A Etapa Contemporánea (S. XIX)
A obra literaria e xornalística de Lamas Carvajal
O Universo Lamasiano

De facermos unha breve análise sincrónica do apartado bibliográfico que, como acabamos de ver, corresponde á autoría do noso poeta cego, seguramente tiraremos múltiplas conclusións, como teñen feito no seu momento algúns investigadores, que non demasiados, a respecto do amplo legado que Lamas Carvajal nos trasmitiu, así como do seu empeño por escribir e escribir en galego, amosando sempre un profundo afán dignificados do idioma, da súa asunción, de honre activista, intérprete e defensor da causa do máis desfavorecido, do seu populismo, etc. Mais, sen dúbida, consideramos que hai un punto importante a ter moi en conta no estudio da obra deste autor e que non é outro máis que a intertextualidade que se manif esta ao longo de toda a súa produción creadora, o que non nos permite facer diverxer o seu labor puramente literario do máis exclusivamente periodístico. É dicir, ambas facetas camiñarán xuntas e parellas ao decorrer vital do autor, polo que concordamos con aquelas referencias que nos remiten a un acervo cultural de marcado carácter literario-xornalístico no seu conxunto.

Exemplar de  Espiñas, follas e frores , con anotacións do propio Lamas Carbajal para preparar unha terceira edición madrileña.

Ora ben, ¿como se manifestan na práctica afirmacións tan rotundas? Consideraremos, pois, para tentar darmos unha resposta axeitada, varios niveis de concomitancias ou interferencias que van afectar, como se comprobará no seu momento, aos diferentes planos da creación lamasiana e que optamos por clasificar do seguinte xeito:

  1. Simetría na intención, contidos e destinatarios entre a obra xornalística por excelencia O Tío Marcos da Portela e o conxunto da súa obra poética. Non parece casual que ambos xéneros condensen as dúas instantáneas que mellor esquematizan toda a súa produción literario-xornalística, isto é, por unha banda, a hexemonía da corda popularista, e pola outra, a denuncia dos males que seguían batendo na infeliz vida dos labregos.
     

"No burgo decote coa fame loitando,
están os labregos rabeando de bos,
escravos que levan o nome de libres,
que viven no inferno rezándolle a Dios.

Fozando co sacho na costra da terra
soportan os fríos, a chuvia i o sol;
a lei do traballo que rixe prós probes,
ós nados na aldea colleunos nun rol".

("A aldea". A musa...)

"Despedidas do ano vello que tiveron os labradores. A Noiteboa zugando as espiñas dunha folla de bacalao; os recaudadores chamando ás portas pra daren en troques do aguinaldo as papeletas de recargo, i os alguaciles as notificaciós de demanda a xuício de conciliación; os señoríos pidindo os atrasos das rentas, os médicos as abinzas do ano, i os letrados os honorarios dos preitos, i os escribaos mandando nota dos direitos vencidos. ¿I os usureiros? Facendo a conta da vella, eneabalando os rédetos ó capital asegún estilan polo sistema do interés composto, que a nada que o deudor se durma nas pallas déixao como o galo de Morón, sin pruma e cacarexando".

("Entradas de ano", O Tío Marcos )

  1. Idéntica funcionalidade conativa que o noso autor persegue tanto nos múltiples parrafeos do Tío Marcos da Portela como en toda a súa produción poética.
     

"Artistas traballai, agricultores,
non folguedes siquera un solo instante;
¡A ocasión que hoxe tedes das mellores
é pra mostrar voso poder xigante!
 

Dez cartas  escritas pr´os gallegos.  Obra de Lamas editada en 1875.

Detractores, ¡atrás! non con máis méngoa
aldraxar pretendades a Galicia;
cando miren os ollos, muda a léngoa
ten que quedar cos trunfos da xusticia.
¡Ánimo, pois, gallegos!, non pensedes
máis que en mostrar en días non lexanos
cantas riquezas en Galicia tedes:
¡que as vexan i ademiren os estranos!

("Primeira carta". Cartas ós gallegos)

"[celebrando a saída do Galicia no] ¡Xa somos dous! ¿Quen sabe si tempo andado terá cada vila de Galicia o seu priódico escrito na nosa fala, que lembre, que recorde ós que viven nas aldeas morrendo de traballos e saudades o que somos i o que fumos, o que temos i o que nos fai falta pra chegar ó cobizado día da nosa rexeneración?"

(" Ó Galiciano " , O Tío Marcos)

  1. Continuas interferencias entre a multiplicidade temática tan recorrente da que o autor bota man; exemplificamos con dúas breves mostras onde, ao noso ver, se condensa toda a capacidade de síntese de Lamas:
     

"Nantronte ó brincar un valo
estordegóuselle un pé
ó meu fillo máis pequeno;
onte pariume a muller;
estou chamado a xuício
prós derradeiros do mes;
debo dous anos de renta
ó fidalgo de Sober;
(...)
teño que pagar us piques
da botica que levei,
os rédetos de dez pesos
que me emprestou don Manuel,
o trabuco de consumos,
o da sal, e máis non sei
cantas outras picalladas
que me trán a mal traguer; 
(...) 
O fillo maor que tiña,
era bo mozo abofé,
(...)
aquel fillo, ¡malpocado!
foi ó servicio do rei,
(...)

("Ei, boi, ei". A musa... )

"Ansí botamos a barullo moitas cousas que deberamos acoller con antusiasmo e fe; ansí lle damos alentos coa nosa indifrencia ós que acometen unha empresa patriótica; ansí co esquecemento premiámo-los nosos fillos máis ilustres; ansí socede que os gallegos que queiran brilar teñen que ir a terras estranas; ansí pasa con escándalo das presoas sabidas que namentres outros pobos esfórzanse por conservar as súas costumes e tradiciós, a súa historia i a súa fala, dános a nosoutros por aldraxalas, non tendo historia escrita, chamándolle ás tradiciós antiguallas, ás costumes tonterías, i á fala gallega xerga noxosa; ansí socede que os máis dos que traballan nas terras nin de ouvidas conecen ós nosos xenios; que as mais lles rifen ós fillos porque falen o gallego, que mozos e vellos troquen a monteira polo chapeu de palla, que nos praza máis o do estranxeiro que o da terriña, que a gaita non sone máis que diante dos porcos que se poñen en rifa, que as mozas deixen o dengue i a muradana polo traxe das manolas e que non haxa entre nosoutros cousa con cousa acorde, nin no arte, nin na moda, nin no falar, nin máis nin menos que si nos volvésemos tolos ou nos dese por andar a elas no xogo dos desatinos".

("A Roque Grilo Verzas", O Tío Marcos )

  1. Interpretación da prosa ao servicio do labor poético a través de dúas canles fundamentais: por unha banda, o emprego da obra xornalística como medio anunciador e publicitario da creación poética; cómpre lembrarmos a este respecto o anuncio do Primeiro Ramiño desde xaneiro de 1875 no Tío Marcos da Portela ;e pola outra, a transmisión de múltiples poemas do libro A musa das aldeas a través deste mesmo vehículo xornalístico.

IMAXES