A Etapa Contemporánea (S. XIX)
A obra de Rosalía de Castro: Cantares gallegos
Recepción da obra na época e vixencia na actualidade

Cantares Gallegos é unha das obras máis clásicas da literatura galega. Para esta obra contamos cunha ampla gama de estudos que alumean moitos aspectos e detallan os elementos persoais, culturais e locais que contribuíron á súa produción. O terreo andado pode facer que nos acheguemos con meirande seguridade á autora, e o feito de ser unha obra poética pode darnos a impresión de que é un texto máis sinxelo e accesíbel, especialmente se temos en conta o momento de publicación (1863). Dun éxito inmediato, o volume de versos chegaría a simbolizar a voz dunha autora que cantaba Galicia, como lírica elexía e como agarimoso diálogo por e con o seu pobo.

A máis dun século e tres décadas do intre da súa aparición, contamos tamén cunha perspectiva radicalmente distinta á orixinal. A diferencia débese á diferencia dos lectores e da súa experiencia histórica. Segue a haber unha discordia entre os que len os Cantares hoxe en día; quizais a distancia entre as perspectivas actuais sexa maior do que era no século XIX. O filtro ideolóxico dese proceso é máis imperceptíbel porque se demostra practicamente homoxéneo até hai pouco. As louvanzas non se debían ao profundo inconformismo dos lectores coa situación social, senón á emoción e sentimento da autora que os lectores identificaban nela. As opinións favorábeis ofrecíanse inicialmente nos artigos da prensa na medida en que ela podía identificarse co coñecido, non pola súa capacidade de cambio ou transformación social. Este papel non lles era permitido ás mulleres, coma diría anteriormente a propia Rosalía na novela La hija del mar (1861).

Hoxe en día cómpre admitirmos unha nova visión da realidade galega que simultaneamente esixe e merece unha revisión de todos os textos, producidos no ámbito galego, comezando en 1863. Tamén cómpre escoitar cunha nova sensibilidade os versos dos Cantares ,proporcionándolles o verdadeiro contexto socio-político en que viron a luz por primeira vez. E cómpre estarmos atentos ás polémicas que teñen xurdido arredor de Rosalía, aproveitándoas para entendermos a dinámica cultural de Galicia.

Na obra de Rosalía de Castro, os limiares e palabras dedicatorias son de especial importancia para orientarnos na lectura, precisamente polo que ela aludía na primeira novela súa: a unha muller non se lle permitía expresar o que realmente sabía e pensaba. Nen o saber nen a opinión das mulleres eran respectados do xeito debido no século XIX. Podían disfrutar do que escribían os lectores e inclusive os críticos podían aprobar unha obra, mais a produción intelectual feminina tiña límites máis estrictos que os da produción masculina. Se admitimos a existencia desas limitacións, que podían ser externas igual que podían adquirir forma de autocensura, podemos colocarnos nunha postura apropiada para indagar non só as palabras textuais da autora senón tamén os silencios. A segunda perspectiva, a de recoñecer un status social máis matizado ou controlado para a muller, require un traballo comparado e lexitima a comparación con escritoras doutras linguas e países e con escritores de culturas periféricas en xeral.

Unha das diferencias que resulta desta perspectiva de querer ler non só o texto senón tamén o seu contexto é que esixe ler o até agora non tratado ou pouco tratado xunto co non escrito. Non é exactamente verdade que non fosen citados os limiares de Rosalía; mais o intre de producir unha obra relativamente ampla nunha lingua con función fundamentalmente oral, rural, rexional, a autora non la deixar sen explicar os seus motivos. O argumento tradicional é que moitas veces as observacións preliminares dun autor sobre un libro seu só serven de curiosidade; non van máis alá. No caso das escritoras anteriores ao século XX, nas marxes da literatura, o máis importante atopábase a miúdo nas marxes da súa escrita ou subxacía á tona visíbel dela. Sabían ou intuían que cumpría procurar un espazo seguro para expresaren o socialmente prohibido, e tal espazo ou existía agachado nun código secreto de referencias oblicuas, con tons pouco ameazantes, ou tiña que ocupar un recinto lindeiro, fóra do "corpo" textual. Rosalía tiña unha dupla tarefa, entón, e sería consciente do paso que daba cara á ollada pública.

Nas palabras que Rosalía de Castro dedica a Fernán Caballero ao comezo de Cantares Gallegos atopamos os elementos que colocan, ou deberán colocar, á súa autora, entre os escritores máis comprometidos coa realidade da Galicia decimonónica:

  • a da muller.
  • a do mundo literario-cultural.
  • a de Galicia como entidade cultural e política.

Máis aínda: cando nesta pequena presentación Rosalía claramente se identifica como escritora galega, asume unha condición que combina

  • xénero.
  • traballo intelectual.
  • nacionalidade.

dende a perspectiva dunha persoa que non está de acordo coa representación do seu país. Ao empregarmos este termo, cun enfoque de defensa da patria ou crítica dun goberno central, recoñecido, non pode haber outra identificación da autora que a nacionalista. A resistencia persiste aínda hoxe, dentro e fóra do ámbito galegofalante, a recoñecer este aspecto da obra rosaliana que merece un debate aberto; a falta de diálogo debe indicarnos a forza das ideas contidas na obra da escritora decimonónica e é reto a procurar unha análise contextualizada tanto diacrónica como sincronicamente.

Como muller e como galega, a escritora Rosalía de Castro ben percibía as pexas que había para o espallamento das súas ideas duplamente minoritarias. Facer literatura como muller non era imposíbel nen era ela a primeira da Península en publicar libros. En troques, facer literatura como galega (e en galego), iso si que era case que sen precedentes. A muller galega inconforme era especialmente perigosa, tanto para o canon literario como para o canon político. Dende o centro, precisábase unha óptica que der unha lectura amena, cómoda, aínda que tratase temas problemáticos. Por tanto, as saudades da emigración —de causas económicas e con resultados sociais— debían trocarse en manifestación dunha dor "feminina": fonda mais basicamente impotente. A identificación do feminino co galego servía para asegurar a imaxe da victimización sentida, inxusta aínda que natural e por tanto, inevitábel. Se o carácter da muller non se cuestionaba no século XIX e até anos relativamente recentes, e estaba baseado nunha suposta observación empírica, explicábase así a desigualdade. O propio sexo era culpábel dun status inferior; as condicións de vida nunha terra considerada (de xeito paternalista) de xénero "feminino" eran ineluctíbeis e non merecían ser levadas ao protesto real se eran parte da "esencia" ou carácter desa terra. Aínda as mencións dun suposto matriarcado galego non representaban unha afirmación de fe nas mulleres nen unha postura feminista preocupada polos dereitos delas demarcaban e mitificaban unha estrutura social que seica non existira xamais. Tamén a feliz lembranza dun pasado mellor podía desculpar as actitudes e condutas da actualidade, consolo sen mudanza de costumes.

Non esquezamos que o pasado inmediato de Rosalía de Castro eran os chamados séculos escuros, tanto no senso da lingua e cultura de Galicia como no senso do papel social das súas mulleres. O máis lóxico era que unha autora, por inconforme que fose, tivese dúbidas, procurase maneiras de desviar a ollada como quen desvía a traxectoria dunha arma. Tampouco sería lóxico desexarmos ver nela a mesma claridade e confianza do pensamento feminista actual. É porque as ideas estaban en desenvolvemento e o público lector non estaba afeito ás voces das mulleres, que a forza das ideas rosalianas podía variar na recepción delas, e as perspectivas de interpretación oficial podían facerse múltiples, inclusive desiguais ou (aparentemente) contradictorias. De todas as formas, Rosalía xamais ía traizoar as preocupacións expostas neste seu primeiro libro en galego.

Se afirmamos que Castro probabelmente tiña necesidade de facer textos baixo medo ou experiencia da censura, cómpre indicarmos cales serían as características de dito código. En termos xerais, o código que empregou ou que se lle impuxo podería ser mellor clasificado como o do "fráxil feminino". Neste senso a autora adoptaría unha "persoa" que tecería ideas riscadas baixo unha aparencia moi distinta. O público percibiría as seguintes características:

  • a fraqueza persoal de Castro , cuxa saúde os críticos gostan de comentar até agora, malia a falta de precisión deses problemas e a falta de relación concreta coa obra.
  • a tradición literaria galega , incipiente ou infantil ou primitiva, que á súa vez reflectiría a fraqueza cultural/nacional en termos xerais (Galicia non era país independente, non tiña experiencia nen tradición de autogoberno).
  • a xeografía donda, feminina , sensual, tería aspectos fráxeis en comparación coa vetusta e dura paisaxe doutras zonas (ironicamente aquí a beleza é factor debilitador, sinal de ausencia do que require unha entidade sociopolítica forte ou "viril").
  • a lingua galega tería aspectos de dozura e mimosidade, como a lingua nai e a lingua das vais (lémbrese de todos os xeitos que a lingua do berce é sempre capaz de ser esquecida ou superada por linguas máis agresivas ou máis dotadas para a vida pública, para un papel hexemónico, nunha palabra).

Debaixo do código doadamente interpretado como o do débil atopamos, nembargantes, unha innegábel forza ideolóxica. As catro contrapartidas dos catro elementos enriba sinalados e as que cremos facilmente identificábeis na obra de Rosalía son:

  • a nobreza do propósito persoal e a confianza no seu signo do xusto.
  • a sinceridade e lexitimidade da tradición cultural galega.
  • a beleza da paisaxe galega , a súa multiplicidade e relación cos elementos dadores de vida (a auga, o ar, o sol): toda unha simboloxía da xustificada existencia dunha Galicia libre.
  • a representación verdadeira, lexítima, de Galicia na súa lingua , que o é por ser a primeira falada dende o berce, polo que é capaz de recoller as experiencias do pobo, principal e lexítima función de toda lingua.

O prólogo de Cantares Gallegos mestura referencias aos conceptos negativos e aos positivos, á incapacidade, incompetencia, incomprensión de Galicia por parte do Estado Español e referencias á natureza pura, primitiva (no senso do non corrompido), lexítima ou íntima participante nas vidas dos habitantes. Indica a autora neste texto que negarlle esta natureza a Galicia a través da emigración obrigada ou do trato dos caciques locais é cometer unha inxustiza, un acto non ético. A inxustiza motivou o libro antes que o amor, ou que o amor pola terra natal precisaba expresarse nun libro debido ás inxustizas nela sufridas. Por tanto, Cantares Gallegos é un libro de poesías que parten dun compromiso político subliñado non unha, senón repetidas veces pola súa autora. Sexa a voz dunha rapaza nova (nivel textual) dalgúns dos seus poemas ou sexa a voz dunha muller (nivel semántico ou do feito autorial aínda que non necesariamente unha voz autobiográfica), é unha voz que recolle o fío dun diálogo sobre a realidade e faino desafío.

 

IMAXES