A Etapa Contemporánea (S. XX)
O neotrobadorismo. Fermín Bouza-Brey
A Difusión e a Recepción da Lírica Medieval

O nome de Fermín Bouza-Brey como poeta aparece sempre asociado, na nosa historiografía literaria, a Nao Senlleira e ao neotrobadorismo. O neotrobadorismo pódese definir, en sentido lato, como unha tendencia poética que toma como referente o corpus trobadoresco galego-portugués, nas súas características xenéricas, nos seus elementos formais máis característicos ou nos seus textos máis representativos para reescribilos, reelaboralos ou simplemente dialogar con eles.

Armando Cotarelo Valledor visto por Maside.

A aparición de poemas neotrobadoristas, que retoman elementos do cancioneiro medieval, é a fase final do proceso de recuperación e integración da lírica medieval na nosa tradición cultural. Os cancioneiros permaneceran esquecidos durante séculos e é só no século XIX cando a erudición filolóxica, italiana e alemana principalmente, os redescubre. En Galiza, a difusión da poesía dos cancioneiros vai ser paulatina: inicialmente, só se ten noticia dunha serie de nomes daqueles que foran trobadores na Idade Media ou de vagas alusións á existencia dunha escola trobadoresca na nosa lingua, despois terase coñecemento da existencia material dos cancioneiros galego-portugueses e, en último lugar, divulgaranse os textos que, nas primeiras lecturas, van ser máis apreciados polo seu valor documental e/ou filolóxico do que literario.

Neste proceso, algunhas obras tiveron un papel de especial relevancia. É o caso de El idioma gallego. Su antigüedad y vida de Antonio de la Iglesia, publicada en tres volumes na ' Biblioteca Gallega ' de Andrés Martínez Salazar en 1886, por ser a que reproduce, por vez primeira dentro do noso país, unha ampla selección de cantigas medievais. Con anterioridade, algúns traballos isolados contribuíran a acrecentar as noticias sobre cantigas e trotadores. É o caso, por exemplo, do traballo dedicado a Martín Codax que Teodosio Vesteiro Torres publicara nas páxinas de El Heraldo Gallego en 1876, no cal reproducía os textos das cantigas.

A recepción da lírica trobadoresca e a atención que se lle dedicou estivo condicionada por factores ben diferentes do literario. Ante todo, concedéuselles un valor simbólico, por pertenceren á Idade Media, época mítica e dourada na nosa historia, e, nesa dimensión simbólica, foron utilizados como argumento demostrativo da capacidade do galego para a expresión lírica —que tiña sido cuestionada—, como elemento lexitimador da existencia dunha literatura galega —visto que evidenciaban a existencia dunha tradición literaria culta— e, en xeral, como argumento na defensa e reivindicación da lingua galega, xa que os cancioneiros mostraban como o galego fora escollido —e preferido frente ao castelán— como lingua literaria polas máis altas xerarquías sociais nun territorio que excedía amplamente o galego. En resumo, nun primeiro momento, a valoración documental impúxose sobre a apreciación estética.

Con todo, non debemos esquecer que existían tamén outros elementos que contribuían a dificultar a consideración literaria da poesía trobadoresca, moi especialmente as características das primeiras edicións (diplomáticas) que supuñan un importante obstáculo para un lector sen formación filolóxica específica, por non falarmos na inaccesibilidade material a moitas destas edicións e traballos, publicados en tiraxes restritas e fóra do noso país.

Será nos anos vinte e trinta deste século, cando se produza unha máis completa recepción da lírica cancioneiril. Unha das razóns está en que nesa altura existe xa un público —aínda minoritario— máis receptivo e mellor preparado para a lectura e a apreciación dos textos, favorecida porque os medios materiais de acceso ás cantigas van verse incrementados e modificados. Debemos ter presente que, a comezos da década de vinte, os tres grandes cancioneiros medievais están xa editados —o da Biblioteca Nacional en edición paleográfica, o da Vaticana en edicións paleográfica e crítica e o da Ajuda nunha completísima edición crítica acompañada por abundantes materiais complementares, preparada por Carolina Michaälis— e será agora cando se publiquen as edicións xenéricas do cancioneiro amoroso preparadas por José Joaquim Nunes, as Cantigas d'amigo en 1926-1928 e as Cantigas d'amor en 1932. Estas últimas foron inmediatamente coñecidas no noso país —entre outras razóns porque J. J. Nunes tiña contacto cos círculos nacionalistas e colaborara nas páxinas de A Nosa Terra e do Boletín de la Real Academia Gallega— e tiveron unha importante repercusión na difusión dos textos cancioneirís, tanto pola súa relativa accesibilidade como polo feito de que, ao seren edicións xenéricas, favorecían a decodificación dos elementos característicos de cada xénero trobadoresco.

Carolina Michäelis.

O interese pola lírica medieval vaise traducir no número de traballos de diversa índole que, de maneira crecente, van dedicárselle desde comezos de século. Un primeiro grupo constituiríano aqueles de carácter máis especializado, aínda que de desigual valor, como a indagación histórico-biográfica que nos primeiros anos do século realiza Manuel Murguía en Los Trovadores Gallegos ,o estudio que Eladio Oviedo y Arce dedica ao trobador vigués Martin Codax (1917), a extensa monografía Los cancioneiros gallego-portugueses como fuentes históricas de Eugenio López-Aydillo (1923) ou o traballo de Manuel Amor Meilán sobre o trobador Pero de Ver, sen esquecer as investigacións xa mencionadas de Cotarelo ou dos seus discípulos Xulián Magariños e Xosé Filgueira. Se atendemos a que boa parte destes traballos se publican antes das edicións de Nunes, veremos que, neste nivel, a divulgación do corpus cancioneiril non depende delas.

Un segundo conxunto de publicacións estaría constituído por aquelas que reproducen textos poéticos trobadorescos, como é o caso das antoloxías que incorporan textos medievais, tal o apéndice textual da Literatura gallega (1911)de Euxenio Carré, Las mejores poesías gallegas de López-Aydillo ou a Antología de la lírica gallega (1928) de Álvaro de las Casas . Ningunha destas obras tiña como finalidade a divulgación da lírica medieval mais todas contribuíron a tornala máis accesíbel a un grupo lector máis amplo, o mesmo que fixeron as publicacións periódicas que deron acollida nas súas páxinas, de maneira esporádica, a cantigas trobadorescas, como A Nosa Terra , Céltiga ou Resol , por exemplo. O feito de que estas publicacións —que en ocasións nin eran especificamente literarias— reproducisen cantigas é un elemento a ter en tonta á hora de constatar o interese existente en divulgar esta parte da tradición literaria galega.

Para alén de ser obxecto de traballos específicos e da súa consideración como produto literario, grande parte da atención suscitada pola poesía medieval galego-portuguesa segue a explicarse por factores xa aludidos como a funcionalidade que se lle concede como demostración material da existencia dunha literatura culta, de longa tradición, da que a produción literaria contemporánea se presentaba como continuadora e que servía para lexitimala e para negar a anormalidade que os seus detractores lle apuñan. Esta liña de apreciación continuadora da dominante no século XIX —  vai verse aprofundada polas constantes referencias á lírica medieval como exemplo acabado dos froitos que no terreo artístico podían lograrse cando era o xenio da raza o que os modelaba.

Esta última afirmación temos que inserila nas reflexións que, por volta dos anos 20, desde a teorización nacionalista, pretenden apro>ximarse á definición dunha estética galega e dos seus trazos caracterizadores. Obviamente, isto implicaba a definición previa daquel/es elemento/s que se considerasen característicos e caracterizadores do espírito galego e, en consonancia, a revisión da nosa historia á procura desas plasmacións artísticas para a súa reinterpretación e a tentativa de articular novas propostas que descansen sobre os mesmos principios. Dous destes elementos característicos van ser o lirismo e a saudade —na teorización de Vicente Risco (que en 1920 publica a Teoría do nacionalismo galego )mais tamén na de J ohán V. Viqueira — e como plasmación deles vai lerse, globalmente, a lírica medieval e, de maneira especial, algunhas cantigas.

Así, a referencia á poesía medieval galego-portuguesa vai aparecer sempre que se queira exemplificar o tipo de realizacións artísticas que podían conseguirse cando se lograba plasmar o xenio galego. Paralelamente vai afondarse na lectura e interpretación dos cancioneiros neste sentido "racial". Sirva como exemplo a caracterización que J. Trillo fai da lírica medieval nun artigo publicado en 1933 en A Nosa Terra :

"O sentimento da natureza, a saudade, a maneira de sentir o amor i expresar o humor satírico, son ben autóctonos".

Unha lectura semellante vai facerse de aspectos concretos da poesía trobadoresca, de xéneros como a cantiga de amigo —considerado como o máis autóctono, xa nas primeiras apreciacións decimonónicas— ou dalgúns autores como Airas Nunes ou Afonso do Cotón. Así, Xavier Montero —nas páxinas de A Nosa Terra ,xa no ano 1920—, despois de considerar as cantigas trobadorescas a manifestación máis vigorosa do espírito "galiciano", achegarase ás cantigas de Airas Nunes para concluír que se trata de "o poeta do pensamento galego" e considerar o seu "filosofismo" a orixe do "que se deu en chamar humorismo galego".

Ramón Martínez López.

A lírica medieval foi contemplada, por tanto, como unha realización característica da criatividade galega, autóctona, orixinal, específica, isto é, enxebre. E non debemos esquecer que o concepto de enxebre acabou por determinar a procura do ideal estético da época —aínda que logo se poida discordar na súa definición—, como se pode comprobar nas "Primeiras Verbas" que abren o número 1 de Nós ou nas "Divagaciós engebristas" de Viqueira, ambas de 1920.

Todo este conxunto de elementos condiciona, nun sentido moi preciso, a recepción da lírica medieval, e debemos telos presentes á hora de achegármonos ao neotrobadorismo como intento que é de recuperar, no plano literario, esa tradición lírica.

O desexo de recuperar os valores daqueles produtos literarios (e artísticos) que se criaran nun momento en que a personalidade de Galiza se desenvolviera plenamente, sen mediacións, en contacto directo co Occidente europeo, e a propia orixinalidade que por iso mesmo se lles concedía, van estar na base da potenciación de determinados modelos estéticos —pensemos no románico no dominio das artes plásticas. Por tanto, a nova vía que supón o neotrobadorismo canto recuperación da lírica medieval hai que contemplala neste contexto e situala en relación coas outras alternativas de modernización da poesía galega que surxen nesa altura, principalmente co vangardismo que, xa en 1920, era rexeitado como posibilidade para a literatura galega por Vicente Risco, figura hexemónica do nacionalismo no momento e un dos seus máis poderosos conformadores de opinión. Nesta secuencia, a poesía de Fermín-Bouza Brey foi contemplada e promovida como unha alternativa para a desexada actualización da literatura galega, moderna mais xerada desde dentro, sen condicionamentos externos, sen seguir modelo alleo ningún.

Así, a poesía de Fermín Bouza-Brey, xunto coa de L uís Amado Carballo —ou o que logo se deu en denominar o neotrobadorismo e o hilozoísmo— van ser os dous modelos de renovación para a poesía galega potenciados, desde un sector do nacionalismo, polo seu enxebrismo, por seren modernos e, ao tempo, viren a continuar dúas realizacións literarias xenuinamente galegas: a cantiga medieval e a cantiga popular.

IMAXES