A Etapa Contemporánea (S. XIX)
A obra literaria de Eduardo Pondal
O autor dentro do contexto literario cultural

As teorías de Manuel Murguía foron defendidas polos membros da Cova Céltica , que frecuentaban a tertulia da librería de Uxío Carré Aldao, na rúa Rego de Auga da Coruña, mercada a Andrés Martínez Salazar. Alí facían tertulia escritores e intelectuais como Pondal, Martinez Salazar, Pérez Ballesteros, Tettamancy, Galo Salinas , Martelo Paumán, Florencio Vaamonde, Lugrís Freire , Eladio Rodríguez González e o mesmo Murguía. Na Cova Céltica tratábanse todos os temas relacionados coas orixes e personalidade de Galiza, e calquera outro relacionado coas artes e as letras, e os contertulios coincidían, seguramente desde posicións diverxentes, no común empeño na rehabilitación de Galiza e o emprego do seu idioma. Ademais dos escritores e intelectuais citados, a tertulia era frecuentada por personalidades da cultura residentes na cidade que, aínda non coincidentes coas teorias celtistas, concordaban na defensa e o renacemento da cultura galega. Entre elas estaban Vázquez de Mella, Sofía Casanova ou Barcia Caballero. Ademais, a sona e o prestixio da Cova Céltica trascendera os límites galegos, polo que era frecuentada tamén por visitantes ocasionais doutros países.

Eduardo Pondal deulle ás teorias célticas dos historiadores un tratamento literario con carácter mítico, influído pola obra poética de James Macpherson, o poeta escocés que no século XVIII publicara uns textos atribuidos a un antigo poeta chamado Ossián, versos supostamente recollidos da tradición oral en lingua gaélica, e que tiveron un grande éxito en toda a cultura europea. Como indican os historiadores da literatura, o ossianismo e o bardismo colaboran na aparición do movemento romántico. E, ademais, para os artistas e poetas posteriores aparecen como modelo de inspiración estética, diferente ao modelo clásico greco-latino, dominante até entón. Como moito máis tarde sinalara Vicente Risco, o modelo de inspiración estético e político, modelo de civilización, xa que logo, deixaba de ser mediterráneo para ser atlántico.

Mais tamén é certo que a obra poética de Pondal non vai ser unha simple imitación do modelo de MacPherson, senón que nela terá un lugar importante a influencia do mundo helénico, por outra banda sempre presente nas literaturas románticas europeas, que dotará á súa poesía da elevación ética que demanda a reconstrución da patria, do mesmo xeito que o perfil ossiánico a fornecía do sentimento telúrico, a unión íntima coa terra, para crear un universo poético propio, inserto na estética decadentista finisecular europea. Así o deixou perfectamente sinalado Manuel Forcadela (Ed. do Cumio, 1995).

Noutro lugar deste traballo quedara referida a relación de Eduardo Pondal co movemento literario e político de carácter liberal que fervía arredor do " Liceo de la Juventud ", centro de inquedanzas e soños dun tempo de propósitos rexeneradores. Carvalho Calero di que alí coñeceu a Rosalía, seguramente antes de 1853 ou nese mesmo ano. Pondal chega a Compostela nos anos en que estaba comezando o rexurdir político-cultural galego cos primeiros movementos reivindicativos que finalizaran co levantamento frustrado e duramente reprimido de 1846.

Anos en que aparecen as primeiras publicacións periódicas defendendo os intereses da Galiza e as primeiras agrupacións culturais. Pondal participou en moitas das actividades do democratismo pregaleguista, entre elas o Banquete de Conxo , celebrado o 2 de marzo de 1856 na carballeira do mesmo lugar, onde Aguirre e Pondal se deron a coñecer como poetas, nun acto de confraternización social e democrática entre artesáns e estudantes, que tivo grande resonancia e provocou a ira dos sectores conservadores e eclesiásticos da cidade, así como unha campaña de calumnias contra os dous poetas.

Pondal remata os estudos de Medicina no ano 1860. A súa formación literaria e humanística era sólida. Desde novo frecuentara os clásicos greco-latinos, Horacio e Anacreonte; Goethe, Torcuato Tasso, Luís de Camões, Milton, Byron, Chateaubriand, e logo a poesía céltica de Macpherson, a quen probabelmente coñeceu a través da edición francesa dos Poemes gaelliques ,de 1867. Pondal coñecía varios idiomas modernos —francés, portugués, italiano— ademais das linguas clásicas, e sabemos que nalgunha ocasión os utilizou como medios de expresión poética, chegando mesmo a compoñer poemas en francés. Neste idioma publicou un poema na Revista Gallega da Coruña, como recolle Manuel Ferreiro no seu estudio sobre a biografía e correspondencia de Pondal, e utilizou o catalán como referencia ou recurso estético de afinidade ideolóxica: Coma os nosos amigos/ os fortes cataláns,/ Despertade bos galegos:/ Firmes!: bon cop de fals! Tamén chegou a redactar textos en italiano segundo Carvalho Calero. E Amado Ricón ten referido que Pondal coñecía e recebía revistas literarias francesas do seu tempo; en concreto cita "L'Ilustration" e "Journal Universel".

Deixado o exercicio da medicina, en plena madurez como poeta, Pondal dedicarase de forma total ao cultivo da poesía e participará intensamente na vida cultural do país. Na cidade da Coruña, que alterna con estancias en Santiago e Ponteceso, realiza unha interesante vida social, participando nas tertulias literarias do Círculo de Artesáns e na Coca Céltica da libraría Carré. Tamén colabora no dicionario da Academia mentres traballa con total entrega na escrita de Os Eoas . Pondal pertencía a diversas sociedades culturais da cidade na que morou tanto tempo ata a morte. A Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos ou o Casino acolleron a súa presencia de dandy e a súa palabra elocuente. Foi socio da Real Academia Galega , colaborando na súa creación, e socio tamén da "Sociedad Económica de Amigos del País", así como académico honorario da "Academia de la Poesía Española", nomeado en 1910.

Queixumes d´os Pinos,  ilustrado por Luis Seoane no 1949 en Buenos Aires.

Eduardo Pondal non foi un viaxeiro físico, mais intelectual e soñador. Ao longo da súa vida non percorreu lugares distantes da paisaxe nativa, nin desde logo estivo muito tempo lonxe dos eidos patrios. A pesar das longas estancias en Ponteceso e, nos últimos tempos, instalado definitivamente na Coruña, malia sensación da soidade resultado da doenza —a hipocondría— que acompañou ao poeta nos últimos anos da súa vida (Manuel Ferreiro,1991), non se pode sustentar a idea tópica dun poeta e dun home afastado das xentes, un ser asocial, reconcentrado en si mesmo e illado física e intelectualmente. Aínda que a súa vida social fose limitada, tiña continuos contactos co mundo cultural galego e foráneo, ben por meio da correspondencia ben persoais, a través de tertulias ou calquera outro tipo de reunión.

IMAXES