A Etapa Contemporánea (S. XIX)
A emerxencia da literatura galega na primeira metade do século XIX (1808-1863)
Os primeiros textos escritos en galego

O importante hiato que sofre a historia autónoma da Galiza na Idade Moderna non podía ser leve para a existencia dunha institución como a propia escrita e, dentro dela, para a literatura. Xa se viu, en capítulos anteriores, como o que existe, en letra escrita ou literaria, nos denominados Séculos Escuros, son retallos de resistencia, non institución propiamente dita. Con todo, a tan repetida afirmación de que a literatura renacente do XIX nace con total ignorancia da espléndida literatura medieval cómpre matizala de xeito fundamental: os artífices básicos da mesma sabían da existencia da historia normalizada da Idade Media, afirmaban a unidade identificatoria de galego e portugués; do que non dispuñan era da proba documental —poesía e prosa medievais—, que só chegará a coñecerse no último tramo do século XIX (mercé á divulgación, en 1886, por Antonio de la Iglesia, dos traballos de Teófilo Braga): sabéndose, por tanto, figuras do segundo "hemistiquio" imposto pola cesura, non podían ler, inspirarse ou apoiarse nos ancestros do primeiros "hemistiquio", ao descoñecelos en forma visíbel e tanxíbel.

«...as cousas teñen de ser como as fan as circunstancias», escrebe Rosalía de Castro no maxistral ensaio literario que encabeza as súas Follas Novas (1880). Tal aserto cobra todo o seu valor ao considerarmos a natureza, intencionalidade e caracteres dos primeiros textos escritos en galego no século XIX. Trátase, como estabeleceu Ricardo Carballo Calero, de versos ou prosa de propaganda política e/ou patriótica, xerados de forma inmediata pola guerra contra os franceses: literatura utilitaria, por tanto, vinculada estreitamente ás marxes de confronto ideolóxico-político propio do novo século, entre o discurso e a praxe absolutista e a liberal.

Así, en 1808 publícase un romance anónimo titulado Un labrador que foi sarxento aos soldados do novo alistamento : posto en boca dun labrego e dirixido aos mozos alistados co gallo da guerra contra o francés, chámaos a loitaren contra os invasores, coa promesa de futuras honras e agasallos.

Co título de Proezas de Galicia edítase, en 1810, o libro de Xosé Fernández Neira, tamén exemplo de literatura "funcional", que enxalza as fazañas dos galegos na guerra, xestas que deben ser imitadas polos españois para o exterminio total dos franceses. Estamos, así e todo, perante unha peza dialogada, con propositada intención literaria, malia as súas amarrallas como texto panfletario ou propagandístico, e resulta tamén do maior interese do ponto de vista lingüístico (o autor declara escreber nun galego común, de práctica xeneralizada nas sete provincias galegos) e mais do ponto de vista histórico.

Cuberta de  Proezas de Galicia.  A Coruña, 1810.

En 1813, imprímese anonimamente na Coruña o romance titulado Os rogos de un gallego establecido en Londres, dedicado ós seus paisanos para abrirlles os ollos sobre certas iñorancias, e o demais que verá o curioso leutor ,que pertence a Manuel Pardo de Andrade. De filiación ilustrada, o autor, que desenvolveu unha grande actividade patriótica e liberal, batalla enerxicamente contra os ferrollos do absolutismo e da reacción eclesiástica ("librádenos dos nubeiros / da maldita Inquisición», rógalle á Virxe), o que lle mereceu tanta sona nas fileiras liberais como zunia e persecución do arcebispo de Compostela. Restabelecida a monarquía absolutista, en 1814 viuse obrigado a fuxir a Francia, onde acabaría morrendo, após o retorno á Galiza en 1820, despois da sublevación de Riego.

Pedro Boado Sánchez, doutor en leis, participa na Coruña no movemento pola restauración da Constitución, abolida co retorno absolutista mencionado. En 1823, sendo Gobernador da provincia de Ourense (criada o ano anterior), publica un Diálogo entre dos labradores gallegos, afligidos, y un Abogado instruido, despreocupado y compasivo , diálogo que decorre en galego, por parte dos primeiros, e en español, por parte do segundo, e que versa sobre un tema ben próximo á problemática do rural galego: o pagamento de dereitos ao abade confrontados coa nova lexislación que os anulaba; un tema, por tanto, tamén "a pé de obra" da realidade galega do tempo, motivo —como se viu páxinas atrás— de múltiplos conflitos e pleitos xurídicos. Téñase en conta que xa de 1805 data unha carta ou escrito de queixa ao Rei de veciños de Pontedeva acerca da imposición dun tributo abusivo sobre o consumo e venda do viño.

Mención á parte —como unha sorte de paréntese neste tipo de literatura e, ao tempo, como unha ponte que une dúas beiras históricas, a tardomedieval-moderna e a contemporánea—, merece un subxénero poético que si seguiu existindo e permitíndose en galego nos Séculos Escuros: os vilancicos e cancións de Nadal, nos cais a presencia de aldeáns galegos e do mesmo idioma galego resultaba funcional e estilisticamente pertinente. De Antonio María de Castro e Neira (1771-1826), eclesiástico, consérvanse varios vilancicos que o consagran como a figura sobranceira deste período neste ámbito de expresión.

Xosé Fernández Neira.

Volvendo ao fío literario anterior, son de obrigada citación os Diálogos , que constituirán un xénero ben característico da primeira metade da centuria. Xa temos aludido ao formato dialoxístico en que se verten pezas literarias das primeiras do século, antes mencionadas. Para Carballo Calero, é claro que inauguran unha nova época: nados ao calor dos órganos xornalísticos, a súa caracterización xenérica (participan, se empregamos nomenclaturas convencionais, do teatro, do xornalismo, da prosa doutrinal...) é un elemento ben interesante para marcarmos a especificidade da literatura galega renacente e, tamén, da precursora: o seu encaixe en moldes estilístico-formais, que recobren un abano de temas e de xéneros diversos, moito en función dos protagonistas, das características e de intencionalidade inmediata dos textos (personaxes populares-idioma galego-debate ideolóxico-problemas dos labregos —papel dos representantes da Igrexa Católica— distribución de usos diglósicos de un e outro idioma, galego e español). Para alén dos que contan coa autoría sabida, Carballo Calero fai o inventario de até nove destes diálogos, de autoría anónima, impresos en Santiago de Compostela e publicados entre 1812 e 1837, todos eles de grande interese histórico e lingüístico.

IMAXES