A Etapa Contemporánea (S. XX)
A guerra civil. Literatura do exilio (I)
A actividade política de Castelao (1930-1950)

Ao longo desta etapa política de Castelao podemos apreciar a existencia dos seguintes banzos na súa evolución ideolóxica:

  1. Perfílase como líder e aglutinante do nacionalismo galego, declaradamente fiel á democracia republicana instaurada en abril de 1931 (1930-1933).
  2. Participa nun proceso de progresiva decantación cara á esquerda, coincidindo coa actuación das forzas da dereita no Bienio Negro e no seu desterro a Badaxoz (1933-1936).
  3. Combate o fascismo desde unha posición militantemente fiel á República e mostra atracción pola esquerda de signo marxista, coincidindo coa Guerra civil (1936-1939).

Nos anos de exilio a actividade política de Castelao vese marcada por dous momentos que, se ben non modifican substancialmente os seus posicionamentos ideolóxicos, si denotan mudanzas aparentes no seu estado de ánimo:

  1. Fase de expectativa ou de moderado optimismo cara á restauración da legalidade republicana usurpada polos militares sublevados (1940-1946).
  2. Fase de maior pesimismo vital ou frustración a respecto da recuperación da causa republicana (1947-1950).

No plano político o curto período de tempo que abrangue a II República é do máis produtivo para o nacionalismo galego, envorcado xa nunha actividade incesante, en que a figura política de Castelao vai ser decisiva nos seguintes procesos: unificación orgánica do nacionalismo galego actuante, superando o fraccionamento e inacción política do movemento galeguista precedente; aceptación e defensa, sen deixar de evidenciar as súas limitacións, do réxime republicano instaurado; progresiva decantación cara a posicionamentos máis revolucionarios e defensa da alianza coas forzas democráticas antifascistas; loita perseverante polo plebiscito e promulgación do Estatuto de Autonomía de Galiza, como avance táctico de cara á consecución do dereito de autodeterminación; defensa desde o Parlamento e desde a rúa da capacidade produtiva dos sectores básicos da economía galega.

Esperta pelegrino, que o páxaro da morte está enriba de ti ... Érguete e anda como en Irlanda ...

Había motivos máis que suficientes para organizar unha política autocentrada e que Galiza contase nas decisións de Estado que lle afectaban, deixando de ser só campo de colleita electoral. A nivel internacional atravésase a fase imperialista do capitalismo monopolista, mais xa comeza a ter peso e ser punto de referencia o modelo político-económico soviético, baseado na alianza de obreiros e labregos. O réxime de liberdades políticas que se instaura coa II República vai coincidir cun momento crítico e, asemade, crucial para Galiza. O acceso de pleno dereito do campesiñado á propiedade da terra, logo do decreto de abolición de foros e as tentativas modernizadoras das estruturas agrarias, son feitos esperanzadores para a clase social máis representativa do País. Por outro lado, a Grande Depresión de 1929 nos países da esfera capitalista, terá repercusións na saída migratoria que se ve radicalmente ralentizada nos anos inmediatamente posteriores, o que é visto con preocupación, ao tempo que con certo optimismo, cara a solventar o problema político do futuro de Galiza, que se tornaba insostíbel.

Unha política en función dos interese propios era tamén precisa para corrixir o inserimento desfavorábel na economía española como colonia fornecedora de materias primas e man de obra barata, tal e como advirte Castelao, xa nun intre en que países industrializados e "adiantados" se botan á rapina de continentes enteiros. Os trazos de orde precapitalista que impregnan a maior parte do Estado, revisten aquí características moi específicas. O español é un capitalismo a un banzo só dun réxime semifeudal; e, en casos como o galego, o capitalismo autóctono era un feito excepcional ou case anecdótico. A específica morfoloxía social e económica galega vai chocar co uniformismo institucional na orde xurídico-política, coa "lei única", cos "intereses supremos" do Estado que, na maior parte dos casos non son outra cousa que os intereses da oligarquía financeira castelá-andaluza, catalana, etc. Por tanto, desde a óptica de Castelao e do Partido Galeguista, era prioritario que calquera perspectiva de desenvolvemento progresista a nivel xeral tivese en conta a problemática concreta de cada País español.

As tentativas serias de reorganización do nacionalismo galego veñen coincidir, á forza, co remate da Ditadura en 1929, se ben Castelao e outros nacionalistas xa as tiñan anunciado previamente. Vai ser no breve intervalo das sucesivas ditabrandas dos xenerais Berenguer e Aznar cando, pola vía da política práctica, intelectuais amplamente recoñecidos como Otero Pedrayo e Castelao protagonicen os primeiros pasos desta reorganización, comenzado polas provincias de Ourense e Pontevedra, onde fundan o Partido Nacionalista Republicano de Ourense e o Partido Galeguista de Pontevedra respectivamente. A este respecto tense sinalado que, coa celebración do 25 de xullo de 1930 no teatro García Barbón de Vigo (discursos de Castelao, Pedrayo e Paz Andrade), se inicia unha nova etapa do percorrido nacionalista para Galiza no séc. XX.

Ante a previsíbel caída da monarquía, o panorama político galego víñase amosando progresivamente convulsionado, algo a que non eran alleos os integrantes do galeguismo. As perspectivas políticas a curto prazo permitían enxergar a posibilidade de elección dunhas Cortes Constituíntes, de presentación de Estatutos de autonomía e de certas garantías de liberdade política e relixiosa dentro do marco constitucional. A fundación da Organización Republicana Gallega Autónoma en setembro de 1929, capitaneada por Santiago Casares Quiroga, acabou atraendo ás súas fileiras o caudal político máis representativo da Irmandade da Fala da Coruña, con Antón Vilar Ponte á fronte, e retrasando, en boa medida, a fundación do Partido Galeguista. Sen embargo, a urxencia da fundación dun partido nacionalista e republicano forte, que respondese ás necesidades vitais de Galiza, déixase sentir no Compromiso de Barrantes (setembro de 1930), ao que asiste Castelao, e maniféstase reiteradamente por parte de nacionalistas residentes en Buenos Aires como Suárez Picallo, Blanco Amor e Alonso Ríos (Manifesto asinado o 1 de setembro de 1930 e, logo, a homenaxe a Pardo de Cela o 17 de decembro de 1930).

Os deputados galegos, Antón Vilar Ponte e Castelao en Madrid, na compaña dun grupo de compatriotas.

A raíz dos éxitos logrados polas candidaturas republicanas nas eleccións municipais de abril de 1931, a monarquía debilitase e acaba abandonando o poder. Proclamase a República e convócanse eleccións a Cortes constituíntes. Aínda sen fundar o Partido Galeguista, Castelao, Otero Pedrayo e Suárez Picallo son elixidos deputados concorrendo polas minorías nas candidaturas da Federación Republicana Gallega. A obtención de escano, desmarcándose posteriormente destas siglas por incumprimento dos compromisos previamente acordados, é aproveitada para defenderen os puntos programáticos básicos con que actuará o nacionalismo: defensa dos sectores produtivos, exixencia dun Estatuto de Autonomía, recoñecemento da oficialidade do galego, etc.

Castelao acolle con certo optimismo a instauración da República na confianza de que chegase a implantar unha estrutura federal no Estado, co conseguinte pleno recoñecemento da personalidade das nacións que o integran. Non en balde o Anteproxecto de Estatuto elaborado polo Seminario de Estudos Galegos por estas datas definía Galiza como un Estado autónomo dentro da República federal. Mais a teimosía centralista das forzas republicanas acabará plasmando na Constitución de 1931 a fórmula descafeinada e confusa de República federábel ,partindo do esquema irrenunciábel de Estado integral. Abriuse a porta á concesión de Estatutos, unha vez logrado xa por Cataluña, en realidade máis como táctica de encorsetamento ou terapia de choque que como real recoñecemento da pluralidade nacional.

En decembro de 1931, tras unha campaña de concienciación política por todo o país, chégase á fundación do Partido Galeguista, logo da celebración da VII Asemblea Nacionalista en Pontevedra. Un dos obxectivos prioritarios que se lle asigna xa de partida é sacar adiante o mellor Estatuto de Autonomía posíbel, tal e como se anuncia nas páxinas de A Nosa Terra ,que se converterá en breve en voceiro do novo partido. Chégase a unha unidade de principios políticos, necesaria para a unidade de acción, baseada no Programa da I Asemblea Nacionalista de Lugo (1918), sen deixar de percibirse a heteroxeneidade confluínte, desde a extracción social, a formación política, ou a práctica política de cadaquén. Nesta mesma dirección, o espírito integrador e a fidelidade ao proxecto nacionalista, que sempre guiaron a Castelao, son inicialmente asumidos no Partido Galeguista, excluíndo calquera factor ideolóxico polémico ou distorsionante. O Partido Galeguista pode definirse como unha frente patriótica de contido interclasista que, estratexicamente, optaba pola autodeterminación e o federalismo, se ben tacticamente estimaba un avance, naquelas circunstancias, o marco estatutario autonómico. En consonacia coas alternativas políticas máis avanzadas do momento, na súa Declaración de Principios exprésase o alcance progresista, que radica na súa defensa do pacifismo e no combate de calquera tipo de imperialismo, comezando polo practicado no Estado español. Castelao e o partido asumen a necesidade de combater a asociación do nacionalismo co racismo ou co chauvinismo e, por outro lado, co separatismo, verdadeiro anatema do momento con que se pretendía marxinalizar e grupusculizar o nacionalismo. Faise evidente tamén a asunción e defensa constante dos valores democráticos, denuncia da pena de morte, esixencia de igualdade home-muller, necesidade de garantía nos mecanismos de elección, fronte a todo tipo de manipulación caciquil, etc.

Discurso de Castelao perante o monumento a Rosalía de Castro en Santiago, o 25 de xullo de 1933.

Xa insistimos en que o principal cabalo de batalla do Partido Galeguista durante a etapa republicana foi a consecución dun Estatuto de Autonomía , tal e como pode palparse nas páxinas do Sempre en Galiza. Na súa aspiración máxima, o Partido Galeguista entendía que o dereito indiscutíbel que a Galiza lle correspondía como nación era a autodeterminación. Endebén, por un conxunto de limitacións derivadas daquel contexto e que o proprio Castelao reitera constantemente, a manifestación da vontade autonomista por parte dos galegos era un punto de partida fundamental e o Estatuto constituía unha ferramenta imprescindíbel para a modernización do País. Temos sobradas mostras na obra de Castelao e mais na prensa afín ao Partido Galeguista de que o Estatuto non constituía un fin en si mesmo, senón que era un medio para , da mesma maneira que o decreto de cooficialidade dos idiomas non era un fin satisfactorio senón un avance mínimo, xa concedido aos cataláns. Déixase claro en todo momento que, dentro mesmo dun marco autonómico, en ningún caso se vai abdicar da loita pola consecución dun réxime de plenas liberdades. No caso galego, baixo ningún concepto se ían dar mostras de xenerosidade, dado que desde a perspectiva centralista, o Estatuto levaba en si un xermolo de separatismo, perspectiva en que coincidían tanto a intransixencia cega da dereita (como ilustran as reaccións de Calvo Sotelo, organizador da insurrección militar) como a tolerancia regateira aparente dos republicanos de esquerda (con paradigma único en Santiago Casares Quiroga).

Para frear calquera tentativa descentralizadora, por mínima que fose, e para seguir a gloriosa historia de España ,Lerroux, que sobe ao poder en outubro de 1934, ordena o traslado "por necesidades do servicio" de Castelao a Badaxoz e de Alexandre Bóveda a Cádiz. Co desterro dos máximos representantes do sector democrático e progresista do Partido Galeguista, que viñan de protagonizar unha viraxe á esquerda (III Asemblea do P.G., xaneiro de 1934), vaise consumar a escisión da denominada Dereita Galeguista. O desencadeante: a alianza, ben que fose temporal, coas forzas da esquerda (galeguismo e marxismo eran irreconciliábeis, dicíase) para sacar adiante o Estatuto, por un lado, e o carácter aconfesional que tomaba a República e asumía o partido, polo outro. O distanciamento de Filgueira Valverde e de Risco , o enfriamento de Otero Pedrayo, compénsanse co retorno de Antón Vilar Ponte en marzo de 1934. Castelao, desde os artigos enviados a A Nosa Terra ,fustigará con carraxe aos que rompen a unidade do partido e vai dar progresivamente mostras dunha maior radicalización tal e como pode apreciarse na redacción do Sempre en Galiza. En ningún momento deixa de indicar de ónde procede o fracaso da II República e cómo se está a organizar a inflexión: a) a incomprensión ante unha vertebración federal de España que fortificase as relacións parte-todo; b) a fraxilidade ou inconsistencia das medidas adoptadas para democratizar o Exército e situar debidamente o papel da Igrexa á marxe do Goberno; c) a incoherencia na política económica conxuntural dos gobernos republicanos.

A vitoria rotunda da Frente Popular de Esquerdas a comezos de 1936, en que se integrara o Partido Galeguista, sitúa a Castelao de novo como parlamentario nas Cortes, sendo o máis votado na circunscrición electoral de Pontevedra, e posibilita a celebración do plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galiza (28 de xuño). A inminencia dunha insurrección militar é presentida por Castelao antes de que estoupe en xullo de 1936, consciente xa dunha entente entre a oligarquía dereitista, a Igrexa católica e o militarismo, verdadeiros cancros que os gobernantes da República non souberan erradicar. As tendencias inherentes ao capitalismo na súa fase imperialista acadan agora a súa culminación, do mesmo xeito que estaba a suceder noutros países europeos, aínda que o capitalismo español sexa máis atrasado e periférico (señoritos terratenentes, cos privilexios cuestionados, que Castelao caricaturiza co termo semifeudalismo).

Volandeira coa presenza de Castelao como candidato republicano.

Ao longo da Guerra civil, o compromiso antifascista e a fidelidade á causa republicana van ter en Castelao un firme valedor, conxuntando o seu labor artístico (álbumes de guerra) e a súa dedicación a misións diplomáticas (viaxes á URSS, USA e Cuba). Ao tempo, non esquece a defensa dos intereses galegos nen o combate contra as campañas que desacreditaban a imaxe dos galegos, sobre todo, dos mozos que son levados polos insurrectos ás frentes de guerra. A súa simpatía cara ao marxismo, incrementada ao longo da guerra, é manifesta a raíz da viaxe á URSS en 1938. Dos trinta días de estadía tira conclusións positivas a respecto da aplicación dos principios federais na estruturación do Estado, na solución dada ás situacións de conflito lingüístico e no modelo de sociedade (reparto do traballo, o lecer, a cultura, as infraestruturas, a medicina, etc.).

Co gallo tamén de recabar axuda política internacional para a causa republicana e apoio económico, seralle encomendada unha nova misión, desta vez en territorio USA, e a seguir noutros países de América do Sul (Brasil, Uruguai e Arxentina). A permanencia en Estados Unidos, máis duradeira, vaille permitir realizar un dilatadísimo labor propagandístico ao longo de dous anos entre as colonias españolas. A aversión á potencia capitalista é palpábel nas cartas que dirixe aos amigos, agudizada, sen dúbida , polas estreiteces económicas que ten que aturar e que o obrigarán incluso a ter que impartir clases de debuxo para poder vivir. En Nova Iorque séntese como nunha gaiola de ferro, agardando inutilmente polas promesas do Ministro de Estado para ocupar embaixada en Bos Aires, cidade á que arelaba chegar canto antes. Esta viaxe, na que Castelao aproveita para proseguir a redacción do Sempre en Galiza , materialízase en xullo de 1940, cangando coas amarguras da derrota e esculcando a esperanza de asentarse na maior comunidade de galegos do mundo, que supoñería o mellor desterro posíbel naqueles intres. Frente a México, onde se van congregar os republicanos españois, Castelao e a inmensa maioría dos nacionalistas galegos optan por concentrar os esforzos en Bos Aires, onde podía nuclearse un enclave de presión importante contra o réxime arredor do Centro Galego, que contaba con oitenta mil socios e era a entidade mutualista máis importante de América do Sur. Non en balde esta entidade, consonte os seus estatutos e a vontade dos seus socios, tiña roto todo tipo de relacións coa Ditadura franquista.

O exilio bonaerense constitúe a etapa de maior lucidez quizais na traxectoria política de Castelao e tamén, sen dúbida, unha das menos estudadas. Aínda que as circunstancias políticas arxentinas non son propicias inicialmente, Castelao vai proxectar axiña unha serie de cometidos, que sintetizaremos en tres apartados: a) unidade de acción, espallando o nacionalismo entre os emigrados e mantendo a representatividade usurpada en xullo de 1936; b) coordenación das actuacións coas outras forzas nacionalistas do Estado de cara a lograr unha estruturación federal de España; c) respaldo aos obxectivos mínimos republicanos, evitando fisuras ou alianzas coas forzas monárquicas. Polo significado e alcance do seu labor nestes eidos a figura de Castelao marcou un fito, un antes e un despois, nas colectividades emigradas, sendo apreciado como a encarnación simbólica máis fulgurante que deu o País.

Tronzado o Partido Galeguista e imposibilitado de manter un organismo estábel de dirección por mor da relativa diseminación dos nacionalistas galegos en América, vaise constituír a Irmandade Galega, e editar A Nosa Terra ,co ilustrativo subtítulo "Nuestra Patria", como medio de espallamento das ideas e actuacións do nacionalismo. Ás conmemoracións patrióticas ( Día da Patria , homenaxe a Pardo de Cela , Día dos Mártires , Día do Estatuto, etc.), ás representacións teatrais e publicacións, vanlle seguir actos de maior incidencia política como o mitin no Estadio Nacional de Montevideo en abril de 1943 , ante cincuenta mil persoas, que conmemoraron a instauración da República había doce anos. Representando ao Congreso da Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires, fala en nome de Galiza e exixe o recoñecemento do carácter plurinacional do Estado nunha reformulación de carácter federal. Neste discurso, reproducido literalmente ao remate do Libro Terceiro do Sempre en Galiza ,móstrase aparentemente confiado no triunfo dos Aliados na grande guerra que se libra no mundo, o que conlevaría a restauración da democracia republicana en España.

Co gallo de manter a representatividade xurídico-política de Galiza no exilio, animado polo lehendakari J. A. Aguirre, fúndase en 1944 o Consello de Galiza , no que se integran os deputados galegos elixidos democraticamente en febreiro de 1936 (Elpidio Villaverde, Suárez Picallo e Antón Alonso Ríos). Os obxectivos deste organismo, que vai presidir Castelao, son basicamente dous, a recuperación da orde republicana e, simultaneamente, o establecemento das autonomías de Cataluña, Euzcadi e Galiza como paso imprescindíbel cara á implantación dunha República federal. Asemade perseguíase o recoñecemento e aval dos nacionalistas vascos e cataláns para co feito diferencial galego, que, no futuro, debería ser tratado ao mesmo nivel que os outros dous e non coas arbitrariedades que se cometeran co Estatuto galego. A andadura do pacto Galeuzca e a análise que dela fai Castelao acaba por evidenciar a dobre cara e o oportunismo das forzas nacionalistas catalanas e vascas que dan mostras dunha deslealdade decepcionante.

Evidenciando, frente ao que tiña manifestado publicamente antes, que a Ditadura podía perpetuarse, móstrase disposto a morrer no exilio antes que optar por ningunha saída deshonrosa, como o entendemento coas forzas monárquicas para illar máis o réxime de Franco. A inxenuidade das forzas políticas republicanas e nomeadamente do Partido Comunista chega ao punto de propoñeren un acordo das forzas antifranquistas para realizar unha consulta ao pobo que dilucide se España é republicana ou monárquica. Na carta de "Contestación a La Pasionaria", publicada no número 443 de A Nosa Terra ,dando mostras dunha grande sagacidade política, asegura que un referendo nesas condicións é unha indignidade e que mellor é a loita aberta deixando en pé a guerra civil.

Logo dunha reforma no Goberno republicano do exilio presidido por Giral, dándolle representación a comunistas e dereita republicana, admítese tamén a Castelao como ministro en representación dos partidos antifalanxistas galegos. A súa breve estadía en París vai ser, máis que nutra cousa, motivo de desencanto e amargura principalmente pola crise que se desata abertamente no Goberno Giral e que limita as súas posibilidades de acción e por unha doenza que o manterá no leito dous meses. En momentos en que se fai evidente a división republicana, as manobras claudicantes dos partidos, os oportunismos persoais, Castelao asume con máis firmeza que nunca a defensa da República, que pasaba por estes presupostos: apoio a Giral frente ás intrigas do socialista Indalecio Prieto, unión en torno a un pacto de mínimos que contemplase derrubar a Ditadura e establecer unha democracia republicana, rexeitamento de calquera plebiscito para dirimir se España opta pola República ou pola monarquía. A política de entendemento coa dereita monárquica, segundo Castelao, era defendida por socialistas, liberais, cenetistas, republicanos moderados e até partidos catalanistas, todos eles buscando a simpatía e complicidade de Inglaterra, país desde o que se sentenciaba de morte a República, sostida só, segundo a mesma fonte, por comunistas, disidentes encabezados por Negrín e nacionalistas vascos, co apoio das forzas procomunistas do mundo enteiro. Nos debates que mantén no Consello de Ministros, ao remate da crise, pode albiscar a intención claudicante dos republicanos, que sacrificarían a República con tal de repatriárense con algunha aparencia de dignidade, xunto ao máis desaforado centralismo dos que manifestan que España está por riba de todo. Fanse tamén notorias as desavinzas con vascos e cataláns, que silencian continuamente o feito diferencial galego e non exixen a inclusión de Galiza no novo Goberno provisional da República.

Fotografía de Castelao tomada na época da súa estadía na Habana.

A frustración coincide cunha fase adversa nas circunstancias políticas internacionais, que van favorecer a consolidación da Ditadura. Estados Unidos acaba respaldando, a todos os niveis, o réxime de Franco coa intención de contar cun enclave xeopolítico estratéxico para o control de Occidente, cando xa se perfila a tensión da guerra fría. Varios países, desatendendo as recomendacións da ONU de 1946, envían os seus embaixadores a Madrid, sen que as Asembleas Xerais deste organismo fagan o mínimo por rectificaren esta tendencia. En 1950 admítese xa a España nos traballos da UNESCO, proseguindo o recoñecemento internacional e a consolidación interna do franquismo (Tratado Hispano-Ianqui, Concordato coa Santa Sede, etc.). Mesmo cando retorna Castelao a Buenos Aires se encontra coa decepción da visita do embaixador franquista ao Centro Galego e coa división entre as colectividades emigradas. Os enfrentamentos cos directivos desta entidade, que se deixan engaiolar pola intriga franquista, serán acedos, ao tempo que percibe a dificultade de manter a cohesión sobre un ideal común antifascista e de consolidar organizativamente o nacionalismo no exilio. Mais estas fondas amarguras, cando xa estaba preso de morte no leito, non lle impiden dar mostras nos discursos que escribe e outros len, das fondas conviccións democráticas e patrióticas que sempre o guiaron, dunha perseverante radicalidade e coherencia incorruptíbel, confianza, en fin, no futuro das aspiracións de Galiza que, segundo el, non se limitaban a conseguir un simple Estatuto outorgado polo Estado español, senón a "Autonomía integral para Galiza dentro dunha Confederación Hispana" (ANT , 469).

IMAXES