A Etapa Contemporánea (S. XIX)
A crise finisecular. A narrativa de López Ferreiro
As transformacións do século XX

Será a partir do 1900 cando se notará unha certa recuperación interior, asociada fundamentalmente á reactivación do "negocio" da emigración e da industria da pesca.

Reclamo en inglés, dunha naviera con saídas de Vigo cara América.

A emigración, como válvula de escape para os máis necesitados, auspiciada irresponsablemente polos propios poderes públicos, que así evitaban a conflictividade social, é xa neste momento e durante a primeira parte do século XX o centro da economía do país.

Convértese, efectivamente, nun extraordinario negocio ao abeiro do cal medran bancos, compañías navieiras, empresas consignatarias e periódicos. Parece evidente a relación de dependencia destes últimos con respecto a armadores e consignatarios; en palabras de G. Luca de Tena: "Os periódicos serán o terceiro pé do sistema da emigración en Galicia", fomentándoa coa propaganda, a mentira e o silencio. As críticas contra o sistema migratorio haberá que buscalas na literatura galega e na prensa galeguista (rexionalista primeiro; agrarista e nacionalista despois), conscientes da sangría que supoñía para o país.

Así pois, asistimos á consolidación dunha pequena burguesía industrial e financeira formada, ademais, en torno á industria pesqueira e conserveira, á construcción naval, ao equipamento das cidades (alumeado, saneamento, augas, tranvías), e ao negocio da construcción, especialmente nas cidades de Vigo e A Coruña. Cómpre notar, por outra parte, a falta de interese desta clase social, de orixe foránea en boa medida, pola causa galeguista.

Como consecuencia deste despegue económico, obsérvase un trasvase da poboación do agro ao sector servicios, e a aparición do movemento obreiro organizado, das primeiras folgas e reivindicacións. Esta inicial actividade sindical transcendía o puramente reivindicativo. Tamén a literatura reflectirá esta primeira actividade sindical no medio urbano a través dos avatares sufridos por un personaxe blancoamoriano, Aser Vilar e a súa familia, protagonistas de Xente ao lonxe ,no Ourense de principios de século.

Un dos cambios sociais máis rechamantes acaecidos na Galicia de principios deste século é, sen dúbida, a decadencia definitiva da fidalguía. A crónica da súa desaparición e substitución progresiva pola burguesía realízaa en clave literaria Ramón Otero Pedrayo na triloxía que conforma Os camiños da vida ,ou en narracións curtas como a titulada expresamente O fidalgo .Explícase este feito pola absoluta carencia, neste grupo social, de dinamismo e de capacidade de adaptación ás esixencias dos novos tempos. Pero tamén como consecuencia do acceso á propiedade da terra por parte dos labregos (gracias ás remesas de cartos procedentes da emigración), e á capacidade organizativa destes a través do chamado movemento agrarista, que reacciona contra o secular estancamento da estructura agraria.

Precisamente este será o movemento máis orixinal e dinámico destes primeiros anos do século. A súa base estaba constituída por masas campesiñas organizadas en distintas sociedades, Solidariedade Galega , Unión Campesiña, ou Acción Gallega ,dirixida por Basilio Álvarez, o líder agrario de máis sona en toda Galicia. O seu obxectivo é a mellora das condicións de vida no campo, loitanto contra o foro, o caciquismo, etc.

IMAXES