A Etapa Contemporánea (S. XIX)
A poesía e o teatro interseculares
Francisca Herrera Garrido

Naceu na Coruña o mesmo ano que Noriega Varela, 1869, no seo dunha familia pertencente á burguesía local, alternando a residencia entre a cidade natal e a veciña localidade de Oleiros; sendo solteira, unha vez morta súa nai, marcha para Madrid, onde pasa os invernos coas súas irmás até 1936; acabada a guerra, vai padecer na Coruña os rigores da posguerra coa esperanza do ingreso na Real Academia Galega , para a que fora elixida en 1945; mais cinco anos despois morre sen ver cumprido tal desexo, a pesar de ter enviado o discurso preceptivo a penas un mes despois da súa designación. Persoa amábel e delicada, posuía un carácter doce e idealista, así como unha intensa devoción relixiosa.

Francisca Herrera Garrido.

Comeza a súa traxectoria literaria serodiamente, pois xa ten 44 anos cando publica o seu primeiro libro; nun curto período de tempo aparecen as súas tres obras poéticas: Sorrisas e bágoas (1913), Almas de muller... ¡Volallas n'a luz! (1915) e Frores do noso paxareco (1919); nos anos inmediatamente posteriores publica as súas tres novelas en galego: Néveda (1920), A y-alma de Mingos (1922) e Martes d'antroido (1925); por estes mesmos anos publica tamén tres novelas en castelán, a última en 1928, ademais de colaboracións na prensa galeguista, como Nós , e noutras publicacións periódicas.

Nos seus libros de poesía son moi frecuentes os poemas longos de carácter narrativo, normalmente centrados na figura da muller aldeá, ao lado de roáis breves composicións líricas, ben de tipo folclórico, ao estilo de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, a quen a autora toma como mestra e modelo e pola que sente unha verdadeira devoción, ben de ton máis intimista e inzadas de emotividade; o carácter fortemente sentimental predomina na maior parte das composicións, onde a figura recorrente da nai desempeña un importante papel, así como o alento relixioso; moitas das súas personaxes que aparecen nos moi longos poemas narrativos —mozas pobres ou orfas— acaban por acharen consolo nun amor maternal e relixioso que por veces parece proxectar as propias vivencias ou frustacións persoais da autora, a quen lle morrera o noivo pouco antes da data fixada para casaren. Neses longos poemas narrativos está moi presente o ton descritivo de tipo paisaxístico e costumista, normalmente servindo de fondo a unha historia amorosa protagonizada por unha pobre moza aldeá. Como no conxunto da súa obra, Herrera Garrido deixa translucir a súa simpatía polas xentes labregas e particularmente polas mulleres, ás que atribúe virtudes como a hondade, o amor pola familia, o espírito de traballo e servicio aos demais, etc., que ela mesma valoraba en alto grao.

A pesar desta clara simpatía polas clases populares máis necesitadas, non hai na autora unha ideoloxía definida de compromiso social que poña en cuestión as diferencias entre ricos e pobres, senón máis ben unha aceptación natural da súa existencia, aínda que nalgúns poemas chame a atención sobre a miseria da vida labrega. Noia Campos inclúe a autora, pola súa inspiración e tratamento temático, "no estilo romántico máis arcaizante, tradicionalista e cristián", vendo nisto a razón de que os seus libros tivesen tan pouca difusión, pois nada novo dicían aos seus contemporáneos, que procuraban unha renovación de formas e temas literarios na liña do que se andaba a facer en Europa naquela altura.

A autora, por outra parte, mostra graves deficiencias no emprego da lingua galega, demostrando con claridade non estar instalada no seu uso habitual, a pesar dunha indubitábel variedade no léxico de procedencia rural que se dá na súa obra. Ademais dos frecuentes vulgarismos e castelanismos morfolóxicos e léxicos propios do rexistro coloquial en que se instala e presentes tamén noutros autores da época, sorprende grandemente, por exemplo, a frecuente confusión no uso de te e che e sobre todo a colocación dos pronomes persoais átonos en contra das normas sintácticas do galego, mesmo en casos que non se poden explicar por interferencia do castelán, como a énclise en cláusulas introducidas por nexo subordinante. Así mesmo, o sistema de puntuación é totalmente caótico, precisando dunha revisión para a correcta comprensión do texto, complicada tamén ás veces por certas deficiencias na construción sintáctica.

Non é, pois, a obra poética de Herrera Garrido un exemplo de depuración lingüística nin artística en liñas xerais, botándose en falta unha auténtica vontade de estilo por parte desta autora, que se deixou dominar por un excesivo sentimentalismo en moitos casos prosaico e carente de ambición literaria. Aínda así, non faltan na súa obra en verso algúns acertos —variedade léxica, ritmo—, conseguindo uns maiores logros estilísticos nas súas novelas, sobre todo en Néveda.

IMAXES