A Etapa Contemporánea (S. XX)
Teóricos da arte
A Arte Galega: da anécdota ao compromiso

Tense dito que Galiza era unha terra que carecía de tradición pictórica e a mesma Pardo Bazán chegou a dicir que sería imposíbel que aquí houbese algunha vez unha escola pictórica. O que si carecía Galiza, e xa o temos sinalado, era das infraestruturas mínimas para levar a cabo o labor artístico. Malia este deserto de medios, e cando na segunda década deste século se comezan a organizar as exposicións de arte galega, chama a atención a xa abondosa participación de artistas. Isto interpretámolo como que existía unha certa preocupación artística no noso país e, agora aquí, trataremos de facer unha brevísima lectura da mesma.

A relación da arte co nacionalismo empeza xa, timidamente, cos ilustrados e continúa durante todo o século XIX, pero podémola concretar dun xeito xa claro e definitivo cos artistas que nacen ao redor de 1870 e que se deu en chamar a xerazón doente. Desde unha certa formación académica estes artistas van descubrir que Galiza, coas súas xentes e as súas paisaxes, tamén pode ser tema pictórico. A súa mirada vaise desprazar cara ás nosas paisaxes e cara á xente labrega, é dicir, cara a onde se consideraba que estaban gardadas as esencias xenuínas do país. Case sempre moitas destas "esencias xenuínas" non ían máis alá de simples detalles da vestimenta, dos apeiros das casas labregas ou de determinados ambientes que en nada diferenciaba un pintor galego doutro que non o fose. Na orientación desta mirada non se pode negar o influxo e o peso de Manuel Murguía , un dos primeiros teóricos do nacionalismo galego.

Viñetas de Castelao.

Estes pintores que descubriron Galiza, sobre todo a paisaxe galega, como tema pictórico camiñan desde o século pasado ata principios do actual e nalgún caso, como Sotomayor, sobrepasaron a metade da presente centuria. Pero aínda que os podemos agrupar a todos baixo o denominador común de pintores rexionalistas por non teren superado o marco da pura anécdota, non todos pensaban o mesmo nin actuaban do mesmo xeito, mais tiñan en común certas cousas, como a utilización sistemática e repetitiva de certos tópicos e estereotipos, ou unha preocupación polo tema popular e unha busca do elemento chamado tradicional. Tópicos e estereotipos que camiñan libremente na pintura que se facía na Galiza dunha centuria a outra sen encontrar demasiada resistencia e sen ter demasiada preocupación por renovar a linguaxe plástica. No fondo, a pervivencia destes estereotipos na pintura galega do XIX e do XX o que facía era axudar a asumir no terreo da plástica as propostas emanadas do centralismo, que trataban de amosar a nosa diferencia como algo meramente exótico, festivo ou enxebre, ocultando así o verdadeiro problema do país, como era a situación de dependencia e a miseria en que vivían moitos labregos e mariñeiros. É dicir, o que comezou con pretextos de reivindicación dunha arte baseada no feito diferencial galego, acabou distorsionándose e contribuíndo a manter certos tópicos centralistas que mantiñan a idea de Galiza como unha terra rechamante, máxica e exótica. O elemento diferenciador acabou esvaecéndose baixo a paleta do uniformismo.

Estes pintores ofrecían unha imaxe do mundo rural amábel, pracenteira e submisa. Imaxe que nada tiña que ver coa realidade dos labregos e maririeiros, nin tampouco coa situación social e política do país, pero si coa imaxe que a burguesía centralista tiña dese mundo ou, mellor, coa imaxe que a burguesía centralista e os seus aliados na Galiza lles gustaría que desen os labregos e mariñeiros galegos: xente tranquila vestindo roupaxes cheas de cores e asistindo a festas ou acontecementos nos que non podían faltar as crenzas máxicas. Dábase unha imaxe exótica e, polo tanto, afastada da nosa realidade. Desde a plástica non se puido afrontar a problemática dunha sociedade que se estaba transformando axitadamente. A pintura rexionalista non estivo á altura dos seus compañeiros da poesía, como Rosalía , Curros ou Pondal , que souberon profundizar nos problemas reais que tiña o país e representalos nas súas obras, mentres que os pintores tan só pretenderon acadar a ficción da brétema.

Pero a mirada destes pintores sobre Galiza, sobre as súas xentes e os seus costumes creou un pouso que serviu e que aproveitaron os artistas que viñeron despois, como Castelao e, ata os máis novos do chamado Movemento renovador. Este ollar cara a nós, cara ao interior do país, esta preocupación polo autóctono, foi un primeiro paso, un antecedente dunha arte baseada no feito diferencial e na propia identidade. Este será o facho que recollerá Castelao e que lle pasará a homes como Maside, Colmeiro e Seoane.

Luís Seoane nun bosquexo de Fernández Mazas.

Uns e outros tiñan elementos en común, como a preocupación polo autóctono e o pretenderen enraizarse nunha tradición de carácter popular. Mais hai algo que diferencia os artistas vinculados ao nacionalismo dos seus predecesores rexionalistas. Se estes só se quedaban coa anécdota, os nacionalistas van superala, e buscan plasmar unha realidade dentro dunha liña de investigación e de renovación plástica. Ao tratar de dar unha imaxe renovada da súa plástica pretendían tamén dar unha imaxe renovada do seu país. A superación da anécdota e a preocupación polo popular viñan a conectar con certas modas europeas de principios do século. Aquí fíxose algo tarde e con certos aires propios, xa que este recorrer ao popular non só tiña que ver coa busca do elemental e auténtico, senón tamén cunha preocupación por afondar nas orixes nacionais do pobo galego. Conectábase así, dunha certa maneira, cunha idea europea de buscarlles alternativas verdadeiras a uns modelos culturais mediatizados e xa descarnados.

O home, o artista que encetou esta tarefa primordial para a arte galega, chámase Afonso Daniel Rodríguez Castelao. Non tivo a oportunidade de pasar por unha escola ou academia de belas artes, nin puido dedicar todo o tempo que quixera a pintar, pois, e como el mesmo dixera, teño que afogar as miñas risas diante dunha verdade que chora. Esta verdade, e non outras, foi o que o levou a debuxar, pintar, escribir e participar moi activamente na vida cultural e política do noso país ata se converter en figura chave e imprescindíbel do seu tempo.

IMAXES