A Etapa Contemporánea (S. XX)
Grupo Nós: o teatro
A Lagarada, de Ramón Otero Pedrayo

Esta obra, que non se estreou profesionalmente ata 1993, foi publicada pola Editorial Nós en 1929 —se ben no interior do volume figura 1928—, e coñeceu outras edicións en 1969 ( Grial ),1979 ( Ed. Follas Novas ) e 1993 ( IGAEM , facsimilar), así como unha posta en escena do grupo amador ourensán «Rúa Viva», en 1988.

Cualificada pudorosamente polo autor como "farsada tráxica pra lêr", é algo máis que unha farsada, e canto a súa teatralidade, baste lembrar o atrevido tratamento que lle deu o director catalán Pere Planella á fronte da Compañía do Centro Dramático Galego .

Unha farsada na medida en que asistimos a unha "representación da vida" en que se mesturan as accións, e onde os personaxes, reais e simbólicos, debuxan unha estraña xeografía propia dunha traxedia rural convencional, mais tamén dos universos míticos que alicerzan unhas tradicións que son a base, no pensamento do autor, do equilibrio social e cósmico. Neste senso, A lagarada podía ser considerada como unha traxedia ritual cunha función eminentemente liberadora. Chea de advertencias sobre a perda de valores tradicionais, mais que nunca reducen a obra a unha simple didascalia.

O señor Vences do Alén, labrador rico e vello, desexa a Basilisa, unha criada moza a quen só lle interesan os cartos do amo, que parece disposto a pasarlle os seus bens, o que provoca a indignación dos fillos do vello, o Venerando e a Xoana, e das súas parchas respectivas, a Sabela e o Roque; xa non digamos do Delmiro, un criado noviño do señor Vences que anda tolo pola Basilisa. Mais a pasación non se chega a facer: o vello comprende as pretensións da moza, e por outra parte sente a chamada do sangue. A Basilisa, entón, convence o Delmiro de que mate o vello, cousa que este fai botando a roldar a vella pipa que o patrucio estaba a limpar, sen que os fillos movan unha man para salvalo. A Bubela, muller do señor Vences, bota a culpa da traxedia á profanación do monte de Medelo polo Arqueólogo, que está a piques de morrer a mans das mulleres enfurecidas. A Basilisa e o Delmiro foxen xuntos, e ao chegaren ao Medelo son castigados polas fadas con senllas maldicións: el ha vagar polo mundo convertido nun bandido, e ela acabará de prostituta na cidade.

No Pazo de Trasalba estrenouse en 1992,  A Lagarada,  polo Centro Dramático Galego. Cartel publicitario da obra de Otero Pedrayo

A acción desenvólvese no outono, no tempo da vendima, e repártese en tres actos, que responden aos tres puntos temáticos: preparación do crime, execución e desenlace tráxico. O material dramático, sen embargo, non é unívoco. Hai mestura e interferencia de xéneros —teatral, narrativo e poético— e mesmo de linguaxes: naturalista para as escenas funcionais (diálogos de corte popular), poética para as simbólicas (escenas da adega, no segundo acto, e das fadas no terceiro), e narrativa nas didascalias e mesmo nalgúns momentos da parte dialogada.

Hai que dicir, no que toca ás didascalias, que non teñen un carácter simplemente funcional. Nelas condensa o autor a súa visión do mundo retratado, con observacións dunha inequívoca plasticidade, coma quen ordena as pezas dun simbólico retábulo e as anima cun sopro de vida para que boten a andar. Algo semellante fixera Valle Inclán no seu teatro, que Otero coñecía ben. Ambos os autores rebordaron os límites do canon teatral imperante, abrindo novas perspectivas, pola vía da plasticidade, á escritura escénica; ousadía que foi cualificada en ambos os casos de extrateatral e que pechou as portas dos teatros a eses grandes textos; o que no caso do autor de Trasalba era algo tan prexulgado, que mesmo subtitulou a súa obra "farsada tráxica pra lêr"; claro que aquí obraba tamén o feito de que A lagarada estivese escrita en galego, circunstancia que xa de seu lle aseguraba o ostracismo.

A obra de Otero, sen ataduras escénicas que limitasen a súa expresividade, fíxase na ambientación, que é algo máis que a fría descrición duns escenarios —por outra parte variados (patio, adega, camiño, monte)—, e nas modulacións dun tempo enriquecido por metáforas e elipses. Máis que de ambientación habería que falar de xeografía simbólica, de relación do home coa súa paisaxe física e mítica, que val tanto como dicir humana. Dun universo galego contemplado con ollos elexíacos no que estouran as teimas do autor: a decadencia do ritmo tradicional da vida labrega, a desaparición da fidalguía e das relacións patriarcais, a profanación das tradicións, a ameaza da cidade, etc. A este respecto son abundantes as citas. Di, por exemplo, o señor Vences:

Retrato de Otero Pedrayo nos anos trinta, realizado por Ksado.

"Quero gardar as costumes que adeprendín no tempo en que os homes eran homes [...] Os fillos ser malos son, mais ista casa e ista bodega han ser pra xente da miña caste, sexa boa ou mala. O meu verdadeiro sangue non corre polas súas veas, mais alenta na casa, nas viñas, no lagar".

Ou a Pipa Arcada de Carballo: "Os viños que hoxe se crían na panza oca do castaño son froxos, moles e tristes como hoxe o vivir da aldea", dentro desa elexía que remata con "pra onde foi toda a forte Galiza, prá esterqueira do vivir cidadán". Ou a Alquitara: "Ise mozo de alambique falangueiro e atolado fai isa podre augardente que lle gosta á parva xente que no val bebe o viño de Alicante non na vella cunca amante, no cristal", escrita en prosa, mais con ritmo e rima poéticos.

As referencias simbólicas, aínda máis expresivas, se cabe, abundan ao longo de toda a obra. Desde o cadro xeral de personaxes, repartidos en tres grupos: fidalgos (petrucio, arqueólogo, cregos), labregos (ás veces formando coro) e seres fantásticos (a cuba, a alquitara, a neboeira, as fadas), ata as propias actitudes dos protagonistas: o señor Vences, a limpar a vella pipa para volver usala e morrendo no intento pola intervención dos novos, que non coñecen a tradición; ou a Bubela, tentando de convencer o Arqueólogo de que non cave no Medelo para non despertar "a cousa mala pechada no monte"; ou a intervención das fadas, que castigan os profanadores da tradición; ou, finalmente, a tormenta, a chamada dos lobos... A vinganza da terra, en resumo, por un crime que alterou o ritmo natural das cousas.

O amor e o viño como detonantes da traxedia, e entremedias, as lendas e supersticións —encarnadas na Bubela, sacerdotisa do misterio popular, que teñen o seu contrapunto na ciencia, representada polo Arqueólogo—; o folclore da vendima, os monólogos da Cuba e da Alquitara, as alusións constantes a seres e elementos naturais: persoas, animais, auga, camiños, estacións, o vento, a chuvia, os ditos e cantigas populares. A vida, en fin, dunha aldea galega, onde un vello patrucio encaprichado cunha moza non é quen de traizoar a súa caste por un desexo sexual serodio. Ao revés que na historia de Castelao, onde os vellos cavan as súas propias sepulturas xusto por teren caído na trampa de namorarse.

A lagarada non é unha obra illada dentro da producción do autor. Encóntranse nela concomitancias, mesmo ás veces textuais, con varias das peciñas que compoñen o Teatro de Máscaras , coas novelas Arredor de si e La vocación de Adrián Silva. Con esta última, como observa Carvalho Calero en Teatro Nós (1979), coincide, alén dalgúns topónimos, na lembranza das Bacantes , de Eurípides, cando no terceiro acto:

"A señora Bubela desde do seu trono sacerdotal da solaina para facer o pranto ao seu marido, e, como unha Ágave, encirriquita ás mulleres que asisten á vendima contra o Penteo do Arqueólogo, que profanou coa súa piqueta, atraendo a desgraza, o santuario das divinidades do Medelo".

Exposición, pois, avanzada do universo mítico galego, A lagarada deixa ao descuberto, sobre a ideoloxía do autor, as súas constantes literarias máis salientábeis, fillas dunha cultura enciclopédica que lle permite integrar o popular e o culto nunha mesma sinfonía, sendo ao tempo romántico e simbolista, tradicionalista e vangardista, inventor dun teatro que funde a precisa imaxe vivencial co monólogo íntimo das xentes e das cousas en desuso e coa voz misteriosa e inxel da natureza.

IMAXES