A Etapa Contemporánea (S. XIX)
A poesía e o teatro interseculares
Introdución

A fins do século XIX a literatura galega entra nun período de depresión, máis cualitativa que cuantitativa, que comprende aproximadamente desde 1891 até 1914 e que marca a transición intersecular entre o Primeiro e o Segundo Renacemento da nosa literatura.

Eduardo Pondal, no 1910, acompañado de Francisco Tettamancy e Uxío Carré.

A literatura intersecular ten un marcado carácter rural, pois aínda se asociaba o uso do galego ao mundo da aldea, e de costas á vida urbana; vinculábase á defensa da terra e da tradición, representada polo rústico. A manifestación gráfica da lingua carece duns criterios uniformes, producíndose un certo caos ortográfico; ao mesmo tempo, esta lingua reproduce, en xeral, a fala popular, cos vulgarismos, castelanismos e dialectalismos propios da mesma.

Durante o século XIX a prensa escrita xoga un papel primordial na difusión da literatura en galego, e seguirao a xogar no primeiro tercio do XX; mais, desde os últimos anos do século pasado, o libro comeza a gañar importancia. Esa prensa, non obstante, era case toda en castelán, e nela o galego desempeñaba un papel moi subsidiario e de contraste, reservado, en xeral, para a poesía ou o humor de signo rural, nunha función claramente diglósica. No último cuarto do século van aparecer as primeiras publicacións integramente en galego e o idioma irá ocupando espacios que anteriormente lle estaban vedados.

A literatura galega irase consolidando ao longo do Rexurdimento vinculada cada vez máis aos movementos de carácter socio-político ( rexionalismo e agrarismo ). Os autores tamén irán adquirindo a conciencia de que o galego é un idioma apto para todo tipo de expresión literaria e que, ademais, é quen representa o ser colectivo dos galegos. O seu uso escrito irá pasando, no necesario proceso de estandarización, desde unha etapa dialectal e outra interdialectal, á procura dun galego supradialectal propugnado polas Irmandades da Fala . A fundación da Real Academia Galega en 1906 é un paso máis no proceso de consolidación da nosa cultura e de dignificación da lingua, aínda que non cumprise coas expectativas despertadas.

A creación das Irmandades da Fala en 1916 inicia unha nova etapa, tanto no plano político como no cultural, que se vai resumir co termo " nacionalismo ", superador do provincialismo e o rexionalismo surxidos no XIX. O labor das Irmandades vai ser moi grande no campo cultural e lingüístico: procuran a recuperación e modernización da tradición cultural galega e senten a necesidade de prestixiar a lingua, loitando por normalizar o seu uso en todos os ámbitos da vida e por superar os complexos que padecen os falantes. Podemos dicir que por primeira vez se elaboran estratexias conducentes a unha normalización cultural e lingüística do país.

A actividade editorial vai adquirir un pulo extraordinario; ademais da publicación A Nosa Terra ,van surxir polos anos vinte pequenas editoriais que tentan promover unha narrativa galega de carácter popular, co obxectivo de consagrar o uso do galego na prosa. Unha mención especial merece a revista Nós ,que dará nome a unha xeración de grande trascendencia na cultura galega, con nomes tan importantes como Vicente Risco , Otero Pedrayo , Castelao , etc.; esta publicación e os homes da súa xeración estenderán o uso do galego aos campos que máis se lle resistían, os do ensaio e da prosa científica. Nesta taref a tamén desempeñará un papel destacado o Seminario de Estudos Galegos ; nel ingresarían o 14 de marzo de 1926 os máis importantes poetas da xeración intersecular: Ramón Cabanillas , Noriega Varela e López Abente , ademais de Victoriano Taibo . A chegada da Segunda República, a creación do Partido Galeguista e o Estatuto do 36 auguraban grandes avances na promoción da cultura e a lingua galegas, mais o comezo da guerra civil veunos frear, supondo, na práctica, a parálise de toda actividade cultural e científica no noso país.

IMAXES