A Etapa Contemporánea (S. XX)
A poesía de posguerra
A Escola da Tebra

A Escola da Tebra vai estar constituída polas obras dun reducido grupo de autores, sendo en moitos casos estes libros o primeiro velar de armas de cabaleiros que estaban destinados a outros destinos na xesta literaria.

Manuel María

A produción poética da Escola estaría formada, sen ánimo de sermos exhaustivos, polos seguintes libros:

A Escola da Tebra será unha escola poética na que serían moi perceptíbeis os mesmos ecos existencialistas que van vertebrar o primeiro amañecer do que se chamará Nova Narrativa Galega e que podemos percibir en textos narrativos como Vento Ferido de Carlos Casares ou O crepúsculo e as formigas de X. L. Méndez Ferrín. Este mesmo ambiente estaría, por certo, exercendo o seu ditado en A Esmorga de Eduardo Blanco Amor e tamén estará presente en obras como O soño sulagado de Celso Emilio Ferreiro, sobre todo na parte inicial, onde o ton resulta máis emotivo e pesimista.

Co paso do tempo, esta mesma actitude inquisitiva a propósito da existencia e dos problemas espirituais básicos do home, cederá preponderancia dentro do discurso a un texto máis comprometido co contorno social e político, abandonando as posicións levemente evasivas de carácter metafísico e levando así á Escola ao seu propio esmorecemento. Trátase dun proceso evolutivo moi semellante, como se pode ver, ao que vai seguir a Nova Narrativa Galega, no que desde unha fase de inicio na que salientan os temas de índole existencial, logo de atravesar unha fase intermedia en que prima o experimentalismo literario e o obxectalismo de orixe francesa, se pasa a unha etapa final en que a alegoría política abre o camiño para outro tipo ben diferente de literatura. En palabras de Miguel Mato Fondo : "A poesía da Escola da Tebra clama contra a inxustiza de tanta dor, de tanto horror revirado contra a humanidade, nun dramático discurso contra a mesma inxustiza da existencia. Mais o conflicto íntimo foi derivando cara a tensión entre o individual e o colectivo, e tería como saída a denuncia e o berro inconformista, nun progresivo avance cara á voz colectiva e o compromiso político. Este compromiso semellaba obrigado pola realidade social galega. O poeta descobre o país, apreixa a realidade que existe arredor del e faina materia poética. Parece existir unha evolución entre natural desde o estado de conciencia disconforme co mundo que nega a libertade, ao berro crítico ante o estado social, no progreso cara á conciencia crítica como expresión vital e poética. De todas formas, o descubrimento da realidade do país non era un tema novo na literatura galega. Estaba ben presente desde o século XIX. E a fins da década dos cincuenta do noso século, aparecía tamén na poesía da diáspora que escribe a dolorosa epopeia da emigración e do exilio político, invoca a patria perdida, os amigos asasinados, de forma épico-realista. L. Seoane ( Fardel do exiliado ,1952; As cicatrices ,1959) e L. Varela mostran unha tensión épica protagonizada non por herois significativos, senón por xentes humildes, por masas de traballadores. É a verdadeira crónica da Galiza americana que traballa na construcción da ponte de Brooklin, a do pintor exilado que recorda o ar gris das remotas paisaxes, a visión de Galiza como un xigantesco barco".

Miguel Mato Fondo.

Como queira que moitos dos membros da Escola da Tebra foron tamén constituíntes do Grupo Brais Pinto (X. L. Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Ramón Lorenzo, Alexandre Cribeiro), convén sinalar pois que se trata dun grupo, estudiantes de Letras que vivían por entón en Madrid, que baixo o patrocinio de Xosé Ramón Fernández Oxea , Ben-Cho-Sey, levou a cabo unha intensa actividade cultural e literaria e no que os seus membros se inclinan por distintas opcións poéticas. Así mentres Raimundo Patiño, basicamente un pintor, escribe en 1959 Bandeiras neboentas ,publicado serodiamente en 1992, un libro de poemas rupturistas de sintaxe e ritmo entrecortados nos que se combinan o verso e mais a prosa, centrados tematicamente no tema da morte, a angustia existencial e o amor e a saudade abeirada como concepto metafisico, Alexandre Cribeiro publica Acoitelado na espera ,un libro no que se mestura a imaxe surrealista coa temática existencialista máis desacougada, o neoromantismo e a denuncia social. Diríamos, por tanto, que non todo Brais Pinto seguiu as consignas da Escola da Tebra aínda que moitos dos seus membros fixeron substanciosas aportacións á Escola.

Xosé Luis Méndez Ferrín

O libro máis emblemático da Escola da Tebra será, sen dúbida, Fabulario novo de Manuel Cuña Novás.

A obra de Cuña fica restrinxida a tres libros: Frauta na noite de 1947, Fabulario novo de 1952 e o, xa serodio para a época que estamos a estudiar, Canto e fuga da irmandade sobor da terra e da morte de 1977. O primeiro dos seus libros, que fora Premio do Centro Galego de Buenos Aires, preséntanos un poeta aínda en formación, influído por Luís Amado Carballo e o seu neopopularismo hilozoísta, así como polo neotrobadorismo. Estas dúas presencias seguiran aínda en Fabulario novo pero agora engadíndolle unha inspiración de raiz dionisíaca na que, desde unha teimosa reiteración de motivos, case sempre presentes a través de imaxes de raíz surrealista, afronta a expresión dun eu cheo de dúbidas, ferido pola liberdade, tal e como querían os existencialistas franceses que Cuña tratou en París, onde, por certo, traballou nunha morgue. O verso abandona a súa brevidade e delóngase por estancias próximas ao versículo, onde a vontade estética se concentra no ritmo da palabra, case sempre pausado, propio para un discurso que procura a gravidade escura e o paradoxo.

Este mundo irracional, subxectivo, no que a realidade parece ficar diluida, ausente, convértese, sen embargo, nun xeito de filosofía, como se o poeta andase á procura dese texto escuro pero multiplicador do seu significado que o Nietzsche poeta resucitara na poesía de tradición alemana a partir dos filósofos presocráticos.

Para Carlos L. Bernárdez, "A obra de Manuel Cuña Novás, restrinxida case totalmente a un único libro Fabulario novo ,se ben xa no seu momento atinxiu unha importante repercusión, foi gañando co tempo. Trátase dun deses libros totalizadores que, de seu, fan innecesaria calquera prolongación, pola súa rotundidade e intensidade, presidido pola dor, o desarraigo existencial e mais a angustia. Se en momentos aínda percibimos lenes pegadas da poesía anterior, mesmo neotrobadorescas, en Cuña Novás o onirismo surrealista serve de canle para a expresión da vivencia angustiada, elaborada en versículos libres de enorme rotundidade. Quizais a única incomodidade que acha o lector actual é un modelo lingüístico de grande dureza que abala decote entre o diferencialismo e o vulgarismo".

Outro dos textos fundamentais da Escola da Tebra sería, sen dúbida ningunha, Muiñeiro de brétemas de Manuel María, ao que esta mesma Historia da Literatura Galega lle dedica un capítulo propio páxinas máis adiante.

Autor dunha extensa e complexa obra, cun proxecto aínda en curso, Manuel María sitúa os seus tres primeiros volumes de poemas (o xa mencionado Muiñeiro de brétemas , Morrendo a cada intre de 1952 e Advento de 1954) dentro do ambiente de reflexión existencial e meditación relixiosa, cunha voz lírica enfrentada aos grandes dilemas da vida humana.

Especial interese tería a obra, non só poética, de Xosé Luís Franco Grande. Poeta, ensaísta e lexicógrafo, a súa biografía coincide no tempo de formación e xuventude coa dos restantes compoñentes da Xeración das Festas Minervais e da Nova Narrativa Galega, movementos poético e narrativo aos que pertence. Asinante durante moitos anos de artigos para a revista Grial ,a súa obra está composta por Brétemas do vieiro de 1955, que aínda permanece inédito e con que o autor gañou o Premio Eduardo Pondal do Centro Galego de Buenos Aires. O resto da súa obra poética está composta por dous libros: Entre o si e o non de 1967 e O tempo á espreita de 1987, publicados nun só tomo xunto con algúns poemas de Brétemas do vieiro no volume intitulado Herdo de memoria e tempo .

Xosé Luís Franco Grande.

Autor do Diccionario galego-castelán (1968) e do posterior Vocabulario castelán-galego   (1972),que foron traballos de grande difusión nos últimos anos do franquismo e que condicionaron dalgún xeito o desenvolvemento da lingua literaria de moitos escritores, inicia en 1985 a publicación das súas memorias cun polémico e interesantísimo tomo titulado Os anos escuros. I . A resistencia cultural da Xeración da Noite (1954-1960). Está obra será continuada polo libro A ilusión da esperanza . De Cabanillas a Baixeras (1991), concibido como unha galería de retratos de personaxes, case sempre vinculados á literatura ou a Galicia.

En palabras de Xosé Luís Méndez Ferrín, "a poesía de Franco Grande mantense estrictamente dentro do marco temático da lírica máis persoal. Formado culturalmente no pensamento de Kierkegaard, Heidegger e o existencialismo, durante os anos cincuenta recibe a influencia do ensaísmo de Ramón Piñeiro. No concepto de saudade exposto por este escritor lucense como vivencia radical da soedade óntica, haberá que percurar o respaldo ideolóxico da poesía de Franco Grande. Case a totalidade da súa obra ten un tema central: a vivencia do propio eu, en distintos estadios de desleixamento do mundo. Neste senso o seu texto poético é unha mística da soedade, contraria á aniquilación cósmica de María Mariño . Coma os místicos relixiosos, Franco Grande escolma unha fala simple e recurre ó símbolo e máis á exclamación para comunicar vivencias inefables. O seu léxico é rico, escolleito e popular. Franco Grande pode ser considerado como un dos máis grandes poetas da súa xeración".

IMAXES