A Etapa Contemporánea (S. XX)
A prosa didáctica (1916-1936)
A galeguización do ensino

Moitas son as páxinas que desde Nós e A Nosa Terra se dedican a esixir o dereito dos nosos nenos e nenas a recibiren o idioma galego e a súa cultura a través da escala, da que está excluído sistematicamente. A idea máis reiterada é a necesidade de galeguización das escolas, que pasa non só pola utilización do idioma (á par do español) senón, e fundamentalmente pola galeguización dos seus contidos, pola inclusión de referencias á nosa xeografía, arte, literatura,... Todo, mesmo o contorno, a construcción, debe ser axeitado á nosa realidade, favorecendo a lóxica integración no universo que rodea a rapaces e rapazas, e fomentando, desde xeito a autoestima, a valoración do propio.

Xoán Vicente Viqueira.

Xoán Vicente Viqueira e Vicente Risco fan importantísimas contribucións neste terreo, salientando polo seu desenvolvemento e concreción o estudio " Plan pedagóxico prá galeguizazón das escolas ".Realiza aquí Risco unha proposta pormenorizada de todo o que rodea a vida na escola: o edificio, o escolante, a metodoloxía, os contidos. Canto ao emprego do idioma, pásase dunha declaración teórica inicial: "o ideal sería que o ensino se dese en lingua galega" a, na práctica, ofrecer un programa de mínimos consistente en:

  1. Non prohibir aos rapaces o emprego do galego.
  2. Ofrecer ao alumnado as diferencias e similitudes entre as dúas linguas.
  3. Realizar lecturas (tres veces á semana ou máis) de poesías e prosas galegas.
  4. Dar noción de gramática galega e poñer exercicios de redacción en galego aos alumnos máis avantaxados.

Dentro desta liña, estabelécense as Bases das Escolas do Insiño Galego nas que, se ben se define o español como lingua utilizada na aprendizaxe, tamén se introduce o galego tanto para as lecturas como para explicacións de leccións prácticas, coa finalidade de seren mellor comprendidos os mestres.

Aínda que estas aportacións no terreo escolar poidan parecer excesivamente cautas, sobre todo tendo en conta a explicitación da vantaxe de posuírmos dous idiomas: galego e español, un que nos abre as fronteiras aos países de fala castelá e o outro aos de fala portuguesa, tendo en conta tanto a importancia da emigración aos países de fala española na época como o feito de estarmos diante do primeiro proxecto serio de galeguización do ensino, resultan, en realidade, tremendamente avanzadas. Alén diso, se nos decatamos de que estamos a falar do ensino primario nun momento no que a taxa de analfabetización é moi elevada e no que só unha minoría accede a estudios superiores, comprobamos a radicalidade destas propostas, algunhas das cales non se cumpren hoxe, no primeiro nivel de ensino, en moitas escolas do noso país.

Nunha intervención nas Cortes constituíntes, do 24 de maio de 1933, Otero Pedrayo recolle o escrito por Risco no seu " Plan pedagóxico ",e insiste en que, igual que xa se aplica a Catalunya, debe ser aplicado no territorio galego o Dereito de Bilingüísmo ,non como se dunha concesión se tratase, senón como un dereito irrenunciábel. Insiste tamén na necesidade de que na Galiza haxa moitas pequenas escolas, por mor da dispersión da poboación, e de que estas sexan afectivas, naturais, espontáneas, favorecendo a integración no medio e a emotividade como xeito de aprendizaxe. Reivindica xa por último a existencia de Cátedras de Lingua Galega nas Escolas Normais, primeiro paso para avanzar na recuperación idiomática e cultural.

IMAXES