A Etapa Contemporánea (S. XIX)
Literatura feminina e feminista da segunda metade do século XIX
O debate na Galiza. As escritoras emerxentes

Mais, na Galiza, tres décadas antes, a cuestión alcanza todas as características do debate público, nos "Liceos" e asociacións e nas páxinas de prensa. O Liceo de Pontevedra, por exemplo, coloca o debate no curso 1857-1858 —como reseña X. R. Barreiro— no tema: "¿La influencia de la mujer en la sociedad es mejor en la civilización moderna que lo fue en la antigua?" O Ateneo da Coruña, pola súa parte, fai o proprio en 1859 coa cuestión "¿Es la educación de la mujer uno de los elementos necesarios para la prosperidad de una nación?". Dúas liñas de imposíbel síntese se perfilan no debate: a tradicionalista-reaccionaria, partidaria da redución das mulleres ao rol de nais-esposas-almas do doméstico, que xulga "disparate craso" pensar que a muller teña a mesma capacidade que o home e que, por tanto, baixo nengún conceito debe competir cos homes na ocupación exterior á familia (posición que, como se viu, xa refutara Feixoo máis dun século antes), e a progresista-feminista, que apón á muller a mesma capacidade que a do home para o desenvolvimento de calquera aptitude e, xa que logo, para o desempeño de calquera oficio —do que se infere a necesariedade da súa formación intelectual e profesional—, e, por aquí, defende a plena emancipación das mulleres na sociedade e os seus direitos a estaren presentes no espazo público. É chamativo que a argumentación "científica" dos primeiros caja no bioloxismo deformado interesadamente, coa axuda de recursos teolóxico-bíblicos nuns casos e fisiolóxico-médicos noutros. Se para Pérez Costales (médico librepensador que Pardo Bazán converte en personaxe dunha súa novela), por exemplo, resulta un atentado á natureza que a muller estude, o avogado Pelayo Catoira remonta a distribución de roles xenéricos á Biblia e desbota calquera vinculación da ciencia á muller, só feita para o amor e para a beleza. Moi outra vai ser a posición do catedrático da Coruña García Fuertes ou de Luís Rodríguez Seoane, cofundador de El País ,en Pontevedra, catedrático de Medicina e experto en temas de agricultura e gandería, defensor da emancipación feminina desde a súa primeira xuventude e grande admirador de Rosalía. A este debate asisten e nel participan autoras novas, na década dos vinte anos das súas vidas, como Rosalía de Castro, Emilia Calé, Elvira Luna ou, desde Cuba (e xa desde os anos 40 do século), Virginia Felicia Auber Noia, figura precocísima na publicación literaria e autora dunha amplísima obra narrativa, teatral e xornalística.

Muller.  Apunte de Ramón Parada Justel.

Estamos —fins da década dos cincuenta, principios dos sesenta— nun período importantísimo na historia da Galiza: o momento en que se fragua a resurreición da literatura galega contemporánea, da man inigualábel de Rosalía de Castro, e non caeremos en hipérbole se o adxectivamos como feminino, ou onde a presenza feminina na actividade literaria e xornalística é ben destacada. Vexamos, por exemplo, a nómina de escritoras con poemas recollidos no Álbum de la Caridad : Elvira Luna, Emilia Calé, Elisa Lestache, Joaquina López de la Vega, Amadora Tapia, Concepción Arenal, Ramona Simán. Enviaran, ademais, composicións que non deron chegado a tempo de impresión: Josefa Estévez, señorita de Flamant, Ramona García Suárez, Valentina Lago Valladares, Pilar O'Felan, señorita de Valladares, Manuela Vaz. A profesora Aurora Marco, no seu libro As precursoras ,dá noticia biográfica e literaria de máis de cincuenta escritoras, a maior parte das cales desenvolveron a súa actividade na segunda metade do século XIX, e nas décadas de que nos ocuparnos, painel de extraordinaria relevancia, que aumenta se se considera o dificultoso ponto de partida a que nos temos referido. A través do traballo mencionado podemos coñecer, ben que fragmentariamente (xa é un síntoma, de seu, a dificuldade da reconstrución biográfica e do achado de textos), a actividade publicística de moitas galegas que, invariabelmente, no interior do país ou fóra de Galiza, en galego ou en español, van manter vínculos afectivos e ansia apoloxética para coa súa terra: desde xornalistas consumadas (alén de escritoras doutros xéneros) como Felicia até pedagogas como Concepción Saiz, pasando por poetas, narradoras, dramaturgas...

Aurora Marco.

Máis rechamante, comparativamente, resulta a súa existencia, se recordamos como Carolina Coronado (1823-1911), a escritora española, célebre xa en 1857, publica neste ano, nas páxinas de La Discusión a súa Galería de poetisas españolas contemporáneas ,ao longo de varias crónicas, nas que se estende sobre Josefa Massanés e Gertrudis Gómez de Avellaneda, crónicas completadas cos artigos de Emilio Castelar sobre ela propria: tres poetas, por tanto, as reseñadas, nunha "fotografía" de actualidade correspondente, en todo caso, a unha sociedade e a unha literatura con moitas menos pexas do que a galega para o seu desenvolvimento. De por parte, Carolina Coronado lamenta sentidamente a corrupción de costumes da sociedade española, importada da francesa e, por aquí, a perda da función esencial da muller, esposa e nai, que pode levar á desaparición da familia, ("Fuerza es confesarlo, en la sociedad actual hace ya más falta la mujer que la literata") e que a leva a negar calquera resto de opresión ou de cautividade á muller española a aquela altura. Carolina Coronado expide así o certificado de defunción da vindicación feminina, que ela confesa ter profesado na súa primeira xuventude, e que a aquela altura conceptúa xa cumprida e, por tanto, inecesaria. Ben é certo que a escritora estremeña incorre na tan común metonimia do pensamento burgués consistente en xeneralizar á sociedade o proprio da súa clase social, do seu círculo de relacións, e, consecuentemente, asústase ante a posibilidade dun cambio social que, conforme a súa ideoloxía e a súa moral, a alarman. Mais, por isto mesmo, resulta máis chamativo que, por estes anos, asistamos a un despregue de escritoras na Galiza que se revelan como tales xustamente cando puideron, isto é, cando houbo posibilidade de publicar (revistas, coleccións de poesía) e estímulo para o facer, ao calor do debate xeral sobre a participación feminina na vida pública.

Escrebía Ricardo Carballo Calero a propósito da importancia dos primeiros artífices da literatura galega renacente: "leer os versos dos precursores é un labor que paga a pena. É emocioante asistir aos primeiros esforzos da fala galega por adequirir rango literario. As vacilacións, os éisitos, as reitificacións, os atrevimentos, todo ten histórico interés pra quen pola historia das nosas letras se interesa. Evocamos con enorme simpatía a aqueles devanceiros —abogados, mestres, empregados— que loitando con enormes dificuldades, sen tradición coñecida en que se basear, atoutiñando, a cegas cáxeque, ás apalpadelas, foron abrindo cañiños, mellor ou peor orientados, á nosa literatura". Tal recoñecimento cómpre concedérllelo, con maior motivo, ás escritoras de que nos imos ocupar, máxime cando o ponto de partida é aínda máis inzado de problemas ou sucesivas peneiras: aprenderen a ler e a escreber (¿en que escola inexistente?) na casa; facérense letradas, instruIdas; decidírense a escreber; idem a publicar; teren onde; facérense valer; afrontar a pauliña pexorativa ("bachilleras", "literatas")...

É por isto polo que cómpre correxir un grave defeito de óptica na consideración das mulleres escritoras, minusvaloradas tantas veces sen o menor respeito á proporcionalidade, ao proprio cambio cualitativo, ab initio, que a súa escrita supón (da nada á existencia; da exclusión "normal" á presenza) e ao esencial interese histórico que supón emerxer desde ponto de partida marcado tan negativamente. A literatura galega, aliás, ofrece unha sincronía de literatura feminina ben variada: desde a populista, ben coñecedora da entraña antropolóxica e cultural do pobo galego, até unha cosmopolita Sofía Casanova, que, case centenaria, morre en Polonia, sen deixar de lembrar a Galiza, súa terra; desde quen viveu toda a vida no país até quen se integra de cheo, como Emilia Pardo Bazán, na cultura española e ama o país como turista e, quizais, como proprietaria, por lembrarmos un xuízo de Risco sobor dela; desde a respeitosa de todas as convencións sociais e relixiosas até a rebelde con causa, Rosalía de Castro, que, con efeito, rompe todos os moldes, e non por casualidade é calificada de "viril" por encomiásticos comentaristas. É por isto todo polo que a crítica tradicional, de indisimulábel base androcéntrica, precisa unha severa revisión nos seus postulados e xuízos, que pasará por aclarar a xénese, marxes de actuación, condicionamentos, tipoloxía e resposta literaria das escritoras galegas, máxime cando na clave do arco figura unha muller como Rosalía que aproveita o mellor de todos os nutrientes, superándoos e construíndo unha literatura radicalmente nova e orixinal (tanto como inasimilábel), que pide a berros a definición dun leitor-modelo á altura do que ela produciu e significou.

Sofía Casanova.

Estamos, como se ve, facendo máis unha invitación á leitura contextualizada do que unha valoración, con criterios limitativos, da obra das escritoras que é urxente habilitar para o coñecimento e a ponderación que merecen, entre elas as antologadas no volume adxunto. Tentaremos, non obstante, resumir sumariamente algúns trazos comúns que as unen:

  1. o sentimento positivo para coa Galiza, desde o cariño máis aceso á súa apoloxía explícita e a petición de remedios para a súa postración; como mínimo, record() "umbilical", sobre todo nas que viveron fóra de Galiza e puideron viaxar a ela escasamente;
  2. unha relixiosidade de base humanista, que enfatiza as propriedades moralizantes do cristianismo, e con preferencia polas imaxes femininas do mesmo (advocacións da Virxe, Santas);
  3. sentimento solidario de grupo, complicidade: homenaxe de unhas a outras; dedicatorias; intertextualidade...
  4. moi bon coñecimento do idioma: leremos a semántica correcta do adxectivo "rubia" ou o emprego de denominacións xenuínas como "cuarta feira" —Clara Corral—; "tirar", "chousas" ("cerradas"), "achado" en Avelina Valladares, no seu sentido galego verdadeiro, o que revela unha frecuentación do mesmo moi a pé de obra;
  5. o ronsel rosaliano, en fin, é visíbel nas máis delas, proba dun "maxisterio" recoñecido sen fisuras (desde unha Filomena Dato, que saúda a Eva como "corredentora", tal e como proclamara Rosalía no poema homónimo, pasando por frases literalmente repetidas: "Voume, que teño medo", de Valentina Lago Valladares, e, en xeral, moitos motivos recorrentes, expresivos dun seguimento reverencial da produción rosaliana).

Virginia Felicia Auber Noia, "Felicia" na literatura (A Coruña, 1821-Madrid, 1897), é unha auténtica escritora profesional. Filla dun francés liberal e moi culto que se viu obrigado a saír da Coruña por persecución política e da galega Walda Noia, residiu case toda a súa vida na Habana, e alí comezaría unha fecunda carreira literaria, de grande versatilidade xenérica: novelas, contos, teatro, traducións, xornalismo de opinión e de intervención. É asidua a súa sinatura en Galicia, Revista Universal de este reino ,dirixida na Coruña por Antonio Mª de la Iglesia, á que enviaba desde Cuba ensaios e artigos longos que constitúen auténticos retábulos de retrato e de crítica social: defensa da independencia moral das mulleres; ponderación da necesidade da instrución e do traballo; crítica do parasitismo señoritil; alerta contra o matrimonio como solución de vida fatal para as mulleres; apoloxía da humanidade e do sensato xuízo nas relacións sociais; crítica acérrima da hipocresía... relocen nas súas colaboracións, onde baixo o formato aparente de crónicas de sociedade, está a falar o pensamento dunha humanista, dunha moralista, que, na crítica aos ambientes aristocráticos e burgueses, evidencia as contradiccións destas clases sociais, con grande intelixencia e ironía.

De Nicolasa Añón (n. entre 1806-1810 ?), irmá de Francisco (vid. capítulo 9) sabemos que foi autora dunha abundante obra poética oral, da que só se conservan dúas pezas, transcritas por Lisardo Barreiro: literatura de factura oral, realizada por unha muller iletrada, que admira polo seu manexo do idioma e do verso.

Emilia Calé (A Coruña, 1837-1908), que asinou tamén co pseudónimo "Esperanza", fundou en Madrid a sociedade "Galicia Literaria", frecuentada por Francisco Añón, Vesteiro Torres —seu curmán— e Curros Enríquez. Poeta, narradora, dramaturga, xornalista, destacamos os artigos de intención moralizante (sempre a relixión "aplicada", con títulos elocuentes: "El orgullo", "De la virtud", "La modestia", "Reflexiones acerca de la murmuración"; na súa escrita en español estarán presentes sempre o amor e a defensa de Galiza, por exemplo, en poemas escritos desde Palencia. como outras moitas escritoras deste período, foi nomeada membro correspondente da "Real Academia Gallega", aínda que, coma elas, non chegaría a tomar posesión.

Chamativo é o poema "A Galicia", de Emilia Portal, asinado en Ares, Setembro de 1866: "Alza tu cerviz Galicia / Sal del letárgico sueño / Que tus hijos con anhelo / Ha tanto tiempo codician", comeza, para concluír, despois de instar ao castigo dos que a infaman: "Bellos días te preparan / Tus hijos bella Galicia / Vuelve pues una sonrisa / A los que tanto te aman", con talante semellante ao de Pintos e Añón, como se observa.

A Constanza Verea e Núñez pertence o poema "A volta do agoador", que ven ser unha especie de cantiga de escarnio actualizada, na que a figura do aguador —oficio típico de emigrantes galegos en Madrid— toma a palabra para satirizar os costumes da sociedade capitalina, onde o amor e o honor non valen nada frente ao diñeiro, e faino desde a súa volta decidida á Galiza, inversión completa, por tanto, dignificadora e vindicativa, do tantas veces escarnecido "gallego" en Madrid e, metonimicamente, da propria Galiza.

De Clara Corral (Ourense, 1847-A Coruña, 1908) coñecemos tres poemas en galego, publicados e reproducidos en La Ilustración Gallega y Asturiana, O Tío Marcos da Portela e noutras revistas, que revelan filiación rosaliana e, tamén, de Lamas Carvajal: os prolegómonos do encontro amoroso entre o mozo Xan e a moza Sabela, que acaba en casamento no día de San Xoán, con escenario onde axudan os elementos de natureza galega; a elexía por unha nena morta; os amores frustrados dun mozo, que no día de San Antón, santo casamenteiro, recebe un caravel da moza Calrota, que acabará rompido, como presaxio do amor fanado.

Hipólita Muiño (que asina baixo "Valentina Lago Valladares") foi tamén escritora en galego e en español. Mestra de Instrución Primaria en Ferrol, admiradora de Concepción Arenal, a súa obra en galego conservada consta dun poema, datado en Bilbao, en 1896, e titulado "A bandeira", que glorifica a orixinal bandeira galega, branca, que levaban os navíos, e varios textos en prosa publicados, ao igual que aquel, na Revista Gallega en 1895 e 1896 e máis reproducidos noutras publicacións. Excelente prosista, os seus motivos van desde as lembranzas de Pontevedra, cidade onde cursara os seus estudios, en carta que dirixe a unha súa amiga daqueles tempos, unidas pola súa excepcional dedicación ao estudo, que merecía as burlas dos compañeiros, á elexía á amiga ou á confidente morta, no mesmo camposanto, e incluíndo o conto "A lus da norte", relato do amor fanado entre Antón, obrigado a marchar á guerra a Cuba, e morto nela, e Sabela, forzada polos pais a facer bo casamento na terra, mais ao cabo, morta tamén de accidente fatal. Obsérvese como o motivo universal do amor impedido está cinxido a circunstancias ben reais da sociedade galega contemporánea: a guerra colonial; o matrimonio non querido e imposto como solución económica para a muller. Nestes —e noutros textos (interesantísima a súa crónica sobre a nada arroupada inauguración da "Real Academia Gallega")— dá mostras de grande pericia na composición de relatos realistas, con protagonismo feminino. Valentina Lago Valladares é, de certo, unha das pioneiras da prosa galega.

Filomena Dato Muruais (Ourense, 1856-Moruxo, Sada, 1926) é a escritora máis significativa do conxunto: pola amplitude da súa obra; por ser a que máis produción ten en galego; por explicitar claramente a apoloxía das mulleres e a necesidade da súa instrución; por desenvolver actividade pública como oradora en diversos foros a prol da causa das mulleres, como lle foi recoñecido por outras mulleres como Sara Ínsua ou María Barbeito, que vían nela a representante do feminismo e do amor á Galiza. Curros Enríquez ocúpase dela na súa serie de artigos "Hijos de Galicia" e salienta o seu talento, a súa modestia, o seu ferviente amor á patria e o seu profundo espírito relixioso; decláraa sucesora do xenio lírico de Rosalía de Castro, ben que marca distancias ao aporlle a Filomena un ton de queixa "demasiado femenina", en canto a mesma é case sempre en Rosalía "viril y amenazadora". Alén de composicións dispersas por moitas revistas galegas e de fóra da Galiza, Filomena Dato publica en libro, Follatos (1891), un conxunto de corenta e cinco poemas, integramente en galego, que nos ofrecen a produción ben variada dunha escritora culta, boa versificadora, versátil no manexo de motivos diversos (a defensa das mulleres, a denuncia da emigración —que califica de suicidio—, as lendas históricas, a elexía polas dores das nais, a exaltación das virtudes cristiás, o enaltecimento da Galiza, a escrita de cantares de inspiración popular e folklórica...). O poema que abre Follatos, titulado "Defensa das mulleres" (tamén unha auto-definición, como o inaugural de Follas Novas , de Rosalía) é especialmente significativo: consta de oito partes, compostas de oitosílabos asonantados, que desenvolven o propósito enunciado no título, seguindo fielmente o guión do discurso homónimo do P. Feixoo, xa citado e con recordo de escritoras como Sor Juana Inés de la Cruz. Filomena Dato desmonta, seguindo o modelo, os preconceitos máis bastos e máis operantes no seu tempo sobre as mulleres, con copia de erudición histórica e relixiosa, e con mención explícita de heroínas galegas como María Pita ou Rosalía de Castro. Convén lembrar que este longo poema obtivo premio no certame celebrado en Ourense, en honra do P. Feixoo, en 1887, e que era condición necesaria para concursar realizar unha composición baseada "na defensa das mulleres feita polo sábeo benedictino". Convidamos a unha leitura do mesmo á luz de actuais correntes do pensamento feminista que encarecen a necesidade dunha revisión historiográfica profunda que constrúa a historia da humanidade sobre a historia, ignorada e desprezada, das mulleres. Léase tamén o poema "Xa volveu", por exemplo, á luz de magníficas obras contemporáneas, como a curtametraxe "Mamasunción", do falecido cineasta Chano Piñeiro.

Filomena Dato Muruais.

Avelina Valladares (1825-1902), con apelido coñecido na literatura galega da segunda metade do XIX pola obra do seu irmán Marcial, é autora dunha ampla obra en español e en galego, que ten inventariado a profesora Aurora Marco. Son cinco os poemas en galego conservados: apoloxía entusiasta da súa terra, denuncia da emigración, glorificación do mito relixioso nacional (Santiago)... relocen nas pezas desta magnífica versificadora e defensora do país.

Ramona de la Peña (ignoramos as datas de nacimento e morte), que co seu home Manuel Castro López, coñeceu tamén a amargura da emigración e as empresas culturais en Buenos Aires ( El Eco de Galicia, El Almanaque Gallego ,onde publicará un poema e un conto, que reproducimos, que patentiza as secuelas do conflito lingüístico ben aberto na Galiza finisecular). Co pseudónimo, acróstico do seu nome proprio, Morana, publica un poema titulado "Desprezo", dirixido contra a redución das mulleres á aparencia física e á indumentaria: "Iñorante me dixeche / porque non visto de seda / ¡xamais eu che maxinara / que a sabenza fose tela!".

Sarah Lorenzana (Santiago de Compostela, 1878-?) tiña xa aos trece anos o título de mestra de Instrucción Primaria e dedicouse toda a vida ao ensino das nenas e á literatura coadxuvante a un modelo de educación diferenciadamente feminino. En 1894, dirixe en Pontevedra El ángel del hogar ,revista orientada ao obxectivo de educación complementar —aperfeizoamento doméstico e cultivo das virtudes "proprias" do xénero feminino— que se debía impartir para facer da muller non unha sabia senón unha perfeita ama de casa, nai ideal. Cultivadora da poesía, a narrativa e a novela e colaboradora habitual de moitas publicacións periódicas, o único texto coñecido en galego é un poema ao río Lérez, canto á beleza de Pontevedra e as saudades que por ela ten.

El Ángel del Hogar.   Revista enciclopédica dedicada exclusivamente a la mujer. Dirixida por Sarah Lorenzana Couto en Pontevedra, desde 1894.

Juana Teresa Juega (Laxe, 1885-Melide, 1979) resultou nos primeiros anos de século máis coñecida polo atentado que padeceu do que pola súa actividade literaria. Amara Amor, en Festa da palabra silenciada ,dá noticia bio-bibliográfica desta escritora temperá, que aos 22 anos publica un volume de poemas, Alma que llora ,prologado polo escritor Leopoldo Pedreira e o Dr. Riguera Montero. O seu mozo, militar, facendo uso dos atributos coñecidos do código machista, quere impedirlle a publicación e, ao manterse ela firme e resolta a publicar, dispáralle varios tiros, matándose el proprio pouco despois. A escritora sobreviveu e xa se pode calibrar, após semellante trauma, os tons que revestiría a súa poesía. Vicepresidenta de Acción Católica de Mulleres en 1929, colaboradora da CEDA e, na guerra, dos franquistas, volverá escreber máis textos en galego após o desgrazado accidente que a piques lle tirou a vida, por ousar ser escritora non clandestina.

Once poemas baixo o nome de "Esperanza Roca" aparecen publicados na revista A Monteira ,de Lugo, nos seus dous anos escasos de existencia, 1889 e 1890. "Esperanza Roca" resulta ser o pseudónimo de Amador Montenegro e Saavedra (Santiago de Compostela, 1874-Lugo, 1932), segundo recorda Aurora Marco baseándose na aclaración de Carré Aldao na súa Literatura Gallega ,o director da publicación que mantivo na capital lucense con dificultades abondo. A pesar da autoría masculina, recollemos estes poemas, por resultar ben chamativa a pseudonimia feminina, na literatura galega (tamén Lamas Carvajal publicará baixo o nome Arminda Flora Serrano, cando no mesmo século coñecemos o caso inverso (George Sand na literatura francesa, Fernán Caballero, na española...): ¿non asistimos a unha sorte de recoñecimento implícito dos escritores galegos deste período da importancia do xénero feminino na criación da literatura galega renacente? É visíbel tamén en Esperanza Roca o repertorio de motivos de estirpe rosaliana, e pondaliana: a interpelación á natureza, cómplice dos sentimentos; a denuncia da expulsión do labrego da súa terra pola presión fiscal; a solidariedade cos que traballan na terra e no mar; o clamor contra a emigración; a exaltación de monumentos (a Muralla de Lugo), como símbolo da nosa historia e do direito ao futuro... Hai poemas que son paráfrases completas de motivos rosalianos ("Botáranme dos bes e mais da casa...", o motivo da espiña ["cravo" en Rosalía] cravada no corazón...). Así mesmo, recollemos, polas mesmas razóns, o poema que baixo o pseudónimo de "Arminda Flora Serrano" publicou Valentín Lamas Carvajal.

* * *

Fixemos un pequeno percurso por un período espléndido para a literatura galega e para a presenza nela das mulleres. Tal o recoñecían os contemporáneos, que reparan na afortunada simbiose muller-literatura sempre co pensamento posto na maxistral significación de Rosalía de Castro. Reparemos nuns exemplos:

Uxío Carré, na súa historia da literatura gallega (1911), ofrece a seguinte nómina de escritoras: Rosalía de Castro, Filomena Dato Muruais, Clara Corral, Rita Corral, Ramona de la Peña y Salvador de Castro López, Marcelina Soto Freire, Avelina Valladares, Sarah Lorenzana, María Teresa Juega, Concepción Arenal, Narcisa Pérez Reoyo, Emilia Calé, Emilia Pardo Bazán, Sofía Casanova, Fanny Garrido, Elisa Lestache, Dolores del Río Sánchez Granados, María Barbeito, Mercedes Tella, Mercedes Vieites, Hipólita Muíño e Sor María Navidad del Niño Jesús.

D. Manuel Castro López, xa citado como home de Ramona de la Peña, pronuncia, en Buenos Aires, o 15 de xullo de 1897 (duodécimo cabodano da morte de Rosalía), un discurso co título "Literatas gallegas", que reproducirá a Revista Gallega o 5/9/1897, e o artigo d' A Nosa Terra de José Vía Golpe, de 1920, titulado significativamente "Unha esperanza. A muller e os seus direitos", no que se fai mención explícita de que no programa nacionalista figura a conquista dos direitos da muller, lémbrase o papel protagonista das mulleres nos sucesos de Nebra e Sofán e faise unha defensa da intelixencia das mulleres e do direito á súa participación pública. A necesidade de recordalo seguía, como se ve, viva, nos anos aurorais da organización do galeguismo político e así callará na Declaración de Principios do Partido Galeguista , de 1931: "Igualdade dos direitos políticos para a muller" será o primeiro ponto do Apartado II —Política —  desta Declaración. Non obstante, a figura da escritora como tal vai descender notoriamente: máis frecuente (aínda que pequena) nas páxinas d' A Nosa Terra ,nas de Nós (1920-1936) só achamos, ao longo de dezaseis anos, colaboracións de catro escritoras: Dolores Fernández Quintás (relato dunha anécdota, dentro da sección "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza"); Francisca Herrera Garrido (un artigo longo, unha novela breve e máis un poema); Miss Annie Mac Swiney (un artigo sobre o seu irmán, o "grorioso irlandés" Terencio Mac Swiney) e Carmen Somoza Pato (unha anécdota, como a primeira das citadas). Rechamante desproporción, ollada á luz da espléndida eclosión de mulleres escritoras da segunda metade do século XIX, que acabamos de examinar, e que parece apontar a un declive, a un retroceso claro na intervención literaria das mulleres galegas, por máis que esta hipótese necesite verificarse coa localización, recolla documental, compilación e análise de todo o producido literariamente polas mulleres galegas na Idade Contemporánea, empeño ao que as páxinas precedentes queren servir de e mera aproximación e convite, na intelixencia de que só así se coñecerá de certo a historia da literatura galega e a das mulleres que a serviron.

Narcisa Pérez Reoyo.

IMAXES