A Etapa Contemporánea (S. XIX)
A poesía e o teatro interseculares
Xerardo Álvarez Limeses

Xerardo Álvarez Limeses (Pontevedra, 1871-1940) é fillo de Emilio Álvarez Giménez, fundador dunha verdadeira familia literario-cultural a que pertencen os Álvarez Gallego, Álvarez Blázquez, Álvarez Gándara ou Álvarez Cáccamo, de extraordinaria importancia no desenvolvemento cultural do país no último século. Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago, obtivo posteriormente o título de Mestre e de Inspector de Ensino Primario, posto que desempeñará definitivamente ao longo da súa vida nas provincias de Lugo —onde terá que informar sobre a escola de Foz que rexentaba o tamén poeta intersecular Noriega Varela, logo expedientado e desterrado a Calvos de Randín—, Cáceres, Ourense e, por último, a Pontevedra natal, onde desenvolvería un meritorio labor. Tamen foi académico correspondente da Real Academia Galega e Vicedirector do Museo de Pontevedra, así como colaborador e mesmo fundador de diversos xornais e revistas.

Xerardo Álvarez Limeses. No recadro aparece retratado o seu pai, o dramaturgo Emilio Álvarez Giménez.

Xa desde moi novo o autor combinou a súa actividade profesional coa vocación cultural e literaria. Fundou en Pontevedra, xunto con Labarta Pose, a revista Extractos de Literatura e máis adiante, en 1988, Galicia Moderna ; en 1911 crea en Ourense a revista Mi Tierra ,da que chegaron a saír só tres números. Ao mesmo tempo, colabora con frecuencia en xornais como El Diario de Pontevedra ou La Correspondencia Gallega con artigos sobre temas literarios e pedagóxicos, fundamentalmente. Inicia a súa actividade poética coa participación en diferentes certames e Xogos Florais , obtendo varios premios. Mais a maior parte da súa produción poética está feita en castelán, como testemuñan os libros Margaritas (1892), Versos morales (1898)e un abundante material inédito aínda hoxe conservado pola familia, onde están moi presentes o tema relixioso e a exaltación da terra galega, pondo de manifesto as influencias románticas e realistas decimonónicas xuntamente coa pegada modernista, evidenciada só con enunciar o título de poemas como "Canción triunfal" ou "La princesita de Rubén Darío".

Aínda que maioritariamente o autor poetizou en castelán, tamén compuxo en idioma galego desde os inicios da súa actividade literaria, pois, a pesar de que o seu único libro en galego saíudo prelo serodiamente —en 1934— co título de Antre dous séculos ,nel figura o período de elaboración dos poemas, comprendido entre 1897 —hai un poema publicado en Galicia Moderna neste ano— e a data de publicación do libro. Este non só serviu para reservar ao autor un lugar dentro da nosa literatura, senón que o seu título tamén foi aproveitado por Méndez Ferrín —e outros para lle dar nome á xeración dos poetas interseculares: Herrera Garrido, Noriega Varela, Ramón Cabanillas, López Abente e o propio Álvarez Limeses como figuras máis destacadas, a pesar de que Carballo Calero inclúe este e Herrera Garrido entre o grupo dos epígonos ou continuadores dos mestres do XIX, xuntamente con poetas como Labarta Pose, Aurelio Ribalta, o Marqués de Figueroa e outros, que non realizaron ningunha aportación substancial á obra daqueles. Tanto razóns cronolóxicas e biobibliográficas como estéticas —un certo achegamento ao modernismo— parecen xustificar a opción de Méndez Ferrín. Tamén Álvarez Limeses deixou outros poemas en galego aínda hoxe inéditos, segundo informa Alonso Girgado.

Antre dous séculos , que leva un importante prólogo de Castelao, consta de cincuenta poemas de curta extensión a maioría deles; comeza cun longo poema introdutorio, significativamente intitulado "Canto a Galiza", poema-prólogo estruturado en catro tempos, que marca unha das liñas temáticas do libro, a exaltación da Terra, presente tamén noutros poemas como "O Día de Galiza en Baión" ou "Morriña", poema-epílogo con que termina o libro. Galiza será, pois, o centro arredor do cal vai xirar o mundo poético que a obra representa, mais unha Galiza popular e rural, contemplada con emoción a través da súa fermosa paisaxe poboada de figuras tópicas, xa cantadas polos grandes mestres costumistas decimonónicos —Rosalía está presente nalgunhas composicións, constituíndo un ponto de referencia importante para o autor—. Noutras composicións predominan os sentimentos íntimos do poeta, asociados sempre á natureza —"¡Vaite, anduriña", "Canta, rula"—, sen que falten versos de solidariedade co sufrimento dos labregos —"Como os bois", "Nós..."— e versos civís que anuncian tempos de redención, na liña da poesía socialcombativa doutros poetas da súa xeración, como estes pertencentes ao poema "¡Moe, muíño!...": ¡Moe, canta, trama, muíño! ¡Aturuxa! / A lenda que gardas será a insina bruxa / de un tempo baril. / ¡Cando as fouces brilen, cando o pobo ruxa / moerás, muíño, xuncal e xentil!...

Para a publicación deste libro o poeta realizou un labor de recompilación e selección das súas composicións en galego a través do tempo, tanto das publicadas na prensa como doutras inéditas, someténdoas a un proceso de reelaboración nalgúns casos e de corrección lingüística xeral, clara mostra da vontade de estilo que sempre tivo o autor e que posibilitou unha obra formalmente depurada, escrita nunha lingua digna que demostra dominar con corrección e pulcritude. Canto á métrica, o autor opta pola rima consoante e pola variedade de metros e estrofas, misturando en ocasións heptasílabos con hendecasílabos ou acudindo á musicalidade do alexandrino, de orixe modernista, como acontece con certos cultismos léxicos; non obstante, hai un claro predominio da lingua popular, do léxico patrimonial que dá nome ás cousas humildes e sinxelas da vida labrega, como corresponde a unha obra fundamentalmente inserida no costumismo descritivo, onde a poesía galega xa alcanzara o seu cumio no XIX con Rosalía e Curros, tendo no seu contemporáneo Noriega Varela outro destacado representante que, como el, simboliza moi ben esa poesía galega de transición "entre dous séculos".

 

 

IMAXES