A Etapa Contemporánea (S. XIX)
A xeración dos Restauradores e o seu contexto histórico: a prosa e o teatro
O Teatro

Cando estudiamos o sainete A Casamenteira ,de Bieito Fandiño, vimos xa que tradicionalmente se data o nacemento do teatro galego en 1882, ano en que foi estreado na Coruña, o drama A fonte do xuramento ,de Francisco Mª de la Iglesia.

Sen embargo sabemos que José Mª Chao Ledo (1844-1894) compuxo en 1871, e foi estreada ese mesmo ano pola "Juventud Católica" de Mondoñedo, a obra A Noite Boa de 1871, que segue a liña costumista de A Casamenteira ,de Bieito Fandiño. E tamén coñecemos Unha noite na casa do tío Farruco do Penedo ,de Laureano Guitián Rubinos, premiada en Lugo en 1877. Temos aínda por investigar que tipo de Certame foi este, mais a súa simple existencia está xa a falarnos, cando menos, dun interese polo teatro que até agora descoñecíamos. O acto único de que consta a obriña de Guitián Rubinos transcorre na cociña dunha casa de aldea á noitiña, cando regresan todos das angueiras cotiás: os homes da feira e as mulleres e nenos dos trafegos propios dunha casa labrega. Mentres agardan pola cea, o tío Farruco propón rezar o Rosario e, apesar das protestas, a orde do petrucio é acatada. Os traballos na cociña, o acomodo do gando e o cansazo dos nenos, transforma o rezo nun sainete.

Os que non traballan toquean ou dormen. Rematada a Ladaíña entra o Sr. Abade e, en perfecto español, rifa á familia polo xeito de rezaren e explica como deben facelo. A humildade coa que as personaxes aceptan a regañadela do Abade, e o feito de que o autor da peza sexa un home da Igrexa, párroco de Lalín, elimina toda posibilidade de sátira. É unha obra didáctica que non deixa dúbidas acerca do papel que desempeñou a Igrexa no proceso de españolización de Galiza.

Esta obra é a primeira mostra que temos de que o teatro foi empregado como medio para "educar" ao pobo. Quizais fosen deste tipo as pezas que se representaron a comezos do século XIX para levantar os galegos contra os franceses e das que non se conservou ningún texto.

Os estudiosos adoitan citar como mostra anterior a 1882, unha peza bilingüe, Los pastores de Belén ,de Manuel Mª González, estreada en Ferrol en 1861. As obras bilingües deberon ser unha constante ao longo do século XIX, sobre todo os denominados Apropósitos que, en xeral, satirizaban a actualidade local. A única peza destas características que se recolle na historia do noso teatro é Apuntes al carbón ,de Leandro Pita Sánchez-Boado (1874-1926), estreada no Teatro de Ortigueira, o 4 de Outubro de 1897. Na escena XIX, protagonizada polo Autor, A Política e un "Consumido polos Consumos" (tributos), fica reflectida a diglosia do país: os dous primeiros falan en español, mais o pobre Consumido fai en galego o seu alegato contra o sistema caciquil dos partidos turnantes.

Leandro Pita Sánchez Boado.

Aínda que se representaban durante todo o ano, este tipo de obras acabaron identificándose co Entroido, xa que cidades como A Coruña ou Ferrol mantiveron a tradición dos Apropósitos carnavalescos até moi entrado o século XX. O feito de que Apropósitos deste século como, por exemplo, El Ministro en Ferrol ,de Wenceslao Veiga, estreado no Teatro Xofre de Ferrol, o 17 de Febreiro de 1904, manteñan o bilingüismo, fainos acreditar en que o iso mesmo acontecería cos do século pasado. A diferencia fundamental entre os Apuntes al carbón e a peza de Wenceslao Veiga, radica na caracterización das personaxes que falan galego e na dignidade da súa lingua. En El Ministro en Ferrol exprésanse nun galego transformado en castrapo, unicamente as clases máis baixas: as peixeiras, as augadeiras, o argalleiro, etc. etc. A esta diglosia escénica vencellada ao envilecemento da lingua, atribuía Euxenio Carré o pouco desenvolvemento do teatro galego e culpaba diso a dramaturgos como Ricardo Caruncho.

Mais a partir da década de 1880 hai xa por parte dos rexionalistas unha certa vontade de crear unha dramaturxia galega, como se pode deducir dos Certames e Xogos Florais en que se prémian os poucas obras que coñecemos: en Pontevedra, o ano 1884, foi premiado o drama histórico Mari Castaña " Unha revolta popular", de Emilio Álvarez Giménez (1830-1911); tamén en Pontevedra, en 1886, recibiu galardón un outro drama histórico de Manuel Amor Meilán (1867-1933), Men Rodríguez Tenorio ;en Betanzos, en 1890, foi Galo Salinas o autor galardoado por outra obra histórica, A Torre do Peito Burdelo ;en Tui, en 1891, o premio recaeu na comedia de Urbano González Varela (1868-1906), Amor e Meiguería ;e, outravolta en Pontevedra, en 1892, foi premiado Galo Salinas, polo cadro dramático ¡Filla...!

Das cinco obras premiadas tres son de carácter histórico: Mari Castaña, Men Rodríguez Tenório e A Torre do Peito Burdelo, e a estas temos que engadir o drama histórico de Xoán Cuveiro Piñol, Pedro Madruga ,publicado en 1897. Esta vontade de recuperación da nosa história responde ao historicismo do movimento rexionalista que, desencantado polo fracaso político da Revolución do 68 e a Primeira República, se refuxia na recuperación cultural e histórica de Galiza. Destas catro pezas históricas, unicamente coñecemos o texto de tres. Mari Castaña ,de Emilo Álvarez Giménez, recrea un episodio histórico do século XIV: a fidalga de Lugo, María Castaña, ou Castiñeira, acaudilla unha revolta popular contra os abusos do mordomo do Bispo, representante desa Igrexa foránea que explota aos galegos. Álvarez Giménez recupera así o verdadeiro significado dunha figura feminina que, co paso do tempo, ficou incorporada á cultura popular como símbolo, simplesmente, dunha época moi recuada no tempo (época de loita, non de submisión). En Pedro Madruga , Cuveiro Piñol fai o mesmo coa figura do Conde de Camiña, compañeiro de armas do Mariscal Pardo de Cela, localizando a acción na loita da nobreza galega contra Isabel a Católica. O único que evita episódios heroicos en defensa de Galiza é Galo Salinas, que no seu drama A Torre do Peito Burdelo ,recrea unha lenda datada no século VIII: o tributo (Peito) de cen doncelas que había que pagar a un rei mouro. Isto probabelmente ten a súa explicación na mentalidade decididamente conservadora e paternalista de Salinas que, como é doado comprobar nas súas obras e nos seus artigos de prensa, acreditaba en que a redención das clases populares tiña que vir de arriba. Nacía así o teatro histórico, que dará o seu mellor froito no século XX, con O Mariscal, de Ramón Cabanillas e Antón Vilar Ponte.

Coa estrea e publicación, en 1882, de A Fonte do Xuramento ,de Francisco de la Iglesia inicíabase a andaina do teatro galego culto. O seu autor subtitulou a peza como "drama de costumes galegos en dous actos". O conflito dramático xurde porque unha moza, Minia, vai casar cun rapaz, Felipe, que non é da súa parroquia. Nas primeiras escenas, o espectador ou lector, podería interpretar a oposición dos mozos de Mera de Maianca a esta voda como unha defensa da colectividade, dos intereses comúns, dada a forte entidade que como agrupación humana ten a parroquia na Galiza tradicional. Mais pouco a pouco, o dramaturgo vai deixando ver que tras a aparente defensa do colectivo, o que se agachan son paixóns individuais: os ciumes de Estebo e o amor de Tadea por este. Ao mesmo tempo, descóbrese unha causa que xustifica que o casamento sexa obstaculizado: Felipe é un Tenorio que xa abandonou a unha rapaza cun fillo. Deste xeito, o que podería ser unha historia de restauración da orde social rota por Minia, fica reducido a un caso de seducción.

A obra combina o realismo con resabios románticos. É romántico o emprego do verso e tamén a concepción dalgunhas personaxes, como Felipe e Alonso. Felipe é absolutamente malvado, sobre del acumúlanse todas as perversións posíbeis, xa que ademais de se dedicar a seducir e abandonar rapazas, malla na nai e mata ao fillo. E Alonso é absolutamente bo: heroe na guerra e cunha xenerosidade que raia na santidade. Sen embargo, o coidado do autor na descrición dos decorados, da vestimenta e da localización espacial e temporal son totalmente realistas.

A respecto da formulación dramática, o realismo de Francisco Mª de la Iglesia adiántase en máis de dez anos ao que será o realismo benaventino, é dicir, que o espectador sabe da acción polas conversas das personaxes, non porque a vexa en escena. Na peza pasan cousas terríbeis, e mesmo hai dous asasinatos, e todo o que presenciamos é que Felipe ven morrer ao escenario. Este privar ao espectador do que serían as partes "desagradábeis" do drama concorda co fin moralizante e didáctico da peza, que o autor salienta no parlamento final, posto en boca da tía Minga, que atribúe todas as desgracias e mortes á irreflexión de Mínia, o vicio de Felipe e os ciumes de Estebo.

Que A Fonte do Xuramento teña trazos románticos e que non tire máis partido do xermolo colectivo do conflito, non restan méritos ao seu autor, a quen debemos a primeira obra do teatro culto.

Esta liña do teatro costumista en verso é continuada por Galo Salinas no seu drama ¡Filla...!

Como moi ben indicou D. Ricardo Carvalho Calero, o concepto do honor do que fai gala o protagonista, é máis propio dun labrego de Zalamea, que dun de Xubia, que é onde está ambientada a peza.

Filla ...! Cuadro dramático de costumes galegas. Obra de Galo Salinas, editada no 1892

Un dos grandes problemas do teatro desta época debeu ser a súa posta en escena. O caracter minoritario de movemento rexionalista, integrado por intelectuais da clase media, e as profundas contradicións entre a súa ideoloxía e a súa forma de vida, entre pensamento e acción (defensa pública do galego e mantemento do español na vida privada), transformarían nun acto case heróico a posta en escena dunha obra galega, porque ademais dos custos económicos, terían que resolver o problema de que os actores e actrices falasen galego. En Galiza, unicamente sabemos das estreas de A Fonte do Xuramento ,na Coruña en 1882, realizada polos afeizoados do cadro de declamación do Liceo Brigantino, e de A Torre do Peito Burdelo en Betanzos, en Febreiro de 1891, a cargo dunha compañía profisional. Até tal punto chegan as dificuldades para conseguir que as mulleres da clase media urbana falen galego no escenario, que o papel de Mínia en A Fonte do Xuramento ,foi interpretado por unha francesa.

En 1885 sai do prelo, na Havana, Non máis emigración ,de Ramón Armada Teixeiro. A peza é denominada polo seu autor "Apropósito lírico-dramático" porque combina escenas cantadas con outras dialogadas, o que lle valeu ser catalogada como a primeira zarzuela do teatro galego. Sen embargo, o seu mérito non se limita a isto. Chegou a ter tres edicións en América, a segunda xa en 1886, ano da súa estrea no Teatro Tacón da Havana, e unha cuarta en Galiza, como folletín do semanario El Eco Ortegano, en 1905. Que unha obra dramática alcance catro edicións é un feito insólito que non ten igual na historia da nosa literatura, e se a isto engadimos que estamos a falar dunha obra do século XIX, aínda é algo máis extraordinario.

Non máis emigración está dividida en dous actos. O primeiro transcorre nunha aldea galega e nel asistimos a unha historia de amor inspirada na obra de Curros Enríquez, A virxe do Cristal . Mais non se trata dun plaxio, Armada Teixeiro fai que a súa Marica sexa consciente de que, igual que a protagonista de Curros, está sendo vítima dun ardil e pide axuda á Virxe do Cristal. Xan acredita na maldade de Marica e emigra. O segundo acto desenvólvese na Havana, e aquí radica parte da grande innovación do autor, porque nas escenas de rúa con que abre este segundo acto, todos falan galego. Armada prescinde do concepto de verosemellanza, que levaba a todos os escritores da época a ambientar as súas obras no medio rural para non "falsear" a realidade, e fai que os Aguinalderos e os Rapaces que venden a prensa polas rúas da Havana, falen galego.

A segunda innovación de Armada Teixeiro é que nas partes dialogadas emprega a prosa, adiantándose en máis de vinte anos ao teatro que se escribe en Galiza. Por último, e tamén como innovación, o dramaturgo escribe a primeira peza de teatro de costumes con carácter reivindicativo, xa que aquí, en Galiza este carácter unicamente o tiñan as obras históricas. Os dramas costumistas de Francisco Mª de la Iglesia e Galo Salinas carecían por completo de reivindicacións sociais, limitábanse a dar unha lección moral, e haberá que agardar ás obras de Lugrís Freire para que apareza o teatro social.

Na segunda edición de Non máis emigración recóllense unha serie de críticas sobre a obra que nos permite valorar como foi acollida. A maior parte dos críticos coinciden en afirmar que o tema non é o máis acaído para conseguir rematar coa emigración debido a que esta é unha "enfermidade social" e o protagonista de Armada, Xan, emigra por unha pinga de afán aventureiro e un moito de despeito amoroso. Mais tamén coinciden en celebrar a peza polos seus acertos na acción dramática e polo natural da lingua e o argumento. Isto último pode resultar choqueiro para un lector actual, que pode cair na tentación de interpretar a intervención final da Beneficencia como un deus ex machina que ven resolver os problemas económicos de Xan, evitando o seu suicídio e devolvéndoo a Galiza. Mais o feito de que os críticos, sobre todo os que están na Havana, vexan este final como "natural", indica que esta era unha realidade habitual entre os nosos emigrantes.

A emigración deixara de ser vista como un ben, como unha solución aos males do país, para ser entendida como o que verdadeiramente era: unha lacra social resultado dunha política nefasta para o país e as súas xentes.

A obra de Armada Teixeiro abría canles novos para o teatro galego: a reivindicación social e o abandono do verso, mais non tivo continuadores, que saibamos, naquel momento, aínda que non debemos esquecer que Lugrís Freire, o iniciador en Galiza do teatro social en prosa, estaba por estas datas traballando na Havana con Armada. Tamén está por facer unha investigación demorada sobre as actividades dramáticas dos galegos na emigración, xa que temos noticias de que en Bos Aires foron estreadas: en 1894, A orfa de San Lourenzo ,de Roxelio Civeira; en 1987, o monólogo ¿Pra que me namorei? ,de Xesús San Luis Romero; e en 1898, a comedia O xastre aproveitado do mesmo autor. Tampouco temos a seguranza de se A costureira de aldea ,de Manuel Lugrís Freire, chegou ou non a ser estreada na Havana.

A preocupación dos rexionalistas polo teatro deu tamén como froito a primeiro texto teórico sobre a nosa dramatúrxia, a Memoria acerca de la Dramática Gallega.

Galo Salinas.

Causas de su poco desarrollo e influencia que en el mismo puede ejercer el Regionalismo, redixida por Galo Salinas e publicada en 1896. Neste pequeno tratado, o primeiro que fai Salinas é refutar as teses daqueles que consideran o galego un dialecto do castelán, demostrando que é unha lingua e, por tanto, ten dereito a contar cunha literatura de seu. A seguir, compara o teatro catalán e valenciano co noso para chegar a delimitar as causas que frean o desenvolvemento deste último. Desta analise, Galo Salinas conclúe que o atraso do noso teatro se debe a tres factores: a falta de actores; a desconsideración social do idioma; e a falta de empresarios que se decidan a criar unha compañía profisional.

Para rematar o seu tratado, Galo Salinas fai unha enumeración de todas as obras dramáticas que coñece e un chamamento aos escritores para que lle proporcionen dados sobre as que puideren existir para facer a nómina completa do teatro galego. Tal chamamento non obtivo resposta.

IMAXES