A Etapa Contemporánea (S. XIX)
A poesía e o teatro interseculares
O Teatro

A preocupación dos rexionalistas pola dramaturxia coallou no primeiro texto teórico sobre o teatro galego: a Memoria acerca de la dramática gallega , de Galo Salinas (1897).

Galo Salinas.

Para Salinas, as causas do estancamento en que se encontraba o noso teatro resumíanse en tres:

  1. Falta de actores.
  2. Desconsideración social polo idioma, que, ás veces, se traduce en desprezo polo mesmo.
  3. Falta de persoas que, desde unha perspectiva eminentemente empresarial, apostasen pola consolidación do teatro galego.

Vistas así as cousas, está claro que mediante un traballo eficaz, continuo e programado, o grupo dos rexionalistas coruñeses podía aspirar, nun prazo máis ou menos dilatado, a superar ou, polo menos, a mitigar algunha das causas apuntadas por Galo Salinas como determinantes do atraso do noso teatro.

Como primeira medida, os Rexionalistas propician a creación da Escola Rexional de Declamación, que será a primeira compañía teatral de repertorio que exista en Galiza.

Coa creación deste colectivo perseguíanse, basicamente, dous obxectivos, fundamentais ambos para a consolidación dun proxecto teatral con pretensión de continuidade:

  1. Ser viveiro de actores.
  2. Servir de estímulo para os autores, que terían así posibilidades de ver representadas as súas propostas escénicas.

Mais, como é lóxico, o futuro deste proxecto non dependía exclusivamente das boas intencións dos seus animadores. Para que a iniciativa non fracasase, era necesario, ademais, contar cun mínimo respaldo social. O que nos sitúa xa diante da segunda das "causas" apuntadas por Galo Salinas, quer dicir, coa desconsideración social polo idioma, que, de xeito moito máis evidente, se manifesta no medio urbano ao que precisamente la dirixido este teatro.

Neste aspecto os resultados ían ser moito máis dilatados e, por suposto, os procedementos non se podían equiparar ao simples feito de crear un colectivo teatral, constituído por honres e mulleres ideoloxicamente afíns e procedentes, na práctica totalidade, do reducido grupo de Rexionalistas coruñeses.

Como medida máis inmediata había que comezar por dar a coñecer, utilizando todos os medios ao seu alcance (revistas, libros, conferencias, etc.), o pasado glorioso do idioma, e, de seguido, demostrar a súa total capacidade para o uso literario e artístico.

De aí, ese pertinaz didactismo que se evidencia nas publicacións da época, tanto nas literarias como nas xornalistas, tendente a contrarrestar o que se consideraba, basicamente, como un produto da desinformación.

Neste sentido, o traballo dos Rexionalistas foi eficaz e moi coherente, pois, á parte de que non tiña outro recurso que o simplesmente pedagóxico incidir na sociedade do seu tempo, cómpre non esquecer a grande importancia que se atribuía, polo menos en determinados círculos progresistas europeos, ao proceso educativo, como verdadeiro motor do cambio social.

De acordo co anterior, os Rexionalistas comezan por impulsaren ou animaren toda unha serie de empresas e actividades de tipo cultural e político, se ben, como sinala Ramón Maiz, "a partir de 1891, cultura e política non serán senón dúas fases da mesma mobilización".

En primeiro lugar, organízanse como grupo político e, a partir de aí, promoven revistas, certames literarios, recitais poéticos, e por suposto, veladas teatrais, co obxectivo principal de espallaren os fundamentos do seu idearium.

Dentro deses ambiciosos proxectos, a promoción da actividade teatral ocupaba un lugar prioritario, facilmente explicábel, pois reunir un grupo de persoas nun local cerrado, conseguir fixar a súa atención nun reducido espacio luminoso en que se está a representar un aspecto da vida, xeralmente tinxido de fortes paixóns, constitúe unha nada desdeñábel oportunidade para filtrar un discurso ideolóxico ou para "alertar" sobre unha situación determinada.

Isto explica a razón pola que o teatro foi "utilizado", en todas as épocas e baixo todas as circunstancias, máis que ningunha outra manifestación artística, como instrumento de alienación, como tribuna reivindicativa ou como plataforma ideolóxica dos máis diferentes signos e tendencias.

A utilización do teatro con fins manifestamente políticos reivindicativos ou apoloxéticos revélase, por pura lóxica, con moita máis intensidade e de forma moito máis nítida, naqueles países e naquelas culturas submetidas ou postergadas, onde todas as manifestacións vitais, e polo tanto culturais e artísticas, "sobreviven" nun permanente estado de clandestinidade ou de permisiva tolerancia, segundo os intereses concretos e determinados da metrópole.

Se resulta obvio que un país submetido a intereses alleos nunca pode acadar o seu pleno desenvolvemento nin a súa plena identidade, resulta, así mesmo, obvio que todas as manifestacións culturais e artísticas que nese país se produzan, nacerán co estigma da dependencia, comezando pola propia consideración social dos intelectuais e artistas, reducidos a singulares fenómenos dun "ghetto" en que se fabrican curiosos produtos exóticos.

De acordo con todo o que anteriormente levamos apuntado, resulta evidente que non é produto da casualidade o papel de capital importancia que se atribúe ao fenómeno teatral, xusto naqueles momentos en que diversos sectores do galeguismo estaban a deseñar un proxecto de cultura nacional. A este respecto sería curioso e revelador estabelecer as analoxías existentes entre as primeiras obras dramáticas dalgúns autores do Rexionalismo, Lugrís Freire , por exemplo, e as producidas anos despois por Antón Vilar Ponte , xa en plena efervescencia nacionalista das Irmandades da Fala . Os dramaturgos do movemento Rexionalista tiveron que moverse, non obstante, nun medio máis hostil, menos receptivo e menos propicio do que se moverían, con posterioridade, os homes das Irmandades.

Neste sentido, os seus esforzos, tendentes a consolidar o fenómeno teatral, foron realmente fundamentais e moitas das súas experiencias serían asumidas polos integrantes da chamada " Xeración do 16 ".

Para os Rexionalistas non ahondaba con escribir teatro, tiñan, ademais, que demostrar a viabilidade do seu proxecto, comezando pola propia opción lingüística.

As súas posibilidades de éxito, no que atinxe á necesidade de contaren co respaldo de persoas que, desde un plano empresarial, apostasen pola consolidación do teatro galego, eran practicamente nulas.

Sabedores desta limitación, procuraron sempre, con pouca fortuna, por certo, atraer ás súas filas, e mesmo implicaren no seu proxecto político, sectores empresariais e financeiros da burguesía galega. Por tanto, a única acción inmediata que podían emprender dentro dos seus minguados recursos, era propiciar a creación da Escola Rexional de Declamación , fundada na Coruña polo actor Eduardo Sánchez Miño e presidida na súa primeira etapa por Galo Salinas e, posteriormente, por Manuel Lugrís Freire.

Nan de Allariz, actor, nunha representación teatral.

A composición da Escola era a seguinte: un presidente, un director técnico, dous directores artísticos, un secretario, un bibliotecario, dous vocais e un representante. Estaba contemplada, ademais, a posibilidade de que se incorporasen outras persoas en condición de alumnos. Había, tamén, uns socios protectores que pagaban unha cota mensual, destinada a financiar os custos dos espectáculos.

A Escola fai a súa presentación pública, na cidade herculina, o día 18 de Xaneiro de 1903. Uns días despois, exactamente o 15 de Febreiro, a Revista Gallega, voceiro do movemento rexionalista coruñés, publica a seguinte nota:

"Escuela Regional Gallega de Declamación. El Directorio se dirige muy especialmente á los literatos gallegos que hayan escrito ó escriban para el teatro, á fin de que se sirvan enviar sus obras bien impresas ó bien manuscritas, con el objeto de ponerlas en estudio luego de examinadas debidamente, y representarlas por riguroso turno. Las obras pueden ser en uno ó más actos en prosa ó en verso, pero es imprescindible condición que sean escritas en gallego, asi fuere el asunto dramático ó cómico".

Co drama ¡Filla...!, orixinal de Galo Salinas, e na data anteriormente indicada, preséntase con carácter de acontecemento, nos círculos próximos aos Rexionalistas, a Escola Rexional de Declamación.

Aos poucos meses da súa fundación, comezan os enfrontamentos, as liortas e as tensións entre os integrantes da Escola por razóns nunca suficientemente aclaradas. Todo parece indicar, en principio, que a causa determinante da súa descomposición estivo motivada polos enfrontamentos e diferencias surxidos no seu cadro artístico.

Á parte desas rivalidades, que foron unha constante na curta vida da Escola, as tensións políticas no seo do movemento Rexionalista deberon ter, loxicamente, os seus reflexos na marcha da citada agrupación. Xa coa estrea de A Ponte ,en 1903, fican patentes as profundas diferencias ideolóxicas que existían entre algúns dos máis cualificados membros do movemento Rexionalista.

Só así se comprende que as críticas máis ácidas e as maiores descualificacións —no plano puramente ideolóxico— sexan publicadas na Revista Gallega ,nun claro intento de "desapegarse" do "radicalismo" de Lugrís Freire e das teses defendidas por este no antedito drama.

O ano 1905 foi nefasto para os Rexionalistas e o desánimo en todas as esferas e actividades era xeneralizado. Nestas circunstancias era practicamente imposíbel pretender perpetuar a existencia dunha compañía teatral de repertorio, sustentada nun colectivo en proceso de clara desmembración interna.

O abatemento é, pois, total: Galo Salinas probará fortuna no teatro español e Manuel Lugrís Freire tardará algúns anos en retomar o xénero dramático.

*  *  *

Espectáculos realizados pola Escola Rexional de Declamación foron:

  • "¡Filla...!" , de Galo Salinas. Estrea: A Coruña, 18 de Xaneiro 1903.
  • A Ponte , de Manuel Lugrís Freire. Estrea: A Coruña, 18 de Xullo 1903.
  • Minia , de Manuel Lugrís Freire. Estrea: Ferrol, 19 de Marzo 1904.
  • Mareiras , de Manuel Lugrís Freire, xuntamente con Rentar de Castromil , de Evaristo Martelo Paumán. Estrea: A Coruña, 16 de Outubro 1904.

Tamén realizou algúns espectáculos en español, mais o seu estudio non compete á literatura galega.

*  *  *

Unha vez desaparecida a Escola Rexional houbo algúns intentos de reorganizala, como o realizado por Eduardo Sánchez Miño en 1908 e 1913 ou polo grupo «Thalía» en 1910, mais non chegaron a se consolidar.

Heliodoro Fernández Gastañaduy.

A pesar do fracaso do Rexionalismo como proxecto político, e para alén de organizacións concretas que xurdiron anos máis tarde ( Solidaridad Gallega , Acción Agraria ), a ideoloxía rexionalista deixou un pouso redencionista en certo sector da sociedade. Na primeira década do século son frecuentes os artigos xornalísticos que falan da necesidade de preservar a cultura tradicional do esquecemento, sobre todo a música, a vestimenta, e certos costumes. Esta corrente, fose ideolóxica ou sentimental, deu como froito, a partir de 1915, a recuperación do teatro galego.

En Ferrol o coro popular «Toxos e Froles», en Vigo a «Agrupación Artística», en Santiago a «Tuna Escolar Gallega» e en Lugo, Xesús Rodríguez López coa comedia O Chufón revitalizaron en 1915 o teatro. A partir deste momento os cadros de amadores incluirán nos seus programas algunha peza en galego e o número de representacións irá ascendendo até 1919.

A «Escola Rexional» esquecera o teatro histórico, que como vimos no fascículo 10, predominara nos anos anteriores, para centrarse en dous tipos de obras: as costumistas de Galo Salinas e as de tese de Manuel Lugrís Freire. E estes serán os modelos que se sigan durante toda esta etapa.

Os autores costumistas máis representados foron Avelino Rodríguez Elías (1872-1958), Heliodoro Fernández Gastañaduy (1858-1926) e Nan de Allariz (1875-1927). Dos dramaturgos que continuaron a liña do teatro social ou de tese, hai que salientar a Euxenio Charlón Arias (1889-1930) e Manuel Sánchez Hermida (188819401, Manuel Lugrís Freire (1863-1940) e Xesús San Luís Romero (1872-1966).

En 1918 apareceu en Santiago o primeiro grupo que pretende especializarse en teatro social: o cadro obreiro «Brisas Futuras». Este grupo, transformado meses máis tarde en «A Terriña», conseguirá un dos grandes éxitos do teatro galego coa obra O Fidalgo ,de Xesús San Luís Romero. Ao longo deste ano de 1918 representáronse 32 obras, das que 15 foron estreas. Alcanzárase, por tanto, unha actividade o suficientemente acopla como para que as Irmandades da Fala decidisen tomar o teme do teatro galego creando o Conservatorio Nacional .

IMAXES