A Etapa Contemporánea (S. XX)
O ensaio sociolingüístico
2º período: resistencia cultural e silencio político (1950-1963)

Tras a morte de Castelao, en 1950, e o recoñecemento internacional que o réxime franquista foi conseguindo (1948: restablecemento das relacións diplomáticas coa Arxentina; 1950: EE.UU. concédelle un empréstito ao Estado Español e a ONU restablece as relacións diplomáticas co réxime fascista; 1953: Pacto hispano-norteamericano e Concordato coa Santa Sé), a resistencia nacionalista do interior do país parece chegar á conclusión de que o ditador se vai perpetuar no poder e decide, seguindo as teses do que logo se daría en chamar o piñeirismo ,abandonar a vía política e dedicarse por enteiro á resistencia cultural, e, consecuentemente, soterrar a teoría e a práctica nacionalistas. Desde o exilio, sen embargo, refúgase esta actitude e insístese na necesidade de manter a loita política organizada, en que se integra tamén a reivindicación lingüística e cultural. Non obstante, a actividade política nacionalista en Galiza fica suspendida deica 1964, ano en que se produce a constitución da Unión do Povo Galego (UPG) e, un ano máis tarde, do Partido Socialista Galego (PSG).

No interior, o réxime comeza a consentir, cun grande control da censura, certas iniciativas literarias que supoñen unha tímida presenza pública do idioma, sempre baixo un ameazante ambiente uniformizador asimilista onde se anatematiza como "antipatriota" e "bárbaro" o uso do galego, tal como recollía un pasquín que circulou pola Coruña en 1955, con pé da Imprenta Sindical da cidade herculina. Consecuencia desta aparente e explicábel apertura é a fundación no ano 1950 da Editorial Galaxia en Vigo, maioritariamente de man da xa soterrada resistencia nacionalista do interior e capitaneada ideoloxicamente por Ramón Piñeiro , co obxectivo de volver facer do galego vehículo de expresión apto para calquera clase de xénero ou temática, ou a autorización da publicación de traballos como "El idioma gallego" (Manuel Casás Fernández en Páginas de Galicia: Notas históricas y literarias ,Santiago de Compostela, Sucesores de Galí , 1950), "El gallego, idioma, no dialecto" (Fr. N. Diz en Spes. Revista de Acción Católica de Pontevedra, xullo de 1951, artigo moi sintomático do momento de asedio a que se ve sometido o idioma, cando mesmo desde as páxinas dun voceiro da máis pura ortodoxia do nacionalcatolicismo se teña que saír a defender con argumentos históricos que o galego non é un dialecto do español, senón un idioma de seu con tradición literaria) ou "Fala i-esprito" (Antonio Lorenzo en Alborada. Órgano de difusión del Centro Gallego de Barcelona ,1952). Mentres, na diáspora continúase co labor organizativo político-cultural e de denuncia da, recollendo o titular do número de A Nosa Terra correspondente a abril de 1952, "Anguriosa Situación do Povo Galego Baixo o Franquismo", onde a recuperación do prestixio social do idioma que conseguiran os membros das Irmandades da Fala, o grupo Nós e Partido Galeguista se ve truncada pola imposición da nova orde política, mentres que o proceso de desgaleguización avanza preocupantemente.

Denuncia de  A Nosa Terra,  publicada no exilio, sobre a represión da lingua galega.

En ambas as marxes do océano, o futuro do galego vai seguir sendo motivo de preocupación e causa común entre as a cada paso máis distantes e mesmo enfrontadas posturas verbo da táctica a empregar, diverxencias que acabarán por poñer de manifesto os xa diferentes obxectivos que se pretenden para o país. Aínda así, como dicimos, a defensa do idioma ha ser lugar de encontro nas dúas ribeiras do Atlántico, e os medios de expresión da colectividade emigrante en América acollerán nas súas páxinas —deixando translucir claramente os diferentes enfoques— as reflexións que sobre o idioma os galeguistas do interior non poden aventurarse a publicar en Galiza.

Así, consonte o abandono da definición de Galiza como nación e, xa que logo, a superación do nacionalismo político por unha banda, e a reivindicación do dereito á existencia das cualificadas "comunidades culturais básicas" que teñen como máximo signo de identidade o seu idioma por outra, Ramón Piñeiro escribe dous artigos en senllas revistas da Galiza emigrante nos que desenvolve as claves da súa nova doutrina con respecto a Galiza e ao seu idioma: "A lingoa, sangue do espírito" ( Galicia ,Buenos Aires, 1952) e "Trascendencia social do idioma" ( Galicia Emigrante ,Buenos Aires, agosto de 1954). Neles, Piñeiro define o pobo galego como unha comunidade humana e o idioma como a " espiritualidade común", a "única forza espiritoal capaz de manter a cohesión íntima da gran comunidade social galega", o "factor activo de cohesión espiritual"; en definitiva, "o vencello que a todos une". Certamente, a visión piñeirista verbo de Galiza e do seu idioma presenta un adobío metafísico dificilmente trasladábel a termos políticos, pero aínda así, mantén o firme compromiso a prol da lingua e en contra da súa persecución —por considerala un "crime espiritoal do que han arrenegar tódalas almas nobres"—, e cualifica de inimigo todo aquel que o for do noso idioma, "enemigo satánico, poisque é enemigo da nosa alma". Ademais, Piñeiro defende, como antes o fixera Castelao e como se seguía defendendo no exilio americano, as "posibilidades ilimitadas" do galego como lingua de cultura. Pero a pesar destas coincidencias básicas verbo da lingua, o nacionalismo na diáspora criticou duramente desde as páxinas de A Nosa Terra a función exclusivamente cultural que se lle daba ao idioma, fronte ao significado político que lle asignara o movemento patriótico.

Non é pois de estrañar o diferente ton argumental que zumegan os artigos sobre o idioma que apareceron publicados en A Nosa Terra durante este período (entre eles, "En Defensa do Idioma", abril de 1953; "Encol do Noso Idioma", setembro de 1953; "O Idioma de Galiza", abril de 1954, ou "A Persecución do Noso Idioma", novembro de 1954), nos que, se ben se observa certo pesimismo no tocante á inmediata recuperación para o país das liberdades perdidas, e polo tanto da restauración do galego no seu territorio natural, séguese postulando a utilidade política da defensa da lingua como arma fundamental para combater o réxime de opresión en que se atopa Galiza, pois, en tempos tan difíciles para a preservación da singularidade nacional, o idioma aparece como garantía da supervivencia de Galiza como pobo. De aí que, á vista das poucas esperanzas de restablecemento da legalidade democrática e das liberdades nacionais, a teor do progresivo recoñecemento internacional da ditadura franquista, desde o exilio se impulse unha campaña de defensa inalienábel do idioma, denunciando as desercións no seu uso oral e escrito no seo da colectividade emigrante, non por un puro afán culturalista, senón como unha, agora máis que nunca, actitude política, e se teña que denunciar perante a Asemblea da UNESCO celebrada en Montevideo en 1954, "a Persecución do seu Idioma Nacional Pol-o Estado Hespañol", tal como recolle o titular do número 491 (novembro de 1954) de A Nosa Terra , onde se inclúe o informe, elaborado polos galeguistas do interior, que a colectividade galega fixo chegar aos representantes da UNESCO. O documento pretendía facer ver que, aínda que formalmente non existise lexislación que prohibise o emprego dos idiomas nacionais por parte do réxime de Franco, na práctica a represión era un feito, intentando á súa vez, conseguir que o organismo internacional lle denegase a entrada no mesmo ao Estado Español, feito que puideron evitar os delegados da ditadura fascista, entre eles o galego Manuel Fraga Iribarne. A resposta do réxime é ben significativa: por un lado anatematización do uso social da lingua (por exemplo, coa difusión dos pasquíns antes citados) e polo outro a súa institucionalización (creación da Cátedra de Lingua e Literatura Galegas en... Madrid). De novo, será A Nosa Terra (nº 494, maio 1955) quen se encargue de advertir que a solución non é máis que un parche a un problema que se ten que solucionar no lugar onde se xera, isto é, en Galiza. Pese ao frustrado intento, o sector da colectividade galega no exterior que seguía empeñada en manter aceso o lume galeguista continuou coa súa estratexia de denunciar a represión que o goberno franquista exercía contra o galego e abriu as páxinas dos seus medios de difusión a diferentes traballos que tiñan como eixo central o tema da lingua, entre eles: "Nuestra vieja habla" (Salvador de Lorenzana —pseudónimo de Francisco Fernández del Riego — en Galicia. Revista del Centro Gallego de Buenos Aires ,466, 1952), "Teñamos o orgulo de falar en galego" (Rodolfo Prada en Galicia. Revista del Centro Gallego de Caracas ,1, 1952), "Sobre el idioma" e "Nuestro idioma" (en Galicia Emigrante de Buenos Aires, 1 e 3 respectivamente, 1954), "A loita pol-a lingoa" ( Ánxel Fole en Galicia Emigrante de Buenos Aires, 20, 1956), "El idioma gallego" (Faustino Rey Romero en Mundo Gallego. Revista de Galicia en América de Buenos Aires, 2, 1957) ou "Sociología de la lengua en Galicia" (Baldomero Cores Transmonte en Lar . Revista de la Asociación gallega de beneficiencia y mutualidad. Hospital Gallego de Buenos Aires, 302, 1959).

No interior, e tras a denuncia perante a UNESCO, o réxime franquista pareceu flexibilizar un pouco a súa belixerante postura, baixo a atenta mirada da censura, de querer afogar todos os intentos de que o galego recuperase o seu prestixio social e a súa presenza pública e de que a causa do país e do seu idioma puidese circular en letra impresa. Así, da suspensión da " Colección Grial " en 1952 por orde gobernativa, pásase a unha certa permisividade que os autores teñen que pagar cunha prosa comedida. Exemplos desta política de maior tolerancia son traballos como "La rehabilitación del idioma gallego" (Emilio González López en Ínsula. Revista bibliográfica de ciencias y letras , 15, 1959, número dedicado integramente á cultura galega), o nacemento da Revista de Economía de Galicia (1958) —que estaba escrita exclusivamente en español pero que incluíu tamén nas súas editoriais o tema da lingua englobado no seu contexto sociopolítico— e a aparición da renacida Grial (1962), ambas as dúas editadas por Galaxia , ou a publicación dun interesante traballo no Boletín de la Real Academia Gallega (XXVII, outubro de 1956), co ambiguo título de "O bilingüismo", da autoría de Manuel Banet Fontenla, un vello avogado galeguista, fundador con Murguía da Academia no ano 1905. Nel, cunha prosa —quizá deliberadamente— difícil e arcaizante, Bonet Fontenla deixa claro que na Galiza "falaráse sempre o galego, no intre de ela non morrer", cualifica o español como "lingoa que o Estado impón como sua, coma oficial e única" pese a que "non abonda, certes, para esmagala a fala galega", lembra o traballo das Irmandades da Fala que deixaron "validoso rouso do seu rápido, pro inxente labor" e que "compre que remanezan e tornen a autuar decote no emprego, do xeito que o enantes o facían, encol da fala e da cultura galegas" e critica o abandono da lingua patria por parte dos vilegos, que lle causa unha fenda á "comunión espritoal da alma galega", aínda que non deixe de facer concesións ao réxime coa idea de que engrandecer o galego é engrandecer España, e chega a identificar o espírito de loita que as Irmandades da Fala lle imprimiron á causa do idioma co "bélico pulo que na Cruzada deitaron a mocedade galega e a Galiza inteira", nunha pouco sostíbel combinación de galeguismo e tradicionalismo.

Debuxo de Castelao. Autocaricatura.

Os finais da década dos 50 e comezos da dos 60 coinciden coa ruptura definitiva entre o nacionalismo do exilio e o galeguismo culturalista do interior. Mais é tamén a finais deste período cando, tamén no interior da Galiza, se comeza a forxar unha nova xeración que a partir do ano 1963 se encargará de recuperar o legado político nacionalista e reforzar a súa combinación, xa iniciada por Castelao, coas doutrinas socialistas e antiimperialistas, reincorporando a defensa do idioma á causa da defensa da soberanía política e as liberdades nacionais, e propoñéndose a recuperación do seu uso público pleno e a súa total normalización social, fronte á estratexia do piñeirismo, que lle asignaba á lingua unha función primordialmente culturalista.

IMAXES