A Etapa Contemporánea (S. XIX)
A obra literaria de Eduardo Pondal
Avaliación da recepción da obra na súa época e vixencia na actualidade

A través da correspondencia mantida por Eduardo Pondal e Manuel Murguía, posibelmente iniciada antes da carta datada en 1863, primeira das editadas na obra anteriormente citada de Manuel Ferreiro, podemos achegarnos a algunha das claves estéticas do noso poeta, en particular a interpretación da paisaxe. Amigo fiel ao longo dos anos, Manuel Murguía foi quen deu a primeira interpretación lúcida e rigorosa, á vez que fondamente emotiva, da obra do bardo bergantiñán. No seu libro Los precursores (1886) deixa ver unha grande admiración polo poeta, que se fai notar mesmo nas páxinas en que exalta a paisaxe ollada desde as fiestras da branca morada que se ergue á beira do Anllóns: as mareas, o son dos piñeirais de Tella, o ceo cruzado polos lavancos, o ronco son do mar da Barra. En definitiva, contemplación emotiva e comprensión significativa dunha paisaxe á medida do ánimo do poeta, que o fai exclamar: ¡No direis que no conozco el águila y su nido!

Retrato de Pondal realizado no 1900.

Teñen sinalado diversos críticos que a poesía de Pondal non tivo a sona popular gozada pola de Curros Enríquez ou a de Rosalía no seu tempo, por seren estas de carácter realista, mentres que a do Bardo era simbólica, escrita nunha linguaxe culta e revestida dun corto carácter mitolóxico, o que a facía estraña e mesmo incomprensíbel aos ouvidos do común. Precisamente, as posteriores críticas adversas á obra de Pondal coincidiron nestes aspectos.

Mais desde a publicación do poema A Campana de Anllóns e, sobre todo, desde a aparición de Queixumes dos pinos en 1886, Pondal gozou de sona como grande poeta, sendo considerado como Bardo, apelativo que el contribuiu a consolidar definitivamente. Mais tal vez a fama xa comezara antes, posíbelmente no Banquete de Conxo , onde Pondal participara con Aurelio Aguirre coa lectura dun poema de exaltación revolucionaria.

Rumores de los pinos , libro bilingüe que antecede ao definitivo Queixumes dos pinos , suscitou comentarios favorábeis desde o momento da súa publicación. As louvanzas chegan da man de principais figuras do mundo literario da época, como Emilia Pardo Bazán que, sempre en boa disposición para valorar a obra de Pondal, considérao o máis grande das nosas letras. Desde fóra de Galiza foron moi celebrados os poemas A campana de Anllóns e O dolmen de Dombate . O erudito portugués Teófilo Braga exalta no libro estar impregnado da "emoção característica d'esse povo" e a influencia da "tradição trovadoresca" (?) e dos cantos populares. E o francés Émile Contamine de Latour solicítalle un exemplar da obra, coa idea de traducila ao seu idioma.

De todas as formas, as diferentes opinións sobre os Queixumes dos pinos formuladas en vida do poeta non superan en celebración nin en rigor de interpretación as de Manuel Murguía, e aparecen máis centradas na exaltación da figura do poeta do que en aspectos formais ou de interpretación da obra. A figura de Pondal aparece sobranceira, elevada sobre a súa propia obra. Os cualificativos que a adornan dan idea da súa enorme singularidade: Cantor da raza, o bardo melancólico e saudoso e outras polo estilo. Os estudiosos da poesía de Pondal nesa época, e aínda en tempos posteriores, non van máis aló da repetición deses tópicos.

Nos comezos do século XX non decaerá o interese pola obra de Pondal e aparecerán novas interpretacións que profundizarán na sua valoración histórico-crítica. Para un significado crítico do noso tempo como Manuel Forcadela, Emilia Pardo Bazán aparece como precursora da "perspectiva da crítica moderna, baseada na estética da imaxinación", destacando tamén a Otero Pedrayo como o autor que inaugura a comprensión moderna da obra de Pondal (Forcadela, 1988).

Otero Pedrayo salienta o carácter cósmico do poeta que, desde esa soidade que parece ser compaña indelébel do ser superior, interpreta os signos do espírito en clave simbólica. Otero e os compañeiros da Xeración Nós participan dunha común admiración pola obra pondaliana, tal vez porque se identifican coa vocación atlantista do poeta, dentro dunha interpretación tradicional na nosa literatura, xa comentada antes.

Fernández del Riego tamén defende a idea común de que a poesía de Pondal, Queixumes dos pinos ,evoca os tempos anteriores á historia para contrastala coa realidade presente. O coñecemento do pasado serve para restaurar o antigo esplendor, baixo un fondo ideolóxico profetizador.

O profesor portugués Manuel Rodrigues Lapa coincide coa opinión anterior, comunmente compartida, ao afirmar que no marco artístico de Queixumes dos pinos están presentes os problemas que atribulan a Galiza nos tempos posteriores e actuais, que resume en un: a fuxida dos galegos da sua propia identidade e o convencimento da propia inferioridade. Mais tamén se afirma no ideal pondaliano da irmandade luso-galega. A opinión de R. Lapa está centrada, xa que logo, na idea común da poesía do Pondal como un empeño de rexeneración galega.

Na segunda metade do século XX as opinións críticas insisten na análise da obra pondaliana tanto desde perspectivas do íntimo —a nostalxia— como desde interpretacións achegadas ao visionario ou ao profético. Diferentes críticos, Ricón Virulegio entre eles, participarían desa liña interpretativa amplamente desenvolvida nos estudos do profesor Ricardo Carvalho Calero , que nos deixou un vasto material sobre o conxunto da obra pondaliana. Carvalho asenta os ideais da poesía de Pondal sobre catro pilares: aristocratismo, bardismo, civismo e bucolismo.

Desde un ponto de vista historicista, o coñecemento da obra pondaliana ampliouse nos últimos tempos coas aportacións feitas por determinados estudosos e historiadores da nosa literatura. Xosé Luís Méndez Ferrín en estudos anteriores, pero sobre todo en De Pondal a Novoneyra (1984), defende a obra de Pondal como exponente máximo dun idealismo non evasivo, mais comprometido, e primeiro representante do formalismo galego, que fai relacionar cos movementos artísticos europeos que conforman o Simbolismo.

Xa citado neste traballo, Manuel Forcadela é outro dos críticos actuais que con máis rigor teñen analisado a obra de Pondal. O seu traballo está centrado na procura da imaxinación pondaliana interpretándoa desde as teorías do símbolo e do mito, seguindo as pegadas de autores como Bachelard ou Mircea Eliade.

Segundo M. Forcadela, e hoxe é unha opinión plenamente compartida, a obra de Pondal "sitúase no marco histórico e literario da evolución que leva as letras europeas do romantismo ao simbolismo".

Manuel Forcadela

O coñecemento da obra pondaliana, en particular os Queixumes dos pinos, foi enriquecido nos últimos tempos polas interpretacións estilísticas e historicistas que abriron novas perspectivas non só desta obra, senón da literatura do seu tempo, e tamén da aportación de rigorosos estudos críticos, teses de doutoramento, artigos en prensa especializada ou de divulgación e mesmo xornadas e congresos que certifican a plena vixencia do noso poeta. Debemos destacar as últimas publicacións do Manuel Ferreiro , Pondal: do dandysmo á loucura (1991), biografía e correspondencia, e a edición crítica de Queixumes dos pinos (1996).

Eduardo Pondal creou unha poesía que non se inspira xa na tradición poética popular, aínda que tampouco sexa totalmente estraña a ela e floreza nos seus versos en poemas moi localistas, inspirados nas paisaxes achegadas ao cerco familiar e íntimo. Non obstante, a súa máis elevada inspiración vén doutros territorios, de liñas literarias cultas, algunhas xa recuadas no tempo —o helenismo— e outras máis achegadas ou inmediatamente anteriores, tal o ossianismo, ambas as dúas presentes no Romantismo. O que o instala, como quedou dito, na estética simbolista, que a fins do século XIX estabelece pontes entre o movimento romántico e as novas tendencias vangardistas.

Unha visión simbólica da natureza afastada do tratamento costumista da paisaxe, a melancolia que expresa un profundo desánimo, a caracterización anímica do poeta como "vago" e "sublime", "errabundo" e "estraño" e a vocación bárdica, conectarán a poesía de Pondal con estas escolas ou tendencias, de vocación formal e opostas ao realismo, que son o modernismo, o decadentismo e o simbolismo.

IMAXES