A Etapa Contemporánea (S. XIX)
A crise finisecular. A narrativa de López Ferreiro
López Ferreiro e a novela histórica

Se facemos caso do "Aviso ao hondoso lector" que o propio López Ferreiro redacta como prólogo da súa primeira novela, as razóns que o levarían a estrearse como narrador serían basicamente dúas: por un lado, e como unha prolongación da súa faceta de historiador, a recreación novelada de etapas ou momentos históricos da súa "patria querida"; por outro, unha explícita reivindicación da lingua galega, usada xa con anterioridade nas sucesivas colaboracións en publicacións rexionalistas monolingües como A Monteira .

Así pois, coa idea confesada de "tranquilalas inquietudes e as acias do espírito", irrompe López Ferreiro no mundo practicamente virxe da narrativa galega, e faino con tres novelas de extensión considerable: A tecedeira de Bonaval (1894), O castelo de Pambre (1895) e O niño de pombas (1905). Con elas non só introduce un xénero case inédito na novelística galega, senón que se converte na figura máis interesante da prosa de ficción ata a chegada do Grupo Nós .

Verdadeiramente, pouco se levaba feito neste campo desde a aparición no 1880 da que sería a primeira novela da nosa literatura contemporánea, Maxina ou a filla espúrea ,de Marcial Valladares . Temos noticia a penas de tres relatos curtos de tipo histórico, dados a coñecer con anterioridade en publicacións rexionalistas. Trátase de dúas lendas históricas de Manuel Lois Vázquez, A Reina Loba (publicada en O Galiciano primeiro, e despois en O Tío Marcos da Portela )e Alira de Elfe (publicada no 1890 en A Monteira ) . O terceiro, da autoría dun tal Roque Pesqueira, titúlase Marcelo ,e foi publicado no 1888, en O Tío Marcos da Portela . E mesmo anticipos dalgunhas novelas, publicados tamén na prensa rexionalista; así: os primeiros capítulos de A cruz do salgueiro ,de Xesús Rodríguez López , durante os anos 1892 e 1893, na revista Galicia de Martínez Salazar . En definitiva, á parte da xa mencionada Maxina, a penas encontramos relato curto, ou simplemente fragmentos; nada comparable á obra ferreiriana.

O semanario de Lugo,  A Monteira,  publicou por entregas a obra de Manuel Lois Vázquez,  Alba de Elfe.

Obviamente, non consideramos antecedentes os autores galegos que, aínda situando as súas obras en Galicia e recreando etapas da nosa historia, cultivan novela histórica en castelán. Este é o caso dun Benito Vicetto, Neira de Mosquera ou o propio Murguía, que nos seus anos mozos recreou a figura de Diego Xelmírez.

Probablemente pola estreita relación entre este xénero literario, alomenos naquelas manifestacións que non son un producto de evasión, con cuestións de tipo ideolóxico, López Ferreiro non está só neste gusto pola ficción ambientada no pasado. Tamén no teatro se observa por estas datas unha tendencia á recreación de temas históricos; así: no 1891 estréase A Torre do Peito Burdelo ,de Galo Salinas; do 1897 son Pedro Madruga , de J. Cuveiro Piñol, e Unha revolta popular ,de Emilio Álvarez Jiménez. Para o profesor M. Hermida, a novela de Otero Pimentel, Campaña da caprecórneca. Novela galega hestóreca ,do ano 1898, de histórica non ten nada a pesar do subtítulo; si, en cambio, un conto de Lugrís Freire, "Pol-a Patria. Episodio da guerra da Independencia en Galicia", un relato patriótico referente ás accións dos galegos contra os invasores franceses ( Revista Gallega , 1898, e El Eco de Galicia ,editado en Bos Aires).

Como é ben sabido, e sen entrar na cuestión dos hipotéticos precedentes clásicos, este tipo de relato desenvólvese fundamentalmente en Inglaterra e Francia nos primeiros vintecinco anos do século; en España e Italia ponse de moda uns anos roáis tarde, e en Galicia vaise cultivar abundantemente, pero en castelán. A narrativa en galego, tamén a de tipo histórico, nace nas estribacións do Rexurdimento, no contexto das correntes realistas, cando empeza a dispor de público lector. Adóitase falar de desfase cronolóxico e mesmo estético cando se observan as datas de publicación das tres novelas ferreirianas, moi posteriores á moda da novela histórica de inspiración romántica. Naturalmente, cada literatura ten a súa propia dinámica interna, absolutamente condicionada polas circunstancias históricas que lle toca vivir. Polo tanto, no caso da literatura galega, non podía ser doutro xeito, xa que para entón estábase aínda nos prolegómenos do despertar político e literario. Así pois, é lóxico que haxa novela histórica cando este despertar se está producindo, na medida en que unha das características fundamentais das mellores novelas decimonónicas deste tipo en Europa, desde Ivanhoe ata a novela italiana, é a cuestión nacional ,o patriotismo. Vaise ao pasado para aplicalo ao presente, senón non é posible a reconstrucción dese pasado. E esta característica dáse perfectamente no coengo compostelán, que de ningún xeito entende esa recreación como un modo de evasión.

Por outra parte, é de notar que as tres novelas foron publicadas primeiro na prensa periódica, o que era algo habitual na época. Como afirma M. Hermida no libro anteriormente mencionado, a maioría dos textos narrativos do que el chama o Tempo do Rexurdimento "hai que os esculcar nas diversas revistas e xornais escritos integramente en galego ou naqueloutras que, malia seren bilingües, contan cun marcado signo galeguista". Cando tiñan moito éxito pasaban a editarse en libro, como aconteceu nos dous primeiros relatos do autor compostelán. Isto xa por si só cuestionaría aquela afirmación do profesor Carballo Calero de que o eclesiástico santiagués non escribía para o gran público, senón para os seus amigos, coma el amantes da arqueoloxía. Obviamente, López Ferreiro escribía para un público máis variado do que pensa Carballo, porque nas tres novelas se conta, e dun xeito ben ameno por certo, unha intriga amorosa, moi folletinesca ela; ou recréanse escenas populares e relátanse liortas con absoluta mestría, cunha axilidade narrativa e unha frescura que aínda hoxe asombran, e o que é máis importante, enganchan o lector arrastrándoo ata o final. As recreacións arqueolóxicas non deixan de ser pequenos "desabafos" co lector, nos que mostra as "suidades" do que el chama as "glorias pasadas", á vez que un intento de difundir un patrimonio artístico do que se sente orgulloso (e ve desaparecer pola incuria dos novos tempos). Pero el conta cuns extraordinarios dotes de narrador, capaz como poucos de evocar situacións con realismo e viveza, e conta tamén cun lector atento e sensible; ao que busca non só "instruir", senón tamén "deleitar".

Así pois, con López Ferreiro incorpórase á literatura galega un xénero que, tendo o seu representante máis perfecto en Walter Scott, atopou moitos cultivadores (e fascinou a moitos lectores) nas máis importantes literaturas europeas ao longo dos últimos douscentos anos. Con todo, aínda a estas alturas a consideración da novela histórica como xénero é un problema de contornos pouco definidos, dados os puntos de contacto con outros tipos de ficción ou co mesmo discurso histórico.

Polo que respecta á filiación estética das novelas ferreirianas, e de quere rm os etiquetalas dalgún xeito, probablemente poderíamos consideralas como pertencentes ao tipo de  novela histórica moderada ,   se  facemos caso da clasificación proposta por Juan Ignacio Ferreras no seu estudio sobre este xénero na literatura castelá. Estas novelas, efectivamente, non pretenden a exaltación romántica do individuo, senón a recreación dun universo histórico e o enxalzamento de dete rm inados elementos do mundo tradicional.

Finalmente, non poderiamos rematar estas consideracións globais sen chamarmos a atención sobre o es tilo e a extraordinaria riqueza lingüística con que están escritas estas obras. O autor demostra un profundo coñecemento da lingua na súa dobre vertente culta —polo seu contacto coa documentación me dieval— e oral, como se ve nas magníficas evocacións de escenas protagonizadas por personaxes populares (labregos, artesáns, etc.). O resultado é un discurso caracterizado pola fluidez e viveza expresiva, á vez que pola recreación do sabor máis xenuinamente galego. Cuestións de tipo ortográfico ou mesmo deturpacións claras da lingua son perfectamente comprensibles, dada a época en que lle tocou vivir e expresarse. Con todo , demostra seguir con moita atención os estudios e debates ortográficos daqueles anos, á vez que unha certa fidelidade á tradición escrita medieval (¿pola época recreada?).

A Tecedeira de Bonaval

Foi publicada por vez primeira no xornal carlista santiagués El Pensamiento Gallego ,desde o 5 de xullo ata o 21 de decembro de 1894. Ao ano seguinte, 1895, foi editada por Martínez Salazar na Coruña, como volume X da súa Biblioteca Gallega . Posteriormente vai ser reeditada por Paulino Pedret Casado en Bibliófilos Gallegos no 1953, conxuntamente coas outras dúas e baixo o título de Novelas de López Ferreiro. A última edición é do 1985, co texto normativizado, realizada por Xosé A. Palacio e Blanca-Ana Roig, cun estudio preliminar do profesor Anxo Tarrío .

A Tecedeira de Bonaval,  de Antonio López Ferreiro.

Polo que fai ao deseño editorial e á estructura da propia novela , hai que ter en conta a súa publicación por entregas, o que vai condicionar a organización da materia narrativa en capítulos curtos, concibidos como unidades relativamente autónomas e precedidos dun título que adianta a idea central do mesmo.

Os acontecementos localízanse na Compostela de mediados do século XVI, exactamente ao longo de dous anos e medio, entre decembro de 1543 e abril de 1546. Cunha fidelidade histórica extraordinaria, como demostra o feito de utilizar documentación auténtica, ou personaxes de existencia probada, nárrasenos o enfrontamento entre os burgueses de Santiago e a igrexa compostelá, que se materializa no intento por parte dalgúns rexedores de retomar o contencioso que o concello compostelán mantiña desde había tempo co Arcebispo. A cidade de Santiago rexeita a xurisdicción episcopal, por considerar abusivas as cargas que dela se derivan e ver no Arcebispo un elemento contrario aos seus intereses, acusándoo de privilexiar os de fóra sobre os do país e provocar mesmo o desprazamento da lingua propia.

Entretecida con esta, vaise desenvolvendo desde as primeiras Tiñas unha historia amorosa co final feliz típico das novelas populares. A importancia que se lles dá ás dúas é bastante similar, xa que a lixeira descompensación no reparto dos capítulos (11 e 9, respectivamente) queda resolta polo comezo e polo propio título da novela, que resalta un personaxe directamente relacionado coa trama amorosa. O seu desenvolvemento, con ser paralelo, está interrelacionado, tanto por albergar personaxes que participan das dúas accións como polo tratamento que lles dá o narrador alternándoas. Ambas as historias teñen un desenvolvemento lineal, con algunha analepse e cambios no ritmo narrativo, que se remansa ou axiliza sucesivamente, e dota a novela dun gran dinamismo.

Pero ademais de recrear unha determinada época, ou uns determinados acontecementos, López Ferreiro quere contarnos unha historia amena, entretida e viva. Así se entende o tratamento tan extenso que lle dá á segunda historia, e a complicidade que se establece entre autor e lector implícitos.

Chama a atención neste relato claramente urbano o papel xogado pola cidade, ata o punto de que para A. Tarrío esta sería a verdadeira protagonista, sinalando o triángulo xeográfico (Catedral, Praza do Outeiral, Bonaval) como símbolo das tres forzas sociais que, estreitamente relacionadas, fan dela un espacio absolutamente dinámico e cheo de vitalidade.

En canto ós personaxes, cómpre resaltar a figura de Catuxa, destacada xa no título, así como as de Gonealvo (o único castigado coa morte) e Rodrigo de Bendaña, que, convertido nun trasunto do propio autor, se comporta máis que como unha "fada boa", como un auténtico confesor. Pero, en xeral, son personaxes nos que case non hai evolución sicolóxica, e si unha caracterización tópica, tanto desde o punto de vista físico como sicolóxico, atendendo a unha dualidade moral, condicionada polos criterios do autor implícito.

Finalmente, desde o punto de vista ideolóxico, preséntanse fundamentalmente dúas cuestións: primeiro, a pugna entre o poder civil e o poder relixioso, nunha extrapolación do importante debate suscitado na Compostela da época sobre as relacións Estado-Igrexa; foron famosas as intervencións teóricas no Seminario Conciliar de Santiago, e nelas tomou parte tamén un estreito colaborador de López Ferreiro, o coengo Labín Cabello, rector deste Seminario, e mesmo a intervención do cardeal García Cuesta, sempre dentro dun forte integrismo católico, do que tamén participaba o noso autor, que intentaría aquí defender a validez da xurisdicción episcopal. Por outra, unha cuestión patriótica, poñendo sobre o tapete o tema da presión extranxeira sobre a cidade, que sofre o desprazamento da súa actividade comercial e artesanal, e mesmo da súa lingua, en beneficio dos estraños: "Todo nos ha de vir de fóra: xuíces, escribáns, rexedores, ata artistas e menestrais, como se aquí non houbese homes, han de ser forasteiros. Os nosos artesáns teñen que contemplar coas mans baldeiras dende as súas tendas, cómo traballan e triunfan os advenedizos. Ata a nosa fala ten que retirarse corrida, como unha leal e vella serventa a quen despachan os amos, para recibir a outra deslinguada e aduaneira". López Ferreiro, a través destas palabras de Froitoso de Ulloa, deixa ben claros os aldraxes que sofre Galicia por parte dos casteláns, pero exculpa o poder eclesiástico, acusando ao centralismo castelán. Así fala por boca de Rodrigo de Bendaña, verdadeiro trasunto do autor: ¿Que culpa teñen os Arcebispos (...) de que as donas de agora saiban e falen castelán? Cando se fixo o Hospital Real ¿foron os Arcebispos os que trouxeron acá a Henrique Egas e o seu irmán Antón? Non. ¡Foron os Reis Católicos, de feliz memoria!".

Ideolóxica é tamén a dicotomía BOS/MAL OS , establecida, respectivamente, do seguinte xeito: Arcebispo-Rodrigo-Catuxa (filla e mozo), fronte a Froitoso de Ulloa (e correlixionarios) e o seu criado Gonçalo. Fronte á nobreza, equilibrio, harmonía e ademáns pousados dos uns, o alporizamento, agresividade e actuacións avesas dos outros.

Finalmente, canto á filiación estética e á tipoloxía do relato, é evidente que se trata dunha novela histórica, entendendo por tal aquela que se ocupa do pasado histórico e intenta revitalizalo nunha recreación realista. Desde logo, sen perder de vista o modelo scottiano, reúne a maior parte dos requisitos da versión máis clásica destas novelas: recrea, a través dun discurso histórico previamente elaborado, unha determinada época do pasado moi afastada do presente narrativo; hai unha evidente intención de escribir un relato deste tipo, segundo o mesmo autor afirma no prólogo da súa autoría, así como un auténtico interese en ser o máis fiel posible ao dato histórico, de al que se reproduza documentación auténtica; por outra parte, o relato non se concibe como unha evasión do presente, antes ben como un xeito de influír ideoloxicamente nel, intervindo indirectamente en debates vivos na época do autor (a cuestión das relacións Estado-Igrexa ou a reivindicación patriótica galeguista). Coincide con Scott, ademais, nas reivindicacións de carácter "nacionalista", no tratamento das clases populares, ou na continua presencia do autor implícito, que a miúdo contrapón o tempo narrado co presente do narrador, mencionando a documentación como vínculo de relación con ese pasado que se intenta evocar; ao mesmo tempo, recréanse escenas con vivacidade e realismo, buscando mergullar o lector no tempo narrado. Esa sensación de realismo, xunto coa data de publicación, levará a algún investigador a cuestionar a adscrición desta novela á tipoloxía da novela histórica romántica de ascendencia scottiana (proposta polo profesor Carballo, por exemplo), optando por considerala unha novela realista, ou como moito, novela histórica realista do tipo dos Episodios Nacionales de Galdós. Conforme co de "novela histórica realista", pero a obra galdosiana recrea unha época demasiado próxima ao autor, e nese sentido achegaríase moito máis a outras como, por exemplo, Os camiños da vida ,de Otero Pedrayo.

A novela vai precedida dun prólogo sumamente interesante para coñecer as súas motivacións á hora de escribir as novelas, e para saber das súas preocupacións e coñecementos lingüísticos.

O Castelo de Pambre

Aproximadamente un ano despois da aparición da Tecedeira, López Ferreiro publica tamén por entregas, e no mesmo xornal, El Pensamiento Gallego,

O Castelo de Pambre,  impreso en Santiago no 1895

do 13 ao 28 de outubro de 1895, unha segunda novela , algo máis curta que a anterior pero do mesmo tipo. Nesta ocasión carece de prólogo, pero presenta unha dedicatoria a uns amigos carlistas, ante os que o autor se desculpa por non asinar o libro co seu nome e utilizar unha letra, o K, a modo de seudónimo.

A obra debeu de ter éxito a xulgar pola reedición en formato libro, que o periódico realizou ese mesmo ano na súa colección "Biblioteca de El Pensamiento Gallego ".

Non só é a segunda en canto á súa aparición pública, tamén o é pola extensión e pola ubicación cronolóxica dos feitos narrados, que se sitúan no derradeiro cuarto do século XIV.

Cun deseño editorial semellante ao da anterior, tamén neste caso condicionada polo xeito de publicación, cómpre notar, sen embargo, algunhas diferencias. Así, a materia narrativa organízase fundamentalmente nos 18 capítulos de que consta a obra; o "Engademento á leenda", que aparece ao final a modo de epílogo, funciona como unha especie de apéndice aclaratorio dunha historia amorosa truncada e cun final tan inesperado que necesita unhas últimas palabras.

En relación directa con isto enténdese a desigual distribución temporal, xa que, frente ós case dous meses e medio invertidos nos feitos narrados nos capítulos, entre estes e o epílogo pasan arredor de nove anos.

O escenario está constituído esta vez polos arredores do río Pambre e ten como trasfondo o importante conflicto nobiliar acontecido en Galicia na segunda metade do século XIV. Trata dos esforzos do protagonista, Gonzalo Ozores de Ulloa, por recuperar as súas terras e bens das mans dos seus inimigos —partidarios do Trastámara—, que se fixeran con elas despois da derrota e morte de Pedro I na batalla de Montiel, onde caera preso Gonzalo Ozores. De xeito un pouco sorpresivo, e sen que pareza existir evolución previa, preséntasenos o protagonista masculino perdidamente namorado do personaxe feminino principal; pero nesta ocasión a historia amorosa non chega a feliz término: cando todo parece indicar que a voda entre Gonzalo e Beringuela se vai celebrar, entra en escena María (a que nunca vemos en primeiro plano), un novo personaxe que cambia inesperada e radicalmente o rumbo dos acontecementos. Será esta a que case con Gonzalo, mentres Beringuela, desenganada, decide entrar nun convento.

A pesar do comezo in media res (no capítulo terceiro prodúcese unha mirada retrospectiva, o narrador recúa no tempo un mes, e cóntansenos os feitos que desencadearon a conversación inicial), o relato ten un desenvolvemento lineal, e basicamente mantense a ordenación clásica, coa presentación do problema, nó e desenlace. As accións sucédense simultaneamente bastante ben dosificadas e sen tempos mortos, salvo ao final.

A modalización narrativa é semellante á do caso anterior, co asomo constante do autor implícito; polo tanto non sorprende nin a relación familiar que se establece co lector, nin a parcialidade con que se trata ós partidarios de Pedro I (en contra da aposta histórica do señorío episcopal polos Trastámara), e por conseguinte á nobreza de maior raigame, que fora case toda ela lexitimista. Os feitos narrados, que se axustan extraordinariamente á realidade histórica, poñen de novo sobre o tapete unha cuestión ideolóxica moi importante na novela anterior: a pugna entre os de fóra e os de dentro, a través do enfrontamento entre a vella nobreza e a de procedencia e inclinacións foráneas. Por outra parte, e a pesar do título, este conflicto vaise converter no elemento nuclear da novela, ocupando dunha ou doutra forma a maior parte dos capítulos. Pero hai outros dous polos de interese no relato, a xulgar pola atención prestada: a historia amorosa, de trazado un pouco tosco, cun final inesperado pero absolutamente tradicional; e un personaxe colectivo e con gran protagonismo, o pobo, ao que observamos no seu vivir cotián, copando unha parte considerable do espacio narrativo: véxanse, por exemplo, os dous capítulos dedicados á voda da collaza (irmá de leite) de Beringuela, o capítulo primeiro ocupado pola conversación entre os dous labregos ou a xestión do contrato de foro, etc.

Esta novela segue moi de preto o modelo scottiano: como se ve no mesmo conflicto político, perfectamente comparable ao presentado en Ivanhoe , que, por certo, tamén comeza cunha conversación entre dous personaxes populares; no recurso ao disfraz en dúas ocasións, ou ao incendio, o retardamento na  identificación dos personaxes, a importancia dispensada ás clases populares, etc., que habería que engadir aos xa mencionados a propósito da obra ante ri or.

López Ferreiro demostra os seus dotes de narrador por segunda vez, conservando a atención do lector cando o empraza para o capítulo seguinte, ou a través do suspense e do misterio que envolve moitas das actuacións, da axilización ou ralentización do ritmo narrativo, cando observamos a posta en práctica das estratexias ideadas por Gonzalo ou nos presenta o comportamento da xente do pobo, en cadros áxiles e cheos de vida. Con todo, esta novela sofre un exceso de descrición arqueolóxica, tanto polo número de casos, como polo prolixo dos mesmos, o que dificulta a lectura, interrompendo en repetidas ocasións o ritmo narrativo.

 

O Niño de Pombas

Foi publicada en 1905 en El Correo de Galicia , sucesor de El Pensamiento Gallego , como folletín que se regalaba ós suscritores do devandito xornal. Asinada novamente por K , e sen ningunha dedicatoria, presenta algunhas diferencias notables con respecto ás primeiras. Así, á parte do distanciado da publicación no tempo, é con diferencia a máis breve das tres, a que conta con maior aporte ficcional, sen prescindir das referencias históricas e mesmo das descricións arqueolóxicas, recollendo descricións monumentais, explicacións de inscricións en latín, etc. Ademais, nesta os capítulos, que teñen unha extensión similar aos anteriores, non levan título, probablemente polo cambio no sistema de difusión, xa que agora a obra entrégase nunha peza.

Cuberta de  O niño de pombas,  de López Ferreiro.

A novela desenvolve sobre todo unha historia amorosa, ubicada cronoloxicamente no século XII, nos tempos do Arcebispo Xelmírez, e xeograficamente nas terras do Deza e Trasdeza, ao sur do Ulla. Nesta ocasión as referencias históricas si funcionan unicamente como telón de fondo, como escenario en que situar os acontecementos. O que non quita a fidelidade ao dato histórico, con moito menos peso, e a precisión na consignación dos detalles cronolóxicos ou espaciais, como xa é habitual no autor.

O telón de fondo serían, pois, as peripecias vividas polos fillos dun tal Sueiro Ares, o levantamento do Conde de Toroña, a invasión do rei portugués Afonso Enríquez, etc. Pero non se vai entrar en demasiados pormenores; serven só para ambientar unha relación amorosa, que terá que superar alguns obstáculos para acadar o final feliz. Parte destas dificultades derívanse do contexto socio-político, pero a elas súmanse outras estrictamente persoais e tipicamente románticas. Referímonos, claro está, ao parentesco inicial de Ramil e Mariña, ou ás circunstancias persoais daquel, o seu encarceramento e posterior rescate, etc.

A acción desenvólvese dun xeito lineal, respectando a cronoloxía interna dos acontecementos, conforme ao esquema clásico de presentación do conflicto, nó e desenlace feliz.

Como xa quedou apuntado, os recursos empregados nesta son os xa vistos: o mesmo tipo de modalización narrativa, a importancia dada ás clases populares, o protagonismo da relixión, descricións, a mesma precisión na consignación de datos, etc. Unicamente habería que destacar, á parte do xa mencionado protagonismo da trama folletinesca en detrimento da historia política que case desaparece, dous rasgos tipicamente románticos: a orixe misteriosa do protagonista masculino, e o sentimento de culpa que abafa a nai, ata o punto de obrigala a expiar toda a vida unha "lixeireza" xuvenil.

IMAXES