A Etapa Contemporánea (S. XX)
O ensaio histórico e económico
A caracterización da economía galega

A publicación en 1973 do libro de Xosé Manuel Beiras O atraso económico de Galicia marcou un fito, imprescindíbel para entendermos o significado do ensaio económico en Galiza. En primeiro lugar, é unha elaboración científica, no terreo económico, sobre a realidade económica do país. É unha caracterización global do seu nivel de desenvolvimento económico. É, tamén, un diagnóstico sobre os problemas do país desde a perspectiva da necesidade de crecimento económico. É, por fin, un deseño de propostas marcadoras de criterios de actuación para modificar o rumo da traxectoria do país. O autor ensínanos, ademais, a utilizar unha arma de coñecimento novidosa nas análises da economía dos países dependentes: trátase da análise estrutural, que toma forma nas aportacións do autor, amosando rotas, camiños, sendeiros máis adiante percorridos, consciente ou inconscientemente, por moitos.

Xosé Manuel Beiras Torrado.

A economía galega caracterízase como unha economía atrasada, subdesenvolvida, mais con capacidade sobrada para saír do atraso relativo. A súa inserción no espazo económico que lle corresponde conceptúase como de periferia interior. O que até ese momento aparecía referenciado como causas do atraso —individualismo, cativez industrial, atraso técnico, baixa produtividade, predominio dos sectores denominados primarios...— son reinterpretadas coma síntomas do atraso. Por iso o potencial produtivo sitúase desde o coñecimento da posesión de recursos en cantidade e calidade semellante ás de calquer nación desenvolvida que nun momento dado da sua historia tivese capacidade colectiva para utilizalos en función das súas proprias necesidades, e, non cara a un crecimento extravertido. Recursos naturais, recursos potenciais, forza laboral, aforro proprio, capacidade institucional de traballo colectivo, configuran un cadro de novo deseño que permitiu abrir perspectivas de análise até ese momento só timidamente apontadas mais sen sistematizar.

Á parte do contido da aportación de X. M. Beiras respeito do anteriormente sinalado, cómpre non esquencermos o carácter aberto da súa caracterización da economía galega, xa que foi inicio e modelo de traballos científicos posteriores. O éxito da primeira edición mide a repercusión que en todos os ámbitos da cultura galega e da ciencia económica española tivo un libro especializado, escrito en galego e editado desde a periferia.

Unha outra caracterización da economía galega foi a realizada por López Suevos en 1979, denotando o subdesenvolvimento económico superposto ao asoballamento nacional como colonialismo. Galiza, colonia interna ao capitalismo central, está imposibilitada para resolver os problemas vinculados á dependencia económica xa que son tres os aspectos diferenciados con que a metrópole deseña todo sistema de poder: o económico, o político e o cultural. Esta caracterización, segundo recoñeceu o proprio autor, dadas as dificuldades obxetivas do seu desenvolvimento teórico, non tivo até hoxe o atractivo e utilización que a súa complitude formal parecían requerir.

No ano 1986 comeza unha publicación denominada A economía galega. Informe cero , que foi seguida ano a ano, case sempre por un Informe. Nese Informe Cero non se explicita cál é a caracterización de partida da economía galega; dáse por asumido tacitamente que é o conxunto de relacións económicas que se dan no marco xeográfico das catro provincias galegas. Implicitamente, tamén, asúmese que a economía galega é a suma dos trazos fundamentais do seu aparato produtivo, uníndoselle as distorsións provocadas pola crise económica. En fin, a economía galega é unha parte da economía española.

Hoxe en día, unha parte das publicacións de carácter económico céntranse en analisar, sobre todo, a teoría da dependencia económica de Galiza co estado, especialmente a través da análise das balanzas fiscais. Tal é o caso da obra de Xosé Díaz Díaz, As contas que nos contan ( Sermos Galiza , 2016)

IMAXES