A Etapa Contemporánea (S. XX)
O ensaio sociolingüístico
1º período: os primeiros anos do exilio e a represión (1936-1950)

O primeiro período abrangue de 1936 (comezo da guerra civil e da represión directa e explícita contra o galego) a 1950 (morte de Castelao na Arxentina; creación de Galaxia ; abandono por parte do galeguismo do interior da idea de Galiza-nación e das teses nacionalistas e aposta pola vía culturalista, mentres que no exilio se segue a defender a vía política).

Escolante,  gravado de Manuel Torres.

Durante estes escasos quince anos, a actividade editorial en galego queda nun primeiro momento practicamente prohibida ata que a comezos dos anos 40 se inicia unha lenta recuperación; boa parte dos seus promotores e colaboradores ou ben foron asasinados ou ben saíron camiño do exilio. O mesmo ocorre no campo da prensa e das publicacións periódicas, maioritarias naquela altura no tocante á difusión da Literatura Galega, quer na súa variante narrativa, quer na didáctica e analítica.

Nestes anos, sobre todo deica 1945, os esforzos tanto no interior do país como no exilio céntranse en conseguir a caída do réxime fascista que Franco arrepuxera á II República Española para, deste xeito, restaurar e, sobre todo, anchear as liberdades nacionais que Galiza se dispuña a reconquistar durante o período republicano. É pois lóxico e consecuente que a reivindicación lingüística se faga dentro do marco global de defensa das liberdades políticas e a soberanía nacional de Galiza, marco en que a propia defensa do idioma se vai conformando progresiva e coherentemente nunha reivindicación de carácter político na traxectoria percorrida polo movemento emancipador. Este aspecto ha explicar máis tarde as diverxencias entre as vías políticas e as estritamente culturais, chegándoas a agudizar de tal xeito que, xa no momento presente, ambas sexan antagónicas no que se refire á plena restauración lingüística fronte á política asimilista, a cal ao longo de todo o proceso foi adoptando diferentes estratexias, e da que tamén formaron e forman parte, consciente ou inconscientemente, posturas e tendencias que se presentan na teoría como defensoras do galego.

Así pois, neste primeiro período a prosa ensaística de carácter sociolingüístico aparecerá inserida no seu contexto sociopolítico e a súa produción material terá lugar no exilio, cos medios que a colectividade emigrada puxo ao dispor do nacionalismo . Textos fundamentais desta etapa han ser os capítulos dedicados á causa do idioma esparexidos ao longo dos catro libros (1937, 1940, 1943 e 1947) que compoñen o Sempre en Galiza de Castelao e o artigo "Encol do Bilingüismo" de Moisés da Presa aparecido en A Nosa Terra en xaneiro de 1945.

Sempre en Galiza

No Sempre en Galiza ,Castelao, ao par das súas reflexións sobre a historia, a cultura e o problema político do país, deixará sentadas as bases do que a partir daquela será, con todas as adaptacións precisas para cada momento, o ideario lingüístico do movemento normalizador. En síntese, as súas teses sociolingüísticas recollen os seguintes razoamentos: 1) O idioma, consonte a definición de nación que Castelao toma de Stalin, é un dos principais atributos nacionais, polo que a súa reivindicación se converte e insire na defensa global da soberanía nacional. 2) O galego é un idioma perfectamente caracterizado desde o punto de vista histórico-filolóxico ("fillo do latín, irmán do castelán e pai do portugués") e plenamente válido para asumir todas as funcións comunicativas ("apto e axeitado para ser vehículo dunha cultura moderna"). 3) A situación de conflito lingüístico en Galiza débese a un proceso de asimilación cultural violenta, de máis de catro séculos, no marco dunha política imperialista que, nestes momentos, se identifica con Castela, polo que cómpre unha solución política ao problema. 4) O bilingüismo ten efectos perniciosos sobre as comunidades que o padecen pero, a estas alturas de século, Castelao identifica atinadamente como vítimas dese bilingüismo a maior parte da clase intelectual e non o pobo traballador, que se mantiña fiel ao seu idioma, o cal tería conseguido acalar o xenio creador na nosa lingua, situación que comezan a rachar os escritores do Rexurdimento . Xa que logo, para o político nacionalista o silencio literario dos séculos escuros é produto da imposición do español e efecto natural do conflito. 5) A escola é un axente desgaleguizador que perturba a formación dos nenos galegos; a proposta dos republicanos españois sobre a "escola única" é un novo intento asimilacionista con adobío democrático, polo que cómpre reivindicar o dereito a unha escola galega nos contidos e nas formas. 6) A variedade cultural é un xeito de superación propio dos humanos; a lingua configúrase como unha necesidade vital de progreso para as comunidades humanas e o seu nacemento non depende da vontade dos homes. 7) O idioma confórmase non só como o símbolo da personalidade de Galiza como pobo, senón como a garantía da súa propia supervivencia como tal. 8) A Constitución republicana confírelles aos idiomas nacionais un status de "linguas a protexer", trato similar ao que se lles dá ás reservas indias nos USA. Fronte a esta política asimilista, Castelao propugna unha acción política de carácter nacionalista que amose intransixencia fronte á intolerancia imperialista.

Capa da primeira edición do  Sempre en Galiza  de Castelao

O ensaio sociolingüístico na prensa escrita

Como xa apuntamos máis arriba, tras a instauración da ditadura fascista no Estado Español, nos primeiros anos o galego desaparece practicamente como lingua de calquera publicación, e nomeadarnente da prensa escrita, no interior do país. A súa difusión, o seu cultivo, en definitiva, a súa presencia pública hase trasladar, xunto coa morea de exiliados políticos, á diáspora americana, onde se intenta manter acesa a candea da reivindicación nacional. E durante este primeiro período que abrangue de 1936 a 1950 será fundamentalmente a edición bonaerense de A Nosa Terra a que se encargue de tal encomenda.

Sen embargo, e tamén como xa se sinalou anteriormente, a loita pola defensa do idioma aparece nestes primeiros anos da posguerra enmarcada dentro do obxectivo político de recobrar as liberdades nacionais para Galiza, polo que durante esta etapa, precisamente pola urxencia e a esperanza que tal propósito supuñan, fanse análises xerais e apórtanse solucións globais. Ademais disto, durante os pouco máis de dez anos que van desde o remate da Guerra Civil ata á morte de Castelao, o exilio galego en América, e con el as súas organizacións e publicacións, entregase á tarefa de forzar a aínda posíbel caída de Franco, organizar unha sorte de goberno galego no exterior ( Consello de Galiza ) e facer o seguimento da participación de Castelao no malogrado Goberno Giral  da República no exilio.

Acto de entrega a Castelao do primeiro exemplar do  Sempre en Galiza.

Os textos xornalísticos sobre a situación do idioma son, pois, moi escasos durante estes anos, sobre todo se os comparamos cos do seguinte período. Aínda así, é nesta fase histórica, en concreto en xaneiro de 1945, cando A Nosa Terra publica un interesante artigo, "Encol do Bilingüismo", da autoría de Moisés da Presa Esmerode, que xa a estas alturas vén a pór en evidencia a tese bilingüista, denunciando o seu carácter asimilista, anticipándose ás análises da emerxente sociolingüística internacional e confirmando nas mesmas teses as posturas que logo se volverán manifestar no interior, chegado o momento en que a mocidade tome o testemuño do nacionalismo como actividade política organizada na clandestinidade. O texto é, certamente, un adiantado anticipo da actualización conceptual e politica que desde mediados dos anos sesenta comezará a facer o renacido nacionalismo do interior verbo do conflito lingüístico, agora xa moi agudizado, que sofre o país: o galego é o único e xenuíno vehículo de expresión do pobo galego, os estados poden acubillar no seu seo varias linguas mais non as nacións, a presenza do español na Galiza é consecuencia dun intento asimilacionista de carácter imperialista e, en definitiva, a defensa do bilingüismo, ademais de resultar "lamentábel" e "ridícula", é unha actitude antipatriótica, que vai contra a propia existencia do idioma. Esta mesma aposta polo monolingüísmo social para Galiza volverá ser defendida por Moisés da Presa 23 anos despois nas páxinas da revista Vieiros (1968, nº 4), editada polo Padroado da Cultura Galega de México, onde se aposta porque o galego supere "o secular coloniaxe hespañol, para que volte a ser a língoa culta, falada i escrita de tódolos galegos".

Tamén no ámbito das publicacións periódicas, habería que salientar neste primeiro período o traballo de Castelao publicado en Galeuzca (Febreiro, 1946), "No hay modo de castellanizar a Galicia", artigo provocado polas declaracións do penalista Jiménez de Asúa nun discurso en que declaraba que "Castilla no ha cumplido todavía su misión civilizadora, y es preciso que la cumpla". Neste documentado ensaio sobre o papel da Igrexa na desgaleguización do país, Castelao destaca cómo o imperialismo político castelán sobre Galiza se viu reforzado "utilizando a la Iglesia como instrumento de asimilación nacional [...] porque fue la Iglesia estancada en el Centro de España quien tomó a su cargo el aniquilamiento de las esencias espirituales de Galicia", moi en consonancia coas intencións políticas, pois "en el fondo de las intenciones laicas late la misma soberbia de los agentes eclesiásticos de Castilla. Y por eso, en donde decimos "Convento" y "Monasterio" bien puede entenderse "Escuela", "Instituto" y "Universidad".

IMAXES