A Etapa Contemporánea (S. XX)
O teatro das Irmandades da Fala
A muller galega en loita polos seus dereitos

A partir dos anos 20, prodúcese un relativo auxe do movemento feminista, ata entón extremadamente débil, tanto en Galiza como no resto do Estado. Arredor da reivindicación básica do dereito a voto (sufraxismo), aparecerán grupos de mulleres e correntes de opinión que cuestionen, en maior ou menor medida, a ideoloxía dominante, marcada pola Igrexa católica e polas teorías pseudo-científicas sobre a suposta inferioridade intelectual da muller, moi en boga na época (Nóvoa Santos, La indigencia espiritual del sexo feminino ,1908). Esta ideoloxía machista, como resume Blanco Torres (Galicia, 1924), consideraba que a muller " tiene la integridad de sus funciones en la cocina, en la lactancia y en el saber zurcir unos calcetines " . Certa literatura da época mesmo chegaba a facer apoloxía dos malos tratos á muller. A peza teatral Cóchegas e moxetes (1920), de Roxelio Riveiro, contén párrafos tan expresivos como este: " Oll a que cando nace unha muller, nace un carballo tamén. ¿Sabes pra que?. Pois pra que teña o home con que lle rompel'as costas cando sexa preciso ". Eran tamén frecuentes os ataques e ridiculizacións ás mulleres por adoptaren certos costumes como fumar, levar pelo curto, usar saia-pantalón, non levar medias...

A oieta e dramaturga Herminia Fariña.

A realidade da inmensa maioría das mulleres galegas da época, sen embargo, apenas si pode caracterizarse máis que pola súa constante explotación no campo, no fogar ou na fábrica e pola súa escasísima participación na vida pública. Aínda que se produce o acceso da muller á Universidade (a partir de 1914), non podemos esquecer as enormes taxas de analfabetismo e a falla de escolarización que afectaban á poboación feminina, especialmente á rural. As escasas nenas que chegaban á escola recibían nela un tipo de ensino de contidos claramente sexistas, absolutamente diferenciado do dos nenos. Isto contribuía a reforzar a súa situación de marxinación e inferioridade. Se ben é certo que houbo moita mobilización feminina arredor das organizacións católicas e dereitistas, o acceso da muller a novos dereitos e a reivindicación feminista estiveron impulsados basicamente (non sen debates e contradiccións) polas forzas da esquerda. Non é casual que fose durante o período republicano cando se lograron avanzos (logo revocados no 36) como o dereito a voto (1931), o desempeño de cargos e empregos públicos, o divorcio... Nese senso, a relevancia da muller coa súa problemática nas forzas esquerdistas contrasta co protagonismo insignificante que vai ter no nacionalismo: en 1936, só o 5'8% dos seus afiliados son mulleres. Isto, sen embargo, non significa desleixo pola causa. Xa na súa IIª Asemblea (1919) as Irmandades propugnan a " igualdade absoluta, política e civil da muller co home "e dirixentes como Villar Ponte demandan " ponerla en camino de la conquista de una independencia económica y de una cultura apropiada ".No seo das Irmandades e do PG organizaranse algunhas seccións femininas.

No mundo literario pode servir como dato ilustrativo que, entre 1900 e 1939, só houbo oito libros de poesía escritos por mulleres. Neste pobre panorama destacaron algunhas autoras. A máis importante é Herrera Garrido , muller de ideoloxía católica e conservadora. Retrataba na revista Nós (1921) ás sufraxistas como " un fato de atoladas revolteiras, que xogan aos homes entoñando a própea diñidade " .Escribiu, entre outras obras, a novela Néveda (1920). Podemos mencionar tamén a Carmiña Prieto Rouco, Dolores Parga, Herminia Fariña, Dolores Del Rio Sánchez-Granados e Xosefina Iglesias Vilarelle. Na emigración destacou a xornalista Mercedes Vieito Bouza.

IMAXES