A Etapa Contemporánea (S. XX)
O ensaio sociolingüístico
4º período: o galego perante o novo marco xurídico-político (1978-1990)

A Constitución española e o galego

O comezo deste último período que establecemos para facermos un perconido pola historia do ensaio sociolingüístico galego coincide co momento principal, do punto de vista político, do que foi a reforma das estruturas de poder político e económico da ditadura xa esbarroada, quer dicir, a proclamación do novo período constitucional español, co referendo de decembro de 1978, que de novo lle usurpa a Galiza a súa soberanía política: "La soberanía nacional reside en el pueblo español"; négalle os seus dereitos nacionais: "La Constitución se fundamenta en la indisoluble unidad de la Nación española"; e sitúa o español como única lingua con dereitos e deberes, dándolle ás "demás lenguas españolas" unha categoría de monumentos históricos susceptíbeis de preservación: "La riqueza de las distintas modalidades lingüísticas de España es un patrimonio común que será objeto de especial respeto y protección". A filosofía lingüística constitucional ía ser unha continuidade do xa mencionado decreto de outubro de 1975 dos derradeiros momentos do franquismo, con certos retoques terminolóxicos que non alteraban a filosofía de fondo e que vai ter prosecución coa promulgación dos diferentes textos lexislativos posteriores preparados, no tocante ao idioma, para enfaixar a presencia do galego como lingua de uso normal, reforzar a supremacía do español e pórlles freo ás iniciativas normalizadoras que as forzas nacionalistas levaban a cabo, moi especialmente no ensino, durante a década dos setenta —sobre todo a partir de 1974, ano de nacemento do sindicato de ensinantes pioneiro na galeguización do ensino, a Unión de Traballadores do Ensino de Galiza (UTEG)—, esganifando o uso diglósico do galego e facendo do idioma un instrumento de comunicación e coñecemento apto para todas as materias e en todos os espacios xeográficos do país. Poucos días antes da aprobación en referendo da Constitución española de 1978, a Asociación Sócio-Pedagóxica Galega (AS-PG) celebraba por primeira vez unha actividade pública coa organización en Compostela dun ciclo de conferencias co título de "Problemática das línguas sen normalizar. Situación do galego e alternativas", no que se deron cita especialistas na materia como, entre outros, Lluis V. Aracil, Ricardo Carvalho Calero, Pilar Vázquez Cuesta ou Francisco Rodríguez. Este último presentou un relatorio onde analizaba a "Filosofia lingüística da Constitución Española. Os Decretos do ensino do catalán e do galego", en que se chega á conclusión de que "no fondo o que se intenta, polos métodos que faga falta, é que o español siga a funcionar como língua dominante, que o domínio diglósico perviva, e cando decimos domínio diglósico, decimos domínio político opresivo". Para o profesor Rodríguez, a Constitución do 78, en materia lingüística, coa disimetría que introducía entre "idioma oficial" (castelán) e "linguas españolas", entre os dereitos e deberes que lles asistían á primeira e o trato proteccionista que lles asignaba ás segundas, non viña máis que "a legalizar unha situación diglósica e ocultar o status superior, económico, social, político e cultural, dunha das línguas, recurrindo a compensacións idealistas. A Constitución Española non ven nen siquer lexitimar as forzas progresistas máis importantes que habia na sociedade galega, en canto á restauración social do idioma. O que ven facer é a poñer un corsé legal precisamente para que esas forzas sociais, esas forzas lingüísticas poidan ser mellor combatidas". Pero as apreciacións de continuísmo na filosofía lingüística da Constitución española con respecto ao réxime anterior non só proveñen das análises nacionalistas: novamente o intelectual independente Juan José Moralejo Álvarez, moi lonxe das teses políticas do movemento patriótico, afirma nun artigo publicado no xornal La Voz de Galicia o 18 de novembro de 1978, "A Constitución e as linguas", que "no tema lingüístico seguimos cos mesmos cans e os mesmos colares".

Francisco Rodríguez Sánchez.

O Decreto de Bilingüismo

Fronte á acción das forzas restauradoras, as institucións políticas españolas, Constitución na man, reaccionan de contado co coñecido como Decreto de Bilingüismo (Agosto 1979), que na práctica viña poñerlle condicionantes e limitacións ao ensino en galego e actuar como un instrumento legal para a acción represiva contra as iniciativas normalizadoras que xa se estendían por todo o país, comezando toda unha restra de denuncias, amoestacións, ameazas e represalias contra o alumnado e o profesorado que mantiñan unha práctica galeguizadora (Marín, Corme, O Foxo-A Estrada, Bueu, Salvaterra, Viveiro, Moaña, Nigrán, Dices-Rois, Baiona e un longo etc.). Pero esta aplicación castigadora da práctica da restauración do galego veu paradoxalmente significar, como apunta Pilar García Negro ( O galego e as leis ) "o fito máis importante na loita pola normalización do idioma, ao concitar a sua denúncia a repulsa de millares de ensinantes e de cidadáns galegos [...] foi a pedra de toque sobre a que se afirmou unha e outra vez o direito irrenunciábel ao libre uso do galego [e resultou] o elemento definitório máis claro da confrontación entre o idioma nacional e o idioma estatal e a alavanca que posibilitou, por primeira vez para moitos galegos e galegas, o tomaren conciéncia do conflito lingüístico que se vivia e do grau de 'permisividade' que un fillo legal da Constitución 'democrática' concedia". Así as cousas, de 1979 en diante producíronse en todo o país actos de rexeitamento do devandito Decreto e das conseguintes represalias que se exerceron contra as prácticas normalizadoras. Evidentemente, o poder central e a súa extensión en Galiza, a daquela Xunta preautonómica, inician unha contraofensiva de desprestixio contra os que queren precisamente prestixiar a lingua do país, botando man tanto do aparello legal (Delegacións de Educación, Inspeccións, etc.) como do caciquil (instrumentalización das Asociacións de Pais, dalgúns cregos, etc.), mentres que a maioría do galeguismo culturalista, camiño xa da avinza permanente co poder metropolitano, mantén a boca pecha, cando non se dedica a descualificar a campaña en defensa do idioma. Pero as contradicións que produce querer negar a evidencia de que o Decreto está pensado para intentar frear o proceso galeguizador no ensino van facer que mesmo persoas, como é o caso do mestre e escritor Paco Martín, integrantes da Comisión Mixta encargada de levalo adiante, cheguen a declarar que "o Decreto que nos ocupa, ou, por mellor falar, a Orde que o desenrola, non fai nada por mellorar a situación. Mais ben podiamos decir que deixa enteiramente despechada a porta que consinta en que todo siga do mesmo xeito" ("O chamado Decreto de Bilingüismo", en Galicia no ano 79). Mentres, será nas páxinas da prensa nacionalista ( A Nosa Terra , Teima )e das súa publicacións partidarias( Ceibe , Galicia Socialista , Terra e Tempo )e sindicais onde se recolla por escrito a postura irrenunciabelmente normalizadora do movemento a prol da oficialización do galego como lingua de Galiza.

María do Pilar García Negro.

O Estatuto de Autonomía e a Lei de Normalización Lingüística

A aprobación do Estatuto de Autonomía de Galiza , en outubro de 1980, recoñece por primeira vez nun texto legal que "A lingua propia de Galicia é o galego" (artigo 5.1) e declara a cooficialidade lingüística entre o galego e o español, pero sen embargo só fala dos dereitos, nunca dos deberes de coñecer o idioma do país, como ocorre co español na Constitución, polo que o desequilibrio legal con respecto á lingua imposta se mantén intacto. Tres anos despois, en 1983, o Parlamento de Galiza aproba a Lei de Normalización Lingüística (LNL) en que, nun principio, si aparece reflectido o deber que teñen os galegos de coñeceren a súa lingua. Mais catro meses despois de ser aprobada a LNL polo Parlamento, o goberno central do PSOE, por medio do seu Delegado do Goberno en Galiza, o daquela Presidente da Real Academia Galega, Domingo García-Sabell, impuña recurso de inconstitucionalidade contra varios artigos da devandita Lei, un deles o que declaraba a obriga dos cidadáns galegos de coñeceren o seu idioma, ao igual que teñen o deber de coñecer o español, segundo a Constitución. Pero aínda coa inclusión da referencia ao "deber de coñecer", a LNL non contaba co apoio de todo o movemento nacionalista que, como quedou dito anteriormente, protagonizou o proceso de galeguización e normalización do ensino nos anos setenta. A súa proposta alternativa estaba recollida nunha Proposición de Lei de Normalización Lingüística , presentada no Parlamento de Galiza polos deputados da coalición Bloque Nacional Popular Galego co Partido Socialista Galego (BNPG-PSG) e que non chegou a se debater ao seren suspendidos dos seus dereitos parlamentarios os seus tres representantes. A Proposición estivo avalada por todas as organizacións, sindicatos, partidos, etc., do espectro nacionalista que, na práctica, defendían día a día a normalización lingüística en todos os ámbitos da sociedade. Seguindo de novo a Pilar García Negro ( O galego e as leis ) a Proposición dos 3 deputados da coalición difería da aprobada oficialmente en que: non era unha proposta de regulación nin de protección do galego, era unha proposta pola normalización do galego; a consideración que se facía do problema lingüístico non era individual, senón social; tentaba situar o galego como norma xeral, non como excepción, trato que se lle dispensaría ao español; proclamaba o uso libre do galego en todas as institucións, servicios públicos, empresas públicas ou privadas, etc., por vía do levantamento dos mecanismos represivos que pesan sobre o emprego do idioma; postulabase o uso exclusivo do galego para toda a Administración autonómica e da Xustiza, respectándose o dereito individual da parte interesada a solicitar expresamente a versión en español; establecía un plano de galeguización do ensino con medidas graduais, eliminando o criterio de lingua "materna" para introducir a maior ou menor familiaridade ambiental co idioma propio do país e, finalmente, propuña un período transitorio de cinco anos para elaborar unha normativa unificada a partir dos criterios de todas as tendencias normativizadoras, durante os cales se recoñecerían como válidas as correspondentes á Real Academia Galega, o Instituto da Lingua Galega, a Asociación Sócio-Pedagóxica Galega e a Asociaçom Galega da Língua .

Interior do Parlamento de Galicia.

Mentres o movemento normalizador denunciaba ante a sociedade galega, na rúa e nas institucións, o carácter subsidiario e excepcional que por lei se lle quería impor ao galego, privándoo de se converter na lingua de uso universal no territorio galego, o chamado sector do galeguismo histórico, con algunhas excepcións e matizacións, que no seu momento pulara pola restauración do galego aínda que excesivamente restrinxida a un ámbito cultural, foise achegando progresivamente á doutrina lingüística oficial proteccionista verbo das linguas nacionais do Estado e, xa que logo, acatando o bilingüismo substitutorio "como mal menor inevitable", cunha postura moitas veces paternalista cara aos que defendían a restauración total, que era merecente "da máis entrañábel simpatía, pero carece de base real para poder prosperar", como declaraba Ramón Piñeiro no ano 1979. Esta viraxe definitiva do chamado galeguismo histórico respecto dos que xa, na práctica, deixaban de ser os seus referentes ideolóxicos, ficou plasmada coa incorporación de tres "galeguistas independentes", entre os que sobranceaba o nome do propio Ramón Piñeiro, ás candidaturas do PSOE ás eleccións para o Parlamento de Galiza no ano 1981, ou coa asunción da Delegación do Goberno Central en Galiza por parte de Domingo García-Sabell, quen chega a declarar en 1984 que co bilingüismo "no se trata de enriquecer una cultura comunitaria y se trata de que haya una comunidad española, una unidad que debe ser dinámica, que debe ser articulada, que debe estar presidida por algo superior, por una cultura superior, por esa cultura integrada que es la cultura española" (en Actas do VIII Congreso Nacional de Pedagogía, Educación y Sociedad Plural II. USC-SEP). Mais tamén houbo excepcións, desmarques deste intento do galeguismo histórico de rachar para sempre co nacionalismo de preguerra: o exemplo máis egrexio foi a actitude de Ricardo Carvalho Calero.

A disidencia lingüística de Carvalho Calero

Tal como se sinalou no capítulo dedicado ao estudio da súa vida e obra, e seguindo o criterio de Carmen Blanco , na traxectoria vital de Carvalho Calero poden distinguirse tres grandes etapas —as tres caracterizadas por un elemento común, "a coherencia dunha vida consagrada a Galicia, pola que traballou incansablemente de acordo co seu persoal ideal nacionalista"—, a última delas a que corresponde coa transición democrática e, sobre todo, a da década dos oitenta, que se relaciona co gradual distanciamento do galeguismo de posguerra nos planos persoal, ideolóxico e lingüístico. Polo que respecta a este último, a discordancia de Carvalho Calero respecto do galeguismo instalado na oficialidade farase ben visíbel en dous aspectos: en primeiro lugar e no tocante á normativización da lingua, a súa aposta polas teses do reintegracionismo do galego no seu tronco orixinario galego-portugués, e no que atinxe á normalización do idioma, a denuncia do bilingüismo como práctica social:

Retratado perante unha orla da primeira promoción (1978) de galego-portugués da Universidade de Santiago.

"O equilibrio da cooficialidade pode dar-se como costosa práctica nos boletins impresos polas autoridades. Mas o uso social igualitário é unha utopia. Hai individuos polilíngües, mas un bilingüísmo a nível de povo, ou nación, seria patológico. Seria un desdobramento da personalidade, un fenómeno de psicopatologia, que poderia inspirar novos relatos de Hoffman, mas que faria imposível a identificación colectiva" ("Bilingüísmo e bigámia", 1984).

O progresivo afastamento do primeiro catedrático de Filoloxía Galega da Universidade Galega respecto das posicións do galeguismo institucional comezara xa a finais dos anos setenta, e a plasmación por escrito do que será o inicio da súa disidencia lingüística verbo das posturas oficiais será a publicación do traballo "Sobre a nosa lingua" ( Grial ,nº 64, 1979) en que xa se apuntan os trazos do que na década dos oitenta resultará no chamado terceiro Carvalho ,onde, desde a súa autoridade académica, a coherencia da súa traxectoria nacionalista e a súa independencia partidaria, o emérito profesor participa activamente no debate público sobre a normativización e normalización do idioma galego con numerosos traballos, intervencións públicas, relatorios e artigos recollidos en múltiples publicacións, quer colectivas Problemática das línguas sen normalizar. Situación do galego e alternativas (1980), quer individuais, Problemas da Língua Galega (1981), Da fala e da escrita (1983), Letras Galegas (1984) ou as publicacións póstumas Do galego e da Galiza (1990) e Umha voz na Galiza (1992). Este derradeiro libro preparado por Carvalho Calero é unha miscelánea de artigos publicados na prensa, sobre todo durante a última década da súa existencia, acerca de temas políticos, lingüísticos, literarios e culturais en xeral, e nel inclúense as súas máis contundentes e clarificadoras opinións sobre o status subsidiario que os poderes públicos lle asignaran ao galego coa nova Lexislación reformista, e a súa postura crítica coa que denomina "trampa farisea" da actual ordenación xurídico-política do Estado español. Para Carvalho, o veto imposto polo goberno español ao deber de coñecer a lingua nacional significa que "na prática o galego seria unha língua para obxectores de conciencia" e pregúntase por qué se he chama lingua oficial "se ninguén ten o deber de coñece-la nen de estudala" ("O galego, obxección de conciéncia", 1983). Tocante ao bilingüismo social, o autor volve reiterar as súas críticas por consideralo "unha situación antieconómica e antihigiénica" e rebate a teoría da presunta harmonía lingüística entre galego e español: "Esta situación non é estável, e esa inestabilidade teria que desembocar na monarquia daquela das dúas linguas que posuíse maior potencia social. É o caso da nosa terra" ("Bilingüísmo e bigámia", 1984). Por último, a sentencia do Tribunal Constitucional estimatoria do recurso interposto polo Goberno Central contra o deber de coñecer o galego provoca tamén o concluínte pronunciamento do profesor ferrolán por medio de varios traballos, entre eles "Oficialidade subalterna" (1986) e "Un galego non rendível" (1987).

No tocante á opción normativa a prol do achegamento ao portugúes postulada por Carvalho Calero, os seus predicamentos tiveron continuidade a través do movemento reintegracionista, o cal, por medio de diversas publicacións, simposios e encontros, pon énfase especial na necesidade de superar a normativa oficial e iniciar o camiño da reintegración lingüística como condición indispensábel para superarmos a diglosia. Entre os autores e traballos sociolingüísticos máis representativos desta corrente salientamos os de Celso Álvarez Cáccamo ("Cara unha caracterización da diglósia galega" en Grial ,79; "Fala, bilingüismo, poder social" en Agália ,10) ou Ramón López Suevos ( Dialéctica do desenvolvemento: naçom, língua, classes sociais ).

O galego e as leis

Nestas alturas de 1986, ten lugar a constitución da Mesa Pola Normalización Lingüística (MNL), unha organización cidadá nacida ao abeiro daquelas asociacións de carácter cultural e educativo que promoveran na década anterior a normalización real do idioma e que a partir deste momento se vai encargar de asumir o carácter reivindicativo do movemento restaurador da lingua, propoñer alternativas para avanzar nos obxectivos de oficialización do galego, suplir moitas veces as institucións autonómicas nas necesarias campañas galeguizadoras en todos os ámbitos da sociedade, ou facer chamamentos ao diálogo para conseguir chegar a unha normativa de concordia aceptada por todos. A súa constitución vai ademais coincidir coa devandita sentencia do Tribunal Constitucional contra a Lei de Normalización Lingüística así como coa impugnación da Orde galeguizadora do ensino de setembro de 1987 que o goberno galego se vira obrigado a ditar ante a presión efectuada polas forzas normalizadoras. A resposta a esta nova agresión estivo precisamente protagonizada pola MNL en decembro de 1987 coa mobilización dunhas vinte mil persoas que se manifestaron en Compostela baixo o lema de "Aprender en galego non é un delito". Máis unha vez estábase demostrando que o presente marco xurídico-político non facía máis que pórlles pexas e atrancos aos esforzos normalizadores, que a súa natureza era restritiva para co galego e que, en fin, a súa finalidade, no tocante ás linguas, era a de non permitir que os idiomas nacionais camiñasen cara á súa normalización plena. Así se desprende tamén das conclusións a que chega Pilar García Negro no seu traballo O galego e as leis. Aproximación sociolingüística (1991),unha das achegas fundamentais do ensaio sociolingüístico galego no inicio da década dos noventa, onde a profesora e deputada nacionalista fai unha análise polo miúdo de todo o corpus lexislativo referido ás linguas desde unha óptica sociolingüística, que a leva a estudiar previamente aspectos de obrigado tratamento para comprendermos o problema na súa totalidade: as relacións entre a lingua e a sociedade, a aclaración desde unha perspectiva desmitificadora de conceptos como bilingüismo, diglosia e monolingüismo, a presencia do galego no ensino, as alternativas para o galego na década dos setenta, a interpretación do conflito lingüístico e a súa alternativa, e, por último, a lexislación lingüística actual e os seus antecedentes. Tras o pormenorizado estudio, a autora chega á conclusión de que a política lingüística que se deriva da Constitución española de 1978 é unha continuidade dos intentos asimilistas que o Estado español practicou desde a súa constitución como estado moderno para conseguir unha política uniformizadora, deixando o galego "desasistido dunha lexislación realmente normalizadora", pois, lonxe de patrocinar e avalar o proceso restaurador do galego que o nacionalismo protagonizou e segue a protagonizar, o único que fai é reduplicarlle a protección ao español e privar o galego "dun corpo legal que o recoñeza, o garanta e o prescreba como língua da Galiza con todas as consecuencias".

O galego e as leis. Aproximación sociolingüística,  obra de María do Pilar García Negro.

Mais esta visión limitadora do galego imposto pola lexislación española en que a sociolingüística nacionalista viña insistindo desde a instauración do novo marco político, e ante as consecuencias palpábeis que a teimuda realidade se encargaba de pór de manifesto, chegará a ser compartida con certas matizacións mesmo por parte de quen tivera responsabilidades, certamente limitadas, na Política Lingüística da Xunta de Galiza. Tal é o caso de Manuel Taboada Cid, quen, nun traballo publicado en 1992 na revista Grial ,"Algúns aspectos da Política Lingüística Galega", afirma que o texto constitucional "supón tal grao de ambivalencia que trouxo como resultado a creación de situacións conflictivas entre o estado e as comunidades autónomas con cultura e lingua de seu", ambivalencia que está motivada polo artigo que declara a indisolúbel unidade da Nación española. Para Taboada, a Constitución é "restrictiva e ambigua" no que atinxe ás "Linguas estatais" pois estas "son un patrimonio cultural, mais non un obxecto de normalización". Tampouco o Estatuto "establece o marco ideal para a lingua galega", restrinxido xa pola propia Constitución, polo que os gobernos autonómicos non poden levar a efecto unha "política lingüística xurdida libremente da decisión democrática [...] dunha política libre e soberana repito, senón dunha actuación moi frecuentemente constreñida e mediatizada pola situación de subordinación política destas comunidades". Como consecuencia, para Taboada faise necesaria a "modificación, adaptación ou [...] desenvolvemento, ampliación ou explicitación maior do artigo 3 [da Constitución]". Fronte a estas análises, hai quen segue a defender na actualidade que o actual marco político é abondo para que o galego se poida desenvolver sen atrancos. Así o expresa Xesús Alonso Montero, no seu artigo "Do Estado da lingua: algunhas cuestións" ( Grial ,107, 1990), quen chega a afirmar que Galiza "dispón desde 1978 (o ano da Constitución) dun marco político e xurídico que endexamais se deu na nosa historia: un marco legal que permite e propicia a defensa e potenciación do idioma propio de Galicia" e que o galego é unha lingua que "non carece de Estado".

Para rematarmos esta síntese verbo da extensa produción ensaística sobre a lingua como feito social nunha situación conflitiva como a do galego desde finais da guerra civil ata os comezos da década dos noventa, cómpre destacarmos o progresivo aumento e calidade dos traballos que apareceron durante todos estes anos e dos que seguen a aparecer xa a piques de finalizar este século, nos que se intentan ofrecer solucións ao problema, facer análises da súa complexidade, estudiar os efectos do conflito lingüístico na literatura, ou ofrecer unha perspectiva histórica da cuestión. Autores e obras como Língua e sociedade na Galiza (Manuel Portas), Os precursores da normalización. Defensa e reivindicación da lingua galega no Rexurdimento (1840-1891) (Carme Hermida), Diglosia e texto (Antón Figueroa), Estudios de sociolingüística galega (edición de Henrique Monteagudo), Lingua galega: normalidade e conflito ( Xosé Ramón Freixeiro Mato ), ou a publicación do Mapa Sociolingüístico Galego (Real Academia Galega) son, entre outras moitas achegas, mostras moi recentes de que a Literatura Galega, e dentro dela tamén o ensaio sociolingüístico, segue estando á altura das circunstancias e servindo ao país que representa.

IMAXES