A Etapa Contemporánea (S. XX)
A recuperación da narrativa en galego: Álvaro Cunqueiro
A ilusión por contar. Os modelos da literatura oral

Cunqueiro confesou sempre a súa débeda coa maneira de contar do pobo, tomando como modelo a literatura oral. Tal vontade resúmese nunha frase súa, da que a crítica botou man recorrentemente: O propio dun escritor é contar claro, seguido e ben. Noutra ocasión explicou a vontade de incorporar á súa obra as estratexias da narrativa oral galega:

De modo que a narrativa oral galega, os contos que eu escoitei de rapaz, a maneira de dicilos, a maneira de intercalar pequenas desviacións dentro do... tal, párrafos, etc., que en definitiva tenden tamén a aclarar, por un lado, e a complicar, por outro, é moi do meu gusto, e creo que é moi do gusto da xente que ten gusto de que lle conten contos.

No conxunto da obra narrativa de Cunqueiro atopamos recorrentemente situacións comunicativas nas que un narrador conta unha historia, as máis das veces, diante dun pequeno auditorio. O texto incorpora así técnicas como a presencia do relato dentro do relato, producindo continuas desviacións na diéxese principal, a recorrencia á tradición oral como fonte, ou unha serie de trazos de oralidade: fórmulas, ruptura da linealidade, un especial desenvolvemento da función fática da lingua, etc.

Cunqueiro entre varios amigos nunha taberna viguesa.

O real e o marabilloso. A imaxinación

Un dos trazos máis salientábeis da obra cunqueiriana radica probabelmente no seu particular exercicio da imaxinación. O discurso está poboado dunha serie de elementos fantásticos que conviven coa realidade cotiá, xerándose así unha dialéctica entre o real e o marabilloso, que se resolve mediante o exercicio dunha poética particular.

Foi esta cuestión unha das que máis suscitou a atención dos estudiosos da narrativa do autor, ata o punto de desencadear unha certa polémica sobre a adscrición destas obras ás literaturas fantástica ou realista.

O escritor concede un estatus semellante aos elementos tomados do marabilloso e a aqueles tirados da experiencia cotiá. Tal actitude é o reflexo da súa persoal concepción da realidade, na que integra os elementos creados na imaxinación. A súa é unha narrativa a medio camiño entre o real e o soñado. Do autor de Mondoñedo téñense feito lecturas desde as premisas da literatura fantástica, como as de Martínez Torrón ou César Carlos Morám Fraga. Os últimos estudios tratan, sen embargo, a obra cunqueiriana desde os presupostos dunha concepción realista da literatura, na que o autor desenvolve unha serie de estratexias para procurar a credibilidade do lector a respecto do que está a contar. Nesta liña desenvólvense os traballos de Anxo Tarrío e Darío Villanueva.

César Morán.

En calquera caso, ao falarmos de realismo en poéticas como a de Cunqueiro, non podemos pensar nunha correspondencia do narrado coa realidade extraliteraria, senón máis ben no concepto de verosimilitude, isto é, no que na teoría literaria se coñece como realismo formal ,fronte a esoutro realismo xenético que procura a fidelidade coa realidade extratextual.

A consideración da narrativa cunqueiriana como partícipe desta caste de realismo parece encaixar mellor coa visión que o autor amosou da súa literatura, tanto en entrevistas e textos ensaísticos como en diferentes momentos da súa obra. Por outra banda, resulta de sumo interese o estudio das denominadas estratexias do realismo ,mediante as que o narrador procura a credibilidade do seu lector, independentemente da adecuación á realidade extraliteraria da materia narrada. Das moitas técnicas de que o autor bota man, indicamos a seguir as máis importantes:

  • A exhaustividade nos datos (localización xeográfica e cronolóxica, minuciosidade no detalle, etc.), que nos mostran un narrador cun coñecemento próximo e certeiro dos feitos.
  • A precisión na toponimia, e na onomástica, desempeñando unha función semellante.
  • O recurso a voces autorizadas, tanto orais como librescas, que conceden prestixio e credibilidade ao que se está a narrar.
  • O artificio denominado dúbida intencional , é dicir, a dúbida finxida polo narrador acerca dun feito para lle conferir autenticidade e verosimilitude ao narrado.

IMAXES