A Etapa Contemporánea (S. XIX)
A crise finisecular. A narrativa de López Ferreiro
O galeguismo rexionalista (1886-1907)

Neste contexto político, caracterizado ademais polo seu afán uniformizador e centralizador desde o punto de vista da administración do Estado, dáse a máis moderada das etapas vividas polo galeguismo desde a súa aparición no 1846: o Rexionalismo.

Manuel Murguía.

Efectivamente, no 1886 ten lugar en Pontevedra o que se soe considerar como o primeiro acto rexionalista, o Certame Literario Musical de Pontevedra , presidido por Murguía; a partir de 1890 comezan a aparecer comités rexionalistas nas distintas provincias, e no 1891 fúndase en Santiago de Compostela a Asociación Rexionalista Galega , baixo a dirección ideolóxica de Alfredo Brañas e Manuel Murguía , que teorizan sobre o rexionalismo galego en diversos textos e intervencións públicas, como " El Regionalismo gallego " de Murguía ou as polémicas "Bases generales del Regionalismo", redactados por Brañas no 1892.

O conservadorismo do seu programa, no político como no económico, xunto co indiscutible catolicismo de Brañas, desperta numerosas simpatías entre os sectores máis tradicionalistas, que se senten respaldados nos seus intereses e aspiracións: o carlismo, os rendistas e o sector clerical, no que cabe destacar os grupos de Santiago e Tui, e en particular o coengo compostelano Sr. Portal e o propio López Ferreiro .

Do entusiasmo dos primeiros anos dan fe algunhas actuacións como os Xogos Florais de Tui de 1891, nos que Murguía fala publicamente en galego por primeira vez; a defensa da Capitanía Xeral de Galicia, que se pretendía levar para León; ou o traslado dos restos de Rosalía de Iría a Sto. Domingo de Bonaval , tamén no 1891. Este último, realizado co apoio económico da colonia galega da Habana, foi pensado como un acto de exaltación patriótica; e así o viron os seus contemporáneos, xa que suscitou de inmediato a hostilidade do Arcebispo de Santiago e do Gobernador Civil da Coruña, que denegarán ambos senllas licencias: o Gobernador denega a autorización solicitada por Murguía para proceder ao traslado dos restos, de modo que terá que acudir ó Ministerio da Gobernación; o Arcebispo denégalle o permiso ao coengo Sr. Portal para predicar a oración fúnebre en honra de Rosalía. Esta hostilidade institucional contra o que Rosalía simbolizaba explicaría tamén o silencio anormal da prensa ante este acto, multitudinario por outra parte ( Análise sociolóxica da obra de R. de Castro ,F. Rodríguez).

A construcción dun monumento conmemorativo aos mártires de Carral , no 1904, e a creación, neste mesmo ano, da Escola Rexional de Declamación , así como a da tan ansiada Real Academia Galega no 1906, presidida por Murguía, serán outros dos logros dun movemento que xa empezara a esmorecer no 1900 coa morte de Brañas.

O facho da reivindicación galeguista organizada vai ser recollido no ano 1907 por Solidariedade Galega (nacida á calor da Cova Céltica ),froito, ao igual que a súa homóloga catalana, dun consenso político entre carlistas, republicanos, rexionalistas e independentes. Trátase, pois, dun grupo variopinto que funcionará como un elemento de transición cara ao nacionalismo das Irmandades . Neste sentido cómpre destacar a creación, pola súa parte, dun semanario bilingüe, A Nosa Terra ,que estas últimas retornarán e reorientarán cando a Solidariedade desapareza (1914).

X. R. Barreiro, define o grupo nos seus comezos como "a expresión dunha especie de agrarismo rexionalista", e diso sería unha boa mostra a actividade de mozos como Lugrís Freire , quen no 1906 leva o galego á oratoria político-sindical agraria. Será precisamente na loita agrarista onde conseguirá os seus maiores éxitos.

IMAXES