A Etapa Contemporánea (S. XX)
O silencio interior (1940-1950)
A lenta recuperación literaria (1951-1955)

O ano 1950, data da morte de Castelao, é simbólico; co seu enterro acelerouse un proceso de dexeneración política nas comunidades de emigrantesna América, e habilitou o traballo en Galiza no reduto do activismo culturalista. Iníciase unha nova xeira: politicamente o PG é sepultado, a cultura galega collera novos folgos obedecendo á estratexia culturalista deseñada polo galeguismo do interior (coincidindo precisamente coa saída da cadea de R. Piñeiro, unha sorte de "liberado" para as actividades culturais do galeguismo). 1951 é o ano da inauguración de Galaxia , que para A. Montero "non se fundou con criterios académicos, eruditos ou estrictamente estéticos"( p.110). En 1955, A Nosa Terra criticaba a "desaxeitada ourentazón imposta ao movemento patriótico galego por algúns seitores da intelectualidade do noso país, convertido nunha sorte de "elite rectora", que adica os seus esforzos á creación dunha "estética cultural" do galeguismo, fundada en aistracións político-literarias". A diferencia implicaba a negación mesma do significado político do nacionalismo a prol da afirmación da hexemonía da cultura. É dicir, a suposta superación do estadio de afirmación de Galiza como Nación en prol da concepción de Galiza como "comunidade cultural básica".

Gonzalo Rodríguez Mourullo.

Mediada a década dos 50 ten lugar unha xuntanza en Santiago á que asisten a plana maior do galeguismo do interior e un emisario do Consello de Galiza, que propón a reorganización do PG, a actuación política; non consistía en levar adiante un plano de activismo político que puxese en perigo as estruturas culturais montadas. A resposta foi negativa: prexudicaría o labor cultural. Este rexeitamento terá consecuencias históricas importantes: na transición democrática, coa cualificación de nacionalidades históricas e, polo tanto, co recurso á lexitimación institucional dos Estatutos de Autonomía, podía ter funcionado, de existir, o Consello de Galiza como institución política que defendera os intereses nacionais co aval do elemento histórico.

Nos anos 60 aparece unha nova xeración de intelectuais e profesionais. Iníciase na colaboración no xornal La Noche ,participando en certames poéticos como as Festas Minervais , ou no contacto cos galeguistas históricos. Na súa evolución política sucesiva, unha parte significativa desta xeración proporcionará os cadros dunha nova fase dentro da historia do galeguismo: o nacionalismo marxista.

É indubidábel que coa aparición da editorial Galaxia a cultura galega contará cun medio decisivo para a súa consolidación e posterior rexurdimento; o salto que supuxo a nova editorial foi perceptíbel de contado. Na fundación de Galaxia converxen un grupo de ensaístas da xeración de 1936: R. Piñeiro, D. García-Sabell, C. Fernández de la Vega . Unhas actitudes doutrinais comúns e unhas afeccións culturais propias configuran claramente este grupo. Co obxectivo de retomar o ensaísmo da xeración Nós, desde unha perspectiva máis elitista e cosmopolita, o grupo de Galaxia crea o seu órgano de expresión: a " Colección Gria l" nas súas dúas épocas (1951-52/1963 até a actualidade), ademais dunha serie de libros colectivos. A colección Grial foi prohibida ao publicarse, en abril de 1952, o 4º número, Aspectos económicos y jurídicos de Galicia. De feito, a tradución de Piñeiro e C. Fdez. de la Vega do ensaio de Heidegger Wesen der Wahrbeit ,titulada Da esencia da verdade (a tradución ao galego dese ensaio non ten precedentes en toda a Romania), estaba preparada en 1952 e publicaríase en 1956.

Celestino Fernández de la Vega.

Mediada a década dos anos 50, o réxime franquista intégrase a nivel internacional co beneplácito que significa o tratado hispano-ianqui de 1953. Por outra parte, os planos de estabilización económica do Franquismo resérvanlle a Galiza o papel de colonia interior, de país fornecedor de man de obra barata para a emigración. A literatura galega non é allea a estes cambios como demostra a aparición de novos narradores, caso, por exemplo, de G. Mourullo con Nasce un árbore (1954) e Memorias de Tains (1956). Só ficaba artellar politicamente a sociedade para que a lenta recuperación cultural se dinamizase.

IMAXES