A Etapa Contemporánea (S. XX)
O ensaio sociolingüístico
3º período: a loita pola restauración social do idioma (1963-1978)

Este terceiro período quedará acoutado por dous feitos políticos determinantes da situación en que no momento presente se atopa o idioma: o renacemento do nacionalismo político organizado (quen a partir deste momento intentará por todos os medios posíbeis a restauración pública do galego e a súa plena normalización como idioma total ,evitando así a súa esclerotización culturalista) e a instauración do actual sistema constitucional español.

O nacemento no ano 1958 do grupo Brais Pinto en Madrid, as asociacións culturais O Galo en Santiago (1961) e O Facho na Coruña (1963) e a posterior constitución a finais de 1963 do Consello da Mocedade serán os prolegómenos da re-aparición do nacionalismo político, coa fundación de dous partidos, arredor dos cales xirou a iniciativa política de corte patriótico, artellada estratexicamente baixo diferentes formas, deica os nosos días: a Unión do Povo Galego (1964) e o Partido Socialista Galego (1965). A aparición destas dúas forzas halle imprimir ao proceso de recuperación do idioma unha nova perspectiva: o galego ten que saír do gueto en que está sumido, saír da súa anómala situación, por medio, sobre todo, dunha práctica política e social que comportase, como sinala Pilar García Negro ( O galego e as leis ) "a dignificación, difusión e uso público do idioma do país; insistimos na prática social, porque xustamente do que máis necesitado estaba un idioma como o galego era de exibi-lo nas relacións sociais exteriores, nos lugares públicos, en todo aquel ámbito que impuña como única norma o español".

María do Pilar García Negro.

A reaparición do nacionalismo político no interior vai supor un progresivo distanciamento, que dará na ruptura, coa estratexia do galeguismo culturalista: non se pode encapsular o idioma na actividade cultural elitista, senón restauralo na súa plenitude e reivindicar o seu status de idioma oficial de Galiza, no marco da reclamación dos seus dereitos nacionais. Así, de novo tras a guerra do 36, a normalización social da lingua vai ser un dos puntos reivindicativos básicos do nacionalismo, e van ser as súas organizacións políticas, culturais de base, sindicais, estudiantís, etc., as que forcen a galeguización formal das organizacións políticas e sindicais españolas actuantes na Galiza primeiro, e despois, aínda que cun uso que poida ser considerado ritual, o ensino e as institucións democráticas.

Ademais de por ser o ano en que aparece de novo o nacionalismo organizado, 1963 é tamén un ano referencial para o galego por tres motivos ben salientábeis: por unha banda comeza o proceso de institucionalización da lingua, co permiso concedido á Real Academia Galega para, en conmemoración do centenario da publicación dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro , celebrar o Día das Letras Galegas —institucionalización que comprenderá tamén a creación en 1965 da Cátedra de Lingua e Literatura galegas na Universidade de Santiago , a cargo da cal estivo Ricardo Carvalho Calero , e do nacemento, en 1968 do Instituto da Lingua Galega (ILG) , tamén ao abeiro da universidade compostelá; por outra, Galaxia volve ter permiso para a publicación de Grial ,e, por último, o Concilio Vaticano II abre as portas á utilización progresiva das chamadas "linguas vernáculas" na liturxia, substituíndo o latín.

A Igrexa e o galego

Este último feito, que teoricamente supuña a posibilidade de que o galego que se falaba no adro puidese traspasar a soleira e penetrar polas igrexas adiante ata chegar aos altares, viuse decepcionantemente frustrado coa publicación das normas de aplicación das pautas conciliares no Boletín Oficial del Arzobispado (1964), en que se establece que a lingua vernácula de Galiza é o español. Sen embargo, a reacción non se fixo esperar, e a partir deste momento van ser moitas as páxinas que se enchan verbo de tal ilóxica decisión, as máis delas da autoría de sacerdotes e fieis que de aquí en diante se incorporan á reivindicación pública do galego. Xornais galegos como La Noche , El Progreso ou Faro de Vigo recollen as primeiras reaccións, o mesmo que as publicacións periódicas, tanto do exterior como do interior. Así, por exemplo, A Nosa Terra do exilio publica no seu número 508 de marzo de 1965, xunto coa noticia da "unánime reacción da nosa coleitividade" pola decisión das autoridades relixiosas de Galiza de non empregaren o galego na liturxia e da reprodución da carta de protesta conxunta enviada a Santiago e avalada por toda a colectividade galega de Buenos Aires, un contundente artigo editorial co título de "A permañente treición do clero de Galiza". Grial tamén incluíu no seu nº 9 de 1965 un traballo de Andrés Torres Queiruga, "Nota para unha Teoloxía do Galeguismo", o mesmo que outras revistas que se facían eco da polémica: "Sitio pra un problema" (Xesús Ferro Ruibal, en Trapecio , abril de 1967), "El clero gallego y el idioma en la liturgia" (Bautista Álvarez, en Cuadernos para el Diálogo , xullo de 1967) ou "A lingua e a igrexa", na colectánea O porvir da Lingua galega , onde o grupo de crentes "Os Irmandiños" fai un chamamento aos "católicos de oxe" e á propia institución eclesiástica a "iluminar a trascendencia, problemas e posibilidades do noso feito lingüístico" querendo advertir que "o noso problema lingüístico se reproduce cada vez que alguén tenta infravaloralo. Retardar o recoñecimento do galego é re-crear o problema; é retardar toda a evanxelización que en galego quedará aínda despóis por facer". O traballo remata afirmando que a lingua galega presenta unha especial vantaxe para converterse na lingua da liturxia pois ao ser "unha lingua arredada dende moitas xeracións da vida "oficial" ten dobre carga de vida "real", e está "moi ben equipada para fomentar unha intimización radical e prá destrucción de sutiles, pero moi eficaces, alienacións". Mais o traballo ao respecto que máis repercusión vai ter, non só no ámbito exclusivamente eclesiástico, senón tamén no estritamente civil e cultural, e mesmo entre certos círculos da oficialidade, pola rotundidade das súas afirmacións e a súa autoría, é "La Iglesia no habla la misma lengua que los gallegos", de Afonso Álvarez Gándara, un avogado vigués ligado aos círculos galeguistas, quen consegue o premio xornalístico "Fernández Latorre" 1967 instaurado polo xornal La Voz de Galicia polo artigo aparecido en decembro de 1966 na revista de Acción Católica Signo ,que de novo publicará a toda páxina o rotativo coruñés o 26 de xullo de 1967 e que, segundo recolle Alonso Montero en O que compre saber da lingua galega "no termo dun mes [...] será reproducido, citado, gabado, mordido, aldraxado... No noso precario contexto literario polémica semellante somente podía ser provocada por un traballo que puxese o dedo nunha realidade latexante, importante, non nunha anécdota". Nunha nota a final de capítulo, Alonso inclúe a variada "nómina de contestacións". Pero todas estas reaccións non caeron en saco roto, e como lembra Manuel Portas ( Lingua e sociedade na Galiza ),"vai ser precisamente na fase 1966-68 cando o galego comece a dar pasos importantes para a sua entrada no mundo relixioso. Grupos de sacerdotes e de crentes verten para o galego textos bíblicos, ao tempo que se comezan a celebrar misas en galego nas cidades de Galiza, algunha xa con certa regularidade".

O idioma da Igrexa en Galicia,  obra de Daniel López Muñoz, publicada en 1989.

A reivindicación social do idioma

Na vida civil, as forzas galeguizadoras continúan arreo co seu labor, se ben cunha moi diferente estratexia e, como xa se ten comentado antes, cuns obxectivos, polo menos a medio prazo, cada vez máis distantes. A póla culturalista arredor do Grupo Galaxia, continuará facendo o seu traballo de formación dunha elite que haberá de levar o galeguismo a todos os partidos actuantes en Galiza, e será sobre todo na revista Grial onde se recollan as súas propostas verbo do idioma, propostas que volven pór o acento no carácter cultural e individual da lingua: "A língoa como resultado, como pouso da cultura, o máis outo que poidera haber, é un aito de creación continua. E para isa creación non hai máis que duas castes de creadores: o home do pobo, i o escritor" ("Gabanza dos escritores", de Domingo García-Sabell, en Grial ,no 1, 1963). A póla nacionalista centra os seus esforzos en estender a súa mensaxe por todo o país, levando a reivindicación patriótica —a través das súas diferentes organizacións— e con ela a defensa da lingua e a necesidade da súa normalización, ás fábricas e ás escolas, ao campo e á cidade, á Universidade e ás rúas, nun esforzo de lenta pero firme implantación, que, por motivos obvios, a estas alturas aínda non ten unha plasmación do seu ideario lingüístico en escritos de libre difusión, algo que irá abrollando a medida que a ditadura vai esmorecendo. E precisamente coincidindo con esta expansión das organizacións nacionalistas no interior, no exterior vaise ir producindo a lóxica decadencia do activismo da diáspora porque os seus protagonistas han ir morrendo ou preparando o retorno do exilio, algúns deles para se integraren na loita política no propio país. Con todo, neste período as publicacións da emigración continuarán recollendo artigos sobre a lingua, maioritariamente mantendo e actualizando as teses de Castelao, que durante o longo exilio se encargaron de seguir difundindo, o cal contribuíu a que logo se puidesen retomar no país por parte do nacionalismo. Así, nestes momentos, volve sobrancear o papel desempeñado por A Nosa Terra ,que publica artigos como "Blasón da Língoa Galega" (Emilio González López, nº 511, maio-xuño 1969) ou "Bilingüismo Reaicionario" (nº 516, xuño 1971) e o de Vieiros (1959-68), revista do Padroado da Cultura Galega de México, que comezou incluíndo traballos sobre a lingua xa publicados noutras revistas con anterioridade e continuou con novas achegas como, entre outras, "Analfabetos gabanciosos" (de Xosé Ramón Fernández Oxea, Ben-Cho-Sey , nº 2, 1962) ou "O inteleitual i a fala" (de Walter Fugarolas, nº 4, 1968).

Ben-Cho- Shey,  á dereita, cun grupo de intelectuais de Galiza, residentes en Madrid, fotografados con Gala Murguía de Castro.

A lingoaxe i as lingoas

O ano 1967 marca o comezo dunha nova xeira no ensaio sociolingüístico galego no que respecta ao formato de edición, o cal leva implícito unha maior profundidade nas análises: o libro monográfico, quer en edicións dun só autor, quer en volumes con diversas achegas sobre o mesmo tema, sen que se deixen de seguir rexistrando traballos en revistas, xornais e publicacións periódicas en xeral. O primeiro título desta nova etapa é a publicación do discurso lido por Ramón Piñeiro o 25 de novembro de 1967 con motivo do seu ingreso na Real Academia Galega ante os numerarios da mesma, A lingoaxe i as língoas ,un ensaio sobre a fala desde un achegamento pluridimensional, lingüístico, filosófico e antropolóxico, que parte dunha visión xeral da linguaxe e da importancia da palabra que, para Piñeiro, "é indispensable para que o home poida realizar o seu ser. Pro a palabra aitúa en forma de língoa concreta. Cada pobo ten a súa. Cada home ten a do seu pobo. Nós, os galegos, temos a nosa". A partir deste momento, o político e ensaísta galego fai unha análise dos que chama "factores de confusión" que interveñen na actitude que o pobo galego tiña, a aquela altura, verbo da súa lingua, factores que quedan identificados como tres prexuízos: o sociolóxico, o lingüístico e o ideolóxico. O primeiro deles reflicte as consecuencias dos cinco séculos do que Piñeiro chama "discriminación social por medio da diferenciación lingüística e que tería como consecuencia o complexo de inferioridade e o servilismo do pobo galego". Sen embargo, o autor non sitúa o noso pobo como responsábel de tales "taras psicolóxicas" que levan ao prexuízo sociolóxico antigalego, senón como vítima delas, aínda que a tal prexuízo se lle atribúen "graves resultados", polo que cómpre "devolver [ao noso pobo] o sentimento da propia diñidade e, como consecuencia, a confianza solidaria en sí mesmo". O prexuízo lingüístico parte da dúbida nas posibilidades do galego para se converter nun instrumento moderno de comunicación. Ramón Piñeiro debulla e rebate os diferentes argumentos que se dan para soster tales dúbidas: a existencia de dialectos, que considera común a todas as linguas; a anarquía ortográfica, que cualifica como de mero convencionalismo que se pode realizar sen grandes dificultades e, por último, o desprestixio social, que considera máis grave que os dous anteriores pero sen que teña que provocar unha postura escéptica; se ben recoñece que aínda queda moito por facer ante a presión asimilista, hai datos que deixan a porta aberta á esperanza, entre eles: terlle gañada a primeira gran batalla ao complexo colectivo de inferioridade, a do prestixio cultural da lingua; a axuda que prestará a que chama "conciencia social do noso tempo", que fará que no noso país se identifique a xustiza social coa redención espiritual do complexo de inferioridade e do seu atraso económico, e no que o galego funcionará como "arma redentora"; os cambios que se aprecian na presenza do idioma na prensa; as contradicións pedagóxicas que aboiarán no ensino pola ausencia do galego nas aulas; e, por último, o convencemento de que a cualificada como "contradicción pastoral da eirexa" é unha situación transitoria que se resolverá co uso do galego como lingua litúrxica "como tódalas demáis". Finalmente, no prexuízo ideolóxico analiza e crítica, como xa antes o fixera Castelao no Sempre en Galiza ,a consideración que fai "un tipo de ideoloxía que en nome do progreso refuga a pluralidade idiomática", a cal teima en implantar un idioma único para toda a humanidade. O novo académico conclúe o seu ensaio coa idea xa sostida noutros escritos seus de que a Humanidade se realiza en entidades naturais chamadas pobos, que teñen como elemento de expresión das súas respectivas culturas as diferentes linguas, polo que o noso é "un pobo dotado dunha língoa e, polo mesmo, dunha cultura, somos unha realidade orixinal dentro do patrimonio humán. A nosa misión consiste en facer que esa realidade orixinal acade a súa plenitude".

Ramón Piñeiro nos anos cincuenta.

O porvir da lingua galega

Un ano despois da publicación do discurso de Piñeiro, sae á luz un novo libro enteiramente dedicado ao galego, ao seu presente e ao seu futuro, O porvir da lingua galega

O que cómpre saber da lingua galega , obra de Xesús Alonso Montero.

, iniciativa do Instituto de Estudios do Círculo de las Artes de Lugo , para celebrar o Día das Letras Galegas de 1968. O volume recolle un bo feixe de artigos no que o tema central é a lingua nas súas diversas manifestacións, asinados por destacados ensaístas e escritores. Polos seu interese máis concreto no ámbito da sociolingüística, destacaremos tres dos quince traballos: o xa comentado anteriormente, "A lingua e a igrexa", "Tres incisiós na problemática do galego" de Xesús Alonso Montero e "O galego i a administración" de Manuel López Ferreiro. Esta última e breve achega ten o interese de pór sobre a mesa un dos graves atrancos con que se atopa a normalización dunha lingua minorizada, cal é o da regularización por parte das administracións públicas do uso da lingua dos seus administrados. O artigo de Alonso Montero introduce algunhas das súas teses sobre a lingua, que posteriormente ha desenvolver noutros traballos: o contido antiburgués na actitude da mocidade ao empregar o galego, a defensa dun réxime de ensino bilingüe no rural, "réxime que remataría por favorecer ó propio castelán" e a acuñación do termo "dilingüismo", aplicado principalmente á literatura, que serviría para cualificar "á persoa que sabendo dous idiomas ten un para certas motivacións e outro para outras".

As teses de Alonso Montero sobre a lingua

Ao ano seguinte, en 1969, Alonso Montero volverá incidir na problemática da lingua cun libro publicado pola Editorial Alborada de Buenos Aires, O que compre saber da lingua galega ,co obxectivo de, segundo relata o propio autor no limiar, dar "resposta a algunhas das preguntas que se fai hoxe o cidadán galego, universitario ou non" perante a "gran toma de conciencia lingüística", e de ser "un manual onde o leutor un pouco inquedo encontre algunha luz ás cuestións que unha lingua tan conflictiva e tan zarandeada como a nosa presenta a cotío". O traballo esténdese a varios aspectos do idioma: a súa situación anormal, a súa caracterización histórico-filolóxica, as interferencias do castelán, a súa presencia no mundo, os seus dialectos, a súa historia, etcétera. No tocante ao eido da sociolingüística, o libro resulta especialmente relevante pola inclusión, na primeira parte do mesmo, das reflexións agrupadas baixo o título "O galego, unha conflictividade". Nelas, o autor pon de manifesto a normalidade que supón a existencia do bilingüismo en Galiza, se se compara a realidade plurilingüe de España con "outras nacións" (Francia, por exemplo), afirmando que a "ecuación comunidade política = comunidade monolingüe" é unha visión "ríxida da realidade". Sen embargo, pouco máis adiante, Alonso admite a anormalidade que se observa no uso da lingua do país, a diferente funcionalidade que se detecta no emprego do español e do galego. A explicación que lle dá Alonso Montero a tal conflito atópaa nas contradicións campo/cidade, ricos/pobres, burguesía/proletariado; froito desta interpretación, cualifícase o galego como "lingua proletaria" ao tempo que se adopta unha visión pesimista a respecto do futuro, a pesar das conquistas que se recoñecen.

Xesús Alonso Montero nun retrato doa anos sesenta.

As teses defendidas por Alonso Montero en O que compre saber da lingua galega ,apareceran retomadas nun novo libro, esta vez en español, que provocou unha grande polémica: Informe —dramático— sobre la lengua gallega (1973). Á parte de ser cualificado como "refrito" por seren moitos dos seus capítulos traducións de outros traballos anteriores, o Informe faise merecedor de grandes críticas pola súa reiterada "tese da morte", por parte de especialistas de moi diversas "escolas". Así, Guillermo Rojo fai na revista Verba (nº 1, 1974) unha análise detallada da obra de Alonso, na que critica a inoportunidade das súas propostas fatalistas ao aparecer nun momento en que se divisaban indicios de que o proceso de autoafirmación nacional parecía ter cristalizado. Para Rojo, na súa maior parte o Informe reproduce unha restra de datos aos que non se lles dá unha interpretación nin a partir dos cales se propón unha solución para modificar o problema, ante o cal o autor parece querer renderse, afirmando que o libro de Alonso como traballo de investigación sociolingüística, "resulta extremadamente superficial y, en algunos conceptos básicos, deficiente. Como libro de divulgación descorazonará a muchos convencidos de que hay que trabajar por la salvación de la lengua y la cultura gallegas, impedirá la incorporación de un gran porcentaje de "tibios" a esta tarea y proporcionará inestimables argumentos a los partidarios de precipitar lo que consideran inevitable aculturación final".

A resposta do nacionalismo ás teses da morte e o bilinguismo: Conflicto lingüístico e ideoloxía en Galicia

Ao igual que desde certos sectores da oficialidade científica que andados os anos se irán posicionando a favor do bilingüismo, o libro de Alonso provoca a reacción do nacionalismo, que a estas alturas pon todas as súas forzas en restaurar publicamente o uso do galego na sociedade. Así, nunha pormenorizada crítica publicada no xornal La Región de Ourense no mes de xuño de 1974, Francisco Rodríguez coincide con Guillermo Rojo en sinalar a falla de rigor científico da análise de Alonso Montero, así como en criticar a súa visión pesimista do futuro do galego. Pero, evidentemente, as apreciacións do político nacionalista respecto do Informe van máis aló e pretenden chegar á cerna ideolóxica da argumentación de Alonso, feitas "desde unha posición pretendidamente progresista" que o leva a obviar as relacións entre "os problemas lingüísticos e os sócio-económicos e políticos en xeral" e a negarlle ao propio país o seu progreso, o seu futuro, "pois normalización da língua e evolución progresiva dun povo gardan unha relación directa". Por tanto, para Francisco Rodríguez, o grave da interpretación de Alonso Montero consiste en querer illar o problema da lingua do seu contexto político, querer trazar os "Aspectos lingüísticos de la colonización" sen analizar os aspectos globais, sociopolíticos da mesma, en fin, querer explicar a situación de conflito "desde unha perspectiva psicolóxica e cultural" reducindo as súas causas a un problema "da estratificación social" do que transloce unha falla de asunción do compromiso de solucionalo na súa globalidade. A consecuencia desta falla de compromiso leva a Alonso a apuntar, coincidindo coas teses dos detractores do uso da linguas nacionais en situacións "non familiares" como a de Julián Marías, a suposta incapacidade do galego para os rexistros "cultos", do que se derivaría a superioridade da lingua A (neste caso o español) para as funcións "elevadas". A tese de Alonso Montero é contestada por Francisco Rodríguez como segue: "iso de que o home intelectual galego-falante que recoñece que "la actividad cultural la realiza mejor, hoy por hoy, en castellano", non o estima como lingua A, é, ao meu parecer, un plantexamento esquemático de vosté. Se, como vosté di, cando pensa "en culto", sai-lle o castelán, é porque, ainda que ideoloxicamente saiba que non debe haber línguas A e B, practicamente, na práctica social, admite-as, mantendo cunha das linguas unha actitude paternal, que quer dicer que a considera como língua B, en canto non a emprega en todos os usos (ten unha personalidade bifurcada na prática)". Por outra parte, o posicionamento ambiguo "claramente vacilante" de Alonso perante a situación de conflito entre o galego e o español desenmascara para Francisco Rodríguez a súa actitude bilingüista, "unha actitude que trata de consolidar unha componenda, un pacto perpetuo entre as dúas línguas, do que todos sabemos cal seria a perxudicada". En definitiva, o ensaísta e político nacionalista quer facer ver cómo as análises que propón Alonso Montero non son senón produto dunha ideoloxía política que se oculta, "dunha actitude cara ao noso povo" que obvia o problema político de fondo e, polo tanto, non pode albiscar futuro para o idioma, que só se poderá enxergar se se divisa, se se pretende tamén un futuro para o propio país. A negativa de Alonso a coller o touro polos cornos e ir ao fondo da cuestión lévao a adoptar unha posición fatalista, a da morte case inevitábel do galego, o cal, segundo Rodríguez "demostra que a actitude do autor perante o galego é a mesma que a dos ornitólogos perante a desaparición da pita do monte. Non hai que perdé-lo porque é unha pena, porque é mostra ou característica duns falantes que están a carón de min, non porque son eu mesmo".

Francisco Rodríguez Sánchez.

Chegados a estas alturas de mediados dos anos 70 —onde por unha parte as organización nacionalistas van facer que o galego se vaia identificar xa claramente como unha das partes do conflito, que saia á luz con todas as súas consecuencias, intentando esgazar ao seu favor a situación de dominio, e por outra a maquinaria do poder español vai ir adaptándose progresivamente aos "novos tempos" que impoñen unha reforma formal das súas estruturas políticas, e ao tempo, irá anticipando o que vai ser o tratamento dos problemas nacionais dentro do Estado e, consecuentemente, das súas linguas (bo exemplo disto é a publicación do "Decreto 30 mayo 1975 de Educación General Básica-Educación Preescolar. Incorporación de las lenguas nativas a los programas", promulgado en plena agonía da ditadura franquista, e anticipo da lexislación lingüística actual, sobre todo no tocante á consideración que se fai do español, lingua común con dereitos e deberes e das linguas regionales ,patrimonios que hai que preservar pero ás que non lles asiste o deber de coñecelas)— as posturas e alternativas verbo do idioma vanse ir clarificando, pese aos interesados intentos dalgúns de engadir confusionismo, cando non de presentar aos agredidos como agresores. Por unha banda están as alternativas bilingüistas que intentan conciliar en todo momento as dúas partes do conflito, nun equilibrio de igualdade que esquece os principios básicos da moderna ciencia sociolingüística, segundo os cales institucionalizar a situación de dominio, aínda con medidas compensatorias, pero sen ir ao fondo da cuestión, non é senón un estadio máis cara á asimilación total (o idealismo destas propostas estaría representado polo "Manifesto para la supervivencia de la cultura gallega" publicado en outubro de 1974 na revista Cuadernos para el diálogo ), por outra as que como as defendidas polo intelectual portugués Rodrigues Lapa e que despois, e con certas matizacións, foron recollidas polo chamado lusismo, non lle agoiraban ao noso idioma como lingua de cultura un futuro seguro a non ser pasando a fundirse co portugués; e finalmente, a análise e alternativa nacionalista, que se diferencia abertamente das demais (a "tese da morte", o bilingüismo e o lusismo) —poñéndoas asemade en entredito —  en ir ás causas primeiras do problema, as económicas, históricas e políticas, e que representa a actualización teórica, desde unha perspectiva histórico-dialéctica antiimperialista, das interpretacións, diagnósticos e prácticas políticas da tradición nacionalista que tiñan chegado ao seu máximo grao de concreción con Castelao e o Sempre en Galiza.

 

O traballo que se encarga de recoller tales observacións e de proporlles as correspondentes solucións é Conflicto lingüístico e ideoloxía en Galicia (1976) de Francisco Rodríguez. O libro está estruturado en dúas partes, un "esclarecimento encol do problema lingüístico" e unha análise sobre a relación entre a "ideoloxía e conflicto lingüístico en Galicia", onde se fai un estudio detallado das teses bilingüistas, mais un apéndice, onde se recolle a crítica "Sobor do Informe —dramático— sobre la lengua gallega "á que xa nos temos referido. Seguindo a Pilar García Negro ( O galego e as leis ), as ideas cardinais do libro de Francisco Rodríguez serían as seguintes: 1) A lingua é posesión inseparábel da condición humana, non expresión das diversas culturas senón precisamente requisito previo delas, nin tampouco "criación de ningunha clase social determinada, senón da comunidade". 2) Nin hai linguas superiores e linguas inferiores, nin estas son superestruturas per se. Outra cousa é que en contextos como os coloniais poidan funcionar como superestruturas. Por tanto, calquera lingua, todas as linguas poden servir de vehículos totais de comunicación das súas respectivas sociedades. 3) O idioma é o atributo nacional por excelencia, un elemento que une o pobo que representa, o instrumento polo cal ese pobo expresa e interioriza a súa visión particular da realidade. Xa que logo, que un pobo abandone a súa lingua é o principio para que este desapareza como tal; querer privalo do seu idioma é querer exterminalo. 4) O asimilacionismo lingüístico e cultural é unha das consecuencias do imperialismo político. Non se lles pode achacar aos propios falantes o abandono do seu idioma, pois en condicións normais iso nunca sucede. As causas dos conflitos lingüísticos hai que buscalas nos procesos de uniformización das estruturas económicas de mercado e, polo tanto, dos seus aparellos políticos. Isto é, o conflito lingüístico ten a súa orixe en causas exóxenas, fóra do propio país. Outra cousa é que unha vez introducido, certos sectores sociais do mesmo se encarguen de patrocinalo e reproducilo ata as máximas consecuencias, como garantía de mantemento do seu status de relación de privilexio coa metrópole. 5) É totalmente falaz querer trazar unha liña divisoria entre "linguas medievais" e "linguas modernas", como adoito se pretende facer ver "en nome dun progreso abstracto e optimista", pois se ben a superación do feudalismo foi necesario no desenvolvemento da sociedade, resultou nun novo sistema económico, o capitalista, que para o seu logro precisou do esnaquizamento e asimilación dos valores culturais dos pobos subxugados. 6) O problema lingüístico hai que entendelo tendo en conta o contexto político-económico en que se produce, polo que se se quere defender os dereitos lingüísticos do país haberá tamén que defender os seus dereitos políticos e económicos. 7) O realmente progresista e internacionalista é ser consciente de e consecuente con que a Humanidade é un conxunto de pobos diferentes, todos cos mesmos dereitos, o primeiro deles o seu dereito a existir. 8) Por moi agredidos que estean os dereitos dos pobos, e entre eles o da lingua, sempre existe a posibilidade de "salvar todo o salvábel", sabedores de que unha vez restablecida a soberanía política se produce a normalización lingüística (caso de Finlandia e de Noruega). 9) De acordo coa periodización proposta por Calvet ( Lingüística e colonialismo ),Galiza atópase na fase de asimilación onde se dá unha conxugación de dous enfrontamentos lingüísticos: un a nivel de clases e outro a nivel espacial (campo-cidade), enfrontamentos que se queren presentar como unha oposición entre atraso e modernidade. 10) Defender a alternativa bilingüista é querer pactar coas dúas forzas en conflito, obviar completamente o problema político de fondo, á vez que facer unha análise acientífica, propor unhas solucións idealistas e pecar de ideoloxismo na actitude interpretativa da realidade.

Para fechar o reconto deste último treito do período que estamos a analizar, especialmente prolífico no tocante á publicación de ensaio sociolingüístico en formato libro e moi clarificador do que han ser as propostas e as prácticas en canto á lingua e á súa normalización nas seguintes dúas décadas, daremos conta do traballo de Juan José Moralejo Álvarez, publicado pola Editorial Galaxia en 1977, A lingua galega hoxe ,onde ao par das reflexións filolóxicas sobre o galego, o autor vai debullando, desde unha visión crítica e independente, diferentes aspectos relativos á normalización lingüística e aos prexuízos sociais e políticos que tal proceso comporta. O libro vai precedido dun prólogo de Ramón Piñeiro onde se recoñece o carácter político da loita pola normalización do galego: "os direitos da nosa lingua á súa normalización, así como a loita contra os atrancos que a viñeron tollendo durante séculos, é un esforzo esencialmente político". Á mesma conclusión chega o autor ao final do libro, onde recolle "os puntos concretos que quixera repetir", entre eles:

Conflicto lingüístico e ideoloxía en Galicia,  obra de Francisco Rodríguez Sánchez

"A situación da lingua galega hoxe é crítica: os problemas dela son políticos, ela mesma é problema político, e parte esencial do problema político xeral de Galicia e dos galegos, e agora co natural xarampelo despóis de anos e anos sin política e sin problemas"

ou estoutro:

"Non hai, coido, argumento contra do uso normal da lingua galega. Non hai argumentos contra da capacidade da lingua en sí mesma; no orde esterno os argumentos, aparentes, son sempre coiunturáis e reversibles [...] está comprobado que a lingua dispón sempre de medios pra atender á espresión de novas realidades culturáis: único requisito é que o falante teña acceso a isas realidades".

IMAXES