A Etapa Contemporánea (S. XIX)
A obra literaria de Eduardo Pondal
Estudos históricos. As orixes galegas

Os estudos históricos na época do Rexurdimento tiveron como obxecto a recuperación e a concienciación histórica de Galiza. O certo é que desde fins do século XVIII, cos Ilustrados, existía xa unha notábel preocupación polo estudo de Galiza. Se naquela época os estudos dos eruditos estaban centrados no campo da xeografía, da historia natural e da lingüística, no contexto da segunda metade do século XIX ía ser a incerta orixe de Galiza o obxecto de análise dos historiadores. Os estudos históricos van utilizar argumentos etnográficos, partindo dunha conciencia clara do feito diferencial galego. E tendo en conta o carácter ideolóxico do galeguismo, os estudos das orixes galegas ían ter un fondo político incuestionábel.

Regionalismo Gallego. Catálogo de obras escritas en Gallego. Impreso por Carré en 1898 .

Benito Vicetto, na súa Historia de Galicia ,publicada en 1865, mantén a teoría de que as orixes galegas son fundamentalmente gregas, feito que, segundo o seu criterio, estaría probado polos asentamentos gregos en Galiza, os máis importantes das terras occidentais, a fundación de cidades, a análise de topónimos e diversos usos e costumes.

A defensa das orixes celtas por parte de Murguía e outros, frente ás gregas, oferecía maiores posibilidades de contraste coas culturas peninsulares, ao opoñer o elemento nórdico ou centroeuropeo ao mediterráneo, facilmente identificábel coa dominación romana. Lembremos que a oposición celta-romano, como símbolos do pobo dominado frente ao dominador, resultou un motivo recorrente na poesía de Eduardo Pondal . E non podemos esquecer que a vocación cultural nórdica ou xermánica aparecería explícita nos escritos do Grupo Nós , particularmente en Vicente Risco e Otero Pedrayo (unha novela como Arredor de si é claramente exemplar), ou nun poeta como Manuel Antonio especialmente as dúas elexías a Roald Amundsen. Os membros de Nós déronlle unha nova dimensión ao mito celta decimonónico, unha interpretación mítica e estética atlantista, ao gozaren dunha información histórica máis rigorosa que a dos historiadores do XIX, co desenvolvemento dos estudos da Prehistoria e da cultura megalítica.

Entre os historiadores que centraron os seus estudos na orixe celta, cabe destacar a Xosé Verea e Aguiar, autor de Historia de Galicia ,de 1838, obra de carácter romántico e sen base científica, da que saíu a penas o primeiro volume dedicado ao estudo das orixes da Galiza anterior á época romana, citando as orixes célticas que distinguían a Galiza do resto dos pobos peninsulares. Mais o historiador principal do século XIX foi sen dúbida Manuel Murguía, que publica a Historia de Galicia en 1866, unha obra que pretende explicar a verdadeira esencia galega ao longo da historia, desde a inicial descrición xeográfica, paisaxe e características climáticas, e a súa influencia nos artistas, ata as teses históricas sobre as orixes galegas. E todo este aparato basicamente científico servirá como soporte a unha ideoloxía política de carácter rexionalista e posteriormente nacionalista. A defensa da procedencia céltica de Galiza, protagonizada principalmente por Murguía, significou defender a nosa singularidade frente ao resto dos pobos hispánicos. Xosé Ramón Barreiro ten explicado que os historiadores do XIX presentaron a antigüidade e dignidade das nosas orixes como credenciais para ter dereito a rexer os propios destinos. A interpretación da historia de Galiza debería servir para consolidar a súa recuperación política.

IMAXES