A Etapa Contemporánea (S. XX)
O vangardismo: Manuel Antonio e Álvaro Cunqueiro
A aparición da vangarda en Galicia e os seus principais cultivadores

Os teóricos do galeguismo de principios de século necesitan recorrer á tradición histórica e literaria para dignificar a lingua e a cultura galega. Os tres grandes mestres do Rexurdimento ( Rosalía , Curros e Ponda l) conforman esa tradición e marcan o modelo a seguir; como tamén o marcará, a comezos do século XX, Ramón Cabanillas , que se converte no poeta por excelencia. Mais, tamén son conscientes de que en Europa están aparecendo novas correntes estéticas que é necesario coñecer e asimilar, dentro do posíbel. Neste sentido, cómpre salientar o importante papel desempeñado por Vicente Risco , quen, nunha carta de resposta á petición que lle formulara Manuel Antonio , datada en 1920, dá a coñecer as novas experiencias literarias aparecidas no estranxeiro e engade:

Silueta de Manuel Antonio realizada por Álvaro Cebreiro.

Hoxe, os galegos, escribindo no noso idioma, principiamos a nos abrir camiño no mundo, sen necesidá de andar buscándolle cinco pés ó gato con ismo de ningunha cías. Mais como cómpre que esteamos enterados de todo, que non sexamos alleos ó mundo de afora, por iso me teño dedicado a espallar isas cousas na nosa Terra. Conte que sempre hemos deprender algo e que debemos estudiar eso, anque cecais nos interese moito máis o estudio do noso Folk-lore, do Saudosismo portugués, dos haikai xaponeses, da mesma Arte Negra, e moi especialmente as literaturas nórdicas antigas e modernas (Celta e Escandinava principalmentes). E conte tamén que o que os estranxeiros han estimar máis en nós, ha ser o carauter nacional, o galeguismo, o enxebrismo da nosa arte e da nosa literatura, pois iso é o que ha ter novedá pra eles, e o que eles se nós faguemos cousas boas, chegarán a imitar...

Moi ben que queiramos faguer cousas novas -sempre drento do nosopro cando as fagamos, non sexan como as fan en Londres, nin en París, nin en ningures, senón coma nonas haxan feito aínda en ningunha parte do mundo.

(Manoel-Antonio: 1979: 76-77)

O interese de Vicente Risco por este tipo de estética literaria era bastante anterior, como podemos comprobar pola información que dá da vangarda literaria nas páxinas de El Miño , máis ou menos polo ano 1910. Ademais, en 1913 marcha a Madrid e entra en contacto, na tertulia de Pombo, con Rafael Cansinos Asséns, Ramón Gómez de la Serna e Guillermo de Torre. O mesmo Vicente Risco escribiu algún poema de corte vangardista en A Nosa Terra ,por exemplo "U...ju juuu... (Poema futurista)", publicado anteriormente á carta que lle envía a Manuel Antonio. Entre xuño de 1917 e xullo de 1918, Risco publica en La Centuria "Preludio a toda estética futura", onde se mostra partidario da arte pola arte e mantén, segundo Xosé Ramón Pena, unha actitude ambigua con respecto á vangarda que estará presente en toda a súa producción.

Estes primeiros pasos na introducción da vangarda na literatura galega danse coa publicación de diferentes textos e poemas. O órgano das Irmandades da Fala , A Nosa Terra ,vai comezar a publicar artigos, traduccións e poemas relacionados co vangardismo a partir dos números 67 e 68. Evaristo Correa-Calderón publicará unha serie de artigos nos que chama a atención sobre a necesidade de renovación da literatura e da lingua galega, máis tarde será el mesmo quen dea a coñecer poemas seus de corte vangardista e fará a traducción de "Canto a Galicia" de Cansinos Asséns. O labor máis salientábel e máis importante na difusión das novas correntes literarias nas páxinas de A Nosa Terra é o desenvolvido por Vicente Risco en numerosos artigos, porque porá en contacto á literatura galega coa literatura italiana, francesa, portuguesa, catalana, etc. Tamén participarán como colaboradores Euxenio Montes e Álvaro Cebreiro. O primeiro publicará dous poemas de tintes vangardistas e será presentado por Vicente Risco como un poeta creacionista. Alvaro Cebreiro escribirá sobre as manifestacións artísticas en Europa e traducirá ao galego dous poemas de Francis Picabia. As primeiras mostras do quefacer poético de Manuel Antonio e Amado Carballo tamén se recollen no órgano das Irmandades da Fala. Manuel Antonio colaborará coa publicación en diversos números de dous textos en prosa e sete poemas, nos que se reflicte perfectamente o paso dunha poesía de corte máis tradicional a unha poesía vangardista.

Outro tipo de revistas, como Nós , tamén deixarán un amplo espacio nas súas páxinas para a divulgación das manifestacións literarias dos escritores máis novos. Ademais, son interesantes as aportacións que se realizan desde publicacións como Alfar e Ronsel . A primeira delas créase na Coruña en 1920 e continúa publicando nesta cidade ata 1927, ano en que o seu director se traslada a Montevideo. Alfar é unha revista dedicada á literatura e á arte de vangarda nun sentido moi amplo e estivo en contacto directo con outras revistas e escritores estranxeiros. Nela o galego será unha lingua máis porque o seu obxectivo era a conexión entre as culturas europeas e latinoamericanas a través da vangarda. Entre as colaboracións estranxeiras atopamos traballos de Teixeira de Pascoais, André Breton, Paul Éluard, Cansinos Asséns, etc., como colaboradores galegos podemos citar a Luís Amado Carballo, Vicente Risco, Euxenio Montes e Correa-Calderón, entre outros. Ronsel fixo a súa aparición en Lugo e publicouse mensualmente entre maio e outubro de 1924. Os seus directores eran Evaristo Correa-Calderón e Alvaro Cebreiro, destacando entre os seus colaboradores galegos Manuel Antonio, Castelao , Luís Pimentel , etc., pero tamén encontramos algúns dos nomes estranxeiros que xa publicaran en Alfar. A orientación vangardista de Ronsel permitía que escritores de diversas tendencias tivesen cabida nela, xa que logo estamos a falar dunha publicación plurilingüe, como outras de mesmo estilo que se publicaban no momento. Existiron, tamén, outro tipo de publicacións dunha duración moito máis efémera dedicadas a recoller as preocupacións intelectuais dos mozos daquel entón, estando algunhas delas especializadas na divulgación poética. Podemos citar, entre outras, Cristal , aparecida en Pontevedra no ano 1932, Resol , publicada por Nós e imprimida en Santiago tamén en 1932, e Papel de Color , que fixo a súa aparición en 1933 e foi promovida por Álvaro Cunqueiro .

A inclusión de determinados movementos poéticos da época dentro das correntes vangardistas é habitual na crítica literaria galega. Aínda así, á hora de considerar a existencia, ou non, dunha auténtica vangarda galega, sempre se manifestaron certas reticencias. Canto máis se avanza na investigación deste período, máis clara aparece a idea de que, realmente, non se pode falar dunha vangarda galega ao estilo das vangardas europeas. Parece moito máis correcto afirmar que existiron determinados movementos que introducían nas súas composicións poéticas algunhas características vangardistas, dunha maneira bastante moderada e non chegando estas a constituír nunca o eixo central da súa literatura, agás o particularísimo caso de Manuel Antonio. Referímonos a correntes poéticas como o hilozoísmo e o neotrobadorismo.

El Tranvía,  obra de Barradas aparecida en  Ronsel.

O movemento hilozoísta, ou animista, representado fundamentalmente por Luís Amado Carballo, foi unha das tendencias que máis éxito alcanzou no seu momento e chegou a constituír unha auténtica escola; ao mesmo tempo, contaba cun maior número de escritores e estaba bastante ben considerado pola crítica e o galeguismo. A paisaxe conformará o seu motivo principal. Neste sentido, constitúese nunha continuación da tradición poética galega centrada na paisaxe e nunha renovación desa mesma tradición, porque asistimos á personificación da paisaxe con imaxes novas, rupturistas, ao lado de elementos plenamente consolidados na nosa tradición. En canto á forma, mantense a rima e os metros utilizados na literatura popular. Por iso non se pode considerar unha corrente plenamente vangardista, senón esencialmente conservadora, na que se introducen algúns trazos novidosos.

Outra das correntes poéticas de grande éxito naquela altura, e tamén despois da guerra, é o neotrobadorismo, caracterizado por utilizar certos elementos da lírica medieval, especialmente da cantiga de amigo. Tratase de rescatar e adaptar a tradición literaria medieval para mostrar a súa grande importancia e fermosura, asemade isto permite ao galeguismo demostrar a existencia dunha literatura galega culta nun esplendoroso pasado. Os principais cultivadores deste tipo de poesía serán Fermín Bouza Brey e Álvaro Cunqueiro. Tampouco parece apropiado, neste caso, utilizar o epígrafe de vangardista para este tipo de poesía, segundo Xosé Ramón Pena:

non é acertado considerar mais o neotrobadorismo dentro dos esquemas da vangarda. En todo caso, sería posíbel cualificar como neotrobadorismo vangardista" Cantiga nova..., mais calquera outra relación cos movementos de ruptura parece lonxe dos presupostos que animan, polo contrario, a Bouza Brey, a través das páxinas de Nao senlleira.

(Pena, X. R.: 1996: 120)

Será o mesmo Xosé Ramón Pena quen faga especial fincapé no éxito destas correntes e a súa relación co galeguismo daquel momento, isto é, tanto o hilozoísmo como o neotrobadorismo se amoldan perfectamente aos presupostos estéticos, e ideolóxicos, do galeguismo; mentres que a actitude de total rebeldía de Manuel Antonio escapa un pouco aos intereses galeguistas. É ben sabido que os homes da Xeración Nós intentaron modernizar e universalizar a cultura galega, pero tamén é certo que ese afán de renovación se exerce, ás veces, con actitudes un pouco ambiguas que non agochan máis que moderación ante as experiencias estéticas de tipo vangardista. En palabras deste crítico literario:

Falando a penas desde o apartado da literatura, nin membros de Dadá, nin futuristas nin sequera surrealistas brillan polo seu número e frecuencia nas letras galegas; antes ben, hilozoístas e neotrobadores están moito máis preto do compromiso que da ruptura. En fin -os propios textos de Risco e Castelao dan fe-, a célebre vocación por Europa non significou nunca que as portas estivesen abertas de par en par senón, polo contrario, que as fiestras permanecesen máis ben entreabertas. Tratouse sempre de acadar un proxecto nacional: un proxecto no que a estética e mais a política fosen da man ou, mellor aínda, un proxecto no que a independencia estética perante os modelos españois ha de preceder, na opinión dalgúns dos máis significados líderes do galeguismo, á mesma consolidación dunha acción política nacionalista e soberana. De aí que se aceptase o que viña de Europa a nos axudar a non ter que pagar "dereitos de peaxe" a Madrid; mais, iso si, coidando sempre de que a novidade cadrase ben co que se supoñía como "verdadeiro espírito galego".

(Pena, X. R.: 1996: 80-81)

Non debemos esquecer que existen outro tipo de autores que utilizaron elementos de vangarda á marxe do hilozoísmo e o neotrobadorismo. Este é o caso de Manuel Luís Acuña e Euxenio Montes . O primeiro é autor dun libro de poemas titulado Fírgoas (1933) e bota man, ás veces, de recursos novidosos, que o achegan á estética de Álvaro Cunqueiro e Manuel Antonio; pero os trazos hilozoístas son moi patentes na súa obra. Euxenio Montes, autor do poemario Versos a tres cás o neto (1930), mantivo relacións con outros vangardistas españois do momento e el mesmo divulgou e practicou esta estética. Iso si, unha vangarda moi moderada que se pode incluír dentro do hilozoísmo, aínda que, por veces, se afaste desa liña e utilice recursos verdadeiramente rupturistas.

Luís Pimentel nos anos trinta.

Especial atención merece a obra poética do Álvaro Cunqueiro de preguerra porque, ademais de ser autor de poemas neotrobadoristas, publica dous poemarios que se encadran perfectamente na estética de vangarda. Non se trata, como nos casos anteriores, de introducir algúns trazos innovadores en poemas de corte tradicional; senón que neles é salientábel a súa rebeldía, ousadía e oposición ao modelo poético utilizado polos seus contemporáneos. O rupturismo e novidade de Cunqueiro neste sentido é equiparábel ao de Manuel Antonio.

A súa presentación como poeta estrictamente vangardista ten lugar en 1932 coa aparición de Mar ao norde . Este poemario está constituído por composicións que resaltan pola súa extraordinaria brevidade, agrupándose en catro apartados ("Porto", "Mar outa", "Illa" e "Terra adentro") acompañados de ilustracións de Luís Seoane .

O mar álzase como único motivo en todo o libro, un mar que non presenta ningún punto de unión ou contacto coa poesía mariñeira da tradición galega; senón que, como ten sinalado a crítica, se trata dun mar abstracto, hermético e estático que nos fai lembrar, en certa medida, o mar manuelantoniano. A adscrición de Mar ao norde a un ismo concreto presenta dificultades, aínda que Ricardo Carballo Calero salientou os trazos cubistas patentes neste libro.

Poemas do si e non , tamén ilustrado por Luís Seoane, fai a súa aparición ao ano seguinte, en 1933, e organízase dunha maneira totalmente simétrica: "Limiar" (1 poema), "Ela" (6 poemas), "El" (6 poemas), "Ela i el" (4 poemas), "Noivado" (4 poemas), "Parque" (1 poema), "Final" (1 poema) e "Elexía" (1 poema). Xosé Luís Méndez Ferrín afirma que de facermos a representación gráfica obteriamos unha especie de caligrama. A diferencia do poemario anterior, xa non nos encontramos con composicións extremadamente breves e utilízase un verso libre moi longo; ademais o que se nos relata é unha historia de amor, conformando o erotismo unha das características fundamentais no libro. Estamos ante uns poemas profundamente abstractos e escuros nos que se rompe a cadea sintáctica, son frecuentes os paradoxos, as asociacións semánticas máis insólitas que desembocan en imaxes completamente irracionais. De aí que se teña sinalado o influxo de Paul Éluard nestes poemas de Álvaro Cunqueiro, calificándoos de plenamente superrealistas. Mais certos críticos, como Méndez Ferrín, subliñan a imposibilidade de enmarcar Poemas do si e non dentro de ningún ismo concreto, especialmente dentro do superrealismo, porque non aparece demasiada fidelidade ao inconsciente e é pouco simbólico; xa que logo, serían o resultado da absoluta liberdade, orixinalidade e xenialidade do seu autor.

IMAXES