A Etapa Contemporánea (S. XIX)
A crise finisecular. A narrativa de López Ferreiro
Un sistema político viciado

Os derradeiros anos do século XIX coinciden co final do primeiro período da Restauración, e neles vaise xestando unha grave crise de tipo económico, social e mesmo de relacións internacionais, estreitamente venceliada cunha crise interna dos mecanismos políticos da Restauración. Tocará fondo co desastre do 98, que supón a perda das Antillas e Filipinas, e polo tanto, a definitiva liquidación do imperio colonial español.

A Restauración é resultado dun pacto entre a alta burguesía e a oligarquía rendista, que no plano político se plasma nun artificioso sistema bipartidista (de inspiración británica), pactándose o acceso alternativo ao poder mediante unha caricatura electoral (o chamado sistema de "turnos").

Nace nun clima de tendencia á estabilidade en Europa e de avance da democracia, reflectido na progresiva adopción do sufraxio universal, que en España se fará efectivo mediante unha lei promulgada no 1890. Pero é un sistema que nace eivado porque en realidade as eleccións non eran nin libres nin limpas, estaban amañadas para asegurar o triunfo do partido que conviñese en cada momento.

En Galicia o sistema funcionaba gracias ao cacique ,que regulaba a vida política dunha zona e controlaba os votos. A existencia desta figura é posible debido ós condicionamentos socioeconómicos dos labregas, que no século XIX representan o 90% da poboación total galega. Este campesiñado está suxeito ao foro, utilizado nesta altura como un sistema de explotación abusiva; un anacronismo, símbolo do Antigo Réxime, que explicaría a virulencia dos ataques dos intelectuais galegos, inmersos nas loitas liberais europeas contra as estructuras medievais, que non se liquidan en Europa ata o século XIX. A isto hai que sumar os impostos do Estado e da Igrexa, o que fai que se vexa obrigado a unha dependencia en forma de "clientela". O cacique, que non participa directamente nas eleccións, controla sen embargo o proceso na sombra, conseguindo pequenos favores individuais ou colectivos, a cambio da resposta electoral prevista.

Unha imaxe do "cacique". Debuxo de Castelao.

Os escritores da segunda metade do século XIX e primeiros do XX, desde Curros ata Castelao , criticarán vivamente esta figura que consideran unha auténtica praga,. un auténtico vampiro da sociedade galega.

IMAXES