perfecta casada (1582) de Fray Luís de León, como contra-modelo ao que era, de seu, lento e custoso avanzo das mulleres na escada do coñecimento académico ou, máis globalmente, da instrución, e non só da "educación" dirixida á "utilidade doméstica" (non por casualidade Rosalía diferenciaba en 1859, como se indicou, que aínda non lles era permitido ás mulleres escreberen sobre o que sentían e sobre o que sabían... ) . Mesmo que, na segunda metade do século, krausistas e institucionistas ("Institución Libre de Enseñanza") animen moderadamente o debate público sobre a instrución feminina, a súa incidencia social e política será máis ben escasa e limitada a un segmento feminino pequeno. Por iso, Concepción Arenal pon o dedo na ferida cando sinala a contradición entre lei civil e lei criminal (se a muller é perpetua menor de idade para a primeira, ¿como é tratada igual que o home na segunda?), ou cando fai ver que unha muller pode ser Xefe de Estado ou Nai de Deus, mártir ou santa venerada, mais non sacerdote, nen funcionaria nen empregada pública ( La mujer del porvenir ,1870; La mujer de su casa ,1883). Na mesma liña de vindicación do direito das mulleres á instrución van pronunciamentos públicos de Emilia Pardo Bazán, por exemplo, no "Congreso Pedagógico" de 1892, xa citado. Pardo Bazán lembra a afirmación de Stendhal segundo a cal a educación da muller semella escollida a mantenta e feita de encarga para labrar a súa infelicidade, e denuncia o perverso dunhas leis que permiten á muller estudar unha carreira e non exercela. Nestes termos, sostén, a educación da muller non podería merecer tal nome; merecería, máis ben, o de doma, pois propúñase como fin a obediencia, a pasividade e a submisión.

Concepción Arenal.

IMAXES