A Etapa Contemporánea (S. XIX)
A crise finisecular. A narrativa de López Ferreiro
Recepción da obra na época e vixencia na actualidade

Os numerosos recoñecementos públicos de que foi obxecto, dentro e fóra de Galicia, así como a homenaxe que se lle tributou en Santiago de Compostela ao cumprirse o cabodano da súa morte, demostran o enorme prestixio intelectual e a popularidade acadados polo noso escritor. Na súa memoria leváronse a cabo diversos actos relixiosos e culturais, e mesmo no Concello, segundo consta nas actas municipais do 28 de xaneiro de 1911 (P. Sánchez-Cantón, "Apuntes para la biografía de D. Antonio López Ferreiro", in Cuadernos de Estudios Gallegos ,T. XV), tomouse o acordo de pedir axuda económica ós centros galegos de América "en donde tanto cultivan la lectura de las obras literarias del señor Ferreiro" para a súa publicación.

Cuberta que a revista ilustrada  Vida Gallega  lle dedica a López Ferreiro en 1910

Non hai constancia de que se efectuase a devandita petición, pero a referencia á favorable recepción da súa obra está clara. Por outra parte, xa a inmediata reedición en libro das dúas primeiras novelas (Carré Aldao alude tamén á reedición da terceira na súa Literatura Gallega ,1911) permite pensar nun importante éxito de público.

Con todo, parece como se posteriormente o alcance e trascendencia da súa obra histórica eclipsase un pouco a súa faceta de narrador, que quedaría relegada a un segundo plano, privada dunha atención máis que merecida. E isto non deixa de ser rechamante xa que, aínda a pesar das recreacións arqueolóxicas que rompen un pouco o ritmo narrativo, López Ferreiro revélase como un narrador excelente, que tonta historias amenas, recreando situacións e personaxes cunha vitalidade extraordinaria; e todo iso nunha lingua que ten a pureza e o sabor dos clásicos (tamén a pesar das interferencias e problemas derivados da situación lingüística da época).

No 1978 dedicóuselle o Día das Letras Galegas , e a penas hai algunha que outra homenaxe máis. Por esa razón urxe o estudio e divulgación da súa obra, recuperándoa para o lector actual, e non xa polo que ten de iniciadora dun xénero con abundante descendencia na literatura galega ( Otero Pedrayo , Bernárdez Vilar , Víctor Freixanes , etc.), senón pola calidade da súa prosa e os dotes de contista do autor, que o entroncan coa mellor tradición de relato oral.

IMAXES