A Etapa Contemporánea (S. XIX)
A emerxencia da literatura galega na primeira metade do século XIX (1808-1863)
O teatro

Repítese tradicionalmente que o teatro galego nace en 1882 (ano en que se estrea A Fonte do Xuramento ,de Francisco María de la Iglesia), porque unicamente coñecemos unha obra anterior, A Casamenteira , de Bieito Fandiño, publicada en 1849. Os que isto afirman aplican á literatura dramática os mesmos parámetros que á poesía ou á narrativa, sen teren en conta que o teatro posúe unhas características de seu. O texto dramático nace para ser representado, coa conseguinte necesidade de os actores disporen dun texto escrito (non é precisa a súa impresión ou publicación, co manuscrito do autor é suficiente). Por outra banda, esa mesma inmediatez do espectáculo teatral, dun público atento ao que se di en escena, é a plataforma ideal para espallar calquera ideario.

Sabemos que durante a guerra contra o francés se representaban obras en galego, obras coas que se pretendía levantar o podo en armas. O feito de que se empregase este procedemento para convencer os galegos de que debían loitar lévanos a acreditar en que tiña de existir un teatro galego, unha tradición de facer representacións na nosa lingua. Unicamente admitindo a existencia dun teatro popular galego pode ser entendido que, de súbito, como unha flor no deserto, xurda A Casamenteira.

Esta peciña foi escrita por Bieito Fandiño, en 1812, por encargo dun amigo que lle impuxo o tema (os casamentos concertados) e o número de personaxes (catro). É evidente que a limitación nas personaxes vén dada porque seí a levar á escena. Ademais, non é esta a única obra de que temos noticia; Galo Salinas, que a descoñecía, fala de dúas obras publicadas entre 1800 e 1825: O pleito do gallego e outra máis da que descoñecemos o título porque se perdera a capa, mais que se trataba dunha sátira dos realistas contra os liberais en 1812. Sabemos tamén de dous diálogos de Ramón Varela (morto en 1858), Conversa entre os arrieiros Cosme da Groxa, Marcos Rielo e Roque Durán , e mais O litigante labrador. De Xoán da Cova coñecemos a zarzuela La Galiciana (1861), tamén escrita en galego.

Se a estes datos engadimos que en 1867 o goberno de Isabel II prohibe a representación de obras dramáticas escritas "en cualquiera de los dialectos de las provincias de España" e que aínda está por facer unha pescuda demorada na prensa decimonónica, é realmente arriscado afirmar que non existiu teatro galego até 1882. O lóxico é pensar que se o gobernador da Coruña inclúe no Boletín da Provincia o Real Decreto en que se prohibe o noso teatro é porque este existe; a orde non tería sentido en Valladolid ou Madrid.

O autor de A Casamenteira ,Antonio Bieito Fandiño, naceu arredor de 1770 en Compostela ou, talvez, en Albixoi (A Coruña). A teimosía na defensa dos seus ideais liberais levouno á cadea en repetidas ocasións; nunha destas estadías no cárcere redacta a obra por encargo dun anónimo amigo, que a publica en Ourense, en 1849, como homenaxe póstuma a Fandiño, que morrera preso en Valladolid arredor de 1831.

A obra, escrita en verso e dividida en tres cadros, ábrese cunha escena ao ar libre en que Perucho conta á súa namorada como a tía Goras amañou o seu casamento con Dominga, ama do crego. Técola, sentida pola pasividade de Perucho, que asistiu ao convite de compromiso sen protestar, abandona moi dignamente a escena. Doído e desacougado polos reproches da moza, Perucho interrompe unha conversa entre a tía Goras e o seu pai, Xan Rouco, para comunicar a este que non quere casar con Dominga. O vello, alporizado, tenta mallar no fillo, que foxe. A casamenteira comprende que o rapaz ten amores secretos e calma ao vello asegurándolle que ela convencerá a Perucho da conveniencia do casorio.

 

O segundo cadro ábrese de novo coa parella de namorados. Perucho deféndese perante Técola, contando que dixo ao seu pai que non vai casar con Dominga, mais a conversa é interrompida pola tía Goras e a rapariga marcha. A soas con Perucho, a vella louva as moitas excelencias e avantaxes dun matrimonio con Dominga que, ademais de cartos de seu, conta coa protección do crego. A xente murmura sobre as escuras causas desa protección, mais ela apela aos sentimentos de "cabaleiro" de Perucho. Cando a casamenteira fai mutis, o rapaz reflicte sobre as comodidades que lle pode proporcionar a vida con Dominga e conclúe:

Con Técola vou facer
un casamento cagado
que, anque estou enamorado,
esto non dá de comer.
Ela pra ser unha probe
ten o xenio soberbiño;
nunca me citou ó moíño,
antes ás nubes se sobe.
Debo dar gusto a meu pai:
Dominga é moza de feira
e, anque por hoxe non queira,
co tempo todo se fai.

No terceiro acto, Perucho, xa de "rufián", deféndese malamente das acusacións de Técola e opta por unha retirada vergonzante. Inmediatamente, Técola enfróntase á vella casamenteira pedíndolle explicacións sobre o seu comportamento, mais a tía Goras nega a súa intervención no asunto e proponlle á moza un outro casamento. Técola rexéitao:

O casamento do torto
morrerei antes que o queira,
pois vaia a casamenteira
a comer o pan e o porco.
O casarse quer cariño,
e se non o hai sale mal,
que n'hai ningún animal
indómeto ao aloumiño.
Tratados, son pra señores,
que acostumbran de casarse
por eles, para levarse
continuamente en rencores.
Non quererei máis ninguén,
nin darei a mao a algún,
que amor solasmente un
se pode ter pra ser ben.

O pano cae mentres Técola chora.

O problema dos matrimonios concertados fora unha cuestión moi debatida polos ilustrados do XVIII, sobre todo desde a perspectiva do problema familiar, hereditario e social que xeraba a imposición dun esposo vello a unha muller nova. A perspectiva de Fandiño non ten nada a ver con isto. Perucho admite un matrimonio deshonroso por cartos, mais Técola rexeita con dignidade a proposición dun outro casamento que lle oferece a casamenteira. Non é unha señorita obediente e submisa («Tratados son pra señores»), é unha muller que defende o seu dereito a elixir e asume as consecuencias, aínda que lle custen bágoas. O seu destino, pois, é o da nena alunarada de Rosalía, o das viúvas dos vivos.

Gravado de comezos do XIX representando un aguador.

Non sabemos, porque carecemos de obras literarias sobre o mesmo tema e de estudos profundos sobre a nosa intrahistoria, se esta independencia de Técola responde á realidade dun tipo de muller do pobo, en contraposición á señorita de moral burguesa, ou se, pola contra, é unha criación feminina (e feminista) do autor. Non obstante, o carácter popular da peza, o tema da casamenteira e o feito de que as outras personaxes estean tiradas da realidade, así como o parentesco da moza coas figuras femininas rosalianas, fannos acreditar en que a rapariga de Fandiño teña tamén o seu modelo na vida galega da época.

A figura do home ou muller que se dedica a concertar casamentos servirá de eixo a outra das pezas dramáticas máis populares da nosa literatura: O Chufón , de Xesús Rodríguez López, publicada en 1915.

IMAXES