A Etapa Contemporánea (S. XX)
O silencio interior (1940-1950)
A guerra civil. Carvalho escritor no silencio (1936-1947)

O comezo da guerra, que sorprendeu a Carvalho en Madrid, impactou a súa vida e reflectiuse na súa obra. Alistouse como miliciano no batallón "Félix Bárzana", participando na defensa de Madrid. Perante a proximidade das forzas franquistas, as autoridades superiores da República decidiron trasladar o goberno a Valencia en novembro de 1936. De entre as varias escolas de formación de oficiais que estableceu o goberno na antiga División Militar de Valencia, Carvalho foi destinado á guarnición de Paterna, a unha escola de Cabalaría. En Valencia Carvalho Calero coñece a Ramón Cabanillas e son frecuentes os contactos que o ferrolán mantén con Castelao.

Terminado o curso de oficiais en Paterna, Carvalho foi incorporado ao IX Corpo do Exército, en Andalucía, co grao de tenente. Destinado en Úbeda e logo na mesma capital provincial, Xaén, desempeñou a función de axudante dun xefe de servicios xurídicos, situado, pois, na plana maior do Exército de Andalucía; e en dúas ocasións actuou como avogado.

Carvalho Calero paseando por Compostela na compaña de Xosé Queizán e Luís Tobío.

Rematada a guerra, Carvalho é detido e acusado, entre outros delitos, de "separatista" polo fiscal, pedindo cadea perpetua para o prisioneiro. Por falta de probas (e abundante ignorancia) o Consello de Guerra condenou a Carvalho, por "adhesión á rebelión", a doce anos e un día de reclusión menor. Foi internado no cárcere de Santa Úrsula, na cidade de Xaén.

Nestes anos mantén relación epistolar con Fco. Fernández del Riego, entre outros. Carvalho podía escribir no cárcere só en castelán; alí fixo poemas que conxuntou no libro Avena loca; "Versos para olvidar" e "Versos para romper", revisións ampliadas de Trinitarias e La soledad confusa respectivamente; Romancero de apócrifos y canónicos; e unha serie de 50 sonetos, Teoría de Eva ,constituída por retratos femininos de tipo xenérico ("La humilde", "La soberbia", "La melancólica", "La coqueta"...).

Sae do cárcere con libertade provisional en 1941 para reencontrarse coa súa familia en Ferrol, onde vivirá ata 1950.

Carvalho Calero non publicou nada durante a guerra aínda que nunca deixou de escribir; mesmo fixo versos na trincheira, e o cultivo literario significaba para el unha liberación interior. Claudio Rodríguez Fer proporciónanos interesantes datos desta etapa e do seu reflexo na produción literaria de Carvalho Calero. Segundo se desprende do seu traballo "O tenente Carballo" (1991:15-17), desta época datan poemas incluídos posteriormente nos seus libros Anxo de terra (1950) e Poemas pendurados dun cabelo (1952), e unha peza teatral en castelán, titulada Reina del tiempo, que nunca publicou e que nunca se representou. Algún elemento disperso de dita obra reapareceu dalgún xeito na comedia en tres lances A sombra de Orfeo, publicada por primeira vez no libro Catro pezas (1971) e recollida logo no Teatro completo (1982).

O Silenzo axionllado  publicase en Santiago nunha etapa de grande actividade política de Carvalho.

A súa experiencia como oficial pode verse reflectida no drama en tres actos Os xefes (1982) que, non sendo unha obra histórica, está inspirado no asedio de Madrid durante a guerra civil, que sucede en tres despachos —dous de xenerais e un dunha embaixada— e que está protagonizado por militares de alta graduación.

A súa composición poética "Fugíamos da nossa vila", incluída en Cantigas de amigo e outros poemas (1986), é un relato folletinesco en verso inspirado en feitos, até certo punto reais, non exento de elementos relacionados coa experiencia bélica do autor.

Agora ben, é a novela Scórpio (1987) a que nos fornece a aproximación máis completa a este período bélico. Na obra recóllense trazos da infancia, da adolescencia, da mocidade ou da vivencia da guerra do propio Carvalho. No que atinxe aos anos 1936-1939, en Scórpio Carvalho fai referencia a episodios da guerra por el experimentados: miliciano en Madrid, formación en Valencia, tenente en Andalucía, avogado defensor dun miliciano condenado a morte e fusilado, a protección de Castelao en Valencia, etc.

IMAXES