A Etapa Contemporánea (S. XIX)
A obra de Rosalía de Castro: Cantares gallegos
O tempo de Rosalía de Castro

Cando aparece Cantares Gallegos ,cos seus versos populares glosados, é práctica común na poesía europea recorrer a esta fonte de creatividade que era o pobo. Dende Alemaña até Madrid, dende Heine e outros até poetas españois de mediados de século, a lírica posromántica establecera o escenario para un enfoque provincialista.

Capa da primeira edición de  Cantares Gallegos,  imprentada por Compañel en Vigo, 1863

O popular pode verse coa ollada utópica ou nostálxica, idealizadora. Ao mesmo tempo, é importante sinalar que o mesmo desexo do primitivo, dun mundo máis sinxelo non adoitaba ser de protesto no XIX. Dende Castela ou Andalucía, a visión da gaita galega que fai Ventura Ruíz dubida e non ofrece ou "non merece" resposta. Ao deixar que fique o poema na ambigüidade, restalle o poeta forza, insinuando que non hai resposta evidente ao eterno asoballamento de Galicia. Non só insinúa a ausencia da resposta, senón que non sabe ou non lle interesa escoitar a voz galega á que non concede espazo no poema. O "non saber" do poema escrito por Ruíz Aguilera pode expresar unha postura real, mais é unha postura que indica a lonxanía da voz poemática, lonxanía que fai posíbel o ignorar os problemas dunha Galicia moi pobre. Pode ser postura encubridora; o eu poético pode afirmar a súa incapacidade de interpretar a mensaxe da gaita porque os lectores non o identifican con Galicia (o poema é en castelán, o poeta reside fóra de Galicia). Os versos fican nun exercicio estético, retrato dun diálogo insinuado e fracasado. O eu non pode descifrar os sons que produce o seu interlocutor, a gaita. Tampouco ten a obriga de sentirse responsábel da súa incapacidade para comprender.

Rosalía, en troques, non se conforma coa resposta ambigua. Non se ten valorado de abondo este acto literario de unha muller non acatar a autoridade masculina, unha autoridade que xoga co ambiguo para non tomar postura ou para tomala e agachala. Mais Rosalía, dende a terra galega, afirma que a única interpretación posíbel do seu país é a dunha terra víctima de tratos inxustos. Nos seus versos suple a voz incomprendida, ou a traduce, coa mensaxe de que calquera que viva en Galicia non dubidará na correcta interpretación das notas da gaita: os galegos entenden a mensaxe e poden definila sen problema.

Malia a postura clara de Castro na resposta que dá, tradicionalmente citada nos versos "eu podo decirche: /non canta, que chora", as ideas e intencións semellaban ser consoantes coa autoría feminina. É dicir: "chorar" era e ten sido sempre cousa de mulleres, sinal de febleza, resignación, vencemento. Por tanto, interpretar o poema segundo a mesma "corda" do feminino sería posíbel. Só podemos sospeitar que un sector do público debeu sentir un enorme conflicto entre comprender o significado político e social do poema rosaliano e telo atopado en boca de muller. Mais a orixe (co suposto signo do débil) de Cantares Gallegos non impide que xeracións despois por fin capten unha nova crítica á verdadeira forza da aclaración rosaliana: a gaita galega non canta porque é a voz dun país explotado por España.

Sinalemos a importancia dun eu na resposta (dun eu feminino) e dunha afirmación de capacidade ou confianza: "eu podo decirche". Seica a énfase na gaita ten desviada a ollada dos lectores da voz e a modalidade con que se afirma ou entra no espazo do debate con Madrid ou co mundo castelán en xeral. É quizais a primeira vez que se fala dende Galicia para contestar a unha voz non galega. O porqué da afirmación podo débese se cadra á localización física (equivalente á experiencia directa) do eu, á capacidade de expresarse en galego, e mesmo á forza espiritual ou intelectual da falante. Rosalía constantemente afirmara o valor e participación das mulleres galegas na sociedade, condición que as capacitaba para representar a realidade de Galicia igual que os homes. Ao mesmo tempo, o eu podo salienta a postura activa, definida, que contrasta coa postura ambigua de Ruíz Aguilera e serve como irónica acusación dunha ollada que de feito identifica os problemas que el di non entender ("¡Pobre Galicia!... Tus hijos/huyen de ti o te los roban"). Aínda así non sabe se sofre ou non:

Hoy, si la gaita gallega
el pobre gaitero toca,
no acierto a deciros
si canta o si llora.

Vemos o marcado contraste entre a postura lonxincua, alonxadora e ambigua do poeta español. A resposta de Rosalía non remata coa aclaración do estribillo; convértese nunha identificación da causa do choro. Os versos tan coñecidos de "Probe Galicia, non debes/chamarte nunca española" que encabezan a cuarta, das cinco partes do poema, de feito quebran o fluír do enfoque defensivo. Do proceso de descrición das penas o eu entra de cheo na crítica directa dunha España responsábel da desigualdade, e a continuación retrata a dor dos emigrados a Castela, terra dos culpábeis mesmos. O resultado é que, segundo a ollada interna, non é posíbel afirmar a incomprensión xa que a voz do poema rosaliano pode fornecer unha aclaración dura e directa, sen dúbidas.

Algúns críticos ven o valor de Cantares Gallegos no modo en que servía como mostra da "esencia galega", como primeiro intento de expresar a perspectiva "rexional" (referíndose o termo á tradición oral e uns costumes non españois). Sexa pola novidade de ver a lingua galega impresa, sexa polo carácter aparentemente non perigoso do contido, a ollada dos lectores podía pasearse pola paisaxe amena, podía observar as festas populares. Non era outra a tradición nunha España que non tiña moito contacto coas zonas periféricas na que o aspecto rural de Galicia era aínda maior do que agora. O mesmo pode facerse hoxe en día; é dicir, o turista, á procura do idilio e dos manxares perto da praia, pode elixir non ver as dificultades, porque causa certa inquedanza e fai cuestionar a lexitimidade das estruturas sociais que promoven o turismo cando hai xente local que morre de fame. As inxustizas non negan a existencia da beleza e virtudes dun pobo e máis ben as calientan. No contexto decimonónico, cando non había sequer un aspecto de atractivo turístico que puidese influír no público, a mesma insistencia de Rosalía nos aspectos positivos de Galicia e a súa xente constituía unha marcada afirmación política.

As virtudes da terra galega aceptabelmente recollidas nas referencias poemáticas ás árbores, fontes, montes e veigas, van acompañadas de persoas e voces que expresan amor por esta terra. Fanse festas nas que os campesiños cantan, bailan e aman, fóra dos días de traballo. As festas e os amores, pensamos, serven para amosar que os galegos non son só seres escravos naturais, feitos para laborar, inferiores por mor da natureza, seres primitivamente orgánicos. A imaxe do galego ou da galega amante vén ser máis que unha relación concreta entre mozos; contextualizada, é unha imaxe que representa a afirmación dun dereito humano e dunha capacidade que ten todo o mundo. A visión de Castro é humanizadora; rexeita a visión discriminatoria que teñen os non-galegos dunha Galicia menos civilizada.

As louvanzas que se espallan no intre en que sae do prelo Cantares Gallegos ,dirixíanse ao carácter "sentimental, tenro, fraternal". Inclusive defende un lector daquel tempo, José López de la Vega, unha aparentemente "suxerente" sensualidade; sensualidade que é perdoada —supomos polo que tamén ten de valores familiares e puros do primitivo mundo galego, terra de romarías cristiás e brisas sas. En maior parte o código que lle consegue o perdón a Rosalía é o da relixiosidade: a Nosa Señora da Barca, as campás de Bastabales, o casto lar.

A importancia dunha suposta relixiosidade rosaliana, tinguida de existencialismo, persiste na opinión crítica até a actualidade. Xunto con esta interpretación atopamos a tendencia a fusionar identidade individual poética e identidade cultural rexional. Empregamos o termo "rexional" conscientemente, como manifestación política do concepto cultural dende a perspectiva centralista. Velaquí un esquema:

 

Un dos achegamentos críticos sinala dúas tendencias en Rosalía de Castro: a íntima ou intimista, de valor universal; e a social ou popular, de valor particular ou anecdótico. A maneira de xuntar ambas as dúas tendencias, que doutro xeito parecerían contradictorias é —máis unha vez— por mor da relixiosidade:

"Incluso en la poesía que se refiere a la más estricta intimidad aparecen de pronto rasgos que están relacionados con creencias, o modos de vida del pueblo al que pertenece. Como en García Lorca, restos de una religiosidad primitiva, vestigios de un inconsciente colectivo aparecen en su poesía."

afirma Mayoral. Por unha banda acódese nesta interpretación tradicional ao inoperante concepto de inconsciente colectivo, fonte de todas as xeneralidades, identifícase co sufrimento por mor da perda das persoas amadas, crenzas primitivas (ou irracionalismo e superstición, nunha palabra), co concepto do feminino, baseado nas mesmas premisas. Por outra banda identifícanse a falta de poder económico e o illamento sociocultural cunha natureza tamén primitiva (aínda que na verdade é simplemente rural, xeograficamente alonxadora). Temos un retrato de Galicia moi apropiado para unha muller e para unha patria (sexa unha patria galega ou española) que non admita ou desexe a súa autonomía. Esta perspectiva ve como explicación do éxito de Rosalía unha relixiosidade que abrangue tanto o rural como o papel de Galicia dentro do Estado central. É unha interpretación que non deixa de ser sedutora. Nela permítense as contradicións, os protestos motivados por esa dor existencialista, a fe nun porvir mellor e a desesperación fatalista, a resignación perante a vontade de Deus, a impotencia.

A clave está en decidir se Rosalía estaba conforme co que retrataba xa dende Cantares Gallegos ou se criticaba a inxustiza con desexo de ver reformas sociais dende as bases estruturais da sociedade. Segundo a conclusión que fixeramos da primeira cuestión, teríamos dúas lecturas da autora. Ou era ela enormemente sensíbel e capaz de expresar os sentimentos do pobo en que se criara, de aí o atractivo que tiña o popular, coa tradición oral, as festas e figuras de aldea. Ou esixía a rectificación da inxustiza e salientaba o ruíns que eran as condicións de vida a través dos retratos que se presentaban como ou ben moi positivos (das relacións humanas, a paisaxe) ou ben moi realistas (a emigración, a pobreza).

Para decidirmos sobre qué postura tiña Rosalía de Castro —se estaba conforme coa realidade cultural e contexto histórico en que viviu— cómpre preguntármonos: (1) se era xustificábel a indignación extrema que ela expresaba; e (2) se a autora podía ser consciente das causas da situación que experimentaba Galicia. Na crítica tradicional podemos analisar as técnicas estruturais, identificar as imaxes e metáforas, citar fontes literario-culturais, sinalar supostos devanceiros e herdeiros sen engadir elementos realmente novos. En 1968 aparece o libro xa moi citado de K. Kulp, Manner and Mood in Rosalía de Castro. Marca este libro un intre importante na afirmación do interese estranxeiro e, concretamente norteamericano, pola escritora, aínda que é anterior á radical revisión da perspectiva crítica dos oitenta. Salienta aspectos xa coñecidos na recepción culta de Cantares sen analisar a relación entre lingua oficial de España e lingua propia de Galicia como unha relación sumamente problemática. Observa Kulp:

"Os poemas están feitos no dialecto galego do lar e familia de Rosalía. É o medio natural para os temas que ela elixira e é a lingua na cal os refráns, aprendidos en boca da ama de cría da súa infancia, estaban expresados. O dialecto, que foi lingua literaria da Península enteira, só persistía daquela na tradición oral, o que dificilmente o capacitaba para a expresión literaria formal".

Kulp representa a tendencia do resto da crítica, malia o feito real de que o termo "dialecto" xa se nos fai estraño, pexorativo. A pouca distancia que existe dende esta valoración do galego coma lingua secundaria ou nen sequer coma lingua até a aceptación case que xeneralizada hoxe en día do galego coma lingua lexítima debe indicarnos que nun período relativamente curto e dende un momento non tan distante a imaxe da autora ten mudado moitísimo. É dicir: aínda nun momento de grandes perguntas —os anos 60— a crítica feita dende a perspectiva hispanista non facía máis que repetir o xa dito, admirando e louvando o emprego da expresividade popular. Os comentarios non fomentaban a confianza na forza das ideas rosalianas senón que insistían na intimidade e solidariedade espontánea dunha muller coa familia e a xente ao seu redor. Ficaba todo na casa, como proceso ou resultado natural da "alma lírica" da muller. Lar, infancia, primitivismo, inconsciente colectivo: todo impedía que, na opinión dos lectores intelectuais, Rosalía traballase como literata, cuns procedementos e metas concretas.

A afirmación de que Castro non tentaba reconstruír unha lingua literaria, artificial, ¿é acertada? Kulp, repetindo a análise de Carballo Calero , observa que:

"Contrario a algúns dos seus contemporáneos, Rosalía non tentou reconstruír unha lingua literaria, o que tería producido deste xeito unha creación artificial. Ela non tentou facer que servise para máis do que podía servir".

Poderíamos admitir esta interpretación estrictamente literaria se non fose pola realidade de que os que eran galegofalantes se atopaban sen abrigadoiro no mundo e ante un goberno en que o castelán se impuña.

Nembargantes, a interpretación de Rosalía de Castro como escritora costumista é duradoira e, poderíase afirmar, aínda segue vixente. Se é Cantares Gallegos "respuesta a un ultraje" e "afán de romper una lanza a favor de Galicia" (idem), a crítica non acada a miúdo conciencia de que esta perspectiva é sumamente radical, novidosa; procura restarlle forza identificando precursores, tradicións literarias e epígonos de escaso perigo ideolóxico. A afirmación de Alonso Montero seica demostra a falta de liberdade de expresión de hai uns anos. A súa circularidade ou carácter contradictorio veríase reformado poucos anos despois:

"No interesa subrayar la miseria que existe, y sí las virtudes humanas de las gentes de nuestro país. Para Rosalía la miseria es algo así como un hecho natural y no debemos esperar en esta ocasión que lo lamente puesto que su objetivo —proclamado ya en el prólogo del libro— es el demostrar los valores humanos de una región menospreciada".

Hoxe en día admitimos máis abertamente que, de considerar a poeta "natural" a situación asoballada de Galicia, non tería escrito Cantares Gallegos do mesmo modo. Só o feito de empregar a lingua do pobo, como se ten dito, é a afirmación dunha postura comprometida, nova. Ao posicionarse ela dentro da lingua non castelá crea unha voz disidente. Quizais a comezos dos anos 70 aínda era axiña para a crítica sinalar os elementos dista obra que non enfocaban os "valores humanos" dos galegos. Valorar o popular e escribir na lingua do pobo era distinto para Rosalía que para os poetas románticos e españois, porque no caso destes a lingua era fundamentalmente a mesma. Así que cando Cantares Gallegos se abre con

cantarte hei, Galicia,
na lingua galega,
consolo dos males,
alivio das penas

tamén o verso está manifestándose a favor da expresión autóctona, a cal non era española. Ou Rosalía escribe en galego porque é de mentalidade provincial, feminina, limitada, ou escribe en galego porque é consciente do silencio imposto aos seus falantes no terreo cultural e político. Como autora nunha lingua daquela marxinada, sería postura atractiva a da voz da meniña ou da vella menciñeira, pola súa suposta intranscendencia, que ofrecía un espazo no que podía expresar con anticipada impunidade unha realidade dura dunha intención de protesto.

Até hai pouco a crítica non viu ou non quixo admitir os despontes e anticipacións dunha conciencia política. Salientouse en parte o que tiña de social, máis sobre todo preferíase clasificar como mística ou espiritual a conciencia política de Castro, preferindo clasificala de existencialista e sentimental. As declaracións sobre o que non di ela apoian a visión de Rosalía como testemuña dos valores humanos do pobo galego. E son estas afirmacións as que negan a visión dela como voz do protesto político en versos como

Mais, son probe e, ¡mal pecado!,
a miña terra n'é miña,
que hastra lle dan de prestado
a beira porque camiña
ó que naceu desdichado

A crítica perguntará: "El verso dos —mi tierra no es mía— ¿a qué alude? ¿A la marginación de Galicia? ¿A la tierra que en régimen de foro trabaja un campesino? No está muy claro". Versos como os que vimos de citar parecerían imposibilitar totalmente o cuestionamento da lucidez rosaliana, e atribuímos a dúbida ou ben a unha acertada preconciencia do pensamento feminista/nacionalista de Rosalía ou á autocensura. De todos os xeitos, o progreso é notábel, e subliña a presencia do social nela.

No mesmo ano en que sae o poemario, as afirmacións de J. M. Posada enfocan de novo a imaxe dunha utopía galega, no nome da que Rosalía de Castro compuxo poemas "delicados y armoniosos". Importante é sinalar estas palabras sobre de "Airiños, airiños, aires":

"¿Hay cosa más tierna y delicada que la precedente poesía, en que parece que el alma se deshace en amor por todo lo que más adora; por todos los más caros objetos, que naturalmente se encierran como en un santuario en el corazón noble y bien nacido?".

Recatada, reverente e donda, a voz rosaliana é gabada, pode andar libremente, obxecto de lectura entusiasmada para un público do XIX. Como voz feminina pode exaltarse porque, como Galicia, sempre terá dono e saberá acatar os desexos dese dono. ¿En que se diferencian realmente as análises dun século despois? Nalgúns casos, ben pouco. Noutros, sensibilidade tórnase compromiso.

Vinte anos despois, Emilia Pardo Bazán apreciará o valor literario de Cantares Gallegos e falará da natureza feminina que fixo posíbel a obra. Mais non a considera capaz de superar a perspectiva propia da muller provinciana, limitada na experiencia do mundo. Pardo Bazán fala do "tono apacible" do libro, malia o ser muller ela e quizais debido á súa postura de clase, non percibe na escolla das voces de mulleres marxinadas unha mostra clara de conciencia social por parte de Rosalía. O home desta, Murguía , fai máis fincapé en 1885 no compromiso social, mais non deixa de falar da espontaneidade (= o irracional) á vez que sinala o combativo da obra. En 1917, non lonxe da morte, Murguía publicará un artigo (cit. F. Rodríguez Sánchez ), en que afirma o efecto que exercera o volume no intre da súa publicación.

En 1931, Unamuno non admitirá o compromiso político de Rosalía como lexítimo. O escritor vasco, arraigado en Castela, atribuirá o choro da gaita galega a algo que chama "cousa dos poetas". Corenta anos despois, Salvador de Madariaga a penas agacha o desgusto pola crítica de Rosalía cara a Castela, cualificándoa de non ser poesía e de non ser certa. Di que os culpábeis da emigración eran os mesmos galegos, xa que eran eles, os donos (¿?) de Galicia, os que pagaban mal e facían emigrar os homes. Con esta referencia chegamos ao momento xustamente previo á radical revisión da obra rosaliana que terá lugar na década dos 80. Témola visto como escritora local ou provinciana, falta de ideas ou sensibilidade sociopolítica e témola visto como autora dunha crítica social sen conciencia política; ou non se decataba Rosalía do que ocorría no mundo por ser muller e galega ou, se se decataba, trabucábase por ter "prexuízos" a favor do galego, sendo galega.

A partir do congreso internacional que se celebrou co motivo do centenario da súa morte en 1985 —un fito nos estudos rosalianos— a crítica feminista e nacionalista artella a obra desta autora segundo outras coordenadas. Estas dúas perspectivas xa viñan sospeitando da existencia doutra Rosalía. Nalgúns casos a crítica feminista era practicada dende o enfoque principal que considera o xénero na escrita e por tanto non podía atribuírse a uns intereses especiais. O novo ponto de comparación, entón, era a literatura de mulleres. A voz de Castro compaxinábase perfeitamente coas das súas contemporáneas e coas escritoras doutros países (Francia, Inglaterra, Estados Unidos, entre outros). Esta crítica podía citar amplamente as referencias da escritora galega a George Sand e outras artistas (en cartas e novelas) e salientaba con exemplos as manobras para desmentir, rebaixar ou silenciar a obra dunha muller no século XIX. Amosaba que as actitudes tradicionais eran a mostra perfeita do patriarcalismo no mundo literario.

George Sand.

No intre fundamental dos 80 e pouco despois do congreso, aparecen dúas obras que redondean a crítica rosaliana. Unha é o libro de Catherine Davies, Rosalía de Castro e o seu tempo ,cunha orientación, se non estrictamente feminista, si consciente da problemática feminina, e tamén cunha visión histórica que retrata o verdadeiro contexto en que viviu a autora. Dende a primeira páxina Davies salienta o contexto histórico de Rosalía, Galicia e España. Pregúntase se había un pensamento nacionalista e decide que non:

[...] ¿dábanse naquel momento as condicións sociais para o nacionalismo en Galicia? Había tempo que a rexión era consciente da súa propia tradición, daqueles factores que a diferenciaban do resto da península: a xeografía, a historia, a raza, as leis, a lingua e todo o que puidese xustifica-la longa serie de revoltas medievais. Pero non abondaba coa tradición. O nacionalismo do século dezanove, consecuencia da revolución económica e política, era un proceso dinámico que empataba directamente coa introdución dos métodos de produción capitalistas e co ascenso das clases medias. Estas e mailos intelectuais, os seus ideólogos, necesitaban forxar unha alianza entre a tradición, a relixión e o traballo campesiño, pero en Galicia non foi posible. A Igrexa, o principal elemento da tradición, non se identificaba co descontento rexional; non había conciencia nacional entre as masas labregas..." (19)

Un nacionalismo como o do século XX ou do intre actual non o había. Ao mesmo tempo, a falta dunha teorización nacionalista no XIX non impide que se tivese conciencia dos problemas e as súas causas. Rosalía tivo ou puido ter acceso ás ideas expresadas por intelectuais galegos e estranxeiros sobre as condicións sociais: Faraldo e Fourier, Saint-Simon, de la Sagra e Proudhon, Mme. de Staël, George Sand. Dos detalles concretos deses contactos temos pouca información, mais hai datos como o de que Rosalía visitara o Liceo de San Agustín, de que fora mencionada polos colegas do marido como escritora, de que participara ou se di que participara no importante Banquete de Conxo , colaborara na Corona fúnebre para Aurelio Aguirre, coñecera diversos intelectuais antes de coñecer a Murguía e de que fora a Madrid aparentemente polo motivo de realizar unha actividade intelectual creativa de seu. Os temas de debate presentábanse nos círculos literarios e publicábanse nas revistas, tanto de Madrid como de Galicia. Atribuírlle a Castro a influencia directa dalgunha liña de pensamento non é tan fácil; declarala inconsciente desas liñas, sexa cal for a razón, é inconsistente coa realidade que suxiren os feitos documentados da vida dela. O nobre salvaxe rousseauniano non parece lonxe da postura lírica, utópica de Cantares Gallegos ,aínda que agora pareza insustentábel e inxenua, se non lixeiramente racista. O outro libro que concede importancia ao contexto histórico é Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro ,de Francisco Rodríguez Sánchez, cunha orientación de signo sociolóxico literario, e adoptando a postura de partir da realidade de Galicia. Curiosa e felizmente, nen o ser de autoría masculina, nen o ter el un compromiso nacionalista, impide que faga unha valoración feminista da obra rosaliana baseada nunha lectura textual e máis ben serve como fito neste mesmo eido. Illar o feminismo de Rosalía do seu compromiso con Galicia é imposíbel; calar ambas as dúas perspectivas respecto dela xa é tarefa difícil. Rodríguez Sánchez tamén fai o importante traballo de perfilar a dinámica do proceso de recepción da obra rosaliana, afirmando que o feito de seren perigosas as ideas nela presentadas fixo que houbese tanto un proceso de censura como un proceso de asimilación. Malia os argumentos que teñen un apoio documentado neste libro, calquera análise que queira atopar en Cantares Gallegos unha actitude que anticipe minimamente conviccións achegadas ao nacionalismo contemporáneo ten unha acollida limitada; percibimos algo disto no duro silencio con que ten sido recibido o libro de Rodríguez Sánchez. A Rosalía de sempre segue a ser accesíbel a todos; non require ningún compromiso político agás o que podemos sentir coa "humanidade". Unha Rosalía íntima é aceptábel porque non cuestiona o contexto en que viviu era ou no que vivimos nós. Non incomoda aos críticos masculinos o seu sufrimento se se cre que protesta dende unha postura débil, sen pór en entredito as estruturas patriarcais. Nunha palabra: a Rosalía de sempre é de lectura amena, non esixe máis que un bon corazón. O estilo, a lingua, non cuestionan nada, senón que se nos ofrecen cos seus "defectos", imprecisións e "vaguedás". Ler así é desfrutar, chorar, observar (costumes rurais e primitivos), identificarse con ela ou coa voz dos poemas. A crítica tradicional española limitábase ao estudo da poesía e das novelas dende esta perspectiva, cun enfoque nos temas e estilos tipicamente literarios. En troques, os traballos que analisan o propósito autorial, as condicións históricas e, en xeral, os traballos que non fan un comentario tradicional de texto cinguido ás obras, téñense exposto á resistencia. A crítica literaria nestes casos abrangue outros eidos teóricos: a sociolingüística e os actos de fala, a construción social do xénero, a funcionalidade social da literatura, entre outros. A renovación constante das técnicas de análise literaria non terxiversan unha obra, senón que contribúen a unha maior comprensión dela, unha melloría da calidade dos comentarios, evitando a repetición das mesmas ideas e ideoloxías. Hoxe en día todo lector é consciente de que para unha obra galega, e sobre todo unha que foi o primeiro libro en galego moderno, é importante termos en conta as condicións que posibilitaron a súa aparición e a súa lectura continuada. Tamén é xustificábel analisarmos o que non se puido dicir e o porqué desa limitación.

IMAXES