A Etapa Contemporánea (S. XX)
A narrativa actual
1980, Ano Crucial

A actividade reimpresora comeza a remitir á vez que van xurdindo unha serie de fenómenos editoriais que levarán a narrativa galega á dinámica actual. Precisamente a confirmación da recén fundada Edicións Xerais de Galicia (novembro de 1979) é acontecemento importante para a narrativa en particular; apoiarán e incentivarán a creación dos novos valores desde unha perspectiva empresarial nunca antes vista.

Camilo González Suárez-Llanos.

Cara a Times Square (Camilo González Suárez-Llanos, pseudónimo Camilo Gonsar) é outro dos causantes. Para algúns supón o remate da NNG; a itinerancia, a tendencia alegórica, o simbolismo, a contención estilística, as personaxes estrañadas da súa condición humana, son as causas comunmente aducidas para a súa inclusión nesta "escola". Esas características son levadas a tal extremo que o discurso se torna ambiguo, misterioso, frío, a partir precisamente da súa naturalidade. A peripecia é tan sinxela que mesmo semella nada propicia para construír o discurso, narrado sen aparentes pretensións que o xustifiquen. Era síntoma de que unha nova criatura estaba a nacer: a novela galega actual nace desde un discurso destrutor e demostrativo de que, sendo el posíbel, pode ser posíbel calquera cousa, que se pode chegar alí onde un se propoña. Coadxuban claramente o urbanismo, o premeditado incógnito das personaxes, o exotismo da ubicación e a nonlóxica como guía vital. Se temos en conta o papel xogado polas personaxes nas sucesivas transformacións operadas dentro da narrativa occidental, comprenderemos a verdadeira importancia de Cara a Times Square como transformador e parteiro da narrativa galega actual, desprovista das pexas reducionistas —ruralismo, simbolismo e alegorismo, denuncia social, costumismo, tradicionalismo...— que a impedían medrar.

Ilustrísima (Carlos Casares), novela curta de raigame realista onde salienta o perfecto manexo do narrador, a acertada construción das personaxes e a habilidade narrativa, é un fundamento desta crucialidade. A sinxeleza estilística (narración lineal, barroquismo contido, agudo uso da linguaxe, personaxes psiquicamente ricas e evolutivas) deixa entrever unha temática recorrente en Casares: a moralidade e violencia. Tal como o discurso de Camilo Gonsar, o nivel de complexidade narrativa é mínimo pero, a diferencia súa, o asunto nunca se ve como alleante. Contendo o experimentalismo, compón unha novela da maneira máis clásica, que confirma e revela a potencialidade do autor, e indica o comezo dunha nova etapa na súa produción onde o equilibrio entre a importancia da personaxe e a dos procedementos narrativos dará maior consistencia aos seus discursos. Pero, malia a boa acollida entre crítica e lectores, este é estudio sociolóxico de estirpe realista e carecía do simbolismo emblemático preciso para ser o discurso que tanto se agardaba nestes anos cheos de esperanza, para ser o fenómeno editorial que ratifique a valía da narrativa como xénero alternativo a unha poesía cada vez máis desapegada do emblematismo social, nun momento en que a oficialización de Galiza como "nacionalidade histórica" está a pedir un discurso desta traza. A outra cara desta moeda áchase en Crónica de nós , onde Xosé L. Méndez Ferrín introduce brillantemente a tese política en relatos variados e innovadores, rupturistas e de clara ascendencia realista, mesmo obxectalista e sempre desde un lirismo culto.

Outra razón máis para a crucialidade achégaa J oão Guisam Seixas . Nos "Cuadernos da Guadaña", editorial Brais Pinto , aparece a súa primeira entrega individual: A origem certa do farol de Alexandria . Cunqueiro, Hoffman, Rodríguez Mourullo ou Méndez Ferrín son algunhas das fontes que se sinalaron para esta obra iniciadora da moderna literatura infantil-xuvenil. O acceso a discursos formal e tematicamente modernos e afastados do ruralismo tópico, dá unha nova dimensión á faciana da narrativa galega, que ofrece mostras de dinámica acertada e vontade de constante renovación. O xogo entre o absurdo e o real emparenta esta obra coa de Camilo Gonsar. Pero o feito de que aquí o destinatario sexa un lector de poucos anos, distánciaos; ademais da desaparición da contención estilística, desbordante na obra de Guisam Seixas. Insérese ademais nunha corrente (tamén de filiación cunqueirista) que dará bons froitos á narrativa: as viaxes do real ao fantástico e do fantástico ao real, desde o relato irónico e moi traballado, escrita que aparece concebida para o lector máis novo, e logo apreciará tamén o máis erudito. Desgraciadamente sofre desde o seu nacemento a inquina dos prexuízos político-lingüísticos e, de non ser por Reimundo Patiño, se cadra nin sería édita. De deficiente distribución, onde tamén a normativa escolleita inflúe, coñecerá, con todo, reimpresións no 1983 e 1990 incorporando dous contos premiados nos anos 78 e 79 no concurso patrocinado por O Facho .

Joao Guisam Seixas.

Ao éxito destas tres fórmulas tan diferentes, únese o acadado por Xavier Alcalá e Martínez Oca. Confirman a súa valía con dous títulos cada un, de discurso facilmente accesíbel, entrando en competencia directa coa narrativa tradicionalista. A aceptación destes narradores de escrita popular abre un espazo novo no horizonte de expectativas do lector galego. A nosa cinza (Alcalá) é aínda título moi actual e a orixinalidade de Fábula incontestábel . Martínez Oca, Un ano e un día e A fuxida , móstrase hábil creando tensión narrativa, con diálogos vívidos e naturais, léxico rico pero non alambicado.

IMAXES