A Etapa Contemporánea (S. XIX)
A xeración dos Restauradores e o seu contexto histórico: a prosa e o teatro
Galiza no marco político do Estado na segunda metade do XIX

Despois do desmantelamento da monarquía absoluta enfróntanse os dous modelos de administración do novo Estado liberal, do cal formalmente tiña desaparecido xa o Antigo Reino de Galicia e que se presentaba como a superación do Antigo Rexime: un modelo centralista, autoritario, abandeirado polos moderados, que só permite a participación política dunha elite pouco numerosa, e outro máis democratizador e descentralizado, encabezado polos progresistas.

O enfrontamento entre ambos marca a dinámica política do primeiro liberalismo. Pero, dado que os procesos electorais baseados no sufraxio censitario masculino son manipulados sempre, polas prerrogativas que se lle conferían á monarquía, os cambios de orientación na dirección do Estado son propiciados pola intervención do exército. Así, contra o recorte de liberdades e contra o control da acción política exercida nunha década de moderantismo, o pronunciamento da gornición de Vicálvaro en 1854 abriu unha paréntese progresista de dous anos, á que segue outra xeira moderada.

Ramón de la Sagra. Litografía de Vallejo.

Tamen será unha sublevación das forzas armadas a que provoque a revolución de 1868, que dará paso a un axitado Sexenio no que se sucederán unha monarquía constitucional encabezada por Amadeo de Saboia, a I República, disolta igualmente polo intervencionismo militar, e finalmente o proxecto presidencialista e conservador do xeneral Serrano.

Eses seis anos foron época de conquistas políticas —sufraxio universal masculino, liberdades individuais— e tamén de declaracións do republicanismo federal sobre a construción dun Estado mais democrático e descentralizado que non rompese a unidade nacional de España —reservábaselle a Galiza a condición de "Estado federal dentro da nación española"—, sen embargo as medidas económicas non tiveron o alcance que sería de desexar, destacando só a lei presentada por Paz Novoa sobre a redención foral, que foi abolida rapidamente polo goberno de Serrano.

O xeneral Martínez Campos, demostrando unha vez máis o protagonismo do exército nos cambios de rumbo da política, pronunciábase en Sagunto proclamando a monarquía. Iniciábase a Restauración con Alfonso XII no trono.

No réxime restaurado, o monarca seguía a predominar sobre as institucións, mantendo a facultade de disolver as Cortes e separar e nomear ministros. Dado que o goberno nomeado polo rei precisaba dunhas cortes adictas, tíñanse que amañar todos os procesos electorais.

O sistema de partidos seguiu un falso modelo bipartidista. Os liberais e os conservadores turnábanse pacificamente no poder por medio dunhas eleccións pactadas, deixando como oposición real un amplo abano desde o anarquismo e o socialismo ata o republicanismo, sen esquecer as tendencias nacionalistas e rexionalistas de Euskadi, Cataluña e Galiza.

O piar fundamental para o funcionamento deste sistema fraudulento era o caciquismo. O cacique local tiña o control hexemónico do distrito, ben pola súa profesión —mestre, médico—, polo seu labor mediático —párroco— ou pola súa riqueza. Sen necesidade de desempeñar cargo político ningún, detentaba o poder real, podendo utilizar de xeito discriminado as prerrogativas que o poder municipal tiña conferidas: impostos, quintas, multas... ou tamén manipular algún fallo xudicial ou conseguir algún emprego na administración, porque os contactos coas estruturas provinciais e estatais llelo permitían.

Nesta paisaxe política, a partir dos anos 40 xurdiu e desenvolveuse o galeguismo como un movemento de reivindicación política de Galiza como realidade nacional diferenciada. Este, condicionado polo proceso político no Estado Español, percorre tres etapas: Provincialismo (1840-1885), Rexionalismo (1886-1915) e, posteriormente, o Nacionalismo (1916 en diante).

Así, no contexto do referido enfrontamento dos progresistas contra a ocupación do poder por parte dos moderados, abrolla unha xeración de mozos ligados ao progresismo, pero máis identificada con Galiza, que se agrupan ao redor da Academia Literaria de Santiago. Son os 'provincialistas'.

Malia a súa vinculación ao movemento progresista, diferénciaos do progresismo ortodoxo a influencia de lecturas dos socialistas utópicos —Fourier ou Ramón de la Sagra— e do chamado cristianismo social —Lamartine ou Lammenais— así como o teren Galiza como obxecto constante das súas reivindicacións.

Entendían Galiza como unha provincia, de aí o seu nome, e reaxían contra os prexuízos e agravios, tentando que o peso específico do país aumentase nun tempo no que a centralización do Estado se concebía como a única forma de rematar co Antigo Réxime. Por iso, aínda que Galiza padecese "unha existencia oprobiosa, convertida nunha verdadeira colonia da Corte" (A. Faraldo), asumiron a súa pertenza á nación española e non defenderon medida descentralizadora ningunha.

Os provincialistas van apoiar o levantamento dun sector do exército liderado por Solís en Lugo, en abril de 1846, espallando a proclama revolucionaria e mesmo desempeñando cargos políticos na efémera Xunta Superior do Reino de Galiza —Rodríguez Terrazo, presidente, e Antolín Faraldo, secretario—. Esta participación na fracasada intentona considérase o inicio do galeguismo

Antonio Solís.

A represión posterior á derrota —mártires de Carral, exilio, fuxida— provoca un cambio xeracional, que se deu en chamar 'Segundo Provincialismo'.

Mozos demócratas como Murguía, Rosalía, Pondal, Aguirre, etc., xúntanse ao redor do Liceo de la Juventud, de Santiago, tendo o levantamento do 46 como referente. Son os participantes no xantar fraternal de estudiantes, obreiros e artesáns celebrado en Conxo no 1856 entre ameazas de pauliñas e deportacións realizadas polas autoridades civís e eclesiásticas.

Ligados politicamente a partidos da esquerda liberal española, van desenvolver sobre todo unha importante actividade cultural e publicística, e darán corpo intelectual á reivindicación de Galiza, se ben unha parte desta inxente actividade agromará xa no período da Restauración.

Neste intre comeza o proceso do Rexurdimento, no que o idioma galego, usado pola maioría da sociedade a pesar das súas connotacións negativas, acadará a consolidación como lingua literaria. Os Xogos Florais da Coruña de 1861, a edición do Álbum de la Caridad e a publicación das obras de Rosalia, Pondal e Curros son os momentos máis salientábeis desta renacenza.

Asemade, Murguía, superando o enfoque romántico de Benito Vicetto, traballa a prol da reconstrución do noso pasado histórico sobre novos métodos interpretativos na súa Historia de Galiza , e á elaboración do concepto de Galiza como nación diferente á española, que rematará xa na etapa rexionalista. Tal elaboración supón un avance cualitativo na evolución teórica e ideolóxica do galeguismo.

Ademais destas tres liñas básicas de actuación, os membros desta xeración non son alleos aos grandes problemas que afectan ao noso país, sendo así que defenderon a supresión do sistema foral ao tempo que se posicionaban contra a emigración e as súas causas, cuestionaron a demora na construción do ferrocarril e adoptaron unha posición crítica a respecto da opresión da muller.

A partir de 1886, ano da publicación de Los Precursores de Murguía e dun seu artigo en "La Región Gallega", da que era director, no que se define Galiza como unha nación, ábrese unha nova etapa, o 'Rexionalismo'. Neste periodo o galeguismo acadará unha definición máis precisa no campo ideolóxico e no organizativo.

Unidas na crítica ás grandes eivas do sistema político da Restauración —centralismo e caciquismo— e á situación económica que xeneraba en Galiza —miseria, emigración, dependencia—, no Rexionalismo van confluír tres grandes correntes ideolóxicas contrarias. Unha corrente caracterizouse como federal, e estivo encabezada por Aureliano Pereira, director dos periódicos "Diario de Lugo" e "El Regional", da mesma localidade. Este grupo acabará abandonando o Rexionalismo posteriomente. Outra corrente, de inspiración tradicionalista, foi definida por Alfredo Brañas na súa obra El Regionalismo e no discurso realizado na apertura do curso universitario 1892-93, "La crisis económica en la época presente y la descentralización regional". Brañas evolúe desde posicións tradicionais cara ao Rexionalismo, postulando unha descentralización do Estado desde o antiliberalismo e o anticapitalismo para así recuperar a vella orde político-social. Manuel Murguía, polo seu lado, lideraba a tendencia liberal, herdeira do Provincialismo, que era a de máis relevancia. Malia as discrepancias, as tres correntes consideraban Galiza unha nacionalidade con dereito á recuperación e defensa dos seus signos de identidade culturais e lingüísticos e á autonomía política.

A necesidad de contar cunha plataforma na que confluísen as tres tendencias propiciou a aparición da Asociación Regionalista Gallega, a cal supuxo unha ruptura co modelo organizativo político español. Fundada en 1891 e presidida por Murguía, debería articular desde Santiago os outros comités rexionais. A actividade política da Asociación Regionalista consistiu na presentación dunha candidatura electoral ao concello de Santiago, na campaña de propaganda coincidindo co traslado dos restos de Rosalía para Santo Domingos de Bonaval, na organización dos Xogos Florais de Tui, e na campaña de axitación e protesta contra o pretendido traslado da Capitanía Xeral da Coruña para León. Para tales fins valíanse do seu órgano de prensa "La Patria Gallega" (1891-1892).

Manuel Murguía.

Con todo, a ausencia de compromiso por parte da burguesía, fidalguía e clero, e o afastamento do campesiñado e dos asalariados, explican a febleza do Rexionalismo no cambio de século. A prematura morte de Brañas e o transfuguismo de Aureliano Pereira acentúan esta fraxilidade, manténdose só homoxéneo o grupo de Murguía ao redor da Liga Gallega.

Era 1907 cando, imitando o esquema organizativo catalán, nacía na Coruña a Solidaridad Gallega, resultante da converxencia da corrente rexionalista liderada por Murguía e Lugrís, entre outros, do republicanismo galego encabezado por Moreno Barcia e o médico Rodríguez, e os neocarlistas guiados por Vázquez de Mella, iniciándose unha nova fase no Rexionalismo.

Problemática económica e social

Esta problemática é continuación da vista no capítulo anterior para a primeira metade do século, mais cómpre recordármola.

A partir dos anos 1830-1840, Galiza sómese nunha situación de crise e ralentización do crecemento económico. O desenvolvemento vese dificultado pola vixencia das relacións sociais de produción propias do antigo réxime, pola actitude das clases dominantes, que invisten o excedente agrario en gastos suntuarios ou drénano cara ao exterior, pola ausencia dun mercado integrado e pola política do goberno central. Frústrase o desenvolvemento capitalista autocentrado e consolídase a condición de periferia subdesenvolvida, como amosa o forte compoñente de extraversión dos sectores gandeiro, mineiro, madeireiro e conserveiro.

A agricultura evoluciona moi lentamente, sobre todo debido ao mantenemento do sistema foral e ao reducido tamaño das explotacions derivado do mesmo.

Segadores en Lugo.

O sistema foral, que establecía un tipo de propiedade compartida —o dominio útil, nas mans do campesiño que explota directamente a terra, e o dominio directo, que se apropia do excedente xerado en forma de renda— apuntalouse porque as distintas leis desamortizadoras, lonxe de converter a terra en mercancía, só supuxeron a transferencia da titularidade das rendas da terra. O que se vendeu en Galiza non foi a propiedade da terra, senón unicamente o dereito á percepción das rendas; deste xeito, a estrutura das relacións de produción existente permaneceu e só cambiou o titular que percibía a renda. Se antes eran os grandes centros eclesiásticos, agora van ser os fidalgos, os burgueses adicados ao comercio ou a labores administrativos ou profisionais, e moi poucos campesiños.

Como consecuencia da consolidación do sistema e da excesiva parcelación que xerou, prodúcese un estancamento técnico —instrumentos tradicionais e ausencia de maquinaria, escaseza de adubos...— e fréase a especialización produtiva que permitiría transformar a agricultura de subsistencia noutra orientada cara ao mercado.

Estas perniciosas consecuencias fixeron que o foro tamén fose considerado, naquela altura, como un impedimento para o desenvolvemento agrario, de tal maneira que houbo continuas intentonas para a súa supresión. Neste sentido cómpre salientar, por unha parte, a celebración en Santiago do I Congreso Agrícola Galego, onde as teses favorábeis á redención foral a prol dos campesiños, defendidas por Paz Novoa ou Montero Ríos, se enfrontan aos reversionistas, como Pardo Bazán, partidarios de que as terras pasasen ás mans dos rendistas, e a moitos outros fidalgos, defensores do sistema. Pola outra, a Lei de Redención Foral, presentada polo mentado Paz Novoa, que foi aprobada en agosto de 1873 pola I República, sendo abolida xa ao ano seguinte.

Despois destes intentos en van e de novos proxectos sen aplicación, a redención foral vai ser un feito gradual no cambio de século. As loitas agrarias e a disposición de efectivo por parte do campesiñado gracias á comercialización do gando e da madeira e, sobre todo, ás remesas da emigración— posibilitaron que este accedese á propiedade plena da terra, sendo en 1926 cando Primo de Rivera sancione legalmente a redención foral.

Porén, as reformas liberais tamén obrigan aos campesiños a orientar parte da produción cara ao mercado, ao estaren suxeitos ao pago en metálico de diferentes contribucións, sobre todo ao converterse o Estado en perceptor único dos impostos. Exemplo desa orientación é a exportación de gando para Inglaterra, unha das contadas fontes de ingresos dos campesiños. Sen embargo, a mediados dos 80 perdeuse o mercado inglés pola imposibilidade de especializar racionalmente a cabana gandeira e pola política proteccionista do goberno, favorecedora dos grupos industriais bascos e cataláns e dos cerealeiros españois. Só a chegada do ferrocarril facilitou a reorientación da exportación cara ao mercado español.

Os sectores da industria doméstica —lencería do liño, curtición e siderurxia— que se desenvolveran no século XVIII van esmorecer por distintas causas durante a centuria. Nesta situación de crise só se reactivarán algunhas industrias ubicadas na xeografía pero non no tecido económico do país, que o Estado intervencionista construirá na Coruña e en Ferrol: a Fábrica de Tabacos e o Arsenal Militar respectivamente.

No solpor do século consolídase a conserva, primeiro sector industrial capitalista, pero que foi incapaz de transformar a economía galega globalmente mais alá do seu contorno inmediato.

A política arancelaria do Estado e o feito de a burguesía comercial —grupo social cunha posíbel tendencia a empregar capitais na industria—, investir no proceso desamortizador, son factores importantes desta recesión.

As vías de comunicación —estradas e ferrocarril— tamén se transformaron lenta e serodiamente, malia ser, nesa altura, indicadores do progreso.

Galiza quedou á marxe do desenvolvemento construtivo do ferrocarril promovido no Estado. As causas foron diferentes: dificultades xeomorfolóxicas, incapacidade do capital galego, presións localistas e marxinación por parte do poder central. Só en 1873 se inaugura o primeiro ferrocarril entre Santiago e Carril, vinculado á exportación de gando a Inglaterra. Posteriormente, en 1883, incorpórase á rede ferroviaria española a través dunha única liña Palencia-Monforte, co obxecto de integrar a economía galega no mercado español nunha situación de dependencia, como zona agro-exportadora.

O mantemento da propiedade foral no campo e a inexistencia dun sector industrial avanzado que absorbese man de obra, xa referidos, condenaron grande parte da poboación á emigración buscando unha saída á fame e á miseria. A estas fundamentais causas, ligadas ao fracaso do desenvolvemento do capitalismo, pódense sumar outras tamén estruturais, como a fuxida do servicio militar ou a vixencia de complexos sistemas hereditarios.

A riada emigratoria, iniciada en anteriores centurias, acadou tal magnitude durante o século XIX que se converteu no trazo máis definitorio da demografía galega. Algúns especialistas cifran en 500.000 as persoas que, provenientes de todas as bisbarras do país, deixaron a terra na segunda metade do século XIX; maioritariamente homes en idade activa, se ben a final do século se incorporaron tamén mulleres, non sendo alleos os nenos.

Saída de emigrantes do porto da Coruña.

Para pagaren a viaxe, a grande maioría terían que vender ou hipotecar as súas propiedades ou as das súas familias; outros aproveitarían a financiación dos "ganchos" americanos. A travesía facíase, ata os anos 70, en vellos buques de vela, propiedade de armadores galegos. Logo foron substituídos polos trasatlánticos de vapor, xa consignados polas compañías estranxeiras, sen que este cambio mudara substancialmente as pésimas condicións e os continuos abusos a que eran sometidos os viaxeiros e viaxeiras.

O punto de destino tamén cambiou ao longo da centuria. Na primeira metade as zonas de Porto e Lisboa eran as grandes receptoras, pero andando o século serán Arxentina, Brasil, Cuba e Uruguai, países da periferia do sistema capitalista mundial que precisaban dun grande aporte de man de obra barata para poderen aproveitar os seus recursos primarios. Por iso as condicións de explotación ás que estaban sometidos os e as emigrantes eran brutais.

Esta precaria situación propiciou o xurdimento de moitas sociedades galegas de emigrantes. Así, por exemplo, na Habana fundouse en 1871 a Sociedade de Beneficencia de Naturales de Galiza, destinada a protexer e proporcionar axuda médica aos emigrantes galegos ante a inexistencia de cobertura social. A esta sociedade adicoulle Rosalía o seu libro Follas Novas. Tamén na Habana se crea o Centro Galego, que, ademais das súas funcións mutualistas, desenvolve un grande labor cultural, por exemplo subsidiando a Historia de Galicia de M. Murguía, ou reivindicando a figura de Rosalía despois do seu pasamento. Á imitación deste Centro fundarase, logo, o de Buenos Aires. Asemade, a emigración dotarase dunha grande cantidade de medios de expresión escrita, sendo "El Eco de Galicia", publicado baixo a dirección de Waldo Álvarez Insua, o primeiro xornal galego de América.

A emigración, que foi amplamente debatida sobre todo nos anos 60-70, incidiu negativamente no crecemento natural do país e favoreceu o envellecemento da poboación. Porén, as remesas de divisas serviron para que moitos campesiños e campesiñas redimisen os foros e accedesen á propiedade das terras, para mercaren gando e para anovaren as súas casoupas. Tamén propiciaron a fundación de escolas, sobre todo de educación primaria, sendo moi pequenos os capitais destinados a inversións na industria. Sen embargo, con estas remesas equilibrouse a balanza comercial española e axilizouse o desenvolvemento capitalista noutras zonas do Estado.

IMAXES