A Etapa Contemporánea (S. XIX)
A poesía e o teatro interseculares
Gonzalo López Abente

Gonzalo López Abente , natural da vila mariñeira de Muxía (1878-1963), residiu case sempre nesta localidade, onde exerceu como funcionario de banca tras cursar a carreira de Dereito en Santiago de Compostela. A morte da súa dona no primeiro parto, ao ano de casaren, vai condicionar a vida do autor e o propio contido da súa obra. Despois dalgunhas viaxes por Europa e América, xa en moi poucas ocasións abandonará no sucesivo a súa vila natal. Mais estas circunstancias non lle impediron participar activamente na vida política e cultural que no seu tempo se desenvolvía en Galiza desde o ámbito nacionalista. Así, formou parte da dirección da Irmandade da Fala de Muxía, colaborando desde os primeiros números en A Nosa Terra ,foi representante da Costa da Morte nas Asembleas Nacionalistas e tamén representou a Muxía na Irmandade Nacionalista Galega; ao mesmo tempo, colaborou noutras publicacións como Nós ou Ronsel ,e participou en proxectos culturais como a Colección Lar ou o Seminario de Estudos Galegos , mostrando sempre un claro compromiso co idioma do país; en 1936 participou activamente na campaña a favor do Estatuto de Autonomía e tamén nese ano foi elixido presidente da Asociación de Escritores galegos. Pouco despois de terminada a guerra civil ingresaría na Real Academia Galega , onde chegou a ter unha activa participación, mantendo unha frutífera relación de amizade con Sebastián Martínez-Risco , presidente desde 1960 e prologuista dalgunha das súas obras.

López Abente en 1909.

López Abente é un autor prolífico que cultivou diferentes xéneros literarios, deixándonos unha abundante obra, aínda que a súa principal aportación ás nosas letras proveña do campo da poesía, onde alcanzou un lugar destacado entre a nómina de poetas. Como autor de prosa narrativa deixounos O diputado por Beiramar (1919) e O novo xuez (1922), novelas curtas en que mostra as súas preocupacións sociais, así como dous relatos de carácter popular e ambiente mariñeiro publicados na Colección Lar, Buserana (1925) e Fuxidos (1926).Tamén ensaiou a novela longa con Vaosilveiro (1929) e o teatro con María Rosa (1928), en ambos os casos con poucos resultados.

Como poeta publicou en vida cinco libros, aparecendo outros dous postumamente, ademais das moitas colaboracións en xornais e revistas, unha boa parte delas recollidas nas diferentes obras. O primeiro libro de versos que publica é Escumas da ribeira ,que debe ser de 1911, aínda que figure sen datación; predominan nel os poemas xuvenís caracterizados pola sinxeleza, onde combina a tradición decimonónica con algúns trazos do premodernismo, mostrando xa certa riqueza léxica e variedade métrica e rítmica; en poemas como "A fouce" alcanza unha considerábel altura lírica.

O segundo libro é Alento da raza ,tamén sen datar, mais saído do prelo arredor de 1918 cun extenso prólogo de Aurelio Ribalta; o poeta alterna os acentos do seu parente Eduardo Pondal coa influencia de Cabanillas e ensaia complexas combinacións métricas, combinando tamén o uso de abundantes cultismos léxicos cunha lingua de marcado acento dialectal; por outra parte, son frecuentes as referencias eruditas a personaxes e mitos universais —Anteo, Venus, Homero, Sísifo, Febo...—, que xuntamente cun léxico culto e o dominio do verso longo, en especial o alenxandrino, reafirman as influencias modernistas; e todo isto unido á reivindicación histórica de Galiza, realizada con verso forte e enérxico, de feitura clásica.

O seguinte libro é Do outono ,que sae do prelo a fins de 1924 con debuxos de Cebreiro e consta de sesenta sonetos hendecasílabos; para Miro Villar , coincidindo con boa parte da crítica, este é o mellor libro do autor por ser onde máis se pon en evidencia "o feitío clásico do poeta, o seu dominio da medida e do verso e o seu traballo de depuración e labra das palabras". Xunto a sonetos de inspiración paisaxística de tipo impresionista aparecen outros de carácter moralizante ou de loita ao estilo de Cabanillas —"Valentes"— e algúns achegados a temas máis propiamente modernistas, como a exaltación da figura do poeta ou a fatalidade do amor, segundo xa sinalara Carballo Calero.

En Nemancos ,último poemario de preguerra (1929), o autor toma como motivo de inspiración poética a súa terra natal, anunciado xa no soneto inaugural —"Muxía"—, facéndose moi destacada a presenza do mar, que converte o autor nun dos poetas galegos que mellor o souberon cantar. O mar é tamén o que dá unidade a Centileos nas ondas (1958), interesante libro que consagra o autor nesta faceta lírica —"fermoso retrato lírico do mar", segundo o define Sebastián Martínez-Risco no prólogo—; nalgunhas composicións o mar ten unha presenza accidental ou simbólica, noutras serve de ambientación lírica ao poema e en ocasións convértese no centro do mesmo; como tamén afirma Martínez-Risco, "o poeta canta o mar sen deixar de fitar á terra".

Poema de López Abente publicado en  A Nosa Terra no 1919

Decrúa (1966) é a primeira das súas dúas obras póstumas; recolle composicións de varias épocas, que van desde fins do século XIX até pouco antes da morte do poeta, reiterando e complementando as liñas temáticas e estéticas xa postas de manifesto nas súas obras anteriores. A outra obra póstuma é Monza de frores bravas para Nosa Señora da Barca , publicada en 1971 con motivo de lle ser consagrado ao poeta ese ano o Día das Letras Galegas; son quince composicións dedicadas á patroa de Muxía; a temática relixiosa estaba practicamente ausente do resto da súa obra, mais non o están tampouco nesta a paisaxe e o mar, fonte constante da súa inspiración poética.

En conclusión, Gonzalo López Abente conforma unha voz lírica singular dentro da xeración poética intersecular, legándonos unha obra ampla e digna, con indubitábeis acertos no seu achegamento ao modernismo e cun ton xeral de calidade que o converten nun dos poetas galegos merecentes de especial atención.

IMAXES