A Etapa Contemporánea (S. XIX)
A obra literaria e xornalística de Lamas Carvajal
O papel de Lamas na xeracion dos Restauradores

No século XIX vaise acentuar na Galiza o proceso de asimilación cultural e lingüística, impulsado polos cambios estruturais no Estado español que camiña cara a unha nova sociedade de signo capitalista (vid. fascículos 9 e 10 para aprofundar nas tranformacións histórico-sociais que acontecen no XIX).

Busto de Lamas Carvajal, obra do escultor Domingo Maza e esculpido por encargo do Centro Ourensán de Buenos Aires.

A asimilación víase favorecida por novos instrumentos: a maior presenza do Estado (maior burocratización, servizo militar, ensino, Administración), a Igrexa, a prensa, a emigración... Este proceso tivo a súa réplica nun movemento político-literario, denominado Rexurdimento, cuxo principal valor estivo na recuperación e afirmación dos sinais de identidade da Galiza. Esta loita polo renacer do país, non exenta nos seus inicios de posturas contraditorias (lóxico en todo proceso emerxente), abriu o camiño que consolidaría no século XX o nacionalismo.

Lamas será unha das figuras senlleiras da Xeración dos Restauradores, comprometido na tarefa de recuperar a nosa identidade. De aquí a súa defensa da clase máis desfavorecida da sociedade galega, os labregos, base demográfica do noso país; a súa contribución á defensa e práctica da nosa lingua; a súa reivindicación do noso pasado histórico... E de aí, tamén, o seu interese na propagación das ideas de rexeneración da súa terra e en "instruír" ao campesiñado:

"Gallegos, espertai do abatimento
en que vos ten o sono da indifrenza
inframado resoe en áas do vento
un ¡viva a nosa santa independenza!
Mais non, é cedo pra que ben responda
o pobo a ise sagrado chamamento,
anque en vertudes e valor abonda,
fáltalle a ilustración do pensamento.
É necesario que unha mau amiga
vaia esparxindo a lus polas aldeas,
e que algún xenio coa súa voz consiga
moitos trunfos no campo das ideas."

("Quinta", Cartas ós gallegos )

De seguido analisaremos o papel de Lamas como escritor galego do Rexurdimento, partícipe na construción da conciencia nacional da Galiza, que el e os seus coetáneos contribuíron a formar.

A súa loita contra a asimilación

O compromiso de Lamas para coa Galiza será o eixo unificador da súa obra. Toda ela xirará ao redor do amor que lle inspira a súa terra:

Retrato de Valentín Lamas Carvajal.

"Falaranvos das fondas saudades,
dos delores que son a nosa herencia,
do esquecemento amargo en que vivimos,
     das nosas grorias vellas,
das venerandas ruínas que inda se erguen
ó pé destas montanas xigantescas,
baluartes que foron noutros sigros
     da nosa independencia,
pois anque probes son, o amor da patria
neles con forza e con vigor latexa,
e si pequenos son polo roupaxe,
     fainos grandes a idea."

("Prólogo", Saudades gallegas )


A preocupación pola súa terra lévao a identificarse cos seus sinais diferenciadores: a lingua, a civilización das clases populares, o folclore, é dicer, o universo de representacións galegas... e a través deles coa clase social que mellor os conservaba: os labregos.

Ao longo da súa obra as dificultades que asolan aos nosos campesiños serán un motivo recorrente, como no poema "Ei, boi, ei". Lamas pretende conciencialos dos males que padecen: a fame, os foros, a presión esmagante do Estado a través dos impostos, o servizo militar, a falta de instrución, o fraude que exercen os políticos, os xuíces, os avogados...:

"(...) Ó poñerlle a un a Extremaunción acórdase de que se acabaron pra sempre os días enteiros de turrar polo sacho, de pasar fames negras, de andar pouco menos que en coiros, de pagar a territorial á Facenda, os consumos ó Concello, as rentas ós señoríos, as costas ós xuzgados, os fillos ó Rei, os direitos ó abade, as consultas ó avogado, as visitas ó médeco, as recetas ó boticario, sin contar co panadeiro, co taberneiro, co xastre, co zapateiro, e con outros moitos, porque os labregos parés que non viñemos ó mundo máis que pra pagar sempre, e inda que nos chamemos cristianos non deixamos de ser os paganos eternos. Pola Extremaunción sabe un que se vai a ver libre do Alcalde, do Sacretario, do Cacique, dos aduanantes de tódalas castes; sabe que se acabaron os madrugós i os traballiños todos"

( Catecismo do labrego )

A miseria que padecen os nosos campesiños abócaos a unha única saída, a emigración, lacra á que Lamas dedica boa parte das súas composicións:

"e morren como viven, entre dores,
de angustias fondas e de luto cheos;
mártires son os nosos labradores,
traballan pra engrosar pobos alleos.
I emigran a outros lares extranxeiros
xuzgando asina mellorar de sorte
i alcontran máis traballos e usureiros
si é que seus pasos non detén a morte."

("Quinta", Cartas ós gallegos )

Para Lamas a emigración é execrábel desde todos os puntos de vista; primeiramente, porque obriga ás clases máis desfavorecidas a abandonar a súa terra; en segundo lugar, porque son os máis novos os que emigran, coa grave incidencia na demografía; e, por último, porque é un fenómeno de asimilación cultural e lingüística.

A mellor representación do papel que exerce na colonización a emigración, témola na figura que Lamas denomina "brasileiro". Xa, anteriormente, a escritora máis representativa do XIX galego, Rosalía de Castro, observara este fenómeno e deixara tamén nunha das súas composicións, "El Cadiceño", a súa denuncia do factor asimilador que a emigración supuña na Galiza. Como afirma Francisco Rodríguez , Rosalía estableceu claramente a relación entre miseria, dependencia económica, emigración e abandono e desprezo polo galego.

Os emigrantes volven cunha actitude de desprezo cara ao seu e imitando o de fóra. Esta actitude é a que reflicte Lamas nun dos parrafeos do Tío Marcos, no que o "brasileiro" volve falando unha especie de castrapo ridículo, deturpación da súa lingua, mostra evidente da desvalorización da realidade á que pertence:

" —Pus qué , ¿se le ha figurado a osté que yo siguiría hablando gallego como si fora un lobo del monte? Misté que rediós : no faltaría más que ver que después de recebir yo tanto lustré de ilustración , tuviese la chiflaura de echar gallegadas. No, tío Alberte , no; las presonas decentes asina como yo, deben hablar tal como conresponde a la guena socieá ."

("Ós meus...", O Tío Marcos)

O cego ourensán realiza unha despiadada crítica contra os representantes na Galiza do poder que mantiñan nesa mísera situación ao campesiñado: o alcalde, o "sacretario", o cacique, os mestres... axentes todos eles do proceso de colonización do noso país:

Igrexa da Trindade en Ourense, 1890

"Eles pensan por nosoutros, votan por nosoutros, comen e beben por nosoutros, campan e folgan por nosoutros, e no tocantes a eso non temos queixas, solasmentres nos deixan libres dúas funciós esenciales na vida: o traballo i o pago dos trabucos; dous dereitos: o de morrer de fame i o de pegarse un tiro."

("Os tempos vellos", O Tío Marcos )

De por parte, o compromiso de Lamas coas clases populares non pode ser analisado na nosa realidade como produto da influencia do romantismo, pois non supón unha exaltación das liberdades individuais, senón que busca denunciar os males que padecen como colectivo, integrado polo 90% da poboación galega do momento. De inserirmos a obra de Lamas nalgunha corrente literaria, sería máis propio, polo tanto, adscrihilo ao realismo ou a calquera modalidade de literatura "sociolóxica" ou documental.

Lamas fai unha crítica mordaz e contundente dos elementos intermediarios (cacique, cargos políticos, funcionarios do Estado e das súas axencias ...). Isto correspóndese, desde todos os puntos de vista, coa fase aguda —e máis perigosa— do proceso de colonización político-cultural, aquela que pasa pola internalización "doméstica" do mesmo, pola consolidación dunha carnada de eficientes capataces pertencentes ao propio país e coa función de aseguraren, desde dentro, a submisión e dominación do mesmo.

O dereito a existirmos

A preocupación nos nosos Restauradores ante a ameaza que supón a asimilación, lévaos a realizar un traballo o de concienciación e propagación da nova idea:

Pórtico norte da catedral de Ourense nunha fotografía de finais do século XIX.

"Almas grandes afeitas ó martirio
levan por norma mellorar de sorte
ista terra a quen aman con dilirio
e por quen foran con pracer á morte.
Traballan con afán de noite e día
e sin verse xamais recompensados,
xa recrama a súa voz con enerxía
os dereitos dos pobos ultraxados."

("Novena", Cartas ós gallegos )

Era preciso construír os alicerces sobre os que asentar a nosa identidade, para isto comezan a exhibir o que nos diferencia como pobo.

O símbolo máis senlleiro da nosa colectividade, e o primeiro ao que acoden, é o idioma. Lamas é un traballador incansábel na propaganda da nosa lingua, e faino desde tres camiños: primeiro, recuperar o uso literario da lingua; segundo, frear o abandono social do idioma; e terceiro, aportar estudios científicos sobre o galego.

Lamas decátase da trascendencia que supón a recuperación do galego para a escrita, pois a ameaza de asimilación, favorecida polas novas armas coas que contaba o español, faise máis patente. O idioma é o símbolo principal de identificación dos pobos, o pobo que deixa morrer a súa lingua desaparece como tal:

"Falai na nosa melosiña fala
pra que un tempo non chegue a facer morta;
pobo infelís que o seu lenguaxe cala
ten a roína e perdición á porta."

("Novena", Cartas ós gallegos )

En toda a súa obra louva ao autores que se deciden a utilizar a nosa lingua na escrita e a eles dedica parte das súas composicións. No prólogo ás Espiñas... anima aos galegos a ler as obras dos nosos escritores: Rosalía de Castro e as súas Follas Novas ; Xoán Manuel Pintos e a súa  Gaita Gallega ; os versos de Añón , Pondal , Alberto Camino, Xosé García Mosquera...; o labor de Saco e Arce na súa Gramática Gallega ...

Ataca a aqueles que desprezan a nosa lingua e insinúan que non é apta para a literatura. A causa do "atraso" en que se encontra o galego está na súa proscrición a nivel oficial; tamén o español chegaría a deturparse se se lle quitase o seu carácter de oficial.

Decátase da trascendencia que ten para o idioma ir recuperando usos, como afirma no seu prólogo a Gallegada ou cando sinala a importancia do emprego do galego na prensa:

"(...) pois xa que non se poida conseguir polo de agora que a maior parte dos pródicos que se pubrican en Galicia se escriban todos en gallego, ó menos valerse algo deles e convirse todos ou case todos en pubricar unha das seuciós sempre en gallego. Que esta seución fose, poño por caso, a que pubrica as noticias da localidá, e con eso teríamos despois a seución toda de noticias gallegas escrita na nosa fala."

("Fóra vergonza", O Tío Marcos )

Unha das causas que inciden no abandono da lingua é o complexo inculcado nos nosos paisanos sobre o idioma. Lamas defende a súa validez e anima aos labregos e ás clases ilustradas a perderen a vergonza por utilizala:

"Cobizo que non haxa un curruncho na nosa pátrea, onde non se oia o noso brando e melosiño lenguaxe, limpo das mesturas doutras léngoas; nos fiadeiros, nas romaxes, nos parrafeos coas mozas, nas cántigas, en todo, é necesairo que resprandeza a nosa fala: isto tedes que comprir ó pé da letra, si é que tedes o nobre anhelo de conseguir a prosperidade dista adourada rexión, botando asina os novos cimentos dun porvir cheo de groria."

("Ós meus...", O Tío Marcos )

Lamas pon como exemplo aos cataláns e aos vascos para defender que o noso idioma non é o causante do atraso lo país.

Finalmente, declárase defensor do monolingüismo en galego:

"[Cómpre que]chegue pronto o día de que os gallegos non falemos máis que a própea e verdadeira fala"

("Fóra vergonza", O Tío Marcos )

A súa preocupación pola lingua lévao a promover o seu estudio científico. Os escritores tamén deben preocuparse pola lingua que utilizan, teñen que coidar a súa expresión:

"[para]que espreman tamén os miolos pra saber si tal ou cal palabra se pon desta ou de outra maneira. Porque o certo élles que, a pesar de ser un gallego, vese nas apuradas pra saber o verdadeiro modo de esquirbir as palabras máis conecidas e máis correntes da faliña galega, i as regras de ortografía son tan unipersonales que se volve un home tolo ó ver que as autoridás gallegas na materia escriben cada un da maneira que Dios ou a súa cencia lle den a entender."

("Fóra vergonza", O Tío Marcos )

É un dos primeiros autores que ve a necesidade de crear unha Academia que traballe polo pulimento do idioma:

asina poderíamos un día,
traballando costantes sin sosego,
fundar unha ACADEMIA, que faría
o limpa, fixa e dá esprendor gallego."

("Novena", Cartas ás gallegos)

El mesmo contribúe con diferentes artigos ao estudio científico do galego: participa en polémicas con Antonio de la Iglesia sobre cuestións ortográficas; con Roque Grilo Verzas debate sobre o léxico do idioma; defende que o galego é un idioma e non un dialecto...

Gravado aparecido na cabeceira do "Parrafeo noventa e un" de  O Tío Marcos d´a Portela.

Lamas prestará ao longo da súa obra unha atención primordial á reivindicación e ao espallamento da nosa historia e das nosas glorias pasadas. Era habitual no século XIX dividir as nacións en dous grupos: as que tiñan un pasado glorioso e polo tanto podían dispoñer do seu destino, e aquelas nacións que carecían de "historia", e, xa que logo, non merecían sobrevivir. O recordo do noso pasado é a garantía que nos permitirá aspirar a un futuro en liberdade. Loita contra o esquecemento que padecen na nosa terra as persoas que defenderon os seus dereitos: o Padre Feixoo, Sarmiento , Sobreira , Méndez Núñez, Alfredo Vicenti, Curros Enríquez:

"Probe Galicia, nai sin ventura,
as túas grandezas, a noite escura
do negro abismo, sumindo vai.
Si é que perguntan naciós estranas
que fas dos fillos das túas entranas
¿que vas decirlles, coitada nai?

Pensa que mortos, sin menumentos
te-los teus héroes i os teus talentos,
xenios que foron moito pra ti;
perdendo asma vas da túa historia
nomes ilustres, follas de groria,
grandiosos feitos, fazañas mil."

("No cimeterio de Ourense", Espiñas... )

Reclama o dereito a reivindicar os nosos propios mitos, os nosos heroes, as nosas glorias pasadas; así o fai nas composicións dedicadas ao episodio do Monte Medulio, ao mosteiro de Oseira, ou na que resalta a figura de Pedro Pardo de Cela :

"Xenio leial da independenza nosa,
por ela batallou; mau homicida,
con infame treición, quitoulle a vida;
¡mártir foi nesta terra xenerosa!"

("Pedro Pardo de Cela", Espiñas... )

A exaltación do universo de representacións galegas na obra de Lamas foi utilizado habitualmente pola crítica para etiquetar ao noso autor como "costumista" ou "ruralista"; esa caracterización obvia a importancia que as manifestacións populares xogaban e xogan como resistencia á asimilación do noso pobo, pois elas son expresión dos nosos sinais de identidade (tanto máis importantes por sernos negada). As fiadas, os antroidos, as conmemoracións rituais, a música, as danzas..., manifestacións todas elas da cultura popular, supoñen un freo á colonización do noso país. Estas manifestacións que perviviron ao longo da nosa historia, cada vez máis ameazadas e agredidas, foron impulsadas pola nosa renacencia. Lamas recrea nas súas composicións actividades laborais e lúdicas como os fiadeiros, os magostos, a vendima, as diferentes épocas do ano, as danzas... Os nosos instrumentos tradicionais tamén desaparecen das festas; o abandono da gaita, utilizada por Lamas como símbolo nacional dos galegos, á maneira de Pintos na súa obra A Gaita Gallega , é indicador da nosa asimilación a patróns alleos:

"Unha moda condanada
trouxo as murgas por acá,
invadiron os turreiros
tocando danzas e vals,
o baile do agarradiño
trastornou a mocedá,
que louca berraba: "¡Múseca!"
¡que non toque a gaita máis!"

("O gaiteiro de Paizás", A musa... )

A defensa dos signos diferenciadores da Galiza só ten sentido para Lamas se estes chegan a popularizarse. A propagación das novas ideas será para el fundamental, feito que provoca que sexa o escritor galego do XIX que mellor conectou coa clase pola que escribiu e neste caso podemos dicir tamén que para a que escribiu. A prensa desenvolve un papel trascendental na difusión do ideario rexenerador da Galiza, e Lamas funda un xornal, integramente escrito en galego, O Tío Marcos da Portela ,que alcanzará grande popularidade e que espallará o ideario do cego ourensán.

Ornamentación para a sección  Casos e Cousas  de  O Tío marcos d´a Portela.

A súa repercusión foi tan importante que contribuíu a que posteriormente xurdisen outros periódicos que alentaron a difusión das súas reivindicacións: O Seor Pedro , A Tía Catuxa , O Galiciano , A Fuliada , A Monteira , O Labrego e As Burgas .

O labor literario de Lamas só ten un sentido, o de contribuír á rexeneración do seu país, reparando nos seus sinais de identidade, proclamándoos en todos os seus signos e espallándoos con cantos medios ten ao seu dispor; eis a súa esperanza:

"eres dina, Galicia, doutra sorte;
o día da túa groria xa comenza:
¡Loitade irmaos! ¿E que val a morte
si logramos a nosa Independenza? "

("Deus fratresque gallaici", Espiñas... )

IMAXES