A Etapa Contemporánea (S. XIX)
A xeración dos Restauradores e o seu contexto histórico: a prosa e o teatro
O rexurdir Cultural e Literario

O renacemento literario que experimentou Galiza no século XIX debemos consideralo unha parte máis do proceso de toma de conciencia global e da necesaria reacción contra os intentos de uniformización a todos os niveis que trouxo consigo a política centralizadora, intensificada especialmente a partir da implantación do Estado liberal.

El Idioma Gallego. Su antigüedad y vida.  Obra de Antonio de la Iglesia publicada no 1886.

Serían segmentos da pequena burguesía os que interpretaron esta situación e libraron a batalla de certificar, en primeiro lugar, a existencia dun pasado singular e específico, e, na medida do posíbel, glorioso, para xustificaren a súa defensa do concepto de diferencia. O inxente labor historiográfico que desenvolveron algúns destes intelectuais do XIX, dentro das naturais limitacións conceptuais e metodolóxicas, responde a este afán. Así mesmo, os problemas —fracaso da industrialización, estancamento agrario, ausencia de infraestruturas viarias, emigración—, definidores da situación de periferia subdesenvolvida a que estaba condenado o país, xuntamente con outros indicadores da dinámica política —caciquismo, eleccións fraudulentas—, tiveron resposta tamén inmediata na prensa e a través de follas soltas. Dáse tamén no XIX unha preocupación polo folclore —música, bailes, refráns, lendas, cantigas...—, velar as diversas recolleitas que foron publicadas ou permanecen inéditas, e anímase a investigación lingüística, limitada do punto de vista científico e debedora das gramáticas doutras linguas, mais co mérito de proporcionárennos os primeiros estudios existentes sobre o noso idioma.

Habitualmente, nos procesos emancipadores de culturas colonizadas comézase usando como vehículo de expresión a lingua do opresor, para posteriormente, en lenta substitución, pasar a utilizar a lingua propia. Así sucedeu no noso caso, xa que é o español o idioma omnipresente desde o comezo, seguindo rotinariamente a práctica dos séculos anteriores; a utilización do galego é esporádica, mesmo en textos ou libros de compromiso patriótico. Porén, a inserción de escritos en galego, primeiramente na prensa e despois a través de libros, será unha cadea lóxica e imparábel, marcadamente dos anos 60 en diante. Neste proceso terá singular relevancia a literatura, por ser, talvez máis que ningunha outra manifestación cultural, especialmente sensíbel á utilización dunha ou outra canle lingüística, e tamén, como expresión do máis íntimo e como plasmación estética do universo simbólico social e individual, polo seu poder evocador e integrador, capaz de definir por si só un espacio vital propio. O feito de que exista, e se teña conciencia de que exista, nas últimas décadas do século unha literatura de noso, e o feito de considerar o galego unha lingua de creación que pode chegar a substituír o castelán nesa función, é un fito histórico para a nosa cultura cuxa importancia debe ser considerada en toda a súa dimensión.

Na ponderación deste feito debemos ter en conta que os autores e autoras do XIX carecían do coñecemento que temos hoxe do esplendor literario do galego na época medieval. O Cancioneiro da Vaticana fora editado en Portugal en 1878 por Teófilo Braga e na Galiza deuse a coñecer a través de El idioma gallego , de Antonio de la Iglesia, en 1886, pero a súa difusión foi minoritaria; a verdadeira popularización da lírica dos cancioneiros non se daría ata perto dos anos trinta do presente século, coas edicións das cantigas de amigo e as de amor realizadas por José Joaquim Nunes, demorándose as de escarnio e maldicer, por cuestións de censura, aínda varias décadas. Con todo, houbo intentos de defender un pasado para a literatura galega —Neira de Mosquera, en 1841, ou Vesteiro Torres, en 1874—, pero só podían basearse nos poetas que aparecen no Cancioneiro de Baena ,correspondente á época de decadencia da nosa lírica e da emerxencia da literatura castelá. Este descoñecemento do pasado fixo que os poetas do Rexurdimento debesen concebir a súa obra practicamente a partir de cero. O resultado, no plano temático e creativo, lévanos desde produtos debedores das correntes da época —o romantismo, certo neoclasicismo serodio, un incipiente realismo— que, por si sós, non constituirían máis que unha testemuña localista de escasa personalidade, ata o extremo oposto de creacións xenuínas e senlleiras —con Rosalía como exemplo destacado— que son as que verdadeiramente constitúen a cerna da creación da nosa literatura nacional.

Teododosio Vesteiro Torres.

O galego, lingua de creación

A respecto da concepción idiomática, nun primeiro momento o galego era considerado de xeito indiscriminado como lingua e dialecto, cuestión que levou a interesadas terxiversacións facendo ver que os seus cultivadores tiñan conciencia de que o galego era un dialecto do español, aproveitando mesmo as referencias feitas por Rosalía no prólogo aos Cantares Gallegos :"Un libro de trescentas páxinas escrito no doce dialecto do país era naquel entonces cousa nova". Tal confusión deriva do feito de utilizaren, Rosalía e outros contemporáneos, indistintamente as palabras "dialecto" e "lingua" como indicadoras da súa orixe latina ou polo seu rango non oficial. Será na etapa rexionalista, no proceso de afirmación de Galiza fronte ao Estado, cando o galego acade a consideración de lingua e idioma, superando o equívoco das etapas anteriores, ao tempo que se converte nun dos elementos definidores da galeguidade, como aparece expresado en Murguía: "lingua distinta acusa distinta nacionalidade".

O proceso de consolidación do galego como idioma veu acompañado do interese polo seu estudio. Nun primeiro momento, e ante a ausencia dunha norma estándar, os autores utilizaban unha ampla variedade de solución léxicas e ortográficas, predominando canto ao vocabulario os modos dialectais de cada zona, e na norma da escrita a imitación da ortografía española cuns tímidos achegamentos ao portugués. A necesaria normativización fronte as particularidades localistas e fronte á presión do español, que viña exercendo un profundo proceso de deturpación desde a etapa medieval, propiciou a aparición de sucesivas gramáticas e vocabularios —xa en A Gaita Gallega de Pintos atopamos as primeiras aproximacións: o Compendio de Gramática Gallega ,de Francisco Mirás, a Gramática Gallega ,de Saco y Arce, os Elementos de Gramática Gallega ,de Marcial Valladares, e unha serie de dicionarios de tradución galego-castelán.

Os cultivadores

A tradición inaugurada polos Xogos Florais da Coruña (1861) continúase a finais do mesmo ano en Pontevedra e os anos seguintes en moitas outras localidades importantes do país. O ano 1891 son organizados en Tui pola Asociación Regionalista Gallega coa pretensión de que só poidan participar obras escritas en galego.

O 17 de malo do ano 1863 ten lugar a publicación dos Cantares Gallegos, primeiro libro de Rosalía de Castro en galego e verdadeira obra inaugural do Rexurdimento. A aparición dos Cantares supón un importante salto cualitativo, xa que a partir de aquí a utilización do galego non servirá unicamente como contraste referencial a respecto do español ou para dar unhas pinceladas localistas a unha literatura periférica e subsidiaria doutra, senón como lingua de creación que se lle pode opoñer ao español, que o pode substituír como lingua literaria de Galiza. O éxito acadado foi decisivo para animar a outros creadores a escribiren en galego, se ben só esta autora, Eduardo Pondal e Curros Enríquez merecerían de xeito indiscutíbel a gloria da inmortalidade no parnaso das nosas letras.

Antes da aparición de Majina ou a filla espúrea (Marcial Valladares, 1880) son raras as mostras de escrita galega en prosa. É paradigmático o caso de Manuel Murguía (1833-1923), que con ser acredor do título de Patriarca das Letras Galegas polo seu labor de estudioso infatigábel da nosa historia e da nosa cultura e como ideólogo formador do concepto de Galiza como nación, ademais do seu papel de impulsor da escrita en galego animando a certos autores —entre eles Rosalía— a escribiren neste idioma, na súa inxente obra só coñecemos na nosa lingua un poema de circunstancias composto en idade xuvenil, o seu discurso nos Xogos Florais de Tui de 1981, un breve laudo na memoria de Curros Enríquez e o borrador do estudio "Eduardo Pondal e a súa obra" (1919). Alfredo Brañas (1859-1900), político, xurista e economista, desenvolveu unha intensa produción xornalística e foi tamén un importante ideólogo do rexionalismo. Como poeta, é autor dunha manchea de poemas en galego. Tamén é autor dun "Discurso" exposto nos mesmos Xogos Florais de Tui. Benito Vicetto (1824-1878), militar e logo funcionario de Facenda, novelista e historiador autodidacta, é autor dunha Historia de Galicia en sete tomos, escrita en castelán, con perspectiva romántica, e de numerosas novelas de tema histórico, obras de teatro e poemas. A súa produción literaria, agás unicamente tres poemas en verso galego, está escrita así mesmo en castelán.

Litografía de Benito Vicetto. 1851.

Aínda que incluídos no grupo dos Precursores, os irmáns De la Iglesia seguiron sendo figuras moi activas durante o Rexurdimento. Antonio de la Iglesia (1822-1892) compuxo numerosos poemas na nosa lingua, foi organizador e secretario dos Xogos Florais de 1861 na Coruña e foi, asemade, o encargado da escolma, na que el mesmo participa, que logo sairía á luz so o título Álbum de la Caridad. Anos máis tarde editou unha segunda antoloxía, El idioma gallego, su antigüedad y vida ,en tres tomos, que, como se dixo, ten o valor histórico de dar a coñecer en Galiza as primeiras mostras dos cancioneiros medievais. Francisco María de la Iglesia (1827-1897) colaborou así mesmo como autor no Álbum de la Caridad. Destacou pola súa intensa actividade literaria, escribindo composicións de todo tipo —costumistas, patrióticas, de denuncia...— ata resultar ser o máis prolífico dos poetas prerrosalianos. É tamén autor dunha das primeiras pezas teatrais da nosa renacenza, A fonte do xuramento ,obra de costumes en dous actos e en verso. Xosé Pérez Ballesteros (1833-1918), licenciado en Filosofía e Letras e doutor en Dereito Civil e Canónico, exerceu a docencia en Santiago e A Coruña, onde foi director do Instituto. Foi un dos 40 numerarios fundadores da Real Academia Galega. Publicou en 1878 o volume Versos en dialecto gallego. Juan Antonio Saco y Arce (1835-1881), catedrático de grego, autor dunha das primeiras gramáticas do noso idioma, a Gramática Gallega (1868), compuxo nove poemas en galego que incluíu, con outros en castelán, no volume Poesías (1878).Estas composicións son de carácter relixioso, sendo tres delas traducións do latín. A publicación da obra Literatura Popular de Galicia foi interrompida pola súa morte, e aínda que se continuou despois, boa parte deste traballo permanece inédito. Francisco Mirás (?-?) editou unha gramática galega con anterioridade á de Saco y Arce, e nela insire o longo poema "A Creasión e Redensión" e unha serie de "diálogos" de tema vario, así como unha colección de fábulas recollidas e outras do propio autor.

Destacado xurista, participante activo en favor da redención dos foros, dentro da polémica pola cuestión agraria en Galiza, Juan Manuel Paz Novoa (1839-1895) mantivo unha intensa actividade política. Deixounos algúns poemas en galego espallados por diversos xornais; tamén aparecen poesías súas no Álbum de la Caridad. Relacionados coa emigración, aínda que con escasísima obra en galego, destacan os nomes de Manuel Barros, pseudónimo de Manuel Vázquez Castro (1844-1885), xornalista e escritor, e Waldo Álvarez Insua (1858-1938), avogado e xornalista. Ambos foron fundadores de históricos xornais, colaboradores en revistas e animadores activos das organizacións galegas en Suramérica, especialmente en Cuba e Arxentina.

Por outra banda, debemos mencionar aquí os nomes dos tres grandes poetas do Rexurdimento galego, Rosalía de Castro (1837-1885), Eduardo Pondal (1835-1917) e Curros Enríquez (1851-1908), nos cales non nos detemos xa que terán tratamento a parte noutros capítulos, así coma Valentín Lamas Carvajal (1849-1906), escritor e xornalista de infatigábel labor, director de "O tío Marcos d'a Portela", obrigado referente histórico do xornalismo en galego.

Por último, distinguido periodista e erudito, estudioso da nosa lingua —Elementos de Gramática Gallega, un Diccionario gallego-castellano , compilacións de refráns, lendas, romances, etc.—, Marcial Valladares (1821-1903) destaca especialmente por ser o autor da primeira novela en galego, Majina ou a filla espúrea ,publicada por entregas na revista "La Ilustración Gallega y Asturiana" no ano 1880, o mesmo ano da aparición de Follas Novas ,de Rosalía, Aires da miña terra ,de Curros, e Saudades gallegas ,de Lamas Carvajal, e que por iso foi chamado "annus mirabilis" da nosa literatura. Ten importancia, asemade, a súa obra poética, espallada en revistas e xornais, que ocupa un dos primeiros lugares na cronoloxía do Rexurdimento.

IMAXES