A Etapa Contemporánea (S. XX)
A narrativa actual
1975-1979. Fase embrionaria

No ano 75, o sistema literario galego estaba pouco diversificado e claramente subordinado ao de expresión castelá, no que nos educaban e era soporte de iniciación á lectura con prerrogativa de modernidade ao ofrecernos os mundos narrativos máis populares. Mais, precisamente neste ano o espazo narrativo galego dá sensíbeis mostras de apertura coa aparición de novos xéneros. Nos anos seguintes irán aparecendo a ciencia ficción, o best-seller ou narrativa sentimental, entre sucesivos experimentalismos case sempre con base no fragmentarismo, a urxente necesidade dun espazo editorial tan popular como era o libro de peto ou a densa repercusión dunha fórmula logo moi reiterada: os premios literarios.

Xavier Carro.

Fernández Ferreiro, A morte de Frank González ,pon a primeira pedra. Tida, ás veces, como iniciadora da "literatura de quiosco", é a primeira ousando adentrarse en xeografías imaxinarias ás que era preciso dar acceso ao lector para configurar unha narrativa fóra da práctica convencional marcada polo historicismo, humorismo crítico, costumismo, evasión a través da mitoloxía popular e culta... Había os precedentes de Xavier Carro ( As calexas do cigurat ) no 73, ou Méndez Ferrín ( Elipsis e outras sombras )no 74; pero agora transcéndese o relato curto para pasar a ofrecer o discurso como unidade independente. Que este poliédrico discurso non se adapte totalmente aos códigos xenéricos do western prexudicou a súa recepción e relegouna a un silencio inxusto. Pode comprenderse a decepción do lector que agardase algo semellante ás novelas dun Lafuente Estefanía, pero é máis duro entender que este precioso estudio do mito pasase moi desapercibido para a crítica, máis pendente da adscrición e fidelidade ao xénero que dos valores intrínsecos do discurso. Tamén neste ano, Carlos Casares publica Xoguetes pra un tempo prohibido ,que logo será obra de referencia para a narrativa galega. O rupturismo innovador, hábil e atrevido, foille unanimemente recoñecido a este esforzo experimentalista que se insere dentro da tradición clásica do relato circular, novela de aprendizaxe onde se suxire o desdobramento narrador-personaxe desde un mundo de silencios e destrución, próximo e reflectido na selección lingüística, que propicia unha catarse reflexiva sobre o mundo, a creación literaria e a historia. O seu vangardismo ratifica as posibilidades narrativas do galego e é sinal de novos camiños. Os inmortais , de X. Ignacio Taibo, inaugura a colección O Moucho ; pensada para dotar a literatura galega de formato popular, acolle tamén discursos moi innovadores nunha estratexia editorial, aínda hoxe vixente, que conxuga no mesmo espazo editorial escritores vangardistas e clásicos. Sen estar á altura da anterior, este conxunto de relatos, fiados na senda do fantástico, recuperadores da materia artúrica e emparentados con Cunqueiro e Ferrín, viña dar outra resposta á necesidade de renovación.

O 76 reafirma as expectativas xeradas o ano anterior. Homes do espacio ,de Lois Fdez. Marcos, retoma o espazo editorial da literatura de consumo adscribíndose ao xénero da ciencia-ficción e pon outra pedra máis na diversificación do sistema narrativo. Lois Diéguez , con Galou, Z 28 ,continúa a tradición —está próxima Retorno a Tagem Ata (1971) de Méndez Ferrín— da política ficción. O afán innovador desta análise sociolóxica recorre a técnicas ao gusto do momento: fragmentarismo, superposición de diferentes niveis e técnicas ligadas entre si, absurdo, autodestrución, loucura e suicidio como formas de evasión, ou a represión. A polémica sérvea Silvio Santiago coa póstuma O silencio redimido ao ser confundida a súa sinxeleza con carencia de ambición e parco dominio de recursos narrativos, pero a hábil configuración psíquica das personaxes ou a estudiada estrutura da trama para salientar a violencia, indican o contrario. Realismo novidoso é o de Paco Martín en No Cadeixo ,recorrendo á novela parquet por entón sublimada, e dando entrada a variados rexistros narrativos —como tamén farían, entre outros, Tucho Calvo ( Froito das lembranzas ,1981; ou PAE S: XXI ,1983), V. Fernández Freixanes ( O enxoval da noiva , 1988), X. Ignacio Taibo no mesmo Homes de ningures (1978),ou Anxo A. Rei Ballesteros no texto que logo veremos. Eduardo Moreiras pasa inxustamente desapercibido co renovador Fogo solto ,onde vemos onirismo, poetismo, metadiscurso, fragmentarismo ou unha chamativa rexa configuración da personaxe feminina.

O 77 deixa 5 obras dentro do costumismo tradicional: Aqueles anos do Moncho (Neira Vilas), Botei corenta anos (E. Iglesias Alvarellos), Con humor se vive millor (M. García Ríos), Da terra estrelecida (Fermín Vilaboa) e Non falarei, non (XoséMª Pérez Parallé). A rúa do noxo (Eliseo Alonso) engade o ingrediente crítico, procurando alternativa ao ruralismo costumista e, malia a pouca ambición, confirma a necesidade de novas fórmulas narrativas realistas. Máis inxenuidade hai en Pola ida e pola volta (M. Riveiro Loureiro), crónica da transición onde latexa a tensión entre pasado e presente. A cadea (Manuel Catoira, seudónimo de Manuel López González ), con desmedido afán experimentalista, inicia o formato de bolso da Serie Limbo/Narrativa. Tamén en parámetros renovadores se move O fotógrafo (X. I. Taibo), con mellor sorte. Pero o discurso fundamental publícao Anxo A. Rei Ballesteros. Con linguaxe moi actual, anovada, desinhibida, portando lirismo desgarrado e amargo, o experimentalismo de Dos anxos e dos mortos transgrede lindes xenéricos. A intertextualidade, transformación de identidades individuais en colectivas, marxinalidade, paraíso perdido, fragmentarismo, simultaneísmo, diglosia e o espazo urbano, son tamén considerados elementos rupturistas. Sinalemos tamén a publicación dos textos premiados no 1° Concurso de Narracións Curtas Pedrón de Ouro (logo Modesto R. Figueiredo); aí inicia a súa andaina Martínez Oca, aparece "Sibila" —relato dos mellor considerados de Ferrín— e están tamén Taibo e Carlos Durán; eis unha fórmula editorial de éxito aínda hoxe: a edición conxunta.

Anxo Rei Ballesteros.

O discurso de maior sobrevivencia do 78 é A Insua (Xavier Alcalá); coñece reedicións (1988, Vía Láctea; 1992, Galaxia) con claras modificacións. Dora e Pura Vázquez , Dúas novelas galegas , representan a pouco frecuente creación feminina. Fernández Ferreiro reafirma a súa querencia por incorporar novos mundos narrativos; agora é o turno do realismo máis actual; Morrer en Castrelo de Miño pasa por ser o primeiro dentro da fórmula do best-seller, sen fuxir do simbolismo e metaforismo reclamados pola sociedade. Fóra a valía estilística, é moi importante para a historia da narrativa o ofrecemento dun discurso sobre a actualidade, algo que se botaba, e se bota, de menos. Tamén ven a luz neste ano títulos que serán retomados para reeditar máis tarde: eis Contubernio Catro de San Tomé , reeditado no 1987; ou Come e bebe que o barco é do amo , do mesmo A. Conde , que no 1995 será O barco .

Dos 6 títulos de 1979, destacan tres. En Os escuros soños de Clío Carlos Casares, desde o relato curto, ensaia diversas ficcións históricas que o teñen relacionado con Cunqueiro (exploración do mundo marabilloso, ironía, xogo intertextual, parodia do discurso autobiográfico, tristura melancólica nos desenlaces, o humor), Borges ou Joan Perucho. Reflexionando sobre os temas que trata e a forma de tratalos, poderemos establecer o elo condutor que rexe as súas obras; Ilustrísima (1980), Os mortos daquel verán (1987) e Deus sentado nun sillón azul (1996) confirman que nos discursos casarianos subxace a desmitificación histórica a través da análise da violencia física ou psíquica. E un clásico, Cunqueiro, con Os outros feirantes remata a triloxía que comezara en Escola de menciñeiros (1960), á que segue Xente de aquí e acolá (1971). Con habilidade e rapidez trázase a vida de personaxes tan singulares como normais; lástima que á crítica, aínda impresionada pola súa obra anterior, non sempre vira o rol actancial xogado por cada relato e o papel coral que entre todos compoñen. Lonxe de considerala obra menor, obriga a reflexionar o feito de que contribúa a crear escola. Como non é Merlín e familia (1955) nin o Simbad (1961), aquí a finalidade é diferente e nunca máis ambiciosa ao pretender explicar Galiza a través das súas xentes. Finalmente, O libro dos mortos (Eduardo Moreiras); a crítica ten como libro fundacional esta interesante experiencia simbolista, ambicioso proxecto estilístico rebordante de fantasía que manexa habilmente o fragmentarismo e o espazo onírico e suxerente. Alén diso, salienta a publicación dos relatos premiados no 4º Concurso Modesto R. Figueiredo, onde aparecen autores que na década seguinte se confirmarán como narradores importantes: eis os nomes de Martínez Oca, Fernández Freixanes ou Riveiro Loureiro.

Pura Vázquez.

IMAXES