A Etapa Contemporánea (S. XX)
O ensaio histórico e económico
A Historiografía Actual

Na opinión de Xusto Beramendi, o proceso de ruptura na historiografía dos nacionalismos non callou ata finais da década dos sesenta e principios dos setenta. Foi por eses anos cando se produciu a converxencia dunha serie de factores que permitiron a renovación. Entre outros, Beramendi fai destaque da repercusión que obtivo entre os novos investigadores a síntese entre marxismo e nacionalismo e o conseguinte recoñecemento do potencial conflitivo da cuestión nacional, e, de xeito paralelo, o desenvolvemento das historiografías "nacionais" que sobardan o carácter polítio-organicista do conxunto hispánico.

Xusto González Beramendi.

Este tremor teórico e metodolóxico acadou a plenitude vital en Cataluña, durante a década dos setenta, e só atopou certa continuidade na historiografía basca, enxergadora de estudios significativos no eido das ideoloxías. No tocante a Galiza só podemos falar de albiscamentos do salto cualitativo no eido historiográfico na década de 1970/1980. A consolidación desa tendencia só se dará na década seguinte, na historia contemporánea en xeral e no estudio do galeguismo en particular.

As investigacións dun pequeno número de historiadores, algúns guiados polos novos criterios, permitiron descreber, e nalgúns casos analisar, a acción política, as organizacións e as ideoloxías do galeguismo na fase rexionalista e na nacionalista anterior a 1936, así como determinar a súa base social nas dúas respectivas etapas cronolóxicas: 1886/1907 e 1916/31. Ao mesmo tempo, Ramón Máiz e Beramendi elaboraron modelos específicos para a análise das ideoloxías nacionalistas. No caso deste último, a súa proposta pode ser considerada como verdadeiro modelo analítico completo do fenómeno nacionalista.

O impulso referido tense traducido ata o presente na publicación de importantes traballos, fundamentalmente dedicados ás fases rexionalista e nacionalista do movemento galeguista. Dende a primeira, e innovadora, aproximación de X.R. Barreiro ao provincialismo , exemplificado no levantamento de 1846, como fase pioneira do galeguismo, o estudio desas etapas prosegue a bo ritmo.

Conta o rexionalismo cun estudio detido da autoría de R. Máiz, en que se aborda a caracterización ideolóxica e a súa expresión práctica a través das tres tendencias que o integran: federalista, tradicionalista e liberal, unificadas nunha concepción de Galiza moi polivalente, así como a formación das primeiras organizacións políticas de corte galeguista, malia que o propio autor non parece interpretar as fase previas ao nacionalismo (cando menos o provincialismo) como elementos colectivos da súa construción senón que semella marcar o acento na súa consideración como conglomerados ideolóxicos derivados da política estatal.

De grande relevancia conceptual é a obra de X. Beramendi. Alén da determinación do modelo analítico para o estudio do nacionalismo, de que son debedores moitos dos traballos posteriores, o autor ofrece unha análise histórica exhaustiva do seu corpo ideolóxico, das súas tendencias internas e do modelo organizativo adoptado, entre 1916 e 1931. A reflexión esténdese, así mesmo, á realidade histórica que conforman as nacións e os nacionalismos, establecendo o principio de que a nación existe obxectivamente na medida en que colectivos humanos cren que existe ou que debe existir, e actúan en función dese convencemento, cuestión singular que fai do nacionalismo unha realidade obxectiva primaria e, polo tanto, obxecto de estudio.

Outros estudios complementan o coñecemento do nacionalismo/galeguismo da preguerra. Entre eles, convén sobrancear o que dedicou Xavier Castro aos aspectos políticos e organizativos do galeguismo republicano; a pescuda de X. M. Núñez Seixas sobre a actividade desenvolvida polo galeguismo na emigración ou a reflexión colectiva sobre o pensamento político do Sempre en Galiza .

Con todo, quedan por estudiar axeitadamente, o período de Solidaridad Gallega e todo o que ten que ver co nacionalismo da posguerra e co nacionalismo actual. O sindicalismo labrego, mariñeiro e obreiro, o movemento estudiantil, as súas bases sociais ou o nacionalismo de centrodereita, entre outros apartados, seguen a ser obxectos necesarios dun estudio rigoroso e sistemático.

Mais quizais unha das correntes historiográficas máis valiosas pola súa influencia na historia da Galiza contemporánea teña sido a impulsada polo Departamento de Historia Económica .

No tocante á historiografía económica galega xerada a partir de 1980 podemos dicir que se ten caracterizado por manter un criterio coincidente: a crítica do modelo que defendía un estancamento uniforme da economía de Galiza entre os séculos XIX e o primeiro tercio do XX. Para os novos autores, entre os que cómpre salientar a aportación de Xan Carmona e do propio Ramón Villares, a sociedade galega asumiu, ben que fose de xeito peculiar, os cambios no sistema económico e institucional que se operaban na Europa daquel tempo. A capacidade de adaptación e defensa do sistema produtivo tradicional, no sector agrario galego, traduciuse na crise serodia do modelo agrario de subsistencia durante o século XIX. O propio Carmona indica que o entramado económico galego, aquel que permitira o crecemento da poboación durante o século XVIII, entrou en crise arredor de 1830-40 pero, con todo, o modelo agrario procedente do Antigo Réxime non se viu afectado substancialmente polas medidas lexislativas e económicas adoptadas polos gobernos liberais espariois durante o s. XIX. A consecuencia máis evidente foi que a penas houbo modificacións nas relacións de propiedade da terra, malia as sucesivas leis desamortizadoras , na Galiza da época. Iso foi así porque os compradores das rendas forais foron, antes que nada, persoas procedentes da "burguesía urbana", dedicada maiormente a actividades comerciais e administrativas —tamén os propietarios das fábricas de salazón—, na vez do propio campesiñado.

Do exposto, Carmona interpreta que a desamortización resultou unha trampa histórica na que a burguesía comercial galega soterrou as súas posibilidades de constituírse como clase nacional durante boa parte do s. XIX, en tanto a compra de rendas desviou cara á agricultura un capital investíbel na industria.

O mesmo autor ten dedicado boa parte das súas investigacións á explicación do fracaso da industrialización en Galiza durante os s. XVIII e XIX. A partir do estudio detido sobre a industria rural doméstica (focalizada no liño), que entende que xogou un papel determinante como estabilizador das relacións sociais durante o Antigo Réxime, esténdese na consideración daqueles factores que impediron o paso do sistema tradicional a outro plenamente industrial. Salienta, en canto tales, a permanencia dunha estrutura agraria tradicional que impediu o crecemento sostido da demanda interna, os problemas derivados da perda dos mercados exteriores e, sobre todo, a carencia dun grupo social burgués que se enfronta ao impulso do sector. Serán, en todo caso, eses factores os que tamén determinen o fracaso dos demais intentos industrializadores que se producen na Galiza dese tempo, agás no caso dun sector ben localizado: a industria de transformación e conservación dos produtos derivados da pesca. Serán, precisamente, a conserva e a construción naval dous dos eixos arredor dos que xirou a industrialización galega antes de 1936.

Polo que respecta á historia agraria, o período que vai de 1980 en adiante revela un dobre cambio: metodolóxico, por unha banda, mediante o enriquecemento no uso das fontes e na temática enfrontada, pero sobre todo de perspectiva. Así é porque Galiza pasa a ser ollada como un obxectivo en si mesma, como o cerne dunha historia de seu, revirando a corrente "rexionalista" dirixida por Eiras Roel e asentando toda unha escola historiográfica que ten como exponentes senlleiros a Ramón Villares e Pegerto Saavedra.

O primeiro conta no seu haber coa elaboración do cadro xeral que explica os cambios experimentados pola agricultura galega dende mediados do século XIX ata 1936 e no que se facía especial resalte do incremento da comercialización gandeira, na chegada das remesas procedentes da emigración americana, na loita agrarista e nas transformacións técnicas. Ese marco foi completado coa análise sobre a estrutura da propiedade da terra e o papel determinante xogado pola figura do foro, o papel das desamortizacións e o progresivo desgaste do sistema foral que, malia todo, pervive ata ben entrado o s. XX.

En clara continuidade con esta liña metodolóxica e temática insírese a aportación de L. Fernández Prieto. Malia que preocupado, de xeito especial, polo proceso de innovación técnica que desenvolveu o campesiñado galego ao longo do primeiro tercio do século XX, os seus estudios apuntan, tamén, cara a unha revisión conceptual da realidade económica galega no período citado. Desenvolvendo as primeiras aproximacións de Villares, o autor procede á reformulación da teoría do atraso económico, elaborada por X. Manuel Beiras , é dicir, da dualidade de sistemas: capitalismo versus precapitalismo. Segundo Fernández Prieto, o campesiñado non sería unha clase social instalada no precapitalismo porque o capitalismo xa tiña penetrado no agro galego nos primeiros anos deste século pola vía da comercialización, dos inputs ,etc. Habería que falar entón, no canto de atraso, de retraso no progreso xa que o campesiñado foi quen de se adaptar á influencia do capitalismo e mesmo de matizala gracias ao desenvolvemento do asociacionismo, que ademais de espacio reivindicativo constituíu unha estrutura axeitada para a incorporación das novidades técnicas, e á función impulsora que xogaron certos organismos estatais, como os institutos de investigación ou as granxas-escola.

Un papel semellante cumpriu P. Saavedra na transformación das investigacións da nosa historia moderna. Á beira doutros compañeiros e compañeiras propiciou o paso dunha atención inicial, case exclusiva, á conxuntura económica, aos comportamentos demográficos e á economía rural —aínda que sen abandonalos—, a realizar traballos sobre a evolución dos cultivos, das rotacións e dos rendementos, sobre a evolución dos dominios laicos e eclesiástios, sobre a industria rural e o comercio colonial, sobre a historia da familia e das mentalidades, en fin, sobre a vida cotiá dos nosos devanceiros do Antigo Réxime, tamén dende os lindeiros da divulgación e do compromiso cunha realidade histórica diferenciada.

Nun artigo dedicado precisamente á historia dos partidos políticos en Galiza, Xosé Vilas Nogueira (1988) resaltaba a función ideolóxica dos estudios históricos como lexitimación dun referente de identidade colectiva e sinalaba como exemplo a diferenciación (estéril segundo o criterio deste autor) entre historia de Galicia e historia de España en Galicia. Na opinión de Vilas, iso explicaría a case nula atención prestada á historia dos partidos políticos non galeguistas e a ausencia de estudios dedicados á Restauración. Flagrante esquecemento para un autor que a penas semella reparar na imbricación bipolar de liberais e conservadores na sociedade galega e que só sente mágoa polo descoñecemento actual da grande relevancia que tiveron os políticos galegos (Montero Ríos, Bugallal, etc.) no sistema turnista español.

E, de certo, a síntese de Vilas aposta con decisión polo reforzamento do papel subsidiario da Historia de Galiza respecto da Historia de España. Unha posición que o afasta nidiamente doutras teses, caso da que evidencia X. Ramón Barreiro, que se instalan nunha explicación autocentrada das ideoloxías e dos partidos políticos. En efecto, e con referencia á evolución destes últimos ao longo do s. XIX (aínda que mellor cabería falar de prepartidos ),Barreiro tende a encadrar o confrontamento liberais/absolutistas, e as súas correspondentes expresións ideolóxicas, no marco da historia galega e do seu correspondente contexto económico e social.

Nun ámbito cronolóxico e/ou temático máis próximo, o baleiro é incontrovertíbel. Agás o estudio de Carlos Velasco sobre a Organización Republicana Gallega Autónoma ( O.R.G.A .) —máis orientado á descrición da súa influencia no proceso autonómico— carecemos de investigacións que permitan unha axeitada caracterización dos partidos políticos na Galiza no primeiro tercio deste século. Máis deficiente, aínda, é o panorama da historia dos partidos na posguerra e nos anos posteriores: un par de aproximacións académicas á historia da Unión do Pobo Galego (UPG) ,o informe xornalístico de M. Rivas e X. I. Taibo sobre os partidos políticos ao comezo da transición e as páxinas dedicadas por X. M. Núñez Seixas ao estudio do nacionalismo actual ( A Nosa Terra , 1995), compoñen toda a bagaxe historiográfica dun período crucial e cheo de dinamismo. Con todo, o panorama historiográfico contemporáneo non acada a súa verdadeira expresión se non abordamos un dos ramos que mellor expresa as contradicións padecidas pola investigación histórica neste país: o dos movementos sociais.

Ao punto de que calquera persoa interesada nas manifestacións externas dos enfrontamentos sociais habería de convir que o ímpeto social desta nación case que se deu por rematado coa oposición/negociación coas lexións romanas. Só a partir da década dos oitenta podemos falar dunha certa expansión nas investigacións dos movementos sociais. Dende o volume, xa clásico, que dedicou A. López Carreira (Galiza, 1987) a debullar a Revolución Irmandiña na procura das claves que explicarían a posterior evolución da nosa sociedade, iso ata as iniciativas deseñadas para desentrañar os fíos condutores dos grandes movementos sociais da Galiza contemporánea: o agrarismo e o obreirismo.

Para o primeiro deles é de xustiza salientarmos a investigación pioneira de J. A. Durán, editada nas editoriais madrileñas Akal e Siglo XXI desde 1977, en que se caracteriza as orixes do movemento e a súa dimensión político-reivindicativa, pero que ten un límite cronolóxico prematuro: a guerra europea. Con todo, perfila as vías metodolóxicas que serán utilizadas polos novos historiadores: a microhistoria, o emprego da prensa local, o estudio da interrelación cos grupos locais de poder, etc.

Máis adiante, xa enmarcadas no seo da escola de historia agraria dirixida por Ramón Villares, desenvólvense outras investigacións de grande importancia, entre elas a de A. Martínez López (1989) sobre o societarismo católico e a de L. Fernández Prieto (1992) que analisa a influencia do societarismo campesiño no proceso de innovación técnica experimentado pola agricultura galega entre 1850 e 1936, alén de diversas monografías locais, comarcais ou sectoriais.

Finalmente, en 1998 aparece publicada a primeira monografía de conxunto sobre o movemento agrarista, da autoría de Miguel Cabo, na que se recolle unha acaída síntese das aportacións antes enunciadas ao tempo que se realiza unha caracterización conceptual que ten as súas raíces nun esquema interpretativo preciso e nunha ampla perspectiva temporal. Para Cabo, o agrarismo devén un movemento complexo que tenta mobilizar o campesiñado para acadar dous obxectivos básicos: a consecución das condicións que garantan a sobrevivencia da pequena explotación familiar no marco da economía capitalista, e a articulación política dos intereses do campesiñado galego. Diferencia, xa que logo, neste proceso aqueles obxectivos máis xenéricos das cuestións estritamente organizativas, o que entende por societarismo ,centradas na criación de sindicatos e sociedades. Porén, o estudio resalta de xeito minucioso o grao de imbricación do movemento co espacio económico e social rural galego e, a través da historia comparada, chega a definir un modelo de movemento social específico e característico da nosa realidade nacional.

Polo que respecta ao obreirismo, deberiamos comezar indicando que a maior parte da historiografía dedicada ao seu estudio é extraordinariamente recente. As primeiras publicacións, cun carácter científico explícito (singularmente Dionisio Pereira, Gérard Brey e Xan Moreno), aparecen nos primeiros anos da década dos oitenta e son aproximacións sectoriais e/ou territoriais que tentan definir aquelas áreas de atención que se han desenvolver nun futuro inmediato.

As razóns deste retraso xa foron enunciadas por X. Ramón Barreiro (1990); en síntese: a minusvaloración do papel histórico do proletariado galego; as limitacións documentais sobre o seu desenvolvemento e a escaseza de referencias escritas por parte dos dirixentes do movemento. Con seren, todas elas, eivas significativas, o certo é que nas dúas últimas décadas tense aprofundado no estudio das pólas máis sobranceiras do obreirismo galego (o anarquismo e mais o socialismo) ata 1936, da man de D. Pereira e M. González Probados respectivamente, mais tamén se avantou na caracterización global e na do medio en que actúa, na estrutura organizativa que sostiña e na conflitividade social que xerou.

Certamente son logros importantes pero aínda semellan insuficientes para obtermos unha visión de conxunto, suficientemente representativa, do movemento obreiro en Galiza dende finais do s. XIX ata a guerra civil. Malia os esforzos desenvolvidos por determinados colectivos (caso de Xerminal ) e de investigadores e investigadoras individuais, a realidade é que o estudio do obreirismo, por non falar da súa divulgación, tense feito, en moitos casos, á marxe das institucións académicas. A non existencia dunha escola que desenvolvese proxectos de investigación coherentes e sistemáticos, a exemplo da historia agraria, trouxo consigo o paradoxo de que hoxe en día a penas existan investigadores novos dedicados a este ramo transcendental da nosa historia social.

No medio dese ermo constitúe unha dose de esperanza a aparición case consecutiva de dous volumes dediados ao tema. O primeiro deles, estruturado como colectánea de ensaios e aparecido en 1990 (Xerais), configura unha achega concreta do mundo universitario galego —dalgún xeito tenta evidenciar o estado da cuestión— que se detén nun lindeiro cronolóxico cativo (dende a consolidación da Primeira Internacional en Galiza ata os primeiros anos do s. XX) e nalgún estudio espacio-sectorial de indiscutíbel interese pero excesivamente localizado —caso do conflito pesqueiro de Vigo no 1932—.

O segundo, editado dous anos despois e coordenado por D. Pereira ( A Nosa Terra 1992), naceu coa vontade de encher certos baleiros detectados na historiografía do obreirismo: determinar o perfil dos distintos espacios sociais do noso país (vilas, agro, mar e cidades) e avantar no coñecemento sobre a aparición das sociedades obreiras e a súa articulación coa realidade social na que existe. Sen renunciar á historia comparada, elemento fundamental para unha comprensión acaída dun movemento social que conta con alicerces sólidos no espacio estatal e mais no europeo, os seus autores definen, porén, un criterio novidoso nesta temática: o talante e a traxectoria do obreirismo galego só poderán ser comprendidos dende a perspectiva social diferenciada que as condiciona e sobre a que actúan. Estamos, ao cabo, diante da primeira proposta rigorosa que articula o movemento obreiro, no seu conxunto, como elemento social necesario para a construción dunha realidade nacional: a galega.

Fixemos reconto, ata aquí, das grandes innovacións que experimentou a historiografía galega dende o comezo da década dos oitenta, das liñas de investigación emprendidas e das correntes existentes. Mais quedan aínda aportacións salientábeis e grandes carencias sen concretar. Cómpre mencionarmos o esforzo rigoroso e sistemático de F. Carballo por dar cabo dunha historia de conxunto da Igrexa galega (A Nosa Terra, 1995), trabada na súa realidade histórica precisa. Igualmente o estudo da nosa realidade educativa, que a penas tiña sido abordado pola historiografía contemporánea (aínda que en 1973 se editaron os artigos que o xornalista Luís Bello Trompeta tiña publicado no El Sol de Madrid, baixo o título "Viaje por las escuelas de Galicia"), foi iniciado a partir da década dos oitenta cando apareceron os primeiros traballos sobre o pasado histórico educativo de Galiza, entre os que cómpre mencionarmos as contribucións globalizadoras ao coñecemento do ensino primario de A. Costa Rico, e os documentados traballos de V. Peña Saavedra sobre as escolas de indianos para dar conta do esforzo, en cantidade e calidade, realizado pola colectividade galega emigrada en América para cubrir as lagoas educativas e culturais que deixaba a actuación do Estado en Galiza, e de Narciso de Gabriel sobre a escolarización popular en Galiza no último cuarto do século XIX.

Francisco Carballo.

Ocorre que en tanto gabamos a obra de Peña tamén estamos a dar certificado de carencia dunha das grandes eivas historiográficas da actualidade: o fenómeno migratorio. Tense citado nestas liñas a existencia de estudios específicos dedicados á emigración, ben na súa dimensión cuantitativa —volume, efectos demográficos, etc.—, ben nas razóns socioeconómicas que o terñen determinado ou nos efectos que ten xerado, no devalo histórico. Aínda se ten analisado a penetración do galeguismo entre a colectividade emigrada, o labor desenvolvido por esa mesma colectividade de cara á nación de orixe, etc. Porén, e a día de hoxe, carecemos dunha grande obra colectiva que interprete asisadamente o que ten sido a Emigración como factor de primeira magnitude no proceso histórico do noso país. De certo que hai lagoas historiográficas por encher —caso da investigación polo miúdo do exilio galego/galeguista— pero nunca serían o suficientemente relevantes como para impediren unha valoración de conxunto.

Parece inconcebíbel que a escasos meses da entrada en escena dun novo século, dende a historiografía galega non se teña abordado, agás o traballo pioneiro de Bernardo Máiz (1988), unha investigación rigorosa e decidida do período que vai dende 1936 ata a década dos 50. O golpe militar, a resistencia civil, a guerrilla, a avaliación cuantitativa da represión franquista ou o desvelamento das tramas responsábeis desa represión, seguen a ser materias pendentes para un ensaio que semella apuntar cara a certa autocompracencia e rexeitar, por tanto, o recoriecemento do conflito como motor da Historia.

IMAXES