A Etapa Contemporánea (S. XX)
O teatro das Irmandades da Fala
A música galega nos comezos do século

A finais do XIX, a música culta galega, da man do rexionalismo e apoiándose en textos dos escritores do Rexurdimento, coñeceu certo esplendor: Chané, Xan Montes, Pascual Veiga, Baldomir, etc. Sen embargo, o panorama a comezos do s. XX, na visión de Carré Aldao, non era esperanzador. Moitos bailes e cántigas enxebres comezaban a recuar ante o imparable avanzo do " agarradiño (valses, polkas), do foxtrot, do tango e dos "couplets". Contra esa tendencia de "desenxebrización" musical actúan na Galiza varios elementos: as Bandas de Música populares, os Gaiteiros (Cachafeiro, Xan Míguez "Ventosela"...) e, sobre todo, os Coros, que tiveron como iniciador ao gaiteiro de Lérez, Perfecto Feijóo. Foron nacendo agrupacións como Toxos e Froles (Ferrol, 1914); Coral de Ruada (Ourense, 1919); Cántigas da Terra (Coruña, 1917); Cántigas e Agarimos (Santiago, 1921) e outras. Vencelladas a estes coros destacan figuras musicais como Faustino Santalices, Mauricio Farto, Bernardo del Rio, Blanco Porto, Fernández Amor ou Rodríguez Losada, autor este último de óperas como O mariscal (Vigo, 1929) e ¡ Ultreya !(Madrid, 1935). Entre os obxectivos dos coros populares están recuperar e dignificar o noso folclore e romper o divorcio cultural entre a cidade e o rural. Ademais, naqueles máis afectos ao nacionalismo, existe un desexo confeso de despertar o sentimento de identificación coa Terra. Moitos deles contarán con cadros de declamación, adquirindo así un papel relevante na difusión do teatro galego. Porteiro Garea deixaba claro o apoio das Irmandades ao movemento: " hemos loitar pol-o renacimento da música (...) e alentar e axudar á todal-as masas corales de Galicia " (1917). Ben é certo que, a partir da Dictadura primorriverista (1923), moitas das agrupacións foron perdendo a súa orientación galeguizadora, para caír nunha desnaturalización que afectou ao vestuario, ao repertorio e á posta en escena, ata converter o espectáculo nunha sucesión de "varietés".

Faustino Santalices.

Retrato do violinista Manuel Quiroga Losada.

 

Xunto a orquestras como a Filharmónica coruñesa e afamados intérpretes como o violinista Manuel Quiroga e o pianista Xosé Arriola, topamos na época algúns compositores destacados como Baudot ou o ponteareán Reveriano Soutullo ( Ponteareas, La leyenda del beso ) . Finalmente, cómpre lembrar o labor do Seminario de Estudos. O asturiano Torner e o lugués Bal y Gay recolleron, entre 1928 e 1936, case mil melodías populares galegas.

No seo de moitas sociedades recreativas e nos grupos folclóricos creáronse cadros de declamación en lingua galega.

IMAXES