A Etapa Contemporánea (S. XX)
A poesía actual
A música

Desde mediados do XIX a música fora instrumento de recuperación cultural, e posteriormente sistematízase o folclore, a instancias do Seminario de Estudios Galegos, baixo presupostos estéticos non alleos á preocupación política, nunha relación estreita entre música e movemento galeguista. Conviría reflexionar ata qué ponto nas décadas seguintes á guerra civil non se perdeu na música culta a idea de reivindicación das raíces e o compromiso coa cultura do país, proclamada polas Irmandades.

Vicente Araguas Álvarez.

Canto aos intérpretes, cabería destacarmos o traballo de divulgación musical realizado pola familia Béjar, desde antes da guerra, e tamén despois como grupo de cámara, intérpretes e difusores da música culta. Andrés Gaos, co tamén violinista Manuel Quiroga, vai encher o panorama da música culta de comenzos de século ata 1959, ano do seu pasamento. Compositor, violinista e director de orquestra, Gaos presenta unha longa carreira como intérprete solista, e debemos recordar os concertos con Saint-Säens, a petición deste. A obra de Gaos é extensa, ofrecendo unha rica variedade que comprende obras sinfónicas, poemas sinfónicos, diversas composicións para violino e violoncello e cancións como "Rosa de Abril", sobre o poema dos Cantares Gallegos de Rosalía . Andrés Gaos ofrece a actitude estética e conceptual do impresionista.

A partir dos sesenta, e ata os tempos máis recentes, dous compositores, Carlos López e Roxelio Groba, ocupan lugar como figuras sobranceiras entre a época da posguerra e a música culta actual, e supoñen duas estéticas diferentes.

Carlos López (Betanzos, 1922) emigra nos anos 40 a Buenos Aires, onde estudia Harmonía e Contrapunto. Bolseiro en París, toma contacto coas vangardas a fins dos cincuenta. Regresa a Galiza en 1984. Entre as súas obras hai unha abundante composición, con cuartetos para piano, obras de carácter sinfónico, coa influencia de Srawinsky, entre as que poderíamos destacar "Sindy" (1976) e "Ra-Ra", estreadas en Buenos Aires, e as obras de cámara "Elexía para un soldado", orquestración para corda e timbis, e "Fantasía Ecolóxica" (1995).

Roxelio Groba, director e compositor, mostra preocupación pola moderna evolución dos caracteres musicais e a súa aplicación aos elementos básicos da tradición musical galega. Influenciado por Bal y Gay, adopta unha estética galeguizante e a linguaxe vangardista de Bartok, polo renovador do folclore. A súa obra é variada tamén, con obras sinfónicas sobre temas tradicionais ("Sinfonía Galaica", 1960), música de cámara ("Cuatro Cuartetos", 1961-1980) ademais doutras composicións sobre temas tradicionais para piano e canto.

A partir de 1975 hai un pulo creativo debido ás posibilidades de profesionalización e surxen inquedanzas tamén nas perspectivas culturais. Desa perspectiva de profesionalización nace posibelmente a Xoven Orquestra de Galiza, en Santiago, e institucionalizouse como orquestra do goberno autonómico. Ao desaparecer anos máis tarde, aparecen a Real Filharmonía e a Orquestra Sinfónica de Galiza , formadas case na súa totalidade por músicos foráneos.

En 1984 nace a Asociación Galega de Compositores , da que o seu presidente actual é Carlos López. Surxe un grupo de compositores cunha rigorosa disciplina académica e diferentes tendencias estéticas: X. Durán, X. Vara, Paulino M. Pereiro, M. Balboa, Margarita Soto, Xavier de Paz, Viaño e F. Alonso. Outro compositor foi Henrique Macías, un músico con formación autodidacta de carácter vangardista na música electrónica e consciente arredismo académico.

Nesta época cabe destacarmos a remodelación dos conservatorios e a atención á musicoloxía, que practicamente se inicia nos anos 80, coas figuras do P. Calo, que crea escola de estudiosos como Carlos Villanueva e X. Trillo, X. M. Carreira e Margarita Soto, investigadores sobre música e autores, mantendo unha postura crítica sobre a situación musical galega. Nos últimos anos aparece a historiadora Pilar Alén, autora da Historia da música galega.

Canto á música popular, máis aló das bandas e dos grupos folclóricos de base tradicional, aparece nos anos inmediatos ao fin da ditadura un tipo de música reivindicativa, nun momento de contestación política xeneralizada en que o idioma vai ser un instrumento irrenunciábel. A aparición de Voces Ceibes en 1966, formando o que se chamou a Nova Canción Galega , débese ao impacto dos cantautores franceses e americanos e á necesidade do uso da canción como arma política contra a ditadura.

Ao final da ditadura aparece o grupo Fuxan Os Ventos , cun repertorio de base tradicional, tomando influencias musicais da tradición e poesías de temática social e política de poetas tan significados como Celso Emilio Ferreiro e Manuel María . Logo do que sería o seu último disco como grupo ("Quen a soubera cantar", 1981), este desaparece. A escisión provoca a aparición de "A Quenlla", que segue unha liña próxima.

Os anos oitenta non foron en xeral favorábeis para a nosa música popular. Hai unha deserción no emprego do idioma e aparecen novas experiencias achegadas a formas diversas do mundo rock. Mais tamén van aparecer novas experiencias musicais, como a recreación que grupos como "Doa" fan da música medieval e popular, ou a aparición da chamada música céltica, orixinada polo contacto con músicos irlandeses e bretóns e a asistencia a festivais conxuntos, en especial o de Lorient, na Bretaña, ou o de Ortigueira. Para alén da controversia sobre a autenticidade artística e histórica, a denominación e o concepto de "música céltica" cobra solidez nos anos oitenta, converténdose nos noventa nun fenómeno de masas. O grupo "Milladoiro" ou o harpista Emilio Cao aparecen como os máis relevantes intérpretes desta música na década dos oitenta. En 1993 fórmase o grupo "Matto Congrio", cunha estreita relación co músico irlandés Paddy Moloney e o seu grupo "Chieftains". A disolución de "Matto Congrio" provoca a aparición de Carlos Núñez como artista en solitario, que se vai converter nun auténtico fenómeno de masas a partir do seu disco "A irmandade das estrelas", miscelánea célticogalega, latina e caribeña, e do grupo "Berrogüeto", creado por Anxo Pintos, que edita o seu primeiro disco, "Navicularia". Outro fenómeno musical renovador é o "bravú", como asimilación e resposta ao que ten de alleo o rock. Neste sentido, o seu pioneiro, Xurxo Souto, co seu grupo Os Diplomáticos de Monte Alto, vén nacionalizar este tipo de demanda, enraizándoa na tradición popular e servindo de conexión entre o mundo rural e o urbano.

Outra experiencia interesante, embora minoritaria, foi a creación musical sobre textos poéticos, coa edición de obras como "Ondas do mar de Vigo" (1988), do grupo "Na Lúa", con textos de poetas contemporáneos (M. Forcadela, Álvarez Cáccamo , R. Fonte e Román Raña), continuando unha tradición que se eleva ao século pasado.

IMAXES