A Etapa Contemporánea (S. XIX)
A obra literaria de Manuel Curros Enríquez
Curros e a Renacencia galega

Como poeta, Manuel Curros Enríquez alternou o cultivo literario do galego co castelán, como era habitual nos escritores do seu tempo, aínda que a súa primeira composición galega data de 1869, cando o escritor tiña pouco máis de dazaoito anos de idade. É a célebre "Cántiga", que escribiu a tarde do día 5 de xuño daquel ano, para poñerlle letra á melodía composta por un amigo, como el mesmo nos ten confesado nunha carta publicada no periódico cubano Diario de la Marina ,do cal era redactor, en 1907:

Escribí esa poesía en 1869, siendo muy joven. Vivía yo en Madrid y tenía por compañero de habitación a un paisano y condiscípulo llamado Alonso Salgado. Una tarde de junio, antes de los exámenes, después de la siesta, yo repasaba la Economía Política de Colmeiro, y a mi lado, aburrido, reclinado en una silla contra la pared, mi amigo arrancaba notas repentizadas a la guitarra, instrumento que tocaba muy bien. Aquellas notas me llamaron la atención por lo sentidas y melancólicas: era un aire gallego, con toda la poesía de nuestras montañas. "Bonito es eso", le dije, cerrando el libro. "¿Dónde recogiste esa canción?" "En ninguna parte", me contestó, "me está saliendo ahora". "Repite esos compases y no los olvides: voy a escribir para ellos una letra", volví a decirle. Y cogí el lápiz, y no teniendo papel a mano, abrí de nuevo el libro de Colmeiro, y en las márgenes de la lección X hice la primera estrofa de la canción, que dice así: "No xardín unha noite sentada", etc.

Desde entón, Curros segue escribindo o mesmo en galego que en castelán, pero máis nesta segunda lingua, na que parece que obtén algúns recoñecementos. O escritor valenciano Vicente Blasco Ibáñez asegura, segundo ten referido no prólogo á traducción castelá de Aires da miña terra publicada en Valencia no ano 1892, que en 1869 o poeta escribira, en colaboración con Victoriano Rodríguez Morán, unha crítica en verso á Constitución, con tanto éxito que no primeiro día xa se venderan dezaseis mil exemplares.

Dese mesmo ano é a lenda titulada El Maestre de Santiago ,aínda que non se publicaría ata o ano 1874. Esta composición permítenos adiviñar a estética literaria de Curros por aqueles anos.

En primeiro lugar, referíndose á citada lenda, aproveita a ocasión para confesar o seu entusiasmo por José Zorrilla, o poeta romántico español, a quen chama "coloso", "Proteo de la rima" e "fecundo maestro", ó mesmo tempo que admite as súas débedas con el, de quen agarda un segundo florecemento. No hai dúbida, polo tanto, de que Curros inicia a súa andadura poética dentro do romanticismo zorrillesco.

Ó mesmo tempo, sen embargo, Curros descobre outra das liñas que van marcar o seu credo poético no futuro. Na mesma nota dedicada a comentar El Maestre de Santiago ,o poeta xustifica o feito de que esta composición non se publicara no momento en que foi escrita, é dicir, en 1869, e que tardara arredor de cinco anos en dala a coñecer.

A este respecto, Curros infórmanos de que un día concibiu a idea de escribir unha serie de poemas de lectura grata e entretida sobre as ordes militares, pero que o cambio de ideas que nel provocou a Revolución de 1868 aconselloulle deixar un proxecto do cal non chegou a realizar máis que a primeira das lendas. A publicación de El Maestre de Santiago ,que se imprimiu dúas veces en vida de Curros, iría sempre acompañada de notas aclaratorias en que o poeta trataba de explicar o que el entendía como unha contradicción co seu credo literario, moi influído xa daquela pola súa ideoloxía política republicana.

Nestes anos, Curros busca a gloria literaria en Madrid, tanto a través do periodismo como da literatura. Como periodista, gracias a unha "Oda a la guerra civil" inspirada pola terceira guerra carlista, o poeta ingresa en 1875 na redacción de El Imparcial ,un dos periódicos de máis prestixio do seu tempo. Inmediatamente parte como correspondente de guerra para a fronte, desde onde irá enviando unha serie de crónicas que titula Cartas del Norte . A primeira está datada en Santander o día 19 de setembro de 1875 e a última, escrita en San Sebastián, leva a data do 20 de febreiro de 1876.

Foi precisamente durante esta campaña cando Curros estivo a punto de perder a vida como consecuencia dun desgraciado accidente: o seu compañeiro de cuarto, un brigada apelidado Mariné, querendo gastarlle unha broma, apuntoulle cunha pistola que cría descargada e meteulle un tiro no peito. O poeta, que tiña vintecinco anos, estivo varios días entre a vida e a morte.

Curros, polo tanto, pretendeu ser un escritor en Madrid, polo menos nos seus primeiros anos de estancia na capital. A súa determinación como poeta galego, que tivo un longo proceso, viría despois.

Xa vimos cómo en 1869, cando aínda non cumprira os dezanove anos de idade, xa compuxera en galego a famosa "Cántiga". Non resulta posible saber cáles foron os motivos que o levaron a empregar o galego por primeira vez, aínda que esta decisión, perfectamente compatible con calquera efusión espontánea e sentimental, hai que situala no marco da Renacencia galega.

Como se sabe, o primeiro libro galego dese movemento de recuperación, A gaita gallega de Pintos , publicárase en 1853, cando Curros tiña dous anos. Ó cumprir os doce, aparece Cantares gallegos . E en 1868, o ano da Revolución, Saco e Arce dá a coñecer en Ourense a súa Gramática gallega ,un libro que Curros manexaría despois, como ten sido amplamente probado.

Polo tanto, cando Curros empezou a escribir, a Renacencia galega era un feito que el coñecía desde neno, así como o prestixio alcanzado pola obra de Rosalía de Castro . Non hai que esquecer, ademais, que o federalismo que el profesaba o inclinaba, como vimos xa, cara ó rexionalismo, que foi un dos movementos que serviron de base á ideoloxía federal.

O caso é que, desde 1869, Curros seguiu escribindo poemas en galego, antes de ter unha relación directa cos rexionalistas. En 1873, o nacemento do seu primeiro fillo inspíralle o poema "Ben chegado". Un ano máis tarde, publica tres poemas: "A fouce do abó", "A primaveira" e "A nena na fonte".

Nese momento, Curros xa ten relacións co movemento cultural galego, pois desde 1874 convértese en colaborador regular do periódico El Heraldo Gallego ,que dirixía en Ourense Valentín Lamas Carvajal e que era un dos órganos máis activos do rexionalismo.

Por outra parte, en Madrid vivían daquela un grupo de galegos que mantiñan na capital os mesmos ideais. En primeiro lugar, a figura xa venerable do poeta Francisco Añón , a quen Curros distinguirá cunha devoción especial. Pero tamén uns poucos mozos, todos eles amigos de Valentín Lamas Carvajal. O que máis destacaba entre todos era un antigo seminarista de Tui, Teodosio Vesteiro Torres, que tomara a iniciativa de crear unha sociedade que se ía chamar Galicia Literaria e que tería a finalidade de agrupar os galegos residentes en Madrid e "estimularse mutuamente al cultivo de las Bellas Artes y constituír un centro de buenos gallegos que trabajasen aquí por la honra y prosperidad del país en la esfera propia de sus facultades".

Unha das actividades desta sociedade consistía en organizar "turnos de lectura". Curros participou neles como poeta e leu catro poemas, todos eles en castelán.

En 1876, o mesmo ano no que se suicidou Teodosio Vesteiro Torres, Modesto Fernández e González, o protector de Curros a quen xa nos temos referido, convocou o famoso certame poético de Ourense, o triunfo no cal, como ten salientado Ricardo Carballo Calero , foi o elemento determinante para converter a Curros en poeta galego.

O éxito supuxo ademais o regreso a Galicia.

Efectivamente, en 1877, Manuel Curros instálase en Ourense. O seu protector, Modesto Fernández e González, acababa de conseguir para o poeta un emprego na Delegación da Facenda de Ourense.

Nesta cidade, Curros acentuaría a relación con Valentín Lamas Carvajal, unha das figuras máis activas da Renacencia, os ideais da cal mantiña vivos a través do seus periódicos, especialmente El Heraldo Gallego e O Tío Marcos da Portela ,dos que Curros seguirá sendo colaborador.

Con todo, o poeta non esqueceu os ideais republicanos, de maneira que facía compatible as súas colaboracións e boa amizade con Lamas, de ideoloxía máis conservadora, coa participación nas tertulias e na redacción do periódico El trabajo ,un boletín bimensal que agrupaba outras figuras destacadas da cultura local, igualmente vinculadas coa Renacencia literaria, como Arturo Vázquez Núñez, poeta que anos máis tarde formaría parte da comisión iniciadora da Real Academia Galega presidida por Manuel Murguía .

Desde entón, especialmente despois da publicación de Aires da miña terra e o proceso xudicial, que converteron a Curros no escritor galego máis popular do seu tempo, este quedaría definitivamente integrado no movemento cultural galego, do que pronto ía ser a figura literaria principal despois da morte de Rosalía de Castro, ocorrida no ano 1885.

Dous anos antes desa data, Curros volvería a Madrid ó quedar cesante no seu emprego da Delegación da Facenda en Ourense.

Nesta nova etapa madrileña, o poeta renova a súa fe republicana, agora nas filas do radicalismo de Ruíz Zorrilla, que o invita a formar parte da redacción do periódico da causa, El Porvenir ,como xa dixemos antes. É entón cando se entrega ó labor de difusión da literatura portuguesa en Madrid, traducindo poetas como Teófilo Braga, Guerra Junqueiro, Antonio Feijó e Antero de Quental, ou a dramaturgos como Pinheiro Chagas, de quen fai unha adaptación para a escena da obra A morgadinha de Valflor.

Esta aproximación a Portugal e á súa literatura, que hai que poñer en relación coa idea dun federalismo peninsular e que non parece allea á condición de Curros como poeta galego, puxo a este en comunicación con importantes escritores daquel país, como Eugénio de Castro ou Magalhães Lima, dos cales foi amigo.

A simpatía que Manuel Curros Enríquez tiña espertado en Portugal co seu labor de difusión das letras lusitanas na prensa galega e madrileña fixo que cando a chamada crise do Ultimatum entre Lisboa e Londres, enfrontadas por intereses coloniais na África Austral, a delegación de estudiantes veciños que se desprazou a España para solicitar o apoio e a simpatía da opinión pública fose ver a Curros como un dos seus apoios máis firmes.

A estancia madrileña de Curros, sen embargo, non modificou as súas excelentes relacións cos membros máis destacados da Renacencia cultural galega nin cos seus órganos de expresión, polo menos ata o ano 1888.

Nesa data, Curros remata o seu segundo libro de poemas en galego e envíallo para a súa publicación a Andrés Martínez Salazar. Foi este quen fundou a célebre "Biblioteca Gallega" no ano 1885, que se iniciaría ademais cun libro fundamental na historia da Renacencia, Los precursores ,de Manuel Murguía, e na que aparecerían obras capitais da literatura galega, como Queixumes dos pinos de Eduardo Pondal ou a terceira edición de Aires da miña terra do propio Curros Enríquez.

O divino sainete publicaríase no ano 1888. Se temos en conta o que Curros mesmo lle di a Martínez Salazar nunha carta, a acollida que o libro recibiu en Galicia non foi da súa satisfacción: "Ya ve usted cómo me trata, con qué silencio indigno, la prensa gallega". E noutra ocasión abonda no mesmo: "Es bien triste y bien inmerecida esa campaña de silencio a que me condenan; silencio en la prensa, por supuesto, que por lo bajo, bien hablan".

Nin sequera podía contar coa comprensión do seu amigo Valentín Lamas Carvajal, que el si se ocupou do libro no periódico O tío Marcos da Portela , pero dunha maneira que a Curros non lle puido agradar. Escribía Lamas:

Desde entón apoderouse del a manía da impiedade. ¡Unha desgracia! Sinto unha fonda tristeza ó procatarme do condanido verme que se lle meteo no celebro ó ilustre vate, autor da "Virxe d'o Cristal" e de tantos e tantos versos nos que esprandece, nos que refulxe a vívida luz da inspiración cristiana e nos que sorprende o espírito, entre as maxias do lenguaxe, o esmorecemento, a vaga melanconía das nosas coitas sin termo, das nosas ansias sin hourizonte, e das nosas saudades sin consolo, sin espranza. Axudado por a sua inspiración espontánea e sublime, canta com'un reiseñol; arrastrado pola sua manía, rosma com'un can de palleiro ou mais ben ouvea com'un lobo da serra.

A prensa madrileña, sen embargo, adoptaría unha postura diferente e periodistas tan prestixiosos como Mariano de Cavia eloxiaron o novo libro de Curros Enríquez sen reservas:

Atrevida parodia de La Divina Comedia ,en donde parecen haber colaborado el Arcipreste de Hita y el señor de la Torre de Juan Abad, Voltaire y Guerra Junqueiro, dando a sus chanzas demoledoras la forma exquisita de las Canciones de las calles y los bosques.

A pesar da actitude da prensa galega diante de O divino sainete ,Curros estaba entón no cumio da súa gloria. En 1892 publicaríase en castelán, con prólogo de Vicente Blasco Ibáñez, Aires da miña terra ,e un ano despois, o mesmo día en que se celebraba o acto de fundación do Centro Galego de Madrid, no "Teatro de la Comedia" ten lugar a coroación do poeta, que compuxo para aquela data o poema titulado "Na apertura do Centro Gallego".

Ningún escritor galego, nin Rosalía de Castro nin Eduardo Pondal, foron agasallados en vida de semellante maneira.

IMAXES