A Etapa Contemporánea (S. XIX)
A obra literaria e xornalística de Lamas Carvajal
Perfil Biobibliográfico

Achegándonos ao ecuador do século XIX, o 1 de novembro de 1849, nace na, por aquel entón, pequena cidade de Ourense, Valentín Lamas Carvajal , nome este polo que é literaria e periodisticamente recoñecido a pesar de constar na partida de bautismo co apelido materno Carvajales, o cal, sen termos aínda hoxe unha explicación definitiva, deixara de usar a partir de 1870 con ocasión da súa chamada a filas. Se ben as noticias biográficas sobre os primeiros anos do noso autor son moi confusas, si sabemos hoxe que quedou orfo de pai sendo moi novo, cunha nai de dezasete anos e sen porvir asegurado, situación que vai paliar un tío desta, D. Pedro Carvajal, mantendo baixo a súa protección a Valentín.

Porta Sur da Catedral de Ourense, 1980.

As referencias bibliográficas que nos ofrece López-Aydillo sitúan o noso autor iniciando o seu período escolar na rúa ourensá de Lepanto para continuar estudios posteriormente no Instituto ourensán no ano 1862, onde tivo como profesores a García Mosquera e Saco y Arce, entre outros, e aos que dará mostras de afecto e admiración en múltiples ocasións. En setembro de 1868 solicita matricularse de novo, xa fóra de prazo, acompañando un certificado médico no que se expón o inicio do seu problema visual que, como sabemos, concluirá rapidamente nunha cegueira total con a penas 27 anos. Con posterioridade, e a pesar desta eiva, localizámolo a comezos dos anos 70 en Santiago de Compostela coa idea de cursar estudios de Medicina; esta parte da súa vida tal vez sexa unha das máis escuras, xa que os diferentes biógrafos ofrecen diferentes informacións sobre a duración da súa estadía alí, o seu paso pola Universidade, a conclusión da carreira citada, etc. De todos os xeitos e malia a carencia deste tipo de datos, si é fácil de concluir a importante inflexión que debeu supoñer na súa vida esta pasaxe universitaria por Santiago en canto a actividade intelectual, fundamentalmente.

A partir do ano 1874 situámolo en Ourense de novo, a súa cidade de referencia xa de por vida, casado cunha antiga compañeira de estudios e amiga da infancia, Dª. Amalia Rosina Sánchez, a quen lle dedicará poemas soltos, nun primeiro momento, para facelo despois cun libro íntegro titulado Desde la reja. Cantos de un loco ,o seu único libro bilingüe, onde nola presentará como "compañera de mis infortunios " . Desta relación nacerá unha numerosa descendencia los dous primeiros nados antes de contraeren matrimonio), se ben só seis lograrán alcanzar a xuventude.

A súa ampla produción artística, que o consolidará como o escritor galego máis fértil, vén dada, en certa maneira, pola súa descuberta tempera dunha verdadeira vocación literaria que, ao longo dos anos, irá callando e complementándose nas diferentes publicacións que produce, ora do punto de vista da creación, como poeta fundamentalmente, ora mediante o esf orzo pioneiro de elaboración dunha prensa integramente galega, no espirito e na lingua. Esta bifurcación, creación poética e publicación xomalística, permanecerá intimamente ligada na ampla maioría do traballo redixido pola súa pluma, o que, como veremos no seu momento, nos permite falar dun auténtico totum que constitúe o conxunto da súa obra en xeral.

Se ben a súa produción literaria en español comeza xa nos inicios da década dos 70, con títulos como La monja de San Payo, Flores de ayer, El Cancionero del Miño. Leyendas y tradiciones de Orense y Las dos perpétuas , o ano 1874 será clave na medida en que achamos a Lamas Carvajal, confirmada a grave afección ocular da que falamos nun grao de irreversibilidade total, como colaborador do xornal El Heraldo Gallego ,pasando rapidamente a converterse en director e propietario. Será neste mesmo medio onde presente as súas primeiras composicións poéticas, agora xa en galego, que, no ano seguinte, recompilará baixo o título de Espiñas, follas e frores. Ramiño primeiro .

A súa desesperación persoal vai verse mitigada pola rápida consideración e éxito que conseguirá como escritor, tanto na vertente literaria como na xornalística; a súa primeira obra poética tivo unha excelente acollida por parte da crítica, o que fixo que en dous meses se esgotase a 1ª edición e retrasase a publicación do Ramiño segundo até o ano 1876. Até cinco edicións se chegaron a facer en vida do autor, vendo a luz aínda unha sexta no ano 1909 e outra nas Obras completas de 1927.

Lamas é, pois, coñecido e apreciado como escritor, mais coa publicación a partir do ano 1876 do xornal O Tío Marcos da Portela , escrito no idioma propio, vai obter o definitivo refrendo popular. A aparición deste xornal supón todo un fito na historia das letras galegas: é o primeiro xornal escrito en galego na súa totalidade e desde dentro do país, isto é, un producto autóctono galego, en galego e para os galegos. O éxito desta publicación foi tal que —agás pequenos momentos de silencio— se mantivo en contacto quincenal, primeiro, e semanal, con posterioridade, até o ano 1890, isto é, durante 14 anos que, sen perdermos de vista o contexto histórico, social, político, no que nos situarnos, avala ese importante fito do que máis arriba falabamos. Cómpre preguntármonos, pois, onde é que radica o éxito desta publicación, máxime se temos en conta a facilidade con que xurdían e desaparecían múltiples títulos de prensa no país; pois ben, a causa fundamental ben puidera ser o feito de ter escollido o noso autor unha técnica críbel, fiel e próxima á inxusta realidade do sector de poboación maioritario naquel momento, os labregos, eternos sufridores dunha minoría asoballante e explotadora; consecuentemente, o idioma escollido como elemento vehicular de comunicación tampouco podía ser outro que non fose o galego, o idioma propio que esixe o tema: sintonía perfecta, logo, entre emisor e receptor, entre realidade social e idioma, entre necesidades e representación das mesmas.

Caricatura de Eugenio López Aydillo, por Castelao.

Moitas das prosas rexistradas nos diferentes números deste xornal serán publicadas posteriormente nun libro de narracións baixo o título Gallegada. Tradiciós, costumes, tipos e contos da terriña .

Mais, a pesar de todo o dito, o annus mirabilis do noso autor é sen dúbida ningunha 1880, e por partida dobre. Por unha banda, publicará o poemario Saudades Gallegas ,que o consagra definitivamente como un escritor xa feito e un estilo propio e definido, e pola outra, unha vez desaparecido o xornal El Heraldo Gallego ,comezará unha nova empresa xornalística baixo o título El Eco de Orense ,publicación esta de signo liberal, fundada polo deputado Vicente Pérez, e da que chegará a ser director e, finalmente, propietario, após distanciarse daquel.

Tal vez a súa obra máis popular e o auténtico best-seller  da literatura galega sexa a coñecida baixo o título Catecismo do Labrego , publicada primeiro no Tío Marcos da Portela a partir do parrafeo 250 (21.10.1888), e un ano despois xa como libro solto na imprensa de El Eco. A acollida deste volume foi tal que en trinta días xa se venderan dúas edicións, alcanzándose a décimo terceira en 1906, ano da morte do autor. Cómpre lembrarmos que ningún autor ou autora galegos viu saír nesta altura tantas edicións da súa obra, dato este que non parece concordar coas opinións que o minimizan ou infravaloran como escritor.

Continuándomos o fío cronolóxico, chegamos ao ano 1890 en que vai aparecer A musa das aldeas , libro este no que, se ben xa se emprega un ton menos combativo que nos anteriores, non perde de vista os leit motive que dominan a obra lamasiana no seu conxunto: o amor polo país, o seu sentimento sincero de dor e mágoa polos infortunios das súas xentes, así como a esperanza nun futuro diferente e mellor. O Lamas desta altura é xa un home o suficientemente experimentado e coñecedor das múltiplas renarterías, cacicadas políticas e falsas promesas con que desde as forzas políticas españolas se pretendía obsequiar ao país; isto vai dar lugar ao nacemento no ano 1897 duns versos satíricos que serán recollidos nas famosas Mostacillas.

A partir do ano 1900, en que se funda o " Círculo Católico de Obreros " en Ourense, Lamas vaino apoiar entrando en relación con cregos como Rei Soto ou Basilio Álvarez, de quen podemos considerar ao noso autor claro antecedente. Cómpre, neste punto, adiantarmos algunhas precisións, sequera sexa para non incorrer en esquematismos que non se axustan, coidamos, ao perfil ideolóxico do escritor. Lamas é, con efecto, home relixioso. Dito isto, afilialo sen máis á ortodoxia católica ou, aínda, integrista, pensamos que supón caer nun importante erro de óptica. O grande "invento" de Lamas, no Catecismo do labrego ,consiste en utilizar a simboloxía formal, a canteira del universais teolóxicos, que o seu público, os labregos, coñecían e recoñecían, para orientalos nunha dirección, teleoloxía e intención claramente políticas e politizadoras, quere dicir, para cambiar as identificacións, resultados e, ao cabo, os mesmos conceptos. Tal exercicio ten, desde logo, moi pouco —ou nada— de "ortodoxo" e moito de crítico, desmitificador e "irreverente"; Lamas, en suma, usou desa simboloxía e desa terminoloxía (como a propia Rosalía ou Curros ) por proximidade epistemolóxica do receptor. De por parte, motivos da súa obra van ser a humanización da relixión —eixo antropolóxico galego ben visíbel—, a denuncia das vocacións sacerdotais forzadas, a venalidade das cerimonias relixiosas (enterros)... Atina, portanto, X. L. Axeitos cando interpreta o Catecismo do labrego en clave resemantizadora completa: é, con efecto, un auténtico exercicio de materialización filosófica e práxica dos símbolos primixenios (relixiosos), ben familiares para a base social á que, vocacionalmente, se dirixe a "arenga" lamasiana, en conexión, por certo —como recorda o profesor citado—, con múltiplos "catecismos" laicos, e aínda revolucionarios, que coñeceu, desde a óptica socialista ou anarquista, a Europa do século XIX.

E xa por último, co título Obras completas ,comezaron a publicarse as súas obras no ano 1909, mais só chegarían a imprimirse A musa das aldeas, Espiñas, follas e frores e o Catecismo do labrego. En 1927, tras intensas xestións da súa viúva e a cargo das axudas da Deputación e do Concello de Ourense, aparecerían dous volumes, un que contiña Espiñas, follas e frores e A musa das aldeas e o outro Saudades Gallegas, Gallegada e Cartas ós gallegos. En 1931 sairía un terceiro con La monja de San Payo, Las dos perpetuas e Desde la reja.

Comezando xa a nova centuria, chegamos ao ano 1906, momento en que se fundará a Real Academia Galega e en cuxo elenco debería estar o noso autor, tal e como no seu momento fora designado, mais non puido ser, porque ese mesmo día 4 de setembro pechaba os seus ollos definitivamente.

Vexamos de seguido, aínda que non polo miúdo debido ás características deste traballo, cal foi a traxectoria da extensa produción lamasiana:

  1. La monja de San Payo (1871). Está dedicada ao seu tío Pedro Carvajal e na dedicatoria anuncia a intencionalidade da súa escrita neste momento sin otra inspiración que la de una inteligencia poco cultivada, y la de un corazón que siente y no puede expresarse . Esta obra forma parte da Colección de leyendas de Galicia, escritas en verso, e está baseada nun suceso real que aconteceu en Santiago en 1830, recollido anteriormente na 2ª fuliada de A gaita gallega , de Pintos, cando unha novicia do convento do mesmo nome faleceu ao caer á praza da Quintana cando se ía reunir co seu amado. Cualificada como obra romántica, reeditouse en 1893 como folletín en El Eco de Orense, sendo recollida con posterioridade nas Obras Completas de La Zarpa (1930) e de La Región (1931).
  2. Flores de ayer (1871). Editada tamén en Santiago, está dedicada á súa nai e consta de 22 poemas en español enmarcados nunha vea igualmente romántica. Nunca se reeditou.
  3. El Cancionero del Miño. Leyendas y tradiciones de Orense (1872). Publicada en Ourense, consta de catro lendas, das que dúas son reais e dúas inventadas. Presenta importantes influencias románticas e, malia ser anunciada en El Heraldo a segunda edición, o certo é que nunca se reeditou.
  4. Las dos perpétuas (1874). Obra dedicada ao médico que o atendeu da súa afección ocular en 1868 e que presenta claros influxos da poética de Campoamor e Núñez de Arce. En 1894 apareceu no Folletín de El Eco e, posteriormente, foi incluída nas obras completas de La Zarpa e de La Región .
  5. Espiñas, follas e frores . A primeira edición do Ramiño primeiro saíu a principios de 1875, sendo rapidamente reeditada neste mesmo ano debido ao seu rápido esgotamento. Este conxunto de 29 poemas, precedidos dun prólogo do propio autor, está dedicado "Ó meu fillo Oliverio" . O Ramiño segundo , que conta co mesmo número de composicións, aparecerá en 1876. No ano 1877 imprimiranse por primeira vez os dous xuntos nunha luxosa edición financiada, posibelmente, por Modesto Fernández González. Foron sucedéndose as múltiples edicións até chegar á sexta no ano 1909. Por último, foi reeditada nas Obras Completas de 1927.
  6. Cartas ós gallegos (1875). Conxunto de dez composicións destinadas a potenciar a Exposición Regional de Santiago. Tamén foron reeditadas nas Obras Completas de La Región en 1927.
  7. Desde la reja. Cantos de un loco (1878). É o seu único libro bilingüe e composto de 27 poemas en español fronte a cinco en galego. Dúas destas últimas, "Unha vendima no Ribeiro" e "O Gaiteiro", foron presentadas ao certame de Ourense de 1877. A segunda edición aparecerá no ano 1893, sendo incluídas posteriormente nas Obras Completas xa citadas de La Zarpa e de La Región .
  8. Saudades Gallegas (1880). Contén esta primeira edición, xa anteriormente anunciada en El Heraldo , 19 poemas; na 2ª acrecentará tres composicións máis e suprimirá o titulado "Ó leutor". A partir de 1898 inseriuse como folletín en El Eco de Orense , saíndo posteriormente como libro, aínda que sen ser considerada como 3ª edición.
  9. Gallegada. Tradiciós, costumes, tipos e contos da terriña (1887). Aparece co lema Tomo I, polo que debía ter pensado continuala, mais nunca o faría. Consta de 19 narracións, moitas delas xa publicadas con anterioridade no Tío Marcos da Portela , e mais unha introdución, "Ó leutor", onde fica patente a intencionalidade do autor: "Un libro de prosa gallega facíase preciso agora que alá lonxe, nos hourizontes do porvir parés que escomenza a refulxir nos albores da nosa rexeneración" .
  10. Catecismo do labrego . É, sen dúbida, a súa obra máis popular así como todo un best-seller da literatura galega. Publicouse por vez primeira nas páxinas do Tío Marcos co título Catecismo do gallego , para aparecer como libro solto no ano seguinte. A acollida desde volume foi tal que en 30 días xa se venderan dúas edicións, éxito este que continuou até lograr tirar 13 edicións en vida do propio Lamas, fito este que ningún outro escritor galego conseguiu. A partir da súa morte, continuaron as reedicións, se ben a un ritmo máis lento, até chegarmos á de La Zarpa , que fai o número 18, en 1929. Con posterioridade, será traducida ao español, euskera e versionada en portugués.
  11. A musa das aldeas. Anunciada en El Eco de Orense o día 14 de outubro de 1890, tivo unha segunda edición no ano 1893. Ambas as dúas edicións constan de 28 poemas, moitas das cales xa se deran a coñecer no Tío Marcos , número este que se foi acrecentando até chegarmos á cuarta edición no ano 1909, custeada polos socios do Centro Gallego de La Habana .
  12. Mostacilla. Versos humorísticos . Os dous primeiros volumes destas composicións propiamente lamasianas foron publicados en 1897 por El Eco , e o terceiro en 1898. Nestes versos en español desfilan desde múltiples e variopintos personaxes até as cacicadas, ineptitudes e enganos da política do momento, polo que se nos presentan como fundamento indispensábel para coñecer a capital e a provincia ourensá de fins do XIX, e, metonimicamente, a fotografía da política da Restauración na Galiza finisecular.

IMAXES